Comecei Improv Everywhere hai aproximadamente 10 anos
cando me mudei a Nova Iorque con interese no arte dramático e a comedia.
Como era novo na cidade, non tiña acceso a un escenario
así que decidín crear o meu nos lugares públicos.
O primeiro proxecto que vos vou mostrar
é a primeira Ruta en Metro sen Pantalóns
que se levou a cabo en xaneiro de 2002.
Esta muller é a estrela do vídeo.
Non sabe que está sendo gravada.
Estámola gravando cunha cámara oculta
no tren nº 6 en Nova Iorque.
Esta é a primeira parada da liña.
Estes son dous rapaces daneses
que entran e sentan ao lado da cámara oculta
e este son eu cun abrigo marrón.
Estamos por debaixo dos 0 graos fóra.
Levo un sombreiro e unha bufanda
e a rapaza vaime ver agora mesmo.
(Risas)
E, como veredes agora, non levo pantalóns.
(Risas)
Así que neste momento...
ela dáse de conta de que estou alí
pero en Nova Iorque hai frikis en calquera vagón de metro.
Unha persoa non é tan estraño.
Volve poñerse a ler o seu libro, que desafortunadamente se titula "Violación".
(Risas)
Decatouse de que hai algo estraño,
pero volveu á súa vida normal.
Mentres tanto, eu teño seis amigos
que están esperando nas seguintes seis paradas, tamén en roupa interior.
Van empezar a entrar no vagón un por un.
Actuaremos coma se non nos coñecésemos
e coma se simplemente cometéramos un erro desafortunado,
o de esquecer os pantalóns neste día tan frío de xaneiro.
(Risas)
Neste momento
decide deixar de lado o libro da violación
(Risas)
e estar un pouco máis atenta ao que a rodea.
Mentres tanto, os dous rapaces daneses á esquerda da cámara
morren da risa.
Cren que é o máis gracioso que viron na súa vida
e mirade como ela fai contacto visual con eles agora.
(Risas)
Encántame este momento do vídeo
porque antes de que se convertese nunha experiencia compartida
era algo que quizais dese un pouco de medo
ou que polo menos a tiña un pouco confusa.
E agora que se converteu nunha experiencia compartida
é gracioso e pode rir da experiencia.
Agora o tren está chegando
á terceira parada da liña 6.
(Risas)
Non se vai ver todo no vídeo.
Isto segue durante catro paradas máis
e un total de sete tíos entran de forma anónima en roupa interior.
Na oitava parada, entra unha rapaza cunha bolsa enorme
e anuncia que ten pantalóns á venda por un dólar,
igual que calquera pode vender pilas ou caramelos no metro.
Todos, con toda naturalidade, mercamos uns pantalóns, poñémolos
e dicimos: "Grazas, é xusto o que necesitaba hoxe"
saímos sen dicir o que pasa
e marchamos cada un na súa dirección.
(Aplausos)
Grazas.
Este é un fotograma do vídeo.
Gústame tanto a reacción da rapaza.
Ver a cinta un pouco máis tarde aquel día
inspiroume para seguir facendo o que fago.
E realmente unha das razóns de ser de Improv Everywhere
é realizar unha escena nun lugar público
que sexa unha experiencia positiva para outra xente.
É unha trasnada, pero consegue que a xente teña boas historias que contar.
A súa reacción inspiroume
para facer unha segunda Ruta Anual no Metro sen Pantalóns
e seguimos facéndoo todos os anos.
Este xaneiro fixemos a X Ruta no Metro sen Pantalóns
na que un grupo moi diverso de 3.500 persoas
foi no metro de Nova Iorque en roupa interior.
Practicamente todas as liñas de metro na cidade.
E tamén noutras 50 cidades en todo o mundo
a xente participou.
(Risas)
Cando empecei a ir a clases de improvisación no Upright Citizens Brigade Theater
e comecei a coñecer a outra xente creativa e outros actores e cómicos
empecei a amasar unha lista de correos
da xente que quería facer este tipo de proxectos
para poder facer proxectos máis grandes.
