Que é un pai? Que é un pai? Non é unha pregunta sinxela. Hoxe en día temos adopción, familias adoptivas, nais subrogadas. Moitos pais enfrontan preguntas difíciles e decisións difíciles. Deberiamos falarlles aos nosos fillos da doazón de esperma? E se o imos facer, cando? Que palabras empregaríamos? Referímonos a miúdo aos doantes de esperma como "pais biolóxicos", mais, deberiamos empregar realmente o termo "pai"? Como filósofa e socióloga, estudei acerca destas cuestións con respecto á paternidade. Mais hoxe vou falar do que aprendín falando con pais e fillos. Mostrareivos que saben que é o máis importante nunha familia, aínda que a súa familia sexa un tanto diferente. Mostrareivos a forma tan creativa que empregan para tratar preguntas difíciles. Pero tamén vos ensinarei as dúbidas destes pais. Entrevistamos parellas que recibiran tratamentos de fertilidade no Ghent University Hospital, empregando o esperma dun doante. Durante o tempo de tratamento pódense ver dous puntos, nos cales levamos a cabo as entrevistas. Incluímos parellas heterosexuais, nas que por algunha razón o home non tiña unha boa calidade de esperma, e parellas de mulleres que obviamente precisaban esperma doutra persoa. Tamén incluímos os fillos. Quería saber como eses nenos definían conceptos coma paternidade ou familia. De feito, iso foi o que lles preguntei, só que non deste xeito. No seu lugar debuxei unha maceira. Deste xeito, puiden preguntar de forma abstracta preguntas filosóficas sen facer que escapasen correndo. Como poden ver, a maceira está baleira. E ilustra así o enfoque da miña investigación. Deseñando técnicas coma esta, podo darlle o menor significado e contido posible á entrevista, porque quero que sexan eles quen o digan. Pregunteilles: Como sería a túa familia se fose unha maceira? E podían coller un papel cunha mazá para cada persoa que, segundo eles, era un membro da familia, escribir un nome nel e colgalo onde quixesen. Entón eu faría unha serie de preguntas. Moitos nenos comezaron cun dos pais ou cos irmáns. Un comezou con "Boxer", o can falecido dos seus avós. En ningún momento os nenos comezaron mencionando o doante. Así que lles preguntei acerca do seu nacemento. Dixen, "Antes de nacer vós, só estaban os vosos pais e nais, ou mami e papi. Podédesme dicir como chegastes á familia?" E eles explicáronmo. Un dixo, "Os meus pais non tiñan boas sementes, mais existen homes amables que teñen sementes de reposto. Entón lévanas ao hospital, e déixanas nun gran tarro. Miña nai foi alí e colleu dúas sementes, unha para min e outra para a miña irmá. Puxo as sementes na barriga -- dalgún xeito -- e esta medrou moitísimo, e de aí saín eu." Mmm. Unicamente cando nomearon ao doante foi cando lles fixen preguntas acerca del, coas súas propias palabras. Dixen, "Se esta fose unha mazá para o agradable home das sementes, que farías con ela?" Un dos nenos estaba a barallar en alto, coa mazá na man. E dixo, "Non poría esta mazá co resto das que están na maceira. El non é parte da miña familia. Mais tampouco o deixaría no chan. Sería moi frío e duro. Penso que debería estar no tronco, porque fixo a miña familia posible. Se non fixese isto, sería unha mágoa, porque a miña familia non estaría aquí, e tampouco eu." Do mesmo xeito, os pais ideaban contos familiares -- contos para contarlles aos fillos. Unha parella explicou a súa inseminación levando aos seus fillos a unha granxa para que visen como un veterinario inseminaba vacas. E por que non? É o seu xeito de explicalo: o seu "Fágao vostede mesmo" con historias familiares. DIY. ("Do It Yourself") E hai outra parella que fixo libros -- un para cada fillo. Eran verdadeiras obras de arte que contiñan todo aquilo que pensaron e sentiron durante o tratamento. Incluso tiñan os tickets do parking do hospital. Isto é DIY: achar formas, palabras e imaxes coas que contarlle a historia familiar ao teu fillo. E estas historias foron moi diversas, mais todas gardan algo en común: que eran contos que falaban do desexo de ter un fillo, da busca dese fillo. Falaban acerca do especial e profundamente amado que foi ese fillo. As últimas investigacións mostran que estes nenