Hai 15 anos, pensábase que a maior parte do desenvolvemento cerebral tiña lugar nos primeiros anos de vida. Daquela, hai 15 anos, non eramos quen de mirar dentro do cerebro humano vivo e observar os seus cambios ao longo da vida. Na última década, grazas aos avances nas técnicas de neuroimaxe cerebral como a resonancia magnética ou RM, os neurocientíficos comezaron a explorar en vivo cerebros de todas as idades e a seguir os cambios na estrutura e na función cerebral. Cando queremos facer unha foto de alta resolución do cerebro humano vivo, usamos a RM e así podemos facer preguntas como: canta materia gris contén o cerebro e como cambia coa idade? Tamén usamos a RM funcional ou RMf, para gravar un vídeo, unha película da actividade cerebral cando alguén está a facer algunha tarefa como pensar ou sentir ou percibir algo. Moitos laboratorios do mundo están a facer este tipo de investigación, así que temos unha imaxe moi completa de como se desenvolve o cerebro humano e esa imaxe cambiou moito o noso xeito de pensar sobre o desenvolvemento ao mostrar que non todo remata na infancia, senón que continúa ao longo da adolescencia ata ben entrados os 20 - 30 anos. A adolescencia é a etapa que comeza cos cambios biolóxicos, hormonais e físicos da puberdade e finaliza á idade na que a persoa acada un posto estable e independente na sociedade. (Risas) Pode alongarse moito tempo. (Risas) Unha das rexións que máis cambia durante a adolescencia é o córtex prefrontal. Aquí teñen unha maqueta do cerebro humano, e aquí, diante, está o córtex prefrontal. O córtex prefrontal é moi interesante. Proporcionalmente é meirande nos humanos que en calquera outra especie, e está implicado nunha morea de funcións cognitivas de alto nivel, como a toma de decisións, a planificación, planear que imos facer mañá ou a próxima semana ou o próximo ano, inhibir condutas inapropiadas, como frearnos antes de dicir unha grosería ou facer unha estupidez. Está tamén implicado na interacción social, en comprender aos outros, e na autoconciencia. Os estudos con RM teñen amosado que esta rexión sofre un cambio notable durante a adolescencia. Se observamos nesta figura os cambios no volume de materia gris, entre os 4 e os 22 anos, vese que aumenta durante a infancia, e chega ao seu pico na adolescencia. As frechas sinalan o pico de volume de materia gris no córtex prefrontal. Os nenos acadan o pico un par de anos máis tarde cás nenas, probablemente porque, de media, acadan a puberdade un par de anos máis tarde ca elas. E durante a adolescencia hai un declive significativo no volume de materia gris no córtex prefrontal. Podería parecer algo malo, pero en realidade trátase dun proceso moi importante do desenvolvemento, porque a materia gris contén corpos celulares e conexións entre células, as sinapses, e este declive no volume de materia gris no córtex prefrontal responde á poda sináptica, á eliminación das sinapses irrelevantes. Este é un proceso moi importante. Depende en parte do ambiente no que un se desenvolve. As sinapses que están a usarse vense fortalecidas e as que non se usan, nese ambiente particular, pódanse. Poden velo como a poda dunha roseira. Pódanse as ramas febles para que as que quedan, as importantes, crezan robustas e este proceso, que axusta eficazmente o tecido cerebral ao ambiente específico de cada especie, ocorre no córtex prefrontal e noutras rexións cerebrais durante a etapa da adolescencia. Unha segunda liña de investigación para explorar os cambios no cerebro adolescente é usar a RM funcional para ver como cambia a actividade cerebral coa idade. Dareilles un exemplo do meu laboratorio. Estamos interesados no cerebro social, na rede de rexións cerebrais que usamos para comprender aos outros e interactuar con eles. Voulles mostrar unha foto dun partido de fútbol para ilustrar dous aspectos do modo en que traballa o cerebro social. Este é o partido de fútbol. (Risas) Michael Owen acaba de fallar un gol e está tirado no céspede. E o primeiro aspecto que ilustra tan ben esta foto é o automáticas e instintivas que son as