Gustaríame falarlles
sobre un caso xudicial no que traballei
que tiña que ver cun home
chamado Steve Titus.
Titus era o xerente dun restaurante.
Tiña 31 anos, vivía en Seattle,
Washington,
estaba comprometido con Gretchen,
a punto de casar.
Ela era o amor da súa vida.
Unha noite, a parella saíu
para cearen romanticamente
nun restaurante.
Ían de volta á casa,
e detívoos un policía.
O coche de Titus tiña algún parecido
cun coche que esa mesma tarde conducía
un home que violara unha muller
que facía autostop,
e Titus parecíase algo a ese violador.
Así que o policía tomou unha
fotografía de Titus,
puxérona xunto con outras
e amosáronllas á vítima.
Ela sinalou a foto de Titus.
E dixo, "ese é o máis parecido".
A policía e a fiscalía iniciaron un xuízo
contra Steve Titus, que foi inculpado
por violación.
Cando a vítima da violación
subiu ao estrado,
dixo, "estou completamente segura
de que ese é o home".
E Titus foi condenado.
El declarou a súa inocencia,
a súa familia gritoulle ao xurado,
a súa noiva esvaeceuse lepeando,
e a Titus levárono ao cárcere.
Que farían vostedes a partir de aí?
Que farían?
Ben, Titus perdeu completamente
a súa fe no sistema legal
pero tivo unha idea.
Chamou ao diario local,
conseguiu interesar
a un xornalista investigador
e este logrou atopar
ao verdadeiro violador.
Un home que ao final confesou a violación.
Un home que parece que cometera
50 violacións
nesa área,
e cando esta información
se lle presentou ao xuíz,
o xuíz liberou a Titus.
E realmente, aí debería rematar o caso.
Debería acabarse.
Titus debeu pensar
que ese fora un ano horrible,
un ano de acusación e xuízo,
pero que xa pasou.
Pero non rematou así.
Titus estaba moi amargado.
Perdeu o seu traballo.
Non puido recuperalo.
Perdeu á súa noiva.
Ela non podía soportar
a súa permanente ira.
Perdeu tódolos seus aforros,
polo que decidiu presentar unha demanda
contra a policía e contra todos
os que pensaba
que eran responsables
do seu sufrimento.
E foi nese momento
cando eu comecei a traballar neste caso,
tratando de entender
como esa vítima pasou de
"Ese é o máis parecido"
a "Estou completamente segura
de que ese é o home".
Ben, Titus estaba consumido
co proceso civil.
Pasaba cada intre do día
pensando nel,
e xusto uns días antes
da súa cita no xulgado,
espertou unha mañá,
dobregado pola dor,
e morreu dun ataque cardíaco
asociado ao estrés.
Tiña 35 anos.
Así que me pedíron que traballase
no caso de Titus
porque son psicóloga científica.
Estudo a memoria. Fíxeno durante décadas.
E se atopo alguén nun avión
--isto pasoume de camiño a Escocia --
se eu coñezo a alguén nun avión,
e nos preguntamos,
"en que traballas? En que traballas?"
e eu digo: "Estudo a memoria",
adoitan empezar a contarme
os seus problemas para recordar nomes,
ou que teñen un parente con Alzheimer
ou algún tipo de problema coa memoria.
Entón teño que dicir que
eu non estudo como a xente esquece.
Estudo o contrario: como recordan,
cando lembran cousas que non ocorreron
ou se lembran cousas diferentes
de como sucederon na realidade.
Eu estudo falsos recordos.
Por desgraza, Steve Titus non é o único
que foi condenado baseándose
nos falsos recordos de alguén.
Nun proxecto nos EE.UU.,
recompilouse información
acerca de 300 persoas inocentes,
300 acusados condenados por delitos
que non cometeran.
Persoas que pasaron 10, 20, 30
anos no cárcere por eses delitos,
e despois as probas de ADN demostraron
que, en realidade, eran inocentes.
E cando se analizaron eses casos,
tres cuartas partes
ocorreran por fallos de memoria,
recordos imperfectos das testemuñas.
Entón, por que?
Como os xurados que condenaron
a todos eses inocentes
e os que condenaron a Titus,
moita xente cre que a memoria
é coma un dispositivo de gravación.
Só necesitas gravar a información,
logo búscala e reprodúcela
cando queres responder preguntas
ou identificar imaxes.
Pero décadas de traballo en psicoloxía
mostraron, simplemente, que isto
non é certo.
Os nosos recordos son construtivos.
Son reconstrutivos.
A memoria funciona máis
coma unha páxina da Wikipedia:
Ti podes ir e cambiala,
pero tamén poden facelo outros.
Comecei a estudar
este proceso construtivo da memoria
nos anos 70.
Fixen experimentos
que implicaban amosarlle á xente
delitos e accidentes simulados
e logo preguntarlles
acerca do que recordaban.
Nun estudo, amosabámoslle á xente
un accidente simulado
e preguntabámoslles,
como de rápido ían os coches
cando chocaron?
