Querería falarlles sobre un caso xudicial no que traballei que tiña que ver cun home chamado Steve Titus. Titus era o xerente dun restaurante. Tiña 31 anos, vivía en Seattle, Washington, estaba comprometido con Gretchen, a punto de casar. Ela era o amor da súa vida. Unha noite, a parella saíu para cearen romanticamente nun restaurante. Ían de volta á casa, E foron detidos por un policía. O coche de Titus tiña algún parecido cun coche que esa mesma tarde conducía un home que violara unha muller que facía autostop, e Titus parecíase algo a ese violador. Así que o policía tomou unha fotografía de Titus, puxérona xunto con outras e llas amosaron á vítima. Ela sinalou a foto de Titus. E dixo, "ese é o máis parecido". A policía e a fiscalía iniciaron un xuízo contra Steve Titus, que foi inculpado por violación. Cando a vítima da violación subiu ao estrado, dixo, "estou completamente segura de que ese é o home". E Titus foi condenado. El declarou a súa inocencia, a súa familia gritoulle ao xurado, a súa noiva esvaeceuse lepeando, e Titus foi levado ao cárcere. Entón, que farían vostedes neste punto? Que farían? Ben, Titus perdeu completamente a súa fe no sistema legal pero tivo unha idea. Chamou ao diario local, conseguiu interesar a un xornalista investigador e este logrou atopar ao verdadeiro violador. Un home que ao final confesou a violación. Un home que parecía ter cometido 50 violacións nese área, e cando esta información foi presentada ao xuíz, o xuíz liberou a Titus. E realmente, aí é onde o caso debería ter rematado. Debería acabarse. Titus debeu pensar que ese fora un ano horrible, un ano de acusación e xuízo, pero que xa pasou. Pero non rematou así. Titus estaba moi amargado. Perdeu o seu traballo. Non puido recuperalo. Perdeu á súa noiva. Ela non podía soportar a súa permanente ira. Perdeu tódolos seus aforros, polo que decidiu presentar unha demanda contra a policía e contra todos os que pensaba que eran responsables do seu sufrimento. E foi nese momento cando eu comecei a traballar neste caso, tratando de entender como esa vítima pasou de "Ese é o máis parecido" a "Estou completamente segura de que ese é o home". Ben, Titus estaba consumido co proceso civil. Investía cada intre do día pensando nel, e xusto uns días antes da súa cita no xulgado, espertou unha mañá, dobregado pola dor, e morreu dun ataque cardíaco asociado ao estrés. Tiña 35 anos. Así que me pedíron que traballase no caso de Titus porque son psicóloga científica. Estudo a memoria. Fíxeno durante décadas. E se atopo alguén nun avión-- isto pasoume de camiño a Escocia -- se eu coñezo a alguén nun avión, e preguntámonos un ao outro, "que fas? que fas?" E eu digo: "Estudo a memoria", usualmente empezan a contarme os seus problemas para recordar nomes, ou que teñen un parente con Alzheimer ou algún tipo de problema coa memoria. Entón teño que dicir que eu non estudo como a xente esquece. Estudo o contrario: como recordan, cando lembran cousas que non ocorreron ou se lembran cousas diferentes de como sucederon na realidade. Eu estudo falsos recordos. Por desgraza, Steve Titus non é o único que foi condenado baseándose nos falsos recordos dalgún. Nun proxecto nos EE.UU., recompilouse información acerca de 300 persoas inocentes, 300 acusados condenados por crimes que non cometeran. Persoas que pasaron 10, 20, 30 anos no cárcere por eses crimes, e despois as probas de ADN demostraron que, en realidade, eran inocentes. E cando se analizaron eses casos, tres cuartas partes ocorreran por fallos de memoria, recordos imperfectos das testemuñas. Entón, por que? Como os xurados que condenaron a todos eses inocentes e os que condenaron a Titus, moita xente cre que a memoria funciona coma un dispositivo de gravación. Só necesitas gravar a información, logo búscala e reprodúcela cando queres respostar preguntas ou identificar imaxes. Pero décadas de traballo en psicoloxía mostraron, simplemente, que isto non é certo. Os nosos recordos son construtivos. Son reconstrutivos. A memoria funciona máis coma unha páxina da Wikipedia: Ti podes ir e cambiala, pero tamén poden facelo outros. Comecei a estudar este proceso construtivo da memoria nos anos 70. Fixen experimentos que implicaban amosar á xente crimes e accidentes simulados e logo preguntarlles acerca do que recordaban. Nun estudo, amosabamos á xente un accidente simulado e preguntabámoslles, como de rápido ían os coches cando chocaron? E a outros preguntabámoslles, como de rápido ían os coches cando se estrelaron? Se na pregunta dicíamos "estrelaron", as testemuñas