Vivimos cada vez máis anos e as sociedades avelléntase. Témolo escoitado moitas veces. Lémolo nos xornais. Vémolo na televisión. As veces preocúpame que, de ouvir a mesma cantilena tan a miúdo, xa teñamos interiorizada a lonxevidade, sen decatarnos do que implica. Pero non nos enganemos, vivir máis anos pode, e eu creo, poderá, mellorar a calidade de vida en tódalas franxas de idade. Para poñer isto en perspectiva, permitídeme xeneralizar. Aumentou máis a esperanza de vida ó longo do século XX que en toda a nosa existencia previa dende a aparición do ser humano. Nun chiscar de ollos, dobramos a cantidade de tempo que vivimos. Se algunha vez sentides que non levades ben isto de envellecer, non desacouguedes. É unha novidade para todos nós. Mentres a esperanza de vida se disparaba, a taxa de fertilidade caía de capitón. Por mor disto, a pirámide que representaba a distribución da poboación segundo a súa idade, e que adoitaba ter unha base ampla, composta por xente nova e un cumio estreito, formado por anciáns, que acadaban idades moi avanzadas; estase convertendo nun rectángulo. Se sodes o tipo de xente que ten arrepíos cando se fala de estatística poboacional, (Risas) preparádevos. Porque por primeira vez na historia, a maior parte dos meniños, que nacen no mundo desenvolvido, teñen a oportunidade de chegar á vellez. Como chegamos a este punto? Non somos xeneticamente máis fortes cós nosos predecesores hai 10.000 anos. O incremento da esperanza de vida débese á cultura, ese crisol en que se mestura a ciencia coa tecnoloxía, con grandes trocos no comportamento que favoreceron a nosa saúde e benestar. Mediante cambios culturais, os nosos antepasados case eliminaron a morte prematura, propiciando que, hoxe en día, poidamos vivir moitos máis anos. Pero agora, atopámonos con problemas asociados co envellecemento, como doenzas, pobreza ou perda do status social. Non é momento de poñerse a durmir. Canto máis aprendemos sobre o envellecemento, máis claro temos que é incorrecto asocialo coa deterioración de facultades. Envellecer achega melloramentos considerábeis, máis coñecemento, experiencia e melloría emocional. Así é, os vellos son felices. De feito, son máis felices que a xente de media idade e os mozos. (Risas) Estudo tras estudo e todos coa mesma conclusión. Hai pouco, o CDC levou a cabo unha enquisa onde lles preguntaba ós participantes se durante a semana anterior padeceran algún tipo de estrés relevante. As persoas maiores deron menos respostas afirmativas cá xente de media idade e cós novos. Noutra enquisa recente, o grupo Gallup preguntoulles ós participantes canto estrés, inquedanzas ou enfado experimentaran o día anterior. O estrés, as inquedanzas e o enfado sufridos, todos, reducíanse coa idade. Os sociólogos chámanlle o paradoxo do envellecemento. Quero dicir, despois de todo, envellecer non é tarefa doada. Fixémonos todo tipo de preguntas para tentar resolver o misterio. Preguntámonos se quizais as xeracións actuais de xente maior son, e foron sempre, as mellores da historia. Isto implica que a mocidade de hoxe en día poida non experimentar esta melloría cando avellente. Preguntámonos se quizais os vellos se comportan dunha maneira máis positiva porque senón a súa existencia sería deprimente. (Risas) Pero canto máis tentabamos refutar este achado, máis evidencias atopabamos no seu favor. Hai anos, os meus colegas e máis eu comezamos un estudo no que seguimos durante 10 anos ó mesmo grupo de persoas. Ó comezo, a nosa mostra contiña suxeitos entre 18 e 94 anos. Estudamos se as experiencias emocionais mudaban conforme avellaban e como ocorría. Démoslle ós participantes un interfono durante unha semana e chamabámolos a calquera hora do día ou da noite. Cada vez que o faciamos tiñan que responder varias preguntas: "Nunha escala do un ao sete, cal é o seu nivel de felicidade?" "o seu nivel de tristura?" "o seu nivel de frustración?" Deste xeito podiamos monitorizar as súas emocións e sentimentos decotío. Empregando os datos obtidos no estudo, atopamos que non é que unha xeración en particular o faga mellor cás outras, senón que son os mesmos individuos ó longo do tempo os que van mellorando o seu nivel de felicidade. Podedes ver