O problema básico de traballares nunha oficina é que non tes o control sobre o teu ambiente de traballo. [Cómo traballamos] Ola, chámome Matt, e son o CEO de Automattic, a empresa detrás de WordPress.com, Jetpack e WooCommerce. Temos algo máis de 800 empregados, e viven en todas partes, dende California a Alabama, Mississippi, e ata onde vivo eu, en Texas. Viven ademais en 67 países. Canadá, México, India, Nova Zelandia. Algúns deles optan por non ter nin unha casa habitual, son nómades. viven en autocaravanas ou viaxando por Airbnb, Están en lugares distintos cada día, semana ou mes. E mentres poidan atopar unha boa wifi, non nos importa onde están. A decisión de traballarmos de modo distribuído non foi casual. Foi unha elección consciente dende o principio. Ten en conta que non uso a palabra "remoto", porque suscita a idea, de que algunhas persoas son esenciais e outras non. Uso "distribuído" para describir o que facemos, cun espazo igualitario para todos Creo que a man de obra distribuída é a forma máis eficaz de crear unha empresa. A clave é abordalo conscientemente. Cando comezamos WordPress, moitas das primeiras 20 contratacións era xente que nunca coñecera en persoa. Pero colaboráramos en liña, ás veces durante anos. E quería continuar con iso por unha simple razón. Creo que o talento e a intelixencia están igualmente distribuídos polo mundo. Pero as oportunidades non. En Silicon Valley, as grandes empresas tecnolóxicas pescan basicamente na mesma pequena poza ou baía. Unha empresa distribuída pode pescar en todo o océano. No canto de contratar alguén que medrou en Xapón, pero vive en California, pódese ter alguén que viva, traballe, esperte e vaia durmir onde queira que estea no mundo. Isto trae unha diferente comprensión desa cultura e unha experiencia diferente. Na base da decisión de non ter unha oficina central, está o desexo de darlle ás persoas autonomía sobre como facer o seu traballo. A menos que desempeñes un papel onde o horario é importante, podes facer un horario propio. Todo o mundo pode ter un estudio, as súas fiestras, a comida que lle gusta, pode escoller cando hai música e cando hai silencio. A que temperatura debería estar o cuarto. Pode aforrar tempo de desprazamento e investilo en cousas que considere importantes. Unha man de obra así é ideal para unha empresa tecnolóxica. A xente adoita preguntarme, "Isto funciona moi ben para ti, pero e o resto do mundo? Se tes unha oficina, podes facer algunhas cousas para xerar aptitudes distribuídas. Primeiro: documentalo todo. Nunha oficina é fácil tomar decisións no momento, na cociña, no corredor. Pero se a xente teletraballa e algúns membros do equipo teñen conversas ás que outros non acceden, estes verán que se toman decisións sen entender o porqué. Deixa sempre un rastro de onde estás e sobre o que pensas. Isto permite que outros continúen onde o deixaches. Permite interactuar á xente con diferentes horarios, e tamén é xenial pensar mentres a organización evoluciona, na xente que sae e na que entra. Intenta ter tanta comunicación en liña como sexa posible. Cando todo é compartido e público, os novos poden poñerse ao día rapidamente. E tamén cómpre atopar as ferramentas axeitadas. Hai moitas aplicacións e servizos que axudan á comunicación do día a día, videoconferencias, xestión de proxectos. As cousas que cambiaron o como traballas probablemente xa non son obxectos. Senon cousas ás que accedes dende o ordenador. Experimenta con diferentes ferramentas que permitan a colaboración, e fíxate no que funciona. Crea tempo produtivo e presencial. Nunha oficina tradicional, estás no mesmo sitio 48 semanas ao ano e pode que teñas tres ou catro semanas libres. Nós tentamos cambiar iso: xuntámonos por períodos curtos e intensos. Unha vez ao ano, facemos un gran encontro onde toda a empresa se reúne unha semana. É metade traballo, e metade xogo. O obxectivo principal é conectar as persoas. Queremos asegurarnos que todos están sincronizados e de acordo, e teñen unha conexión máis profunda cos seus compañeiros. Así cando traballan xuntos o resto do ano, poden usar esa comprensión e empatía. E a práctica final: dar á xente flexibilidade para ter o seu propio ambiente laboral. Cada persoa en Automattic ten un sobresoldo que pode investir nun espazo de cotraballo ou simplemente para mercar café, e que non os boten da cafetería. Un grupo de Seattle decidiu xuntar os seus soldos e alugar un espazo de traballo nun peirao. Cada persoa que entra na empresa recibe un soldo de oficina. E poden investir estos cartos en cadeiras ou monitores adecuados, na mellor configuración de escritorio, para ter o ambiente máis produtivo. Hoxe hai só algunhas empresas que son "distribuídas". Nunha década ou dúas, prevexo que o 90% das empresas que van cambiar o curso do mundo funcionarán deste xeito. Evolucionarán para existir sen unha oficina central, ou serán substituídas. E mentres pensas que crearás a continuación, considera como aproveitarte do talento global, darlle á xente autonomía para vivir e traballar onde sintan que deben e participar plenamente en calquera cousa que estean creando xuntos.