A luz dos obxectos celestes que chega á Terra, despois de viaxar distancias inimaxinábeis, é a única información que os astrónomos teñen para explorar os confíns do Universo. A simple vista podemos captar unha pequena cantidade desta luz e preto de dúas mil estrelas. A lente dun pequeno telescopio, cun tamaño dez veces maior cós nosos ollos, capta centos de veces máis luz, revelando así millóns de obxectos tenues coma nebulosas e galaxias. Os modelos profesionais poden ser grandes, coma os catro do VLT de Chile cada un cun espello de oito metros de diámetro! Os telescopios espaciais, coma o Hubble, espreitan o Universo sen interferencia da atmosfera terrestre, proporcionando imaxes detalladas e acceso a un coñecemento científico valioso. Os telescopios son as nosas xanelas ao Universo!