respostas emocionais sociais, de xeito que unha décima de segundo despois de que fallara o gol, todo o mundo está a facer o mesmo xesto cos brazos e coa cara, mesmo Michael Owen, tirado no céspede, fai o mesmo cos brazos e probablemente ten a mesma expresión facial. As únicas persoas que non o fan son os mozos de amarelo do fondo. (Risas) Creo que se equivocaron de bancada, e están a mostrar outra resposta emocional que todos recoñecemos ao momento. Este é o segundo aspecto do cerebro social que ilustra tan ben esta foto, o bos que somos lendo a conduta dos demais, as súas accións, xestos, expresións faciais, en termos dos estados mentais e as emocións subxacentes. Non precisamos falar con eses mozos. Facémonos unha idea do que están a sentir e a pensar nese momento. E niso é no que estamos interesados no meu laboratorio. Traemos a adolescentes e a adultos para facerlles un escáner, pedímoslles que fagan algunha tarefa na que teñan que pensar sobre os estados mentais e as emocións doutras persoas, e un dos achados que atopamos repetidamente, como noutros laboratorios do mundo, ten que ver co córtex prefrontal medial, en azul na diapositiva, unha rexión situada xusto na liña media da cabeza. Esta rexión está máis activa nos adolescentes que nos adultos cando toman decisións sociais e pensan sobre outros. Trátase do resultado dunha metaanálise de 9 estudos diferentes de laboratorios de todo o mundo, e todos mostran o mesmo, esa actividade no córtex prefrontal medial diminúe durante a adolescencia. Pensamos que responde a que adolescentes e adultos usan unha estratexia cognitiva distinta para tomar decisións sociais e para comprobalo traemos á xente ao noso laboratorio e pedímoslles unha tarefa condutual. Voulles dar un exemplo do tipo de tarefa que usamos no meu laboratorio. Imaxinen que participan nun dos nosos experimentos. Veñen ao laboratorio e ven esta tarefa no ordenador. Poden ver que hai uns estantes. Nalgúns deles hai obxectos, e fíxense que hai un tipo detrás dos estantes, e hai obxectos que non pode ver. Están ocultos, dende a súa perspectiva, cunha peza de madeira gris. Estes son os mesmos estantes dende a súa perspectiva. Fíxense que el só pode ver algúns obxectos, e que vostedes poden ver moitos máis. O que teñen que facer é mover os obxectos. O director, situado detrás dos estantes, diralles a onde movelos, pero lembren: non lles vai pedir que movan obxectos que el non pode ver. Isto é interesante, porque hai un certo conflito entre a súa perspectiva e a do director. Imaxinen que lles di que movan o camión de arriba cara á esquerda. Hai tres camións. Instintivamente irán polo branco, porque é o que está máis arriba dende a súa perspectiva, pero entón lembran "Ah, el non pode ver ese camión, así que ten que referirse ao azul", o máis alto dende a perspectiva del. Créanme ou non, adultos sans e intelixentes coma vostedes cometen erros un 50% das veces nestes ensaios. Moven o camión branco no canto do azul. Pasámoslles a tarefa a mozos e adultos e incluímos unha condición de control na que en vez do director dabámoslles unha regra. Dixémoslles: imos facer o mesmo pero desta volta sen director. Esta vez teñen que ignorar os obxectos co fondo gris. Fíxense que é exactamente o mesmo, só que agora teñen que acordarse de aplicar esta regra un tanto arbitraria, mentres que antes tiñan que recordar ter en conta a perspectiva do director para guiar a súa resposta. Voulles mostrar a porcentaxe de erros no estudo de desenvolvemento que fixemos, que abarcaba dos 7 anos á idade adulta, e van ver a porcentaxe de erros dos adultos en ambas as dúas condicións, en gris a do director, e verán que os adultos intelixentes cometen erros un 50% das veces e que cometen menos erros cando o director non está presente, cando teñen que recordar a regra de ignorar o fondo gris. Evolutivamente, estas dúas condicións desenvólvense igual. Hai unha mellora entre a infancia e a adolescencia. Noutras palabras, hai unha redución dos erros nas dúas condicións. Pero é cando comparamos os dous últimos grupos, adolescentes e adultos, cando as cousas se poñen interesantes, porque aí non continúa a mellora na condición sen director. Noutras palabras, o necesario para recordar e aplicar a regra xa está desenvolto na adolescencia; mentres que, se observan as dúas últimas barras grises, verán que aínda hai unha mellora significativa na condición director entre a adolescencia e a idade adulta. Isto significa que a capacidade para ter en conta a perspectiva dos outros para guiar a nosa conduta, algo que temos que facer todos os días a todas horas, está aínda desenvolvéndose na adolescencia. Ou sexa que se teñen un fillo adolescente e algunhas veces pensan que ten problemas para poñerse no lugar dos outros, están no certo. Téñenos. E este é o motivo. Ás veces rímonos dos adolescentes. Mesmo os medios critican as súas condutas típicas. Son arriscados, malhumorados, moi vergonzosos. Teño unha anécdota moi divertida dun amigo que contaba que o cambio máis patente das súas fillas adolescentes na puberdade foi o grao de vergoña diante del. Dicía: "Antes da puberdade, se as miñas fillas estaban a amolarme nunha tenda, dicíalles 'veña, parade e cántovos a vosa canción favorita' e paraban ao momento e cantáballes a canción". Despois da puberdade, iso tornouse nunha ameaza. (Risas) A simple idea do seu pai cantando en público era suficiente para facer que se comportaran. A miúdo a xente pregunta: "A adolescencia é cousa de agora? Algo inventado en Occidente?" Francamente, creo que a resposta é non. Ao longo da historia hai descricións da adolescencia moi parecidas ás que usamos hoxe en día. Nunha famosa cita de "Conto de Inverno", Shakespeare describe así a adolescencia: "Quixera que non mediara tempo entre os 10 e os 23 anos, ou que a xuventude pasara durmindo tranquilamente; porque non hai nada no ínterim salvo preñar mozas, aldraxar anciáns, roubar, loitar". (Risas) E continúa dicindo: "Dito isto, quen senón esas cabezas loucas de 19 e 22 anos sairía cazar con este tempo?" (Risas) Ou sexa que hai 400 anos, Shakespeare retratou aos adolescentes da mesma maneira que se fai hoxe, pero aínda estamos a tentar comprender a súa conduta en termos dos cambios cerebrais subxacentes. Por exemplo, as condutas de risco. Sabemos da súa tendencia a arriscarse. Fano. Corren máis riscos que os nenos ou os adultos, e son particularmente proclives a asumir riscos cando están cos amigos. Hai un forte pulo para independizarse dos pais e impresionar aos amigos na adolescencia. Agora tratamos de comprendelo en termos do desenvolvemento dunha parte do cerebro, o sistema límbico. Poden velo en vermello na diapositiva detrás de min e neste cerebro. O sistema límbico está na profundidade do cerebro e está implicado no procesamento das emocións e da recompensa. Dános esa sensación gratificante do divertido, do risco. Dáche ese subidón ao correr un risco. Sabemos que esta rexión do sistema límbico é hipersensible á sensación gratificante de arriscarse nos adolescentes fronte aos adultos, e ao mesmo tempo, o córtex prefrontal, en azul na diapositiva, que nos impide correr riscos excesivos, está aínda en desenvolvemento na adolescencia. Así que vemos que o cerebro adolescente experimenta un gran desenvolvemento, e isto ten implicacións para a educación, a rehabilitación e a intervención. O ambiente, escola incluída, pode e dá forma ao cerebro adolescente. Con todo, a ensinanza obrigatoria durante a adolescencia é relativamente recente en Occidente. Os meus catro avós, por exemplo, deixaron a escola moi novos. Non tiñan elección. E isto segue sendo así para moitos adolescentes de todo o mundo. O 40% deles non teñen acceso á ensinanza secundaria. Porén, este é un período da vida no que o cerebro é particularmente adaptable e maleable. É unha oportunidade fantástica para a aprendizaxe e a creatividade. Ou sexa que o que ás veces se ve como o problema da adolescencia --condutas de risco, escaso control de impulsos, vergoña-- non debería estigmatizarse. Reflicte cambios cerebrais que proporcionan unha grande oportunidade para a educación e o desenvolvemento social. Grazas. (Aplausos)