dicían que os coches ían máis rápido, e máis aínda, se na pregunta se dicía "estrelaron" iso facía que a xente dixese con máis probabilidade que viran vidros rotos na escena do accidente cando non había ningún en absoluto. Noutro estudo, amosabamos un accidente simulado onde un coche atravesaba unha intersección cun sinal de "stop", e se lles preguntabamos, insinuando que había un sinal de "ceda o paso", moitas testemuñas dicían que lembraban o sinal de "ceda o paso" na intersección, non o sinal de "stop". Agora ben, vostedes poden pensar que estes son eventos gravados, non son particularmente estresantes. Cometeríase o mesmo tipo de error nun evento realmente estresante? Nun estudo que publicamos hai poucos meses, demos unha resposta a esta pregunta, porque o especial dese estudo foi que puxemos as persoas nunha situación moi estresante. Os que participaron nese estudo eran militares dos EE.UU. que pasaran por un horroroso exercicio de adestramento para ensinarlles o que lles pasaría se fosen capturados como prisioneiros de guerra. Como parte dese exercicio de adestramento, eses soldados eran interrogados dun xeito agresivo, hostil e fisicamente abusivo, durante 30 minutos. Logo debían tratar de identificar a persoa que levara a cabo o interrogatorio. E cando se lles subministraba información interesada insinuando que fora unha persoa diferente, moitos deles identificaban erroneamente o seu interrogador, ás veces sinalando a alguén que, nin remotamente, se parecía ao interrogador verdadeiro. O que amosan estes estudos é que, cando lle dás á xente información errada acerca dalgunha experiencia pasada, podes alterar, contaminar ou cambiar o seu recordo. Fóra de aí, no mundo real, a información errada está en todas partes. Nós recibimos información errada non só se nos preguntan dun certo xeito, senón tamén se falamos con outras testemuñas que, consciente ou inconscientemente, dannos algo de información errónea. Ou se vemos a cobertura nos medios dalgún suceso que vivimos, todos estes casos son oportunidades para este tipo de contaminación da memoria. Nos anos 90, comezamos a ver un tipo de problema de memoria aínda máis extremo. Algúns pacientes estaban iniciando tratamento para un problema-- quizais depresión, un desorde alimenticio -- e saían da terapia con outro problema distinto. Recordos extremos de brutalidade horrible, ás veces, de rituais satánicos, ás veces, incluíndo elementos estraños ou infrecuentes. Unha muller saíu de psicoterapia crendo que soportara durante anos abusos rituais, nos que era forzada a quedar embarazada e que o bebé era arrincado do seu ventre. Pero non tiña cicatrices nin ningún tipo de evidencia física que apoiase a súa historia. E cando empecei a examinar estes casos, eu preguntábame, de onde veñen estes estraños recordos? O que atopei é que, a maioría destas situacións tiñan que ver con algunha forma de psicoterapia. Así que preguntei, eran algunhas desas cousas resultado da psicoterapia-- como exercicios de imaxinación? ou interpretación de soños? ou, nalgúns casos, hipnose? ou, quizais, exposición a información falsa-- foron estes pacientes suxestionados para desenvolver eses raros e improbables recordos? E deseñei algúns experimentos para estuda-los procesos que se usaban nesa psicoterapia, para examinar o desenvolvemento destes falsos recordos tan vívidos. Nun dos primeiros estudos que fixemos usamos a suxestión, un método inspirado pola psicoterapia que vimos neses casos, usamos ese tipo de suxestión. e implantamos un falso recordo de que, cando eras un neno, de cinco ou seis anos, perdícheste nun centro comercial. Estabas asustado. Chorabas. Finalmente fuches rescatado por un adulto e volviches coa túa familia. E tivemos éxito ao implantar ese recordo nas mentes dun cuarto dos suxeitos. E vostedes poden pensar que iso non é especialmente estresante. Pero, nós e outros investigadores implantamos recordos vívidos de cousas moito máis estrañas e máis estresantes. Así, nun estudo feito en Tennessee, os investigadores implantaron o falso recordo de que cando eras un neno, case afogaches e tiveches que ser rescatado por un socorrista. E nun estudo feito en Canadá, os investigadores implantaron o falso recordo de que, cando eras un neno, algo tan horrible como ser atacado por un animal salvaxe pasarache a ti, e tiveron éxito coa metade dos suxeitos. E nun estudo feito en Italia, os investigadores implantaron o falso recordo, de que cando eras neno, foras testemuña dunha posesión demoníaca. Quero engadir que podería parecer como que