[Como revisar] Ben, xa traduciu ou transcribiu polo menos 90 minutos de charlas, viu os cambios e comentarios que outros revisores e coordinadores fixeron nos seus subtítulos, leu todas as guías e viu todos os titoriais. Benvida, benvido á revisión! A fase de revisión entre iguais é esencial no Open Translation Project. Sen vostede, non poderiamos publicar subtítulos e lanzalos polo mundo adiante. Os revisores editan os subtítulos para asegurarse de que son exactos e cumpren os estándares de calidade. Déixanlle comentarios útiles e respectuosos a quen traduce ou transcribe. A colaboración é unha parte esencial do proceso, e os revisores deben estar dispostos a discutir as súas edicións e cooperar para melloralas. Cando revise subtítulos, siga esta lista de control. Un.- Estilo técnico. Asegúrese de que todos os subtítulos cumpran as normas TED. Comprobe que as unidades gramaticais non se quebraron en dúas liñas ou subtítulos. No mesmo subtítulo non debe aparecer o final dunha frase e o comezo doutra. Hai varias técnicas para axustar os subtítulos ao estilo. Reducir o texto, editar a minutaxe, quebrar as liñas, redistribuír o texto entre liñas ou subtítulos, e dividir ou fusionar subtítulos. Deixe que lle dea un consello. Para dividir un subtítulo, reduza a súa duración e pegue unha parte do texto noutro subtítulo que creará no espazo de tempo sobrante. Para fusionar subtítulos, comece copiando e pegando o texto dun noutro, e despois borre o orixinal e aumente a duración do subtítulo combinado usando o espazo de tempo sobrante. O número 2 da súa lista. Precisión. Asegúrese de que as traducións expresen o significado orixinal na lingua destino con naturalidade e cambie subtítulos literais de máis. Comprobe que os equivalentes dos termos técnicos se correspondan cos utilizados polos profesionais dese ámbito. Non se esqueza de revisar o título e a descrición da charla. Nas transcricións, revise os subtítulos mentres escoita a charla, para asegurarse de que non se equivocaron palabras ou se deixaron sen recoller involuntariamente. Revise sempre os subtítulos coa guía de estilo de TED, en TED.com e os recursos de estilo da sección da OTPedia na súa lingua. E como terceiro punto na súa lista, revise a puntuación, a ortografía e a gramática dos subtítulos. Para atopar erros ortográficos, use o corrector do seu navegador, pero busque os posibles erros que o corrector non é quen de detectar. Comprobe que a puntuación sexa adecuada, sobre todo ao final da liña ou subtítulo. Poña moita atención nas frases divididas en varios subtítulos. Respectan a orde de palabras correcta na súa lingua ou seguen literalmente a lingua orixinal? Ten sentido a frase en conxunto? E á fin, o último elemento da lista de control do revisor: Seguimento! Despois de facer as súas correccións, volva ver a charla cos subtítulos para asegurarse de que todo está correcto. Avise dos cambios enviándolle unha mensaxe ao tradutor ou transcritor a través de Amara ou do seu perfil en TED. Déalle un prazo para responder, e deixe tempo abondo para debateren e faceren máis cambios antes de que expire a tarefa. Lembre que, como revisor, tamén é mentor. Achegue sempre comentarios sobre a súa revisión. Sexa específico, estimulante, construtivo e positivo. Comparta consellos e ligazóns para que quen traduce ou transcribe aprenda e mellore, e saliente as cousas boas dos subtítulos, non só o que se debe mellorar. Valore se devolver subtítulos que teñan moitos erros que poderían corrixirse facilmente, como os tipográficos. Lembre incluír sempre notas que expliquen o que debe corrixirse e como facelo. Tente facer os cambios que cumpran polo menos nos primeiros minutos, para amosar o que pretende. E por último, acórdese de que antes de os subtítulos revisados se publiquen, deben ser aprobados polo coordinador lingüístico (LC). Siga os comentarios que os coordinadores lingüísticos lle fagan nas súas revisións e responda se lle devolven subtítulos para que os corrixa. E sobre todo, lembre que as súas revisións son o único xeito de que o traballo doutros voluntarios se publique. O seu papel é moi importante. E agora, felices transcricións e traducións! E revisións!