Vivimos cada vez máis anos
e as sociedades avelléntase.
Témolo escoitado moitas veces.
Lémolo nos xornais.
Vémolo na televisión.
As veces preocúpame que,
de ouvir a mesma cantilena tan a miúdo,
xa teñamos interiorizada a lonxevidade,
sen decatarnos do que implica.
Pero non nos enganemos,
vivir máis anos pode, e eu creo,
poderá, mellorar a calidade de vida
en tódalas franxas de idade.
Para poñer isto en perspectiva,
permitídeme xeneralizar.
Aumentou máis a esperanza de vida
ó longo do século XX
que en toda a nosa existencia previa
dende a aparición do ser humano.
Nun chiscar de ollos,
dobramos a cantidade de tempo que vivimos.
Se algunha vez sentides
que non levades ben isto de envellecer,
non desacouguedes.
É unha novidade para todos nós.
Mentres a esperanza de vida se disparaba,
a taxa de fertilidade caía de capitón.
Por mor disto, a pirámide que representaba
a distribución da poboación
segundo a súa idade, e que adoitaba ter
unha base ampla, composta por xente nova
e un cumio estreito, formado por anciáns,
que acadaban idades moi avanzadas;
estase convertendo nun rectángulo.
Se sodes o tipo de xente que ten arrepíos
cando se fala de estatística poboacional,
(Risas)
preparádevos.
Porque por primeira vez na historia,
a maior parte dos meniños,
que nacen no mundo desenvolvido,
teñen a oportunidade de chegar á vellez.
Como chegamos a este punto?
Non somos xeneticamente máis fortes
cós nosos predecesores hai 10.000 anos.
O incremento da esperanza de vida
débese á cultura,
ese crisol en que se mestura
a ciencia coa tecnoloxía,
con grandes trocos no comportamento
que favoreceron a nosa saúde e benestar.
Mediante cambios culturais,
os nosos antepasados
case eliminaron a morte prematura,
propiciando que, hoxe en día,
poidamos vivir moitos máis anos.
Pero agora, atopámonos con problemas
asociados co envellecemento,
como doenzas, pobreza
ou perda do status social.
Non é momento de poñerse a durmir.
Canto máis aprendemos
sobre o envellecemento,
máis claro temos que é incorrecto
asocialo coa deterioración de facultades.
Envellecer achega
melloramentos considerábeis,
máis coñecemento, experiencia
e melloría emocional.
Así é, os vellos son felices.
De feito, son máis felices
que a xente de media idade e os mozos.
(Risas)
Estudo tras estudo
e todos coa mesma conclusión.
Hai pouco, o CDC levou a cabo unha enquisa
onde lles preguntaba ós participantes
se durante a semana anterior
padeceran algún tipo de estrés relevante.
As persoas maiores deron
menos respostas afirmativas
cá xente de media idade e cós novos.
Noutra enquisa recente, o grupo Gallup
preguntoulles ós participantes
canto estrés, inquedanzas ou enfado
experimentaran o día anterior.
O estrés,
as inquedanzas
e o enfado sufridos,
todos, reducíanse coa idade.
Os sociólogos chámanlle
o paradoxo do envellecemento.
Quero dicir, despois de todo,
envellecer non é tarefa doada.
Fixémonos todo tipo de preguntas
para tentar resolver o misterio.
Preguntámonos se quizais
as xeracións actuais de xente maior
son, e foron sempre,
as mellores da historia.
Isto implica que a mocidade de hoxe en día
poida non experimentar esta melloría
cando avellente.
Preguntámonos se quizais os vellos
se comportan dunha maneira máis positiva
porque senón a súa existencia
sería deprimente.
(Risas)
Pero canto máis tentabamos
refutar este achado,
máis evidencias atopabamos no seu favor.
Hai anos, os meus colegas e máis eu
comezamos un estudo
no que seguimos durante 10 anos
ó mesmo grupo de persoas.
Ó comezo, a nosa mostra
contiña suxeitos entre 18 e 94 anos.
Estudamos se as experiencias emocionais
mudaban conforme avellaban e como ocorría.
Démoslle ós participantes un interfono
durante unha semana
e chamabámolos a calquera hora
do día ou da noite.
Cada vez que o faciamos
tiñan que responder varias preguntas:
"Nunha escala do un ao sete,
cal é o seu nivel de felicidade?"
"o seu nivel de tristura?"
"o seu nivel de frustración?"
Deste xeito podiamos monitorizar
as súas emocións e sentimentos decotío.
Empregando os datos obtidos no estudo,
atopamos que non é
que unha xeración en particular
o faga mellor cás outras,
senón que son os mesmos individuos
ó longo do tempo
os que van mellorando
o seu nivel de felicidade.
Podedes ver esta lixeira baixada
en idades moi avanzadas.
Hai unha lixeira baixada,
pero de ningunha maneira chega ós niveis
que vemos ó comezo da idade adulta.
É unha xeneralización afirmar
que os vellos son máis felices.
No noso estudo son máis positivos.
Pero tamén son máis propensos
ás emocións mesturadas.
Tristura ó mesmo tempo que ledicia.
Como aquelas bágoas nos ollos
cando lle sorrimos a un amigo.
Outro estudo suxire,
que os maiores toleran e aceptan mellor
o pesadume cós adultos novos.
Sospeitamos que este feito
pode axudar a explicar
por que os maiores
teñen máis destreza cá xente nova
á hora de lidar con conflitos
e debates acalorados.
Os anciáns poden ver as inxustizas
con compaixón, sen desesperanza.
En circunstancias semellantes,
dirixen os seus recursos cognitivos,
por exemplo a atención e a memoria,
cara á información positiva
en vez de facelo cara á negativa.
Se lles mostramos a anciáns,
adultos de media idade e mozos
imaxes como as da pantalla,
e despois lles pedimos que recorden
tantas como poidan;
os maiores, ó revés cós máis novos,
lembrarán máis imaxes
positivas ca negativas.
Pedímoslles a vellos e mozos
que contemplasen expresións faciais
nun estudo de laboratorio,
unhas serias, outras sorrindo...
Os maiores miraban cara ós sorrisos
evitando xestos enfurruñados e enfadados.
No día a día, isto tradúcese
nun nivel maior de gozo e satisfacción.
Pero como bos sociólogos,
continuamos pescudando outras opcións.
Dixemos, quizais os maiores refiren
emocións máis positivas
por mor dun déficit cognitivo.
(Risas)
Pensamos, podería ser
que as emocións positivas
son máis doadas de procesar
cás emocións negativas,
de xeito que eliximos as positivas
co paso do tempo?
Quizais os centros neuronais
do noso cerebro
atópanse tan degradados
que non poden procesar emocións negativas.
Pero non é o caso.
Os anciáns máis espelidos
son os que mostran máis positivismo.
Así e todo, cando a situación o require,
os maiores procesan a información negativa
tan ben como a positiva.
Como pode ser?
Na nosa investigación achamos
que estes cambios
fundaméntanse na facultade humana
de percibir o tempo,
non só o ditado polo reloxo ou calendario,
senón o tempo vital.
É o paradoxo de avellar,
ó saber que non viviremos eternamente
mudamos a nosa perspectiva na vida
cara a unha máis positiva.
Cando o final da vida é distante e incerto
como acontece na xuventude,
preparámonos decontino, tentando absorber
toda a información que podemos,
corremos riscos, exploramos.
Quizais pasemos tempo
con xente que non nos gusta
porque, dalgún xeito, é interesante.
Quizais aprendamos algo insospeitado!
(Risas)
Vamos a citas a cegas.
(Risas)
Despois de todo, se non funciona
sempre haberá un mañá.
A xente de máis de 50,
non vai a citas a cegas.
(Risas e aplausos)
Cando envellecemos,
os nosos horizontes acúrtanse
e os nosos obxectivos mudan.
Decatámonos de que non temos
todo o tempo do mundo
e vemos máis claras as nosas prioridades.
Non perdemos o tempo con problemas banais.
Gozamos da vida.
Somos máis comprensivos,
máis abertos á reconciliación.
Centrámonos na parte emocional
do que nos rodea,
a nosa existencia mellora
e somos máis felices, no día a día.
Mais ese cambio de actitude,
lévanos a ser menos tolerantes
coas inxustizas.
En 2015, haberá máis persoas
nos Estados Unidos
maiores de 60 anos, ca menores de 15 anos.
Cal é o futuro das sociedades
cunha pirámide poboacional invertida?
As cifras non serán determinantes.
A cultura si.
Se investimos en ciencia e tecnoloxía
para atopar solucións ós problemas
cos que se enfrontan os anciáns
e aproveitamos os seus puntos fortes,
entón, o incremento da esperanza de vida
pode mellorar a calidade desta
en tódalas franxas de idade.
As sociedades,
con millóns de persoas talentosas
que acadaron a estabilidade emocional
e que gozan de boa saúde
e unha educación superior
que calquera xeración anterior,
cargadas de coñecemento
sobre os asuntos prácticos da vida
e motivadas para remediar
os grandes problemas que arrostramos,
poden chegar a ser
as mellores sociedades da historia.
Ó meu pai, que ten 92 anos,
gústalle dicir:
"Deixade de falar de como salvar ós vellos
e empezade a facelo de como eles
nos poden salvar a todos"
(Risas)
Grazas.
(Aplausos)