Isto é Hogeweyk.
É un barrio dunha pequena cidade
moi preto de Ámsterdam, en Holanda.
Hai 27 casas con seis ou sete persoas
en cada unha.
Hai un pequeno centro comercial
cun restaurante,
un bar, un supermercado e un pub.
Tamén ten rúas, canellas, un teatro...
En realidade trátase
dunha residencia de anciáns.
Unha residencia para persoas
con demencia avanzada
que necesitan atención
24 horas 7 días á semana.
A demencia é unha enfermidade terrible
para a que aínda non temos cura.
Estase a converter
nun problema grave no mundo
para a xente, para os políticos,
para todos...
estase a converter nun problema moi serio.
Sabemos que nas residencias de anciáns
hai lista de espera.
A maior parte das persoas con demencia
que entran nunha residencia son mulleres.
Isto débese a que as mulleres
están acostumadas a coidar persoas,
así que amáñanse para coidar
os seus maridos con demencia.
Pero pola contra,
para os homes, non é tan fácil.
A demencia é unha enfermidade
que afecta o cerebro.
O cerebro está confundido.
A xente xa non sabe que hora é,
que pasa, quen son as demais persoas.
Están moi confundidos.
E por culpa desa confusión
póñense nerviosos,
deprimidos, agresivos...
Esta é
unha residencia de anciáns tradicional.
Traballei alí en 1992.
Eu era a responsable
do servizo de coidados.
A miúdo falabamos
de que o que faciamos alí
non era o que quereriamos
para os nosos maiores,
para os nosos amigos, para nós mesmos.
E un día dixemos:
"Por moito que falemos, nada vai cambiar.
Nós estamos ao cargo.
Deberíamos facer algo
de maneira que queiramos traer
os nosos pais aquí".
Falámolo, e o que viamos a diario
era que as persoas que vivían
na nosa residencia
estaban confundidas
con respecto á súa contorna
porque o que vían
era un ambiente de hospital
con médicos, enfermeiros
e paramédicos de uniforme,
e vivían permanentemente nunha sala.
E non entendían por que estaban alí,
entón buscaban lugares polos que saír.
Buscaban con esperanza
a porta para volver para a casa.
E pensamos que
o que estabamos facendo nesa situación
era darlle a esa xente,
que xa ten a mente confusa,
máis confusión.
Estabamos engadindo máis confusión
á confusión.
E iso non era o que esa xente necesitaba.
Esa xente quería ter unha vida,
e axuda, a nosa axuda,
para lidar con esa demencia.
Esta xente quería vivir nunha casa normal
non nunha sala.
Querían ter un fogar normal
onde puidesen ulir
a cea ao lume na cociña.
Ou ser libres de ir á cociña
por algo para comer ou beber.
Iso era o que esa xente necesitaba.
E iso era o que debíamos ofrecerlles.
Pensamos que debiamos
organizar este lugar coma unha casa,
de xeito que non vivisen cun grupo
de 15, 20 ou 30 persoas nunha sala.
Non, un grupo pequeno de seis ou sete,
coma nunha familia.
Como vivir con amigos.
E debiamos encontrar un modo de agrupalos
segundo a súa maneira de pensar
para que tivesen a oportunidade real
de facerse amigos
cando vivisen xuntos.
Entrevistamos as familias dos residentes
e preguntámoslles
"Que é importante para teu pai?"
"Que é importante para túa nai?"
"Como é a súa vida?" "Que desexos teñen?"
E identificamos sete grupos
aos que chamamos
"grupos de estilo de vida".
E, por exemplo,
encontramos un estilo de vida formal.
Nese estilo de vida
a xente interactúa
de maneira máis formal,
máis distante.
O seu ritmo diario
empeza tarde e acaba tarde.
Neste estilo de vida escóitase
máis música clásica
ca nos outros grupos.
En canto ao menú,
ben... é máis afín á cociña francesa
que á holandesa tradicional.
(Risas)
É o oposto
ao estilo de vida do obreiro.
Este é un estilo moi tradicional.
