[Como revisar]
Ben, xa traduciu ou transcribiu
polo menos 90 minutos de charlas,
viu os cambios e comentarios
que outros revisores e coordinadores
fixeron nos seus subtítulos,
leu todas as guías
e viu todos os titoriais.
Benvida, benvido á revisión!
A fase de revisión entre iguais é esencial
no Open Translation Project.
Sen vostede,
non poderiamos publicar subtítulos
e lanzalos polo mundo adiante.
Os revisores editan os subtítulos
para asegurarse de que son exactos
e cumpren os estándares de calidade.
Déixanlle comentarios
útiles e respectuosos
a quen traduce ou transcribe.
A colaboración é unha parte esencial
do proceso,
e os revisores deben estar dispostos
a discutir as súas edicións
e cooperar para melloralas.
Cando revise subtítulos,
siga esta lista de control.
Un.- Estilo técnico.
Asegúrese de que todos os subtítulos
cumpran as normas TED.
Comprobe que as unidades gramaticais
non se quebraron
en dúas liñas ou subtítulos.
No mesmo subtítulo non debe aparecer
o final dunha frase e o comezo doutra.
Hai varias técnicas
para axustar os subtítulos ao estilo.
Reducir o texto, editar a minutaxe,
quebrar as liñas,
redistribuír o texto
entre liñas ou subtítulos,
e dividir ou fusionar subtítulos.
Deixe que lle dea un consello.
Para dividir un subtítulo,
reduza a súa duración
e pegue unha parte do texto
noutro subtítulo
que creará no espazo de tempo sobrante.
Para fusionar subtítulos,
comece copiando e pegando
o texto dun noutro,
e despois borre o orixinal
e aumente a duración
do subtítulo combinado
usando o espazo de tempo sobrante.
O número 2 da súa lista.
Precisión.
Asegúrese de que as traducións
expresen o significado orixinal
na lingua destino con naturalidade
e cambie subtítulos
literais de máis.
Comprobe que os equivalentes
dos termos técnicos se correspondan
cos utilizados
polos profesionais dese ámbito.
Non se esqueza de revisar
o título e a descrición da charla.
Nas transcricións, revise os subtítulos
mentres escoita a charla,
para asegurarse
de que non se equivocaron palabras
ou se deixaron sen recoller
involuntariamente.
Revise sempre os subtítulos
coa guía de estilo de TED, en TED.com
e os recursos de estilo
da sección da OTPedia na súa lingua.
E como terceiro punto na súa lista,
revise a puntuación, a ortografía
e a gramática dos subtítulos.
Para atopar erros ortográficos,
use o corrector do seu navegador,
pero busque os posibles erros
que o corrector non é quen de detectar.
Comprobe que a puntuación sexa adecuada,
sobre todo ao final da liña ou subtítulo.
Poña moita atención nas frases
divididas en varios subtítulos.
Respectan a orde de palabras
correcta na súa lingua
ou seguen literalmente a lingua orixinal?
Ten sentido a frase en conxunto?
E á fin, o último elemento
da lista de control do revisor:
Seguimento!
Despois de facer as súas correccións,
volva ver a charla cos subtítulos
para asegurarse de que todo está correcto.
Avise dos cambios
enviándolle unha mensaxe
ao tradutor ou transcritor
a través de Amara ou do seu perfil en TED.
Déalle un prazo para responder,
e deixe tempo abondo
para debateren e faceren máis cambios
antes de que expire a tarefa.
Lembre que, como revisor, tamén é mentor.
Achegue sempre comentarios
sobre a súa revisión.
Sexa específico, estimulante,
construtivo e positivo.
Comparta consellos e ligazóns
para que quen traduce ou transcribe
aprenda e mellore,
e saliente as cousas boas dos subtítulos,
non só o que se debe mellorar.
Valore se devolver subtítulos
que teñan moitos erros
que poderían corrixirse facilmente,
como os tipográficos.
Lembre incluír sempre notas
que expliquen o que debe corrixirse
e como facelo.
Tente facer os cambios que cumpran
polo menos nos primeiros minutos,
para amosar o que pretende.
E por último, acórdese
de que antes de os subtítulos revisados
se publiquen,
deben ser aprobados
polo coordinador lingüístico (LC).
Siga os comentarios
que os coordinadores lingüísticos
lle fagan nas súas revisións
e responda se lle devolven subtítulos
para que os corrixa.
E sobre todo, lembre que as súas revisións
son o único xeito
de que o traballo
doutros voluntarios se publique.
O seu papel é moi importante.
E agora,
felices transcricións e traducións!
E revisións!