[Unha soa vitamina pode reducir o risco de padecer enfermidades cardíacas] [Comer chocolate reduce o estrés en estudantes.] [Novos fármacos prolongan a vida de pacientes con enfermidades raras.] Cada día, publícanse titulares sobre saúde coma estes, algunhas veces, mesmo se contradín uns aos outros. Estes titulares xerais, que buscan captar a atención, poden non ser fieis aos resultados específicos da investigación que recollen. Entón, como podemos evitar ser enganados por estes titulares? A mellor maneira de asegurármonos a credibilidade dun titular é ler a investigación orixinal en que se basea. Imos presentar un escenario hipotético para cada un destes tres titulares. A continuación, verás a explicación para o primeiro exemplo; logo, pausa o vídeo tras ler o titular e intenta contestar a pregunta. Recorda que son escenarios simplificados, un estudo auténtico debería detallar máis factores e como telos en conta, pero para o obxectivo deste exercicio, asumimos que toda a información que precisas está incluída. Comecemos co estudo dos efectos cardiovasculares dunha vitamina determinada: Healthium. Os estudos mostran que os participantes que toman Healthium teñen niveis máis altos de colesterol bo [HDL] que aqueles que toman placebo. Os seus niveis vólvense similares aos daqueles que teñen de maneira innata niveis máis altos deste colesterol. Investigacións anteriores indicaban que as persoas con niveis máis altos de colesterol bo teñen un risco menor de padecer enfermidades cardíacas. Entón, que fai que o titular "Healthium reduce o risco de padecer unha enfermidade cardíaca" sexa enganoso? O problema deste titular é que no estudo que presentan realmente non se investigou se o Healthium reducía o risco de padecer enfermidades cardíacas. Soamente mediron o impacto do Helthium nos niveis dun tipo de colesterol en particular. O feito de que as persoas con altos niveis innatos de HDL teñan unha menor probabilidade de sufrir un infarto, non significa que ocorra o mesmo con aqueles que o aumentan de maneira artificial co uso de Healthium. Agora que resolviches o caso do Healthium, proba con este atractivo misterio que relaciona a inxestión de chocolate e o estrés. Este estudo hipotético recruta dez estudantes. A metade comeza a consumir unha dose diaria de chocolate, mentres que a outra metade, non. Como son compañeiros de clase, todos seguen o mesmo horario. Ao final do estudo, os que comeron chocolate teñen menores niveis de estrés que aqueles que non o tomaron. Que hai de malo no titular "Comer chocolate reduce o estrés nos estudantes"? É arriscado sacar conclusións xerais cunha mostra de soamente 10 alumnos, xa que cantos menos participantes escollamos ao azar, menos probable será que representen a poboación obxecto de estudo no seu conxunto. Por exemplo, se a mostra de estudantes estivese formada por unha metade de homes e a outra metade de mulleres, a probabilidade de que ao coller 10, o 70% fosen homes e o 30%, mulleres sería sobre o 12%. Nunha mostra de 100 individuos, a probabilidade sería inferior ao 0,0025% e para unha mostra de 1000, sería de menos de 6 x 10^-36 De maneira similar, a menor número de participantes, maior é o impacto que ten a variabilidade individual no resultado final, polo que podería nesgar as tendencias xerais. Mais, hai moitas boas razóns polas que os científicos deseñan estudos pequenos. Ao comezar cunha mostra reducida, poden avaliar se os resultados son prometedores abondo para continuar con estudos a grande escala máis custosos. Ademais, algunhas investigacións precisan de participantes moi concretos polo que non é posible recrutar un gran número deles. A clave está na reproducibilidade: se un artigo saca conclusións a partir dunha mostra pequena, debemos sospeitar del; pero se está baseado en moitos estudos con resultados similares, entón é máis crible. Aínda nos queda un quebracabezas máis. Neste caso, estúdase o uso dun novo fármaco para unha doenza rara. Nunha mostra de 2000 pacientes, os que tomaron o medicamento viviron máis dende o diagnóstico que os que tomaron placebo. Desta vez, a pregunta é distinta: que máis precisas saber antes de decidir se está xustificado o titular "Un novo medicamento prolonga a vida dos pacientes cunha enfermidade rara"? Para poder responder, deberías saber canto se alongou a vida destes pacientes. Ás veces, resultados coma estes, pese a estaren validados por científicos, non teñen unha utilidade no mundo real. Un exemplo disto, é un ensaio clínico real cun fármaco para tratar cancro de páncreas no que atoparon un incremento da esperanza de vida de só 10 días. A próxima vez que encontres un titular sorprendente sobre saúde, bótalle unha ollada aos datos científicos en que se basea. Aínda que os artigos completos non estean dispoñibles de balde, normalmente podes atopar resumos que recollen o deseño experimental e os resultados que se acadaron, de maneira gratuíta, ou incluso podes consultalos no propio texto da noticia. É esperanzador ver resultados da investigación científica na prensa, pero tamén é importante que sexamos capaces de comprender estes descubrimentos.