estamos traumatizando aos suxeitos experimentais no nome da ciencia, pero os nosos estudos foron examinados coidadosamente por comités de ética da investigación que decidiron que a molestia temporal que algúns destes suxeitos poderían experimentar nestes estudos é superada pola importancia deste problema para entender os procesos da memoria e o abuso da memoria que esta a ocorrer nalgúns lugares do mundo. Ben, para a miña sorpresa, cando publiquei este traballo e comecei a falar en contra desta forma particular de psicoterapia, tiven algúns problemas serios: hostilidades, principalmente con terapeutas da memoria reprimida, que se sentiron atacados, e cos pacientes aos que eles influíran. Tiven gardas armados nalgunhas charlas que fun invitada a dar. Houbo campañas de recolleita de firmas para que eu fose despedida. Pero probablemente o peor foi que eu sospeitaba que unha muller era inocente dos abusos dos que lle acusaba a súa propia filla, xa adulta. Ela acusaba a súa nai de abuso sexual baseada nun recordo reprimido. E esta filla permitira que a súa historia fose filmada e presentada en sitios públicos. Eu sospeitaba desta historia, así que empecei a investigar, e, eventualmente, atopei información convincente de que a nai era inocente. Publiquei unha exposición do caso, e pouco tempo despois, a filla presentou unha demanda. Aínda que nunca mencionei o seu nome, ela demandoume por difamación e invasión da intimidade. E pasei preto de cinco anos loitando con esta desagradable embrolla, pero finalmente, todo rematou e puiden realmente retornar ao meu traballo. No proceso, con todo, volvinme parte dunha tendencia perturbadora nos EE.UU., na que os científicos eran denunciados simplemente por falar de temas de gran controversia pública. Cando regresei ao meu traballo, fíxenme a pregunta: Se implanto falsos recordos na túa mente, haberá repercusións? Afectará iso aos teus pensamentos despois? Ao teu comportamento futuro? O noso primeiro estudo implantaba un recordo falso que de neno enfermaras por comer certos alimentos: ovos cocidos, cogombros en vinagre, xeado de amorodo... Atopamos que, unha vez que implantamos estes falsos recordos, as persoas xa non querían comer estes alimentos nun pícnic ao aire libre. Os falsos recordos non son necesariamente malos ou desagradables. Se implantábamos un recordo agradable, borroso, que tiña que ver con comida saudable, coma espárragos, podíamos facer que a xente quixese comer máis espárragos. Así que, o que estes estudos están a mostrar é que podes implantar falsos recordos e lograr repercusións que afectan ao comportamento moito tempo despois de que o recordo sexa asimilado. Ben, xunto con esta habilidade para implantar recordos e controla-lo comportamento, obviamente veñen algúns asuntos éticos importantes, como, cando deberiamos usar esta tecnoloxía na mente? E se deberiamos incluso prohibila? Os terapeutas non poden, eticamente, implantar falsos recordos na mente dos seus pacientes, aínda que iso puidera axudalos, pero non hai nada que evite que un pai intente isto co seu adolescente con sobrepeso ou obesidade. E cando suxerín isto publicamente, provoquei outra protesta. "Aí vai esta outra vez. Está a suxerir que os pais mintan aos fillos". Ola, Papá Noel. (Risas) Quero dicir, outro xeito de velo é, que preferirías ter: un neno obeso, diabético, con menor esperanza de vida, e tódalas cousas que iso implica, ou un neno cuns poucos recordos falsos? Eu sei o que escollería para un dos meus fillos. Pero, quizais, o meu traballo fíxome distinta da maioría das persoas. A maioría da xente valora os seus recordos, sabe que representan a súa identidade, quen son, de onde veñen. Eu entendo isto. Síntome tamén así. Pero sei, polo meu traballo, canto de mito hai neste tema. Se aprendín algo destas décadas de traballo nestes problemas, é isto: só porque alguén che diga algo e dígacho con confianza, só porque o di con todo luxo de detalles, só porque se expresa con emoción cando o di, non significa que realmente ocorrese. Non podemos distinguir os recordos falsos dos verdadeiros con fiabilidade. Necesitamos unha confirmación independente. Este descubrimento fíxome máis tolerante cos erros cotiáns de memoria que cometen os meus amigos e a miña familia. Este descubrimento podería ter salvado a Steve Titus, o home cuxo futuro foi arrebatado por un recordo falso. Pero mentres tanto, todos deberíamos ter presente, faríamos ben en facelo, que a memoria, como a liberdade, é algo fráxil. Grazas. Grazas. Grazas. (Aplausos) Moitas grazas. (Aplausos)