Todos nós imos ao médico. E imos con confianza e fe cega en que as probas que nos fan e as medicacións que nos receitan están baseadas nas probas --probas deseñadas para axudarnos. Aínda que a realidade é, que non sempre foi así para todo o mundo. Que pasaría se lles dixera que os descubrimentos da ciencia médica ao longo do século pasado estaban baseados só na metade da poboación? Eu son médica de urxencias. Formeime para estar preparada nunha emerxencia médica. Trátase de salvar vidas. É xenial, non si? Vale, hai moito nariz con mocos e dedas esmagadas, pero non importa quen entre pola porta de Urxencias, nós pedimos as mesmas probas, receitamos a mesma medicación, sen sequera pensar no sexo ou no xénero dos nosos doentes. Por que? Nunca nos ensinaron que había diferenzas entre homes e mulleres. Un estudo recente do Consello de Contas revelou que o 80% dos medicamentos retiráronse do mercado debido aos efectos secundarios sobre as mulleres. Así que pensemos niso un minuto. Por que descubrimos os efectos secundarios sobre as mulleres só despois de que un medicamento se retire do mercado? Saben que un fármaco tarda anos en pasar de ser unha idea a ser probado en células nun laboratorio, a estudos en animais, despois a ensaios clínicos en humanos, e ao final pasar un procedemento para a súa aprobación, ata estar dispoñible para que o seu médico llo receite? Por non mencionar, os miles de millóns de dólares de financiamento que supón todo ese proceso. Entón, por que descubrimos efectos secundarios inaceptables na metade da poboación despois de pasar por todo isto? Que está pasando? Pois resulta que esas células empregadas nese laboratorio, son células masculinas, e os animais empregados nos estudos con animais eran machos, e os ensaios clínicos fixéronse case exclusivamente en homes. Como se converteu o modelo masculino no referente na investigación médica? Vexamos un exemplo que se popularizou nos medios de comunicación, e ten que ver co somnífero Ambien. Ambien saíu ao mercado hai vinte anos, e dende entón, prescribíronse centos de millóns de receitas, sobre todo a mulleres, porque teñen máis trastornos de sono que os homes. Pero só este último ano, a Food and Drug Administration recomendou reducir a dose á metade só para as mulleres, porque se decataron de que a muller metaboliza o medicamento a un ritmo máis lento que o home, por isto espertan pola mañá cos efectos do medicamento activos no seu organismo. E entón, están somnolentas e collen o coche, e corren o risco de ter accidentes de tráfico. E eu non podo axudar, pero penso como médica de urxencias, cantos dos doentes aos que atendín ao longo dos anos tiveron un accidente de tráfico que posiblemente se puido evitar se se fixera esta análise, e se actuase en consecuencia hai 20 anos cando este medicamento se aprobou. Cantas outras cousas teñen que ser analizadas por xénero? Que máis estamos perdendo? A II Guerra Mundial cambiou un montón de cousas, e unha delas foi esta necesidade de protexer a xente de ser vítimas da investigación médica sen consentimento informado. Así que se estableceron guías e regras, que eran moi necesarias, en parte porque estaba este desexo de protexer as mulleres en idade fértil de entrar en calquera estudo de investigación médica. Había medo: e se lle pasaba algo ao feto durante o estudo? Quen sería o responsable? E por iso os científicos ao mesmo tempo pensaron que fora unha bendición disfrazada, porque --sexamos realistas-- os corpos dos homes son bastante homoxéneos. Non sofren o cambio constante nos niveis de hormonas que podería alterar a precisión dos datos que se recollerían só en homes. Era máis doado. Era máis barato. Sen mencionar, que daquela había unha asunción xeral de que homes e mulleres eran parecidos en tódolos sentidos, á parte dos seus órganos reprodutivos e as hormonas sexuais. Así que estaba decidido: a investigación médica realizábase en homes, e os resultados aplicábanse ás mulleres máis tarde. Que supuxo isto para a idea de saúde das mulleres? A saúde das mulleres converteuse en sinónimo de reprodución: peitos, ovarios, útero, embarazo. É o que agora coñecemos como “medicina bikini”. E isto mantívose así ata preto da década de 1980, cando este concepto foi cuestionado pola comunidade médica e polos responsables das políticas públicas de saúde, ao decatárense de que excluíndo as mulleres de tódolos estudos de investigación médica en realidade fixémoslles un fraco favor, xa que ademais dos temas reprodutivos, case non se sabía nada sobre as necesidades propias da doente muller. Dende aquela, unha chea de probas saíron á luz amosándonos como de diferentes son homes e mulleres, en tódolos sentidos. Sabedes que en medicina temos este dito: Os menores non son coma adultos pequenos. E dicímolo para lembrarnos de que os menores teñen unha fisioloxía distinta dos adultos normais. E por iso xurdiu a especialidade de pediatría. E agora facemos investigación en menores para mellorar as súas vidas. E eu sei que se pode dicir o mesmo sobre as mulleres. As mulleres non son homes con peitos e trompas de Falopio. Teñen a súa propia anatomía e fisioloxía que merece ser estudada coa mesma intensidade. Collamos como exemplo o sistema cardiovascular. Esta área médica esforzouse en comprender porque parece que homes e mulleres teñen ataques cardíacos diferentes. As cardiopatías son a primeira causa