Un día ía atravesando Union Square
e vin este edificio
que fora construído en 2005.
Había unha rapaza nunha das ventás que estaba bailando.
Era moi peculiar
porque estaba escuro fóra, pero ela tiña unha iluminación fluorescente de fondo
estaba moi metida na escena
e eu non podía imaxinar por que o estaba facendo.
Despois de máis ou menos 15 segundos apareceu a súa amiga
estaba escondida tras unha pancarta
botáronse a rir, abrazáronse e marcharon correndo.
Parecía que tivesen apostado para ver se era capaz de facelo.
Iso inspiroume.
Mirei a fachada enteira (había 70 ventás en total)
e souben o que tiña que facer.
(Risas)
Este proxecto chámase Mira Máis cara Arriba. Tiñamos 70 actores vestidos de negro.
Non tiñamos autorización.
Non informamos aos grandes almacéns de que iamos ir.
Eu quedei no parque dando instrucións.
A primeira era para que todo o mundo levantase as letras de máis dun metro de alto
coas que se facía a frase "Mira Máis cara Arriba",
o nome do proxecto.
A segunda instrución era para que todos saltasen xuntos.
Aquí podedes ver o comezo.
(Risas)
E logo bailes. Fixemos que todos bailasen.
E logo fixeron solos de baile, nos que unha única persoa bailaba
e o resto a sinalaba.
(Risas)
Despois din unha nova instrución
que sinalaba ao seguinte bailarín en Forever 21
e bailou.
Houbo varias actividades máis.
A xente saltaba arriba e abaixo
tirábanse ao chan.
E eu estaba alí de anónimo cun chándal,
metendo e sacando a man dunha papeleira
para sinalar os avances.
E como estabamos en Union Square Park, ao lado dunha estación de metro
cara o final había centos de persoas
que paraban e miraban cara arriba
para ver o que faciamos.
Aquí vese unha foto mellor.
Así que este acontecemento concreto
inspirouse nun momento
co que me topei de casualidade.
O seguinte proxecto que quero mostrar
chegou ao meu e-mail da man dun descoñecido.
Un rapaz dun instituto de Texas escribiume en 2006
e dixo: "Deberías conseguir que tanta xente como sexa posible
poña polos azuis e pantalóns caqui,
vaia a unha tenda Best Buy e pasee por alí".
(Risas)
(Aplausos)
Así que respondín o correo do rapaz inmediatamente
e lle dixen: "Tes toda a razón.
Creo que vou intentar facelo esta fin de semana. Grazas".
E aquí está o vídeo.
De novo, estamos en 2005.
Este é o Best Buy de Nova Iorque.
Unhas 80 persoas achegáronse para participar
e entraron unha por unha.
Había unha nena de oito anos, outra de dez,
e tamén un home de 65 anos
entre os participantes.
Un grupo moi diverso, en definitiva.
Díxenlle á xente: "Non traballedes, non fagades nada de traballo.
Pero tampouco compredes.
Só paseade e non fagades caso dos produtos".
Podedes distinguir os empregados reais
polas etiquetas amarelas que levan na camiseta.
O resto da xente son os nosos actores.
(Risas)
Os empregados pensaron que era divertido.
E, de feito, algúns deles foron buscar as súas cámaras á sala de descanso
e sacáronse fotos connosco.
Moitos deles dicían de brincadeira que nos ían mandar ao almacén
a coller sets de televisión moi pesados para os clientes.
Aos encargados e aos gardas de seguridade, por outra banda,
non lles pareceu moi gracioso.
Podedes velos aquí.
Levan unha camisa amarela ou negra.
Estivemos alí probablemente dez minutos
antes de que os encargados chamasen o 911.
(Risas)
Empezaron a corricar por todas partes
dicíndolle a todo o mundo que viña a poli, que tivesen coidado.
E podedes ver os policías nesta secuencia.
Aquí hai un policía vestido de negro que está sendo filmado cunha cámara oculta.
Ao final, o policía tivo que informar os encargados de Best Buy
de que non era ilegal
levar polo azul e pantalóns caqui.
(Risas)
(Aplausos)
Grazas.
(Aplausos)
Levábamos alí 20 minutos, xa podiamos saír da tenda tranquilos.
Unha das cousas que os encargados trataban de facer
era localizar as nosas cámaras.
Colleron a un par dos meus rapaces que tiñan cámaras ocultas en bolsas de tela.
Pero houbo unha cámara que non descubriron
e foi a dun rapaz que entrou simplemente cunha cinta
foi ao departamento de cámaras de Best Buy
meteu a cinta nunha das cámaras
e fixo como que mercaba.
Gustoume a idea de utilizar a súa propia tecnoloxía en contra deles.
(Risas)
Creo que os nosos mellores proxectos son os que teñen un lugar específico
e pasan nun sitio concreto por unha razón.
Unha mañá ía no metro,
tiña que facer transbordo na parada da rúa 53
onde están esas escaleiras mecánicas enormes.
É un sitio moi deprimente polas mañás, está ateigado de xente.
Así que decidín facer algo alí
que puidese facelo o máis alegre posible durante unha mañá.
Estabamos no inverno de 2009.
Eran as 8:30 da mañá.
Hora punta pola mañá.
Facía moito frío fóra.
A xente chegaba dende Queens
facendo transbordo do tren E ao tren 6
e ían subindo esas escaleiras xigantes
de camiño ao traballo.
Rob quere chocar a man contigo. (Risas)
Prepárate. (Risas)
(Aplausos)
Grazas.
Hai unha foto que o ilustra un pouco mellor.
Chocou a man 2.000 veces aquel día,
lavou as mans antes e despois
e non se puxo enfermo.
Isto fíxose tamén sen permiso
pero a ninguén pareceu importarlle.
Diría que co paso dos anos
unha das críticas máis comúns que vexo de Improv Everywhere
que aparece de forma anónima nos comentarios de YouTube
é: "Esta xente ten demasiado tempo libre".
E, por suposto, non a todo o mundo lle vai gustar o que fas
e eu xa me fixen máis duro grazas aos comentarios de internet
pero esta crítica sempre me molesta
porque non temos moito tempo libre.
A xente que participa nos eventos de Improv Everywhere
ten o mesmo tempo libre que calquera outro neoiorquino,
simplemente escollen
utilizalo dunha forma orixinal.
Xa sabedes, cada sábado e domingo
centos de miles de persoas cada outono
reúnense nos estadios de fútbol para ver os partidos.
E nunca oín a ninguén comentar, ao ver un partido de fútbol:
"Esta xente que está nas bancadas ten demasiado tempo libre".
E por suposto que non o teñen.
E unha forma marabillosa de pasar unha tarde de fin de semana
vendo un partido de fútbol nun estadio.
Pero na miña opinión tamén é perfectamente válido
pasar unha tarde conxelándose con outras 200 persoas
na terminal de Grand Central
ou disfrazándose de cazapantasmas
e correndo a través da Biblioteca Pública de Nova Iorque.
(Risas)
Ou escoitando a mesma canción que outras 3.000 persoas
e bailando en silencio nun parque,
ou empezando a cantar nunha tenda de comestibles
como parte dun musical espontáneo
ou lanzándose ao océano en Coney Island ataviado con roupas formais.
Cando eramos nenos ensináronnos a xogar
e nunca nos deron unha razón pola que debiamos xogar.
Simplemente se acepta que xogar é algo bo.
E creo que esa é a razón de ser de Improv Everywhere.
Non hai razón e non ten por que haber unha razón.
Non necesitamos unha razón.
Mentres sexa divertido
e pareza que vai ser unha idea divertida
e pareza que a xente que a vai ver vaia ter un momento divertido tamén
iso é suficiente para nós.
E creo que, como adultos, temos que aprender
que non hai unha forma correcta ou incorrecta de xogar.
Moitas grazas
(Aplausos)