E a outros preguntabámoslles,
como de rápido ían os coches
cando se estrelaron?
Se na pregunta diciamos "estrelaron",
as testemuñas dicían
que os coches ían máis rápido,
e máis aínda, se na pregunta
se dicía "estrelaron"
iso facía que a xente dixese
con máis probabilidade
que viran vidros rotos
na escena do accidente
cando non había ningún en absoluto.
Noutro estudo, amosabamos
un accidente simulado
onde un coche atravesaba
unha intersección cun sinal de "stop",
e se lles preguntabamos, insinuando que
había un sinal de "ceda o paso",
moitas testemuñas dicían que lembraban
o sinal de "ceda o paso"
na intersección, non o sinal de "stop".
Agora ben, vostedes poden pensar que
estes son eventos gravados,
non son particularmente estresantes.
Cometeríase o mesmo tipo de error
nun evento realmente estresante?
Nun estudo que publicamos
hai poucos meses,
demos unha resposta a esta pregunta,
porque o especial dese estudo
foi que puxemos as persoas
nunha situación moi estresante.
Os que participaron nese estudo
eran militares dos EE.UU.
que pasaran por un horroroso
exercicio de adestramento
para ensinarlles o que lles pasaría
se fosen capturados
como prisioneiros de guerra.
Como parte dese exercicio
de adestramento,
eses soldados eran interrogados
dun xeito agresivo,
hostil e fisicamente abusivo,
durante 30 minutos.
Logo debían tratar de identificar
a persoa que levara a cabo
o interrogatorio.
E cando se lles subministraba
información interesada
insinuando que fora unha persoa diferente,
moitos deles identificaban
erroneamente o seu interrogador,
ás veces sinalando a alguén que,
nin remotamente,
se parecía ao interrogador verdadeiro.
O que amosan estes estudos é
que, cando lle dás á xente
información errada
acerca dalgunha experiencia pasada,
podes alterar, contaminar ou cambiar
o seu recordo.
Fóra de aí, no mundo real,
a información errada está en todas partes.
Recibimos información errada
non só se nos preguntan dun certo xeito,
senón tamén se falamos
con outras testemuñas
que, consciente ou inconscientemente,
dannos algo de información errónea.
Ou se vemos a cobertura nos medios
dalgún suceso que vivimos,
todos estes casos son oportunidades
para este tipo de contaminación
da memoria.
Nos anos 90, comezamos a ver
un tipo de problema de memoria
aínda máis extremo.
Algúns pacientes estaban iniciando
tratamento para un problema--
quizais depresión, unha desorde
alimenticia --
e saían da terapia
con outro problema distinto.
Recordos extremos de brutalidade
horrible,
ás veces, de rituais satánicos,
ás veces, incluíndo elementos
estraños ou infrecuentes.
Unha muller saíu de psicoterapia
crendo que soportara durante anos
abusos rituais, nos que era forzada
a quedar embarazada
e que lle arrincaban o bebé do seu ventre.
Pero non tiña cicatrices
nin ningún tipo de evidencia física
que apoiase a súa historia.
E cando empecei a examinar estes casos,
eu preguntábame,
de onde veñen estes estraños recordos?
O que atopei é que,
a maioría destas situacións
tiñan que ver con algunha forma
de psicoterapia.
Así que preguntei
se serían algunhas desas cousas
resultado da psicoterapia
--como exercicios de imaxinación
ou interpretación de soños
ou, nalgúns casos, hipnose
ou, quizais, exposición
a información falsa--
se estes pacientes serían suxestionados
para desenvolver eses raros
e improbables recordos?
E deseñei algúns experimentos
para estuda-los procesos que se usaban
nesa psicoterapia, para examinar
o desenvolvemento
destes falsos recordos tan vívidos.
Nun dos primeiros estudos que fixemos
usamos a suxestión,
un método inspirado pola psicoterapia
que vimos neses casos,
usamos ese tipo de suxestión.
e implantamos un falso recordo
de que, cando eras un neno,
de cinco ou seis anos,
perdícheste nun centro comercial.
Estabas asustado. Chorabas.
Finalmente fuches rescatado
por un adulto
e volviches coa túa familia.
E tivemos éxito ao implantar
ese recordo
nas mentes da cuarta parte dos suxeitos.
E vostedes poden pensar que
iso non é especialmente estresante.
Pero, nós e outros investigadores
implantamos recordos vívidos de cousas
moito máis estrañas e máis estresantes.
Nun estudo feito en Tennessee,
os investigadores implantaron
o falso recordo
de que cando eras un neno,
case afogaches
e tívote que rescatar un socorrista.
E nun estudo feito en Canadá,
os investigadores implantaron
o falso recordo
de que, cando un neno,
algo tan horrible como ser atacado
por un animal salvaxe
pasárache a ti,
e tiveron éxito coa metade dos suxeitos.
E nun estudo feito en Italia,
os investigadores implantaron
o falso recordo,
de que cando eras neno, foras
testemuña dunha posesión demoníaca.
Quero engadir que podería parecer
como que estamos traumatizando
aos suxeitos experimentais
no nome da ciencia,
pero os nosos estudos foron examinados
coidadosamente
por comités de ética da investigación
que decidiron
que a molestia temporal que algúns
destes suxeitos poderían experimentar
nestes estudos
é superada pola importancia
deste problema
para entender os procesos da memoria
e o abuso da memoria
que esta a ocorrer
nalgúns lugares do mundo.
Ben, para a miña sorpresa,
cando publiquei este traballo
e comecei a falar
en contra desta forma particular
de psicoterapia,
tiven algúns problemas serios:
hostilidades, principalmente con
terapeutas da memoria reprimida,
que se sentiron atacados,
e cos pacientes aos que eles influíran.
Tiven gardas armados nalgunhas charlas
que me invitaron a dar.
Houbo campañas de recolleita de firmas
para que me despedisen.
Pero probablemente o peor
foi que eu sospeitaba que unha muller
era inocente dos abusos
dos que a acusaba
a súa propia filla, xa adulta.
Ela acusaba a súa nai de abuso sexual
baseada nun recordo reprimido.
E esta filla permitira que a súa historia
se filmase e se presentase
en lugares públicos.
Eu sospeitaba desta historia,
así que empecei a investigar,
e, finalmente, atopei
información convincente
de que a nai era inocente.
Publiquei unha exposición do caso,
e pouco tempo despois, a filla
presentou unha demanda.
Aínda que nunca mencionei o seu nome,
ela demandoume por difamación
e invasión da intimidade.
E pasei preto de cinco anos
loitando con esta desagradable lea,
pero finalmente, todo rematou e
puiden realmente
retornar ao meu traballo.
No proceso, con todo, volvinme parte
dunha tendencia perturbadora
nos EE.UU.,
na que os científicos eran denunciados
simplemente por falar de temas
de gran controversia pública.
Cando regresei ao meu traballo,
fíxenme a pregunta:
Se implanto falsos recordos na túa mente,
haberá repercusións?
Afectará iso aos teus
pensamentos despois?
Ao teu comportamento futuro?
O noso primeiro estudo implantaba
o recordo falso
de que de neno enfermaras por comer
certos alimentos:
ovos cocidos, cogombros en vinagre,
xeado de amorodo...
Atopamos que, unha vez que implantamos
estes falsos recordos,
as persoas xa non querían comer
estes alimentos
nun pícnic ao aire libre.
Os falsos recordos non son necesariamente
malos ou desagradables.
Se implantábamos un recordo
agradable, borroso,
que tiña que ver con comida saudable,
coma espárragos,
podíamos facer que a xente quixese
comer máis espárragos.
Así que, o que estes estudos
están a mostrar
é que podes implantar falsos recordos
e lograr repercusións
que afectan ao comportamento moito tempo
despois de que o recordo sexa asimilado.
Ben, canda esta capacidade
para implantar recordos e controla-lo
comportamento,
obviamente veñen algúns asuntos
éticos importantes,
como, cando deberiamos usar
esta tecnoloxía na mente?
E se deberiamos incluso prohibila?
Os terapeutas non poden, eticamente,
implantar falsos recordos
na mente dos seus pacientes,
aínda que iso puidera axudarlles,
pero nada pode evitar que un pai
intente isto co seu adolescente
con sobrepeso ou obesidade.
E cando suxerín isto publicamente,
provoquei outra protesta.
"Aí vai esta outra vez. Está a suxerir que
os pais lles mintan aos fillos".
Ola, Papá Noel. (Risas)
Quero dicir, outro xeito de velo é,
que preferirías ter:
un neno obeso, diabético, con menor
esperanza de vida,
e todo o que iso implica,
ou un neno cuns poucos recordos falsos?
Eu sei o que escollería
para un dos meus fillos.
Pero, quizais, o meu traballo fíxome
distinta da maioría das persoas.
A maioría da xente valora
os seus recordos,
sabe que representan a súa identidade,
quen son, de onde veñen.
Eu entendo isto. Síntome tamén así.
Pero sei, polo meu traballo,
canto de mito hai neste tema.
Se aprendín algo destas décadas
de traballo sobre estes problemas, é isto:
só porque alguén che diga algo
e cho diga con confianza,
só porque o di con todo luxo de detalles,
só porque se expresa
con emoción cando o di,
non significa que realmente ocorrese.
Non podemos distinguir os recordos falsos
dos verdadeiros con fiabilidade.
Necesitamos unha confirmación
independente.
Este descubrimento fíxome máis tolerante
cos erros cotiáns de memoria
que cometen os meus amigos
e a miña familia.
Este descubrimento puido
salvar a Steve Titus,
o home cuxo futuro foi arrebatado
por un recordo falso.
Pero mentres tanto,
todos deberíamos ter presente,
faríamos ben en facelo,
que a memoria, como a liberdade,
é algo fráxil.
Grazas. Grazas.
Grazas. (Aplausos)
Moitas grazas. (Aplausos)