de morte en homes e mulleres, pero morren máis mulleres ca homes no primeiro ano de ter o ataque. Os homes vanse queixar da esmagadora dor de peito-- teñen un elefante sentado no peito. E chamamos a isto, típico. As mulleres tamén teñen dor no peito. Pero máis mulleres que homes vanse queixar só de "non sentirse ben". "parece como se me faltara vida", "só un pouco de cansazo ultimamente". E por algunha razón chamámoslle a isto, atípico. aínda que como xa dixen, as mulleres son a metade da poboación. Que probas temos para axudar a explicar estas diferenzas? Se miramos a anatomía, as arterias arredor do corazón son máis pequenas en mulleres que en homes e o xeito en que esas arterias desenvolven a enfermidade é diferente nelas ca neles. E as probas que usamos para determinar se alguén poder ter un ataque ao corazón, ben, inicialmente foron deseñadas, probadas e perfeccionadas en homes, e resulta que non son tan boas para determinalo nas mulleres. Se pensamos nos medicamentos --medicamentos comúns que utilizamos, como a aspirina. Dámoslle aspirina aos homes sans para axudalos a previr o infarto, pero sabedes que darlle aspirina a unha muller sa é en realidade prexudicial? Todo isto está a nos dicir que estamos rabuñando a superficie. A medicina de emerxencias avanza moi rápido. En cantas áreas vitais para a supervivencia, coma o cancro e o ictus, haberá diferenzas importantes entre homes e mulleres que poderiamos utilizar? Ou incluso, por que hai xente que ten máis mocos no nariz ca outra, ou porque os medicamentos para aliviar a dor das dedas esmagadas alivian a uns e a outros non? O Instituto de Medicina dixo que cada célula ten un sexo. E iso, que significa? O sexo é o ADN. O xénero é como alguén se presenta a si mesmo en sociedade. E estes dous poden non sempre conxeniar, como podemos comprobar coa poboación transxénero. Pero é importante decatarse disto dende o momento da concepción, cada célula nos nosos corpos --pel, pelo, corazón e pulmóns-- contén o noso propio e único ADN, e ese ADN contén os cromosomas que determinan se seremos, feminino ou masculino, home ou muller. Pensábase que eses cromosomas que determinan o sexo, representados aquí --XY se es home, XX se es muller-- só determinaban se ti nacerías con ovarios ou testículos, e eran as hormonas do sexo que eses órganos producían as responsables das diferenzas que vemos no sexo oposto. Pero agora sabemos que esa teoría estaba equivocada --ou polo menos, está un pouco incompleta. Menos mal que científicos como o Dr. Page do Whitehead Institute, que traballa no cromosoma Y, e o doutor Yang da UCLA, atoparon evidencias de que eses cromosomas determinantes do sexo presentes en cada célula do noso corpo permanecen activos durante toda a nosa vida e poderían ser os responsables das diferenzas que vemos na dosificación dos medicamentos, ou en por que hai diferenzas entre homes e mulleres na susceptibilidade e gravidade das enfermidades. Este novo coñecemento é un punto de inflexión, e depende dos científicos que continúen ata atopar esa proba, pero depende dos profesionais clínicos empezar a aplicar esa información na consulta, hoxe. Dende agora mesmo. E para axudar a conseguilo, cofundei unha organización nacional chamada Sexo e Xénero Saúde Colaborativa de Mulleres, e recollemos toda a información dispoñible para o ensino e para a atención ao doente. E estamos traballando para que tamén se apunten os formadores médicos. O que é un gran reto. Isto cambia o xeito en que se veu facendo a formación médica desde as orixes. Pero, eu creo neles. Sei que van ver o valor de incorporar as lentes de xénero no actual plan de estudos. Trátase de formar aos futuros profesionais da asistencia médica de forma correcta. E a nivel rexional, compartín a creación dunha sección no Departamento de Medicina de Urxencias aquí na Universidade Brown. chamada Sexo e Xénero en Medicina de Urxencias, e investigamos para determinar as diferenzas entre homes e mulleres en situacións de emerxencia, como infarto e ictus e septicemia e abuso de substancias, pero cremos tamén que a educación é primordial. Creamos un modelo de educación integral. Temos programas para médicos/as, para enfermeiras/os, para estudantes e para os pacientes. Xa que isto non se lle pode deixar só aos responsables sanitarios. Todos nós temos un papel para cambiar a situación. Pero debo avisalos: isto non é doado. En realidade, é complicado. En esencia, está cambiando o xeito no que pensamos a medicina a saúde, e a investigación. Está mudando a nosa relación co sistema sanitario. Pero non hai volta atrás. Agora coñecemos o suficiente para saber que non o estabamos facendo ben. Martin Luther King Jr. dixo que "O cambio non chega sobre as rodas do inevitable, pero si vén a través da loita continua" E o primeiro paso cara ao cambio é a conciencia. Isto non trata só de mellorar os coidados médicos das mulleres. Trátase de atención médica personalizada, individualizada para todo o mundo. Esta conciencia ten o poder para cambiar a atención médica de homes e mulleres. E dende agora en diante, eu quero que lle pregunten aos seus médicos se os tratamentos que lles dan son indicados para o seu sexo e xénero. Pode que non saiban a resposta --aínda. Pero a conversa empezou, e todos xuntos podemos aprender. Lembren, para min e os meus colegas neste campo, o seu sexo e xénero importan. Grazas (Aplausos)