Isto é Hogeweyk. É un barrio dunha pequena cidade moi preto de Ámsterdam, en Holanda. Hai 27 casas con seis ou sete persoas en cada unha. Hai un pequeno centro comercial cun restaurante, un bar, un supermercado e un pub. Tamén ten rúas, canellas, un teatro... En realidade trátase dunha residencia de anciáns. Unha residencia para persoas con demencia avanzada que necesitan atención 24 horas 7 días á semana. A demencia é unha enfermidade terrible para a que aínda non temos cura. Estase a converter nun problema grave no mundo para a xente, para os políticos, para todos... estase a converter nun problema moi serio. Sabemos que nas residencias de anciáns hai lista de espera. A maior parte das persoas con demencia que entran nunha residencia son mulleres. Isto débese a que as mulleres están acostumadas a coidar persoas, así que amáñanse para coidar os seus maridos con demencia. Pero pola contra, para os homes, non é tan fácil. A demencia é unha enfermidade que afecta o cerebro. O cerebro está confundido. A xente xa non sabe que hora é, que pasa, quen son as demais persoas. Están moi confundidos. E por culpa desa confusión póñense nerviosos, deprimidos, agresivos... Esta é unha residencia de anciáns tradicional. Traballei alí en 1992. Eu era a responsable do servizo de coidados. A miúdo falabamos de que o que faciamos alí non era o que quereriamos para os nosos maiores, para os nosos amigos, para nós mesmos. E un día dixemos: "Por moito que falemos, nada vai cambiar. Nós estamos ao cargo. Deberíamos facer algo de maneira que queiramos traer os nosos pais aquí". Falámolo, e o que viamos a diario era que as persoas que vivían na nosa residencia estaban confundidas con respecto á súa contorna porque o que vían era un ambiente de hospital con médicos, enfermeiros e paramédicos de uniforme, e vivían permanentemente nunha sala. E non entendían por que estaban alí, entón buscaban lugares polos que saír. Buscaban con esperanza a porta para volver para a casa. E pensamos que o que estabamos facendo nesa situación era darlle a esa xente, que xa ten a mente confusa, máis confusión. Estabamos engadindo máis confusión á confusión. E iso non era o que esa xente necesitaba. Esa xente quería ter unha vida, e axuda, a nosa axuda, para lidar con esa demencia. Esta xente quería vivir nunha casa normal non nunha sala. Querían ter un fogar normal onde puidesen ulir a cea ao lume na cociña. Ou ser libres de ir á cociña por algo para comer ou beber. Iso era o que esa xente necesitaba. E iso era o que debíamos ofrecerlles. Pensamos que debiamos organizar este lugar coma unha casa, de xeito que non vivisen cun grupo de 15, 20 ou 30 persoas nunha sala. Non, un grupo pequeno de seis ou sete, coma nunha familia. Como vivir con amigos. E debiamos encontrar un modo de agrupalos segundo a súa maneira de pensar para que tivesen a oportunidade real de facerse amigos cando vivisen xuntos. Entrevistamos as familias dos residentes e preguntámoslles "Que é importante para teu pai?" "Que é importante para túa nai?" "Como é a súa vida?" "Que desexos teñen?" E identificamos sete grupos aos que chamamos "grupos de estilo de vida". E, por exemplo, encontramos un estilo de vida formal. Nese estilo de vida a xente interactúa de maneira máis formal, máis distante. O seu ritmo diario empeza tarde e acaba tarde. Neste estilo de vida escóitase máis música clásica ca nos outros grupos. En canto ao menú, ben... é máis afín á cociña francesa que á holandesa tradicional. (Risas) É o oposto ao estilo de vida do obreiro. Este é un estilo moi tradicional. A xente érguese cedo e déitase cedo porque traballaron duro toda a vida, especialmente coas mans. En moitos casos tiveron un pequeno negocio familiar, unha pequena granxa, unha tenda ou coma o Sr. B., que traballaba no campo. Contoume que ía traballar cada mañá coa súa comida nunha bolsa de papel e un puro. Ese puro era o único luxo que se podía permitir. E despois de comer fumábao. E ata o día que morreu en Hogeweyk, ía cada día despois de comer para este pequeno alboio fumar o seu puro. Esta é miña nai. Pertence ao estilo de vida cultural. Leva seis semanas vivindo en Hogeweyk. Este estilo de vida vai de viaxar, coñecer xente, outras culturas, o interese pola arte e a música... Hai máis estilos de vida. Pero diso foi do que falamos e iso foi o que fixemos. Aínda que vivas nunha casa cun grupo de persoas de ideas afíns, non é a túa propia vida, non é o teu fogar. Hai máis cousas na vida. Todo o mundo quere divertirse e darlle sentido á súa vida. Somos animais sociais e precisamos vida social. E iso é o que puxemos en marcha. Queremos saír da casa, ir de compras, coñecer xente... Ou ir ao bar e tomar unha cervexa con amigos. Ou coma o Sr. W, a quen lle gusta saír a diario para ver se hai mulleres bonitas pola volta. É moi cabaleiroso con elas; só espera que lle sorrían e conségueo. E baila con elas no bar. Cada día é unha festa. Hai quen prefire ir a un restaurante, tomar un viño cos amigos, ou xantar ou cear con amigos e celebrar a vida. Miña nai pasea polo parque e senta nun banco ao sol. esperando que veña alguén e sente ao seu lado para falar sobre a vida, ou sobre os patos da lagoa. Esa vida social é importante. Significa que es parte da sociedade, que tes o teu lugar. E iso é o que todos precisamos. incluso se temos demencia avanzada. Isto é o que vexo dende a ventá da miña oficina. Un día vin a unha señora que viña dun lado, e a outra señora que viña do outro, e atopáronse na esquina. Eu coñecíaas moi ben ás dúas. A miúdo víaas pasear por fóra. Nalgunha ocasión tratei de conversar con elas, pero a súa conversa era... bastante complicada de entender. Pero vinas reunirse, vinas falar vinas xesticular. E divertíanse xuntas. Despois despedíronse e cada unha marchou polo seu lado. Isto é o que queremos na vida: encontrarnos con outra xente e formar parte da sociedade. E isto é o que vin alí. Hogeweyk converteuse nun lugar onde xente cun estado de demencia avanzado pode vivir, ter liberdade e seguridade, porque os profesionais e voluntarios que traballan alí saben como tratar a demencia. E os profesionais saben como facer o seu traballo de maneira que se axuste con naturalidade á vida dos residentes. E iso significa que a dirección ten que proporcionar todo o que esa xente precisa para facer o seu traballo. Necesítase unha dirección que se atreva a facelo, a facer as cousas de xeito diferente a como sempre se fixeron nunha residencia de anciáns tradicional. Sabemos que funciona. Cremos que isto se pode facer en todas as partes porque isto non é para ricos. Conseguímolo co mesmo presuposto que ten calquera residencia de anciáns tradicional no noso país. Traballamos só co presuposto estatal. (Aplausos) Porque ten que ver con pensar diferente, con mirar a persoa que está fronte a ti e decatarse do que esa persoa necesita agora. Trátase de sorrir, de pensar diferente, de como actuar, e iso non custa nada. E hai algo máis: trátase de tomar decisións. Trátase de decidir en que gastas os cartos. Eu sempre digo: "As cortinas vermellas son tan caras coma as grises" (Risas) É posible, en todas partes. Grazas. (Aplausos)