esta lixeira baixada en idades moi avanzadas. Hai unha lixeira baixada, pero de ningunha maneira chega ós niveis que vemos ó comezo da idade adulta. É unha xeneralización afirmar que os vellos son máis felices. No noso estudo son máis positivos. Pero tamén son máis propensos ás emocións mesturadas. Tristura ó mesmo tempo que ledicia. Como aquelas bágoas nos ollos cando lle sorrimos a un amigo. Outro estudo suxire, que os maiores toleran e aceptan mellor o pesadume cós adultos novos. Sospeitamos que este feito pode axudar a explicar por que os maiores teñen máis destreza cá xente nova á hora de lidar con conflitos e debates acalorados. Os anciáns poden ver as inxustizas con compaixón, sen desesperanza. En circunstancias semellantes, dirixen os seus recursos cognitivos, por exemplo a atención e a memoria, cara á información positiva en vez de facelo cara á negativa. Se lles mostramos a anciáns, adultos de media idade e mozos imaxes como as da pantalla, e despois lles pedimos que recorden tantas como poidan; os maiores, ó revés cós máis novos, lembrarán máis imaxes positivas ca negativas. Pedímoslles a vellos e mozos que contemplasen expresións faciais nun estudo de laboratorio, unhas serias, outras sorrindo... Os maiores miraban cara ós sorrisos evitando xestos enfurruñados e enfadados. No día a día, isto tradúcese nun nivel maior de gozo e satisfacción. Pero como bos sociólogos, continuamos pescudando outras opcións. Dixemos, quizais os maiores refiren emocións máis positivas por mor dun déficit cognitivo. (Risas) Pensamos, podería ser que as emocións positivas son máis doadas de procesar cás emocións negativas, de xeito que eliximos as positivas co paso do tempo? Quizais os centros neuronais do noso cerebro atópanse tan degradados que non poden procesar emocións negativas. Pero non é o caso. Os anciáns máis espelidos son os que mostran máis positivismo. Así e todo, cando a situación o require, os maiores procesan a información negativa tan ben como a positiva. Como pode ser? Na nosa investigación achamos que estes cambios fundaméntanse na facultade humana de percibir o tempo, non só o ditado polo reloxo ou calendario, senón o tempo vital. É o paradoxo de avellar, ó saber que non viviremos eternamente mudamos a nosa perspectiva na vida cara a unha máis positiva. Cando o final da vida é distante e incerto como acontece na xuventude, preparámonos decontino, tentando absorber toda a información que podemos, corremos riscos, exploramos. Quizais pasemos tempo con xente que non nos gusta porque, dalgún xeito, é interesante. Quizais aprendamos algo insospeitado! (Risas) Vamos a citas a cegas. (Risas) Despois de todo, se non funciona sempre haberá un mañá. A xente de máis de 50, non vai a citas a cegas. (Risas e aplausos) Cando envellecemos, os nosos horizontes acúrtanse e os nosos obxectivos mudan. Decatámonos de que non temos todo o tempo do mundo e vemos máis claras as nosas prioridades. Non perdemos o tempo con problemas banais. Gozamos da vida. Somos máis comprensivos, máis abertos á reconciliación. Centrámonos na parte emocional do que nos rodea, a nosa existencia mellora e somos máis felices, no día a día. Mais ese cambio de actitude, lévanos a ser menos tolerantes coas inxustizas. En 2015, haberá máis persoas nos Estados Unidos maiores de 60 anos, ca menores de 15 anos. Cal é o futuro das sociedades cunha pirámide poboacional invertida? As cifras non serán determinantes. A cultura si. Se investimos en ciencia e tecnoloxía para atopar solucións ós problemas cos que se enfrontan os anciáns e aproveitamos os seus puntos fortes, entón, o incremento da esperanza de vida pode mellorar a calidade desta en tódalas franxas de idade. As sociedades, con millóns de persoas talentosas que acadaron a estabilidade emocional e que gozan de boa saúde e unha educación superior que calquera xeración anterior, cargadas de coñecemento sobre os asuntos prácticos da vida e motivadas para remediar os grandes problemas que arrostramos, poden chegar a ser as mellores sociedades da historia. Ó meu pai, que ten 92 anos, gústalle dicir: "Deixade de falar de como salvar ós vellos e empezade a facelo de como eles nos poden salvar a todos" (Risas) Grazas. (Aplausos)