A xente leva empregando os medios para falar de sexo desde hai moito tempo. Cartas de amor, sexo telefónico, Polaroids picantes. Hai incluso unha historia dunha rapaza que fuxiu cun home que coñecera por telégrafo en 1886. Hoxe en día temos o séxting, e eu son unha experta en séxting. Non unha experta na súa práctica. No entanto, sei que significa isto --penso que vós tamén. [É un pene] (Risas) Levo estudando séxting desde que se popularizou a través dos medios en 2008. Escribín un libro sobre o pánico moral acerca do séxting. E isto foi o que atopei: a maioría da xente está a se preocupar polo que non debería. Tratan de evitar calquera manifestación do séxting. Mais permitídeme unha pregunta: Mentres sexa totalmente consensuado, que problema hai co séxting? A xente está interesada en moitos tipos de cousas nas que ti podes non estar, como o queixo azul ou o coandro. (Risas) O séxting é claramente arriscado, como todo aquilo que é divertido, mais mentres un non envíe unha imaxe a quen non queira recibila, non hai ningún dano. O que penso que é un problema serio é cando a xente comparte imaxes privadas doutras persoas sen o seu permiso. E en lugar de preocuparnos do séxting, penso que deberiamos pensar máis acerca da intimidade dixital. A clave é o consentimento. Agora mesmo, a maioría da xente pensa no séxting sen pensar en consentimento en absoluto. Sabedes que actualmente criminalizamos o séxting adolescente? Pode ser un delito porque conta como pornografía infantil, se hai unha imaxe de alguén menor de 18, e non importa se tomaron esa foto de eles mesmos e as compartiron voluntariamente. Daquela rematamos nesta estraña situación legal onde dúas persoas de 17 anos legalmente poden ter sexo en gran parte dos estados de EE.UU., pero non fotografalo. Algúns estados tamén intentaron aprobar leis nas que o séxting era unha falta pero esas leis perpetuaron o problema xa que seguen facendo do séxting consensual algo ilegal. Non ten sentido tentar prohibir todo o séxting para enfrontarse ás violacións da privacidade É coma dicir, imos resolver o problema das violacións facendo as citas completamente ilegais. Á maioría dos adolescentes non os deteñen por séxting, pero adiviñaes a quen si? Xeralmente a adolescentes rexeitados polas parellas dos seu proxenitores. E isto pode ser por prexuízos de clase, racismo ou homofobia. Moitos fiscais son, por suposto, listos abondo para non acusar de pornografía infantil a adolescentes, mais algúns fano. De acordo cos investigadores da Universidade de New Hampshire o 7% de todos os arrestados por posesión de pornografía infantil son adolescentes, que practicaban séxting consensuado con outros adolescentes. A pornografía infantil é un delito grave, pero non é o mesmo que o séxting adolescente. Pais e educadores tamén responden acerca do séxting sen pensaren realmente moito no consentimento. A súa mensaxe aos adolescentes é: "simplemente non o fagades". E enténdoo perfectamente, hai graves riscos legais e por suposto, un gran potencial de violación de privacidade. E cando adolescentes, estou segura de que facíades todo o que se vos dicía, verdade? Seguramente estades a pensar, "o meu fillo nunca faría séxting." E é certo, o voso pequeno anxo pode non estar a facer séxting porque só o 33% dos mozos e mozas de 16 e 17 anos o fan. Mais, síntoo, para cando sexan maiores, as probabilidades din que o farán. Todos os estudios sitúan a taxa sobre o 50% entre 18 e 24 anos. E a maioría das veces, nada sae mal. A xente pregúntame todo o tempo cousas como, "É o séxting tan perigoso?" É como se non deixases a carteira no banco dun parque e esperases que cha roubasen se o fas, vale? Isto é o que penso: o séxting é como deixar a carteira na casa do teu mozo. Se volves ao día seguinte e desapareceu todo o diñeiro, necesitas deixar a ese tipo. (Risas) De forma que en vez de criminalizar o séxting para tratar de previr violacións de privacidade, precisamos facer