A xente érguese cedo e déitase cedo
porque traballaron duro toda a vida,
especialmente coas mans.
En moitos casos tiveron
un pequeno negocio familiar,
unha pequena granxa, unha tenda
ou coma o Sr. B., que traballaba no campo.
Contoume que ía traballar cada mañá
coa súa comida nunha bolsa de papel
e un puro.
Ese puro era o único luxo
que se podía permitir.
E despois de comer fumábao.
E ata o día que morreu en Hogeweyk,
ía cada día despois de comer para este
pequeno alboio fumar o seu puro.
Esta é miña nai.
Pertence ao estilo de vida cultural.
Leva seis semanas vivindo en Hogeweyk.
Este estilo de vida vai de viaxar,
coñecer xente, outras culturas,
o interese pola arte e a música...
Hai máis estilos de vida.
Pero diso foi do que falamos
e iso foi o que fixemos.
Aínda que vivas nunha casa
cun grupo de persoas de ideas afíns,
non é a túa propia vida,
non é o teu fogar.
Hai máis cousas na vida.
Todo o mundo quere divertirse
e darlle sentido á súa vida.
Somos animais sociais
e precisamos vida social.
E iso é o que puxemos en marcha.
Queremos saír da casa,
ir de compras, coñecer xente...
Ou ir ao bar e tomar
unha cervexa con amigos.
Ou coma o Sr. W,
a quen lle gusta saír a diario
para ver se hai mulleres bonitas
pola volta.
É moi cabaleiroso con elas;
só espera que lle sorrían e conségueo.
E baila con elas no bar.
Cada día é unha festa.
Hai quen prefire ir a un restaurante,
tomar un viño cos amigos,
ou xantar ou cear con amigos
e celebrar a vida.
Miña nai pasea polo parque
e senta nun banco ao sol.
esperando que veña alguén
e sente ao seu lado
para falar sobre a vida,
ou sobre os patos da lagoa.
Esa vida social é importante.
Significa que es parte da sociedade,
que tes o teu lugar.
E iso é o que todos precisamos.
incluso se temos demencia avanzada.
Isto é o que vexo
dende a ventá da miña oficina.
Un día vin a unha señora
que viña dun lado,
e a outra señora que viña do outro,
e atopáronse na esquina.
Eu coñecíaas moi ben ás dúas.
A miúdo víaas pasear por fóra.
Nalgunha ocasión
tratei de conversar con elas,
pero a súa conversa era...
bastante complicada de entender.
Pero vinas reunirse, vinas falar
vinas xesticular.
E divertíanse xuntas.
Despois despedíronse
e cada unha marchou polo seu lado.
Isto é o que queremos na vida:
encontrarnos con outra xente
e formar parte da sociedade.
E isto é o que vin alí.
Hogeweyk converteuse nun lugar
onde xente cun estado
de demencia avanzado pode vivir,
ter liberdade e seguridade,
porque os profesionais e voluntarios
que traballan alí
saben como tratar a demencia.
E os profesionais saben como facer
o seu traballo
de maneira que se axuste
con naturalidade á vida dos residentes.
E iso significa que a dirección
ten que proporcionar
todo o que esa xente precisa
para facer o seu traballo.
Necesítase unha dirección
que se atreva a facelo,
a facer as cousas de xeito diferente
a como sempre se fixeron
nunha residencia de anciáns tradicional.
Sabemos que funciona.
Cremos que isto se pode facer
en todas as partes
porque isto non é para ricos.
Conseguímolo co mesmo presuposto
que ten calquera residencia
de anciáns tradicional no noso país.
Traballamos só co presuposto estatal.
(Aplausos)
Porque ten que ver con pensar diferente,
con mirar a persoa que está fronte a ti
e decatarse do que esa persoa
necesita agora.
Trátase de sorrir, de pensar diferente,
de como actuar, e iso non custa nada.
E hai algo máis:
trátase de tomar decisións.
Trátase de decidir
en que gastas os cartos.
Eu sempre digo:
"As cortinas vermellas son tan caras
coma as grises"
(Risas)
É posible, en todas partes.
Grazas.
(Aplausos)