Encántame aprender linguas estranxeiras. Encántame tanto que me gusta aprender unha nova cada dous anos, actualmente estou coa oitava. Cando a xente coñece isto de min, pregúntanme: "Como o fas? Cal é o teu segredo?" E, sendo sincera, durante moitos anos a miña resposta era: "Non sei, simplemente encántame aprender linguas". Pero a xente nunca estaba contenta coa resposta. Querían saber por que botaban anos intentando aprender unha lingua sen conseguir fluidez, e aquí estou eu, aprendendo unha despois doutra. Querían saber o segredo dos políglotas, xente que fala moitas linguas. E iso tamén me fixo pensar a min Como o fan os outros políglotas? Que temos en común? E que é o que nos permite aprender linguas moito máis rápido ca outros? Decidín reunirme con outra xente coma min e descubrilo. O mellor lugar para atopar moitos políglotas é un evento onde centos de amantes das linguas se reúnen para practicar as súas. Hai bastantes eventos así organizados en todo o mundo, polo que decidín ir a un e preguntarlles a políglotas que métodos usan. E coñecín a Benny, de Irlanda, que me dixo que o seu método era falalas dende o primeiro día. Aprende algunhas frases dun libro de viaxes, vai coñecer falantes nativos e empeza conversar con eles de seguido. Non lle importa ter 200 erros ao día, porque así é como aprende, a partir dos comentarios. E o mellor é que hoxe en día non precisa viaxar moito, xa que podes conversar con nativos facilmente dende a comodidade do salón utilizando webs. Tamén coñecín a Lucas, do Brasil, que tiña un xeito de aprender ruso moi interesante. Só engadiu cen falantes aleatorios de ruso como amigos en Skype, e logo --en serio-- abriu un chat privado cun deles e escribiu "Ola" en ruso. A persoa respondeu "Ola, que tal?" Lucas copiou isto e púxoo nun chat con outra persoa, que dixo "Estou ben, grazas. E ti?" Lucas copiou isto para a primeira persoa, e desta forma tiña a dous estranxeiros conversando entre eles sen sabelo. (Risas) E axiña empezou a escribir el tamén, porque tiña tantas conversas deste tipo que descifrou como adoitan empezar as conversas entre rusos. Que método máis enxeñoso, non si? E logo coñecín políglotas que empezan imitando os sons do idioma, e outros que sempre aprendían as 500 palabras máis usadas da lingua, e outros que sempre empezaban lendo sobre a gramática. Se lles preguntei a cen políglotas, escoitei cen formas distintas de aprender linguas. Todo o mundo parece ter un método único sobre como aprender un idioma, mais todos chegamos ó mesmo resultado de falarmos moitas linguas fluidamente. Mentres lles escoitaba falar dos seus métodos, de súpeto vino claro: o único que todos temos en común é que atopamos xeitos de disfrutar do proceso de aprender linguas. Todos os políglotas falaban de aprender idiomas coma se fose divertido. Teriades que lles ver as caras cando me ensinaban as táboas coloridas de gramática e os cartóns cuidadosamente feitos a man, e as súas estatísticas aprendendo léxico usando aplicacións, e incluso como lles gusta cociñar a partir de receitas noutra lingua. Todos usan distintos métodos, pero sempre se aseguran de que sexa algo que lles gusta persoalmente. Decateime de que así é tamén como aprendo eu. Cando estudaba español, aburríame o texto do libro de clase. Quen quere ler sobre José preguntando direcións na estación de tren, verdade? Eu pola contra quería ler Harry Potter, porque de pequena era o meu libro favorito e lérao moitas veces. Así que conseguín a tradución ao español de Harry Potter e empecei a ler, e por suposto, ao comezo non entendín case nada, mais seguín lendo porque me encantaba o libro, é ó final da novela, podía seguila case sen problemas. E o mesmo pasou cando aprendín alemán. Decidín ver Friends, a miña serie favorita, en alemán, e de novo, ao comezo, era todo un sensentido. Non sabía onde acababa una palabra e onde empezaba a seguinte, pero seguina vendo porque era Friends. Podo vela en calquera idioma. Encántame. E despois da segunda ou terceira tempada, de verdade, o diálogo empezaba a ter sentido. Só me decatei disto ó falar cos políglotas. Non somos xenios nin temos atallos para aprender linguas. Só atopamos formas de gozar do proceso, como transformar o aprender unha lingua dunha materia aburrida nunha actividade pracenteira que non che importa facer a diario. Se non che gusta escribir palabras en papel, podes telas nunha aplicación. Se non che gusta escoitar o contido aburrido dos libros, busca contido interesante en Youtube ou en podcasts para calquera lingua. Se es máis ben introvertido e non imaxinas falar con nativos aínda, podes pór en práctica o de falar contigo mesmo. Podes facelo na comodidade do cuarto, describindo os plans para a fin de semana, como che foi o día ou collendo unha foto aleatoria do móbil e describíndolla ó teu amigo imaxinario. Así é como os políglotas aprenden linguas, e o mellor é que pode facelo todo aquel disposto a aprender pola súa conta. Coñecer outros políglotas axudoume a ver que é crucial atopar divertimento no proceso da aprendizaxe de linguas, pero tamén que só co divertimento non abonda. Se queres ter fluidez nun idioma estranxeiro, tamén deberás aplicar tres principios. Primeiro, precisarás métodos efectivos. Se intentas memorizar unha lista de palabras para un test mañá, as palabras quedarán na memoria a curto prazo e esqueceralas aos poucos días. Porén, se queres mantelas na memoria a longo prazo, tes que revisalas varias veces ao longo duns poucos días usando a chamada "repetición espacial". Podes empregar aplicacións baseadas neste sistema coma Anki ou Memrise, ou podes escribir listas de palabras nun caderno co método Goldlist, moi popular entre moitos políglotas. Se non estás seguro de que métodos son efectivos e están dispoñibles, busca canles de Youtube e webs de políglotas e colle inspiración deles. Se lles funciona, seguramente a ti tamén. O terceiro principio a seguir é creares un sistema adaptado á túa aprendizaxe. Todos estamos moi ocupados e ninguén ten tempo de aprender unha lingua hoxe, pero podemos crear ese tempo se o planeamos un pouco antes. Podes levantarte 15 minutos antes do normal? Sería un momento perfecto para revisar algo de vocabulario. Podes escoitar un podcast mentres conduces de camiño ó traballo? Ese sería un momento xenial para adquirir experiencia auditiva. Hai moitas cousas que se poden facer sen planear sequera ese tempo extra, como escoitar podcasts indo ó traballo ou facendo as tarefas da casa. O importante é crear un plan na aprendizaxe. "Practicarei o oral cada martes e xoves cun amigo durante 20 minutos". "Escoitarei un vídeo de YouTube mentres almorzo". Se creas un sistema para aprender, non precisas buscar tempo extra, porque se volve parte da túa vida cotiá. Para terminarmos, se queres aprender unha lingua con fluidez, necesitas un pouco de paciencia. Non se pode aprender un idioma en dous meses, pero si se poden facer mellorías visibles en dous meses, se aprendes todos os días en pequenas doses dun xeito que che guste. E non hai nada que motive máis que o noso propio éxito. Lembro vividamente o momento en que entendín a primeira broma en alemán vendo Friends. Estaba tan feliz e motivada que continuei vendo dous episodios máis ese día, e segundo ía vendo máis, tiña cada vez máis deses momentos de entendemento, de pequenas vitorias, e pouco a pouco, cheguei ó nivel en que podía usar a lingua libremente e con fluidez para expresar calquera cousa. É un sentimento marabilloso. Nunca te fartas del, e por iso aprendo unha lingua cada dous anos. Así que este é todo o segredo políglota. Buscar métodos efectivos que poidas usar sistematicamente durante algún tempo dun xeito que che dea goce, e así é como os políglotas aprenden linguas en meses e non en anos. Agora algúns estaredes pensando, "Iso está moi ben, gozar da aprendizaxe, pero o segredo real non será que os políglotas simplemente teñen moito talento e a maioría de nós non? Hai unha cousa que non vos dixen sobre Benny e Lucas. Benny fixera 11 anos de irlandés gaélico e cinco de alemán no colexio. Non os podía falar cando se graduou. Ata os 21, pensaba que non tiña o xene da lingua e que non podía falar outra lingua. Entón empezou a buscar o seu modo de aprender linguas, que era falar con nativos e recibir as súas críticas, e hoxe Benny pode ter facilmente unha conversa en 10 linguas. Lucas intentou aprender inglés no colexio durante 10 anos. Era un dos peores alumnos da clase. O seus amigos facíanlle burla e déronlle un libro de ruso de brincadeira porque pensaban que nunca aprendería ese idioma, nin outro. E Lucas empezou a experimentar con métodos, buscando a súa propia forma de aprender, por exemplo, falando por chat no Skype con estraños. E 10 anos despois, Lucas pode falar con fluidez 11 linguas. Soa a milagre? Vexo milagres así todos os días. Como mentora de linguaxe, axúdolle á xente a aprender idiomas por si mesmos, e véxoo todos os días. A xente loita para aprender linguas cinco, 10 e 20 anos, e de súpeto toman a aprendizaxe pola súa conta, empezan a utilizar materiais que lles gustan, métodos máis efectivos, ou fan un seguimento da aprendizaxe para poder apreciar o seu propio progreso, e é aí cando de súpeto atopan maxicamente o talento lingüístico que lles faltara toda a vida. Así que se intentaches aprender unha lingua e te deches por vencido, pensando que é difícil ou que non tes talento para os idiomas, inténtao outra vez. Quizais esteas a só un método divertido de aprenderes esa lingua con fluidez. Quizais esteas a un método de converterte en políglota. Grazas. (Aplausos)