do consentimento un punto central sobre o que pensamos da circulación da nosa información privada. Cada novo medio audiovisual presenta problemas de privacidade. De feito, en EE.UU. os principais debates sobre privacidade foron en resposta ás tecnoloxías que naquel momento eran relativamente novas. A finais do 1800, á xente preocupábana as cámaras, que de repente eran máis portátiles ca nunca, e as columnas de rexouba dos xornais. Preocupábaa que a cámara puidese tomar información sobre eles, sacala de contexto e difundila. Sóavos familiar? É exactamente a mesma preocupación que temos agora coas redes sociais e os drons, e, por suposto, co séxting. E eses medos con respecto á tecnoloxía, teñen sentido porque a tecnoloxía pode amplificar e sacar a relucir as nosas peores cualidades e actitudes. Mais existen solucións. E xa estivemos aquí antes cunha perigosa nova tecnoloxía. En 1908, Ford introduciu o automóbil Modelo T. As taxas de mortalidade de tráfico estaban a aumentar. Era un problema serio -- parece moi seguro, verdade? A nosa primeira reacción foi a de tratar de cambiar o comportamento do condutor, de xeito que creamos límites de velocidade e fixémolos cumprir mediante multas Mais ao longo das décadas seguintes, démonos conta de que a tecnoloxía dun coche non é só neutral. Poderíamos deseñar o coche para facelo máis seguro. Daquela, nos anos 20, fixemos parabrisas resistentes á rotura. Nos anos 50, cintos de seguridade. E nos 90, coxíns de seguridade. As tres áreas: leis, persoas e industria uníronse co tempo para axudar a resolver o problema que causa unha nova tecnoloxía. E podemos facer o mesmo coa privacidade dixital. Por suposto, voltamos ao tema do consentimento. Esta é a idea. Antes de que alguén poida compartir a túa información privada, ten que conseguir a túa autorización. Esta idea do consentimento afirmativo vén de activistas antiviolación que din que precisamos consentimento para cada acto sexual. E temos estándares realmente altos para o consentimento noutras áreas. Pensemos na cirurxía. O voso doutor ten que asegurarse de que estades a dar o voso consentimento total e voluntario para tal intervención. Este non é un consentimento coma o dos Termos de Servizo de iTunes onde vas ata o final da páxina e premes "acepto, acepto, o que sexa." (Risas) Se pensamos máis no consentimento, poderemos ter mellores leis de privacidade Agora mesmo, non temos moitas proteccións. Se o teu exmarido ou a túa exmuller son malas persoas, pode coller as fotos túas espido e subilas a unha páxina porno. Pode chegar a ser moi complicado retirar esas imaxes. E en moitos Estados, é mellor se as fotos as fai un mesmo, porque entón podes presentar unha reclamación de copyright. (Risas) Agora, se alguén viola a túa privacidade, xa sexa unha persoa, ou unha compañía, ou a NSA (Axencia de Seguridade Nacional), podes intentar presentar unha demanda, aínda que pode que non teña éxito xa que moitos tribunais asumen que a privacidade dixital é imposible. De xeito que non están dispostos a castigar a quen a viole. Sigo a escoitar xente preguntándome todo o tempo, "unha imaxe dixital non está dalgún xeito nunha liña difusa entre público e privado? porque é dixital, non si?" Non! Non! Non todo o dixital é automaticamente público. Iso non ten sentido ningún. Como di a xurista da NYU Helen Nissenbaum, temos leis e regras e normas que protexen todo tipo de información privada, e non fan diferenzas por ser ou non dixital. Todos os vosos rexistros de saúde están dixitalizados mais o voso doutor non pode compartilos con ninguén. Toda a vosa información financieira almacénase en bases de datos dixitais, a vosa entidade de crédito non pode poñer en liña a vosa lista de compras. Mellores leis axudarían a abordar as violacións de privacidade logo de que ocorran, mais unha das cousas máis simples que podemos facer son cambios persoais para axudar na protección da privacidade dos demais. Sempre nos dixeron que a privacidade é a nosa responsabilidade exclusiva e individual. Dinnos seguido que controlemos e actualicemos a configuración de privacidade. Que non compartamos xamais nada que non quixeramos que todo o mundo vise. Isto non ten sentido. Os medios dixitais son ambientes sociais e compartimos cousas con xente na que confiamos todo o día, cada día. Como argumenta a investigadora de Princeton Janet Vertesi, "Os nosos datos e privacidade non son só persoais, senón que, en verdade, son interpersoais." E unha cousa que podedes facer e que é moi sinxela é simplemente pedir permiso antes de compartir a información doutra persoa. Se queredes colgar en liña unha foto de alguén, pedide permiso. Se queredes reenviar un correo electrónico, pedide permiso. E se queredes compartir a autofoto de alguén espido, obviamente, pedide permiso. Estes cambios individuais poden axudarnos a protexer a privacidade dos demais, mais precisamos tamén a colaboración de empresas tecnolóxicas. Estas compañías apenas teñen incentivo en axudarnos a protexer a nosa privacidade porque os seus modelos de negocio baséanse en que o compartamos todo con canta máis xente mellor. Agora mesmo, se vos envío unha imaxe, podedes reenviárlla a quen queirades. Pero, e se teño que decidir se esa imaxe se pode reenviar ou non? Isto indicaríavos que non tedes o meu permiso para mandar esa imaxe. Facemos este tipo de cousas todo o tempo para protexer os dereitos de autor. Se mercas un libro electrónico, non podes mandárllo á xente que queiras. Así que por que non probar isto cos teléfonos móbiles? Podemos esixirlles a empresas tecnolóxicas que engadan esas proteccións nos nosos dispositivos e plataformas coma valores predeterminados. A fin de contas, un pode escoller a cor do seu coche, pero os coxíns de seguridade son sempre estándar. Se non pensamos máis na privacidade dixital e no consentimento, pode haber serias consecuencias. Había unha adolescente de Ohio, chamémoslle Jennifer, por respecto á súa privacidade. Ela compartiu fotos nas que saía espida co seu noivo do instituto, pensando que podía confiar nel. Por desgraza, el enganouna e as súas fotos circularon por todo o instituto. Jennifer estaba avergoñada e humillada, pero en lugar de seren compasivos, os seus compañeiros acosárona. Chamáronlle puta e fixéronlle a vida imposible. Jennifer comezou a faltar á escola e as súas cualificacións baixaron. Ao final, Jennifer decidiu acabar coa súa propia vida. Jennifer non fixo nada mal. O único que fixo foi compartir unha foto espida cunha persoa na que pensou que podía confiar. E, porén, as nosa leis dinlle que cometeu un delito horrible equivalente á pornografía infantil. As nosas normas de xénero din que ao producir esta imaxe dela mesma espida, dalgún xeito, fixo a cousa máis horrible e vergoñenta. E cando asumimos que a privacidade é imposible nos medios dixitais, absolvermos e escusamos completamente o mal comportamento do seu mozo. A xente segue a dicirlles ás vítimas de violacións de privacidade, "En que pensabas? Nunca debiches mandar esa imaxe." Se estades pensando que dicir no canto diso, probade con isto. Imaxinade que visitades ao voso amigo que rompeu unha perna esquiando. Eles asumiron riscos para facer algo divertido, e non saíu ben. Mais non ides ser os cretinos que digan, "Home, non debiches ir esquiar." Se pensamos no consentimento, poderemos ver que as vítimas de violacións de privacidade merecen a nosa compaixón; non discriminación, humillación, acoso ou castigo. Podemos apoiar as vítimas e previr algunhas violacións de privacidade se se fan estes cambios legais, individuais e tecnolóxicos. Porque o problema non é o séxting, é a privacidade dixital. E unha solución é o consentimento. Así que a próxima vez que unha vítima de violación dixital se achegue a vós, no lugar de culpala, fagamos isto: cambiemos as nosas ideas sobre a privacidade dixital, e respondamos con compaixón. Grazas. (Aplauso)