Hai 15 anos, pensábase que
a maior parte do desenvolvemento cerebral
tiña lugar nos primeiros anos de vida.
Daquela, hai 15 anos, non eramos quen
de mirar dentro do cerebro humano vivo
e observar os seus
cambios ao longo da vida.
Na última década, grazas aos avances
nas técnicas de neuroimaxe cerebral
como a resonancia magnética ou RM,
os neurocientíficos
comezaron a explorar en vivo
cerebros de todas as idades e a seguir
os cambios na estrutura
e na función cerebral.
Cando queremos facer
unha foto de alta resolución
do cerebro humano vivo, usamos a RM
e así podemos facer preguntas como:
canta materia gris contén o cerebro
e como cambia coa idade?
Tamén usamos a RM funcional ou RMf,
para gravar un vídeo, unha película
da actividade cerebral
cando alguén está a facer algunha tarefa
como pensar ou sentir ou percibir algo.
Moitos laboratorios do mundo están a facer
este tipo de investigación,
así que temos unha imaxe
moi completa de como
se desenvolve o cerebro humano
e esa imaxe cambiou moito
o noso xeito de pensar
sobre o desenvolvemento
ao mostrar que non todo
remata na infancia,
senón que continúa
ao longo da adolescencia
ata ben entrados os 20 - 30 anos.
A adolescencia é a etapa que
comeza cos cambios
biolóxicos, hormonais e
físicos da puberdade e
finaliza á idade na que a persoa
acada un posto estable e
independente na sociedade.
(Risas)
Pode alongarse moito tempo. (Risas)
Unha das rexións que máis cambia durante
a adolescencia é o córtex prefrontal.
Aquí teñen unha maqueta do cerebro humano,
e aquí, diante, está o córtex prefrontal.
O córtex prefrontal é moi interesante.
Proporcionalmente é meirande nos humanos
que en calquera outra especie,
e está implicado nunha morea de
funcións cognitivas de alto nivel,
como a toma de decisións, a planificación,
planear que imos facer mañá
ou a próxima semana
ou o próximo ano,
inhibir condutas inapropiadas,
como frearnos antes de dicir unha grosería
ou facer unha estupidez.
Está tamén implicado
na interacción social,
en comprender aos outros,
e na autoconciencia.
Os estudos con RM teñen amosado que
esta rexión sofre un cambio notable
durante a adolescencia.
Se observamos nesta figura os cambios
no volume de materia gris,
entre os 4 e os 22 anos,
vese que aumenta durante a infancia,
e chega ao seu pico na adolescencia.
As frechas sinalan o pico
de volume de materia gris
no córtex prefrontal.
Os nenos acadan o pico
un par de anos máis tarde cás nenas,
probablemente porque, de media, acadan
a puberdade un par de anos
máis tarde ca elas.
E durante a adolescencia
hai un declive significativo
no volume de materia
gris no córtex prefrontal.
Podería parecer algo malo,
pero en realidade
trátase dun proceso moi importante
do desenvolvemento,
porque a materia gris
contén corpos celulares
e conexións entre células,
as sinapses, e este declive
no volume de materia gris
no córtex prefrontal
responde á poda sináptica,
á eliminación das sinapses irrelevantes.
Este é un proceso moi importante.
Depende en parte do ambiente
no que un se desenvolve.
As sinapses que están a usarse vense
fortalecidas e as que non se usan,
nese ambiente particular, pódanse.
Poden velo como a poda dunha roseira.
Pódanse as ramas febles para que
as que quedan, as importantes,
crezan robustas e
este proceso, que axusta
eficazmente o tecido cerebral
ao ambiente específico de cada especie,
ocorre no córtex prefrontal
e noutras rexións cerebrais
durante a etapa da adolescencia.
Unha segunda liña
de investigación para explorar
os cambios no cerebro adolescente
é usar a RM funcional
para ver como cambia
a actividade cerebral coa idade.
Dareilles un exemplo do meu laboratorio.
Estamos interesados no cerebro social,
na rede de rexións cerebrais que usamos
para comprender aos outros
e interactuar con eles.
Voulles mostrar unha foto
dun partido de fútbol
para ilustrar dous aspectos do modo
en que traballa o cerebro social.
Este é o partido de fútbol. (Risas)
Michael Owen acaba de fallar un gol
e está tirado no céspede.
E o primeiro aspecto
que ilustra tan ben esta foto
é o automáticas
e instintivas que son as
respostas emocionais sociais,
de xeito que unha décima de segundo
despois de que fallara o gol,
todo o mundo está a facer
o mesmo xesto cos brazos
e coa cara, mesmo Michael
Owen, tirado no céspede,
fai o mesmo cos brazos
e probablemente ten
a mesma expresión facial.
As únicas persoas que non o fan
son os mozos de amarelo do fondo. (Risas)
Creo que se equivocaron de bancada,
e están a mostrar outra resposta emocional
que todos recoñecemos ao momento.
Este é o segundo aspecto do cerebro social
que ilustra tan ben esta foto,
o bos que somos lendo
a conduta dos demais,
as súas accións, xestos,
expresións faciais,
en termos dos estados mentais
e as emocións subxacentes.
Non precisamos falar con eses mozos.
Facémonos unha idea do que están a sentir
e a pensar nese momento.
E niso é no que estamos
interesados no meu laboratorio.
Traemos a adolescentes e a adultos
para facerlles un escáner,
pedímoslles que fagan
algunha tarefa na que teñan que pensar
sobre os estados mentais
e as emocións doutras persoas,
e un dos achados
que atopamos repetidamente,
como noutros laboratorios do mundo,
ten que ver co córtex prefrontal medial,
en azul na diapositiva,
unha rexión situada
xusto na liña media da cabeza.
Esta rexión está máis activa
nos adolescentes que nos adultos
cando toman decisións sociais
e pensan sobre outros.
Trátase do resultado dunha metaanálise
de 9 estudos diferentes de laboratorios
de todo o mundo, e todos mostran o mesmo,
esa actividade no córtex
prefrontal medial
diminúe durante a adolescencia.
Pensamos que responde a
que adolescentes e adultos
usan unha estratexia cognitiva distinta
para tomar decisións sociais e
para comprobalo
traemos á xente ao noso laboratorio
e pedímoslles unha tarefa condutual.
Voulles dar un exemplo
do tipo de tarefa que
usamos no meu laboratorio.
Imaxinen que participan
nun dos nosos experimentos.
Veñen ao laboratorio
e ven esta tarefa no ordenador.
Poden ver que hai uns estantes.
Nalgúns deles hai obxectos,
e fíxense que hai
un tipo detrás dos estantes,
e hai obxectos que non pode ver.
Están ocultos, dende a súa perspectiva,
cunha peza de madeira gris.
Estes son os mesmos estantes
dende a súa perspectiva.
Fíxense que el
só pode ver algúns obxectos,
e que vostedes poden ver moitos máis.
O que teñen que facer é mover os obxectos.
O director, situado detrás dos estantes,
diralles a onde movelos,
pero lembren:
non lles vai pedir que movan
obxectos que el non pode ver.
Isto é interesante,
porque hai un certo conflito
entre a súa perspectiva e a do director.
Imaxinen que lles di que movan
o camión de arriba cara á esquerda.
Hai tres camións.
Instintivamente irán polo branco,
porque é o que está máis arriba
dende a súa perspectiva,
pero entón lembran
"Ah, el non pode ver ese camión,
así que ten que referirse ao azul",
o máis alto dende a perspectiva del.
Créanme ou non, adultos sans
e intelixentes coma vostedes
cometen erros un 50%
das veces nestes ensaios.
Moven o camión branco no canto do azul.
Pasámoslles a tarefa a mozos e adultos
e incluímos unha condición de control
na que en vez do director
dabámoslles unha regra.
Dixémoslles: imos facer o mesmo
pero desta volta sen director.
Esta vez teñen que ignorar
os obxectos co fondo gris.
Fíxense que é exactamente o mesmo,
só que agora teñen que acordarse
de aplicar esta regra un tanto arbitraria,
mentres que antes tiñan que recordar
ter en conta a perspectiva do director
para guiar a súa resposta.
Voulles mostrar a porcentaxe de erros
no estudo de desenvolvemento que fixemos,
que abarcaba dos 7 anos á idade adulta,
e van ver a porcentaxe de erros
dos adultos en ambas as dúas condicións,
en gris a do director, e verán que
os adultos intelixentes
cometen erros un 50% das veces
e que cometen menos erros
cando o director non está presente,
cando teñen que recordar
a regra de ignorar o fondo gris.
Evolutivamente, estas dúas condicións
desenvólvense igual. Hai unha mellora
entre a infancia e a adolescencia.
Noutras palabras, hai unha redución dos
erros nas dúas condicións.
Pero é cando comparamos
os dous últimos grupos,
adolescentes e adultos,
cando as cousas se poñen interesantes,
porque aí non continúa a mellora
na condición sen director.
Noutras palabras, o necesario
para recordar e aplicar a regra
xa está desenvolto na adolescencia;
mentres que, se observan
as dúas últimas barras grises,
verán que aínda hai
unha mellora significativa
na condición director entre
a adolescencia e a idade adulta.
Isto significa que a
capacidade para ter en conta
a perspectiva dos outros
para guiar a nosa conduta,
algo que temos que facer
todos os días a todas horas,
está aínda desenvolvéndose
na adolescencia.
Ou sexa que se teñen un fillo adolescente
e algunhas veces pensan que ten problemas
para poñerse no lugar dos outros,
están no certo. Téñenos.
E este é o motivo.
Ás veces rímonos dos adolescentes.
Mesmo os medios
critican as súas condutas típicas.
Son arriscados, malhumorados,
moi vergonzosos.
Teño unha anécdota moi divertida dun amigo
que contaba que o cambio máis patente
das súas fillas adolescentes na puberdade
foi o grao de vergoña diante del. Dicía:
"Antes da puberdade, se as miñas fillas
estaban a amolarme nunha tenda, dicíalles
'veña, parade e cántovos
a vosa canción favorita'
e paraban ao momento
e cantáballes a canción".
Despois da puberdade,
iso tornouse nunha ameaza.
(Risas)
A simple idea do seu pai
cantando en público
era suficiente para facer
que se comportaran.
A miúdo a xente pregunta:
"A adolescencia é cousa de agora?
Algo inventado en Occidente?"
Francamente, creo que a resposta é non.
Ao longo da historia hai descricións
da adolescencia
moi parecidas ás que usamos hoxe en día.
Nunha famosa cita de
"Conto de Inverno", Shakespeare
describe así a adolescencia:
"Quixera que non mediara tempo
entre os 10 e os 23 anos,
ou que a xuventude pasara
durmindo tranquilamente;
porque non hai nada no ínterim salvo
preñar mozas, aldraxar anciáns,
roubar, loitar". (Risas)
E continúa dicindo: "Dito isto, quen senón
esas cabezas loucas de 19 e 22 anos
sairía cazar con este tempo?" (Risas)
Ou sexa que hai 400 anos, Shakespeare
retratou aos adolescentes da mesma maneira
que se fai hoxe, pero aínda estamos
a tentar comprender a súa conduta
en termos dos cambios
cerebrais subxacentes.
Por exemplo, as condutas de risco.
Sabemos da súa tendencia
a arriscarse. Fano.
Corren máis riscos que
os nenos ou os adultos,
e son particularmente proclives
a asumir riscos cando están cos amigos.
Hai un forte pulo para
independizarse dos pais
e impresionar aos amigos na adolescencia.
Agora tratamos de comprendelo en termos
do desenvolvemento
dunha parte do cerebro,
o sistema límbico. Poden velo en vermello
na diapositiva detrás de min
e neste cerebro.
O sistema límbico está na profundidade
do cerebro e está implicado
no procesamento das emocións
e da recompensa. Dános esa sensación
gratificante do divertido, do risco.
Dáche ese subidón ao correr un risco.
Sabemos que esta
rexión do sistema límbico
é hipersensible á sensación gratificante
de arriscarse nos adolescentes
fronte aos adultos,
e ao mesmo tempo, o córtex prefrontal,
en azul na diapositiva, que nos impide
correr riscos excesivos, está aínda
en desenvolvemento na adolescencia.
Así que vemos que o cerebro adolescente
experimenta un gran desenvolvemento,
e isto ten implicacións para
a educación, a rehabilitación
e a intervención.
O ambiente, escola incluída,
pode e dá forma ao cerebro adolescente.
Con todo, a ensinanza obrigatoria
durante a adolescencia
é relativamente recente en Occidente.
Os meus catro avós, por exemplo,
deixaron a escola moi novos.
Non tiñan elección.
E isto segue sendo así
para moitos adolescentes
de todo o mundo. O 40% deles
non teñen acceso á ensinanza secundaria.
Porén, este é un período da vida
no que o cerebro é particularmente
adaptable e maleable.
É unha oportunidade fantástica
para a aprendizaxe e a creatividade.
Ou sexa que o que ás veces se ve como
o problema da adolescencia
--condutas de risco,
escaso control de impulsos, vergoña--
non debería estigmatizarse.
Reflicte cambios cerebrais
que proporcionan
unha grande oportunidade para a educación
e o desenvolvemento social. Grazas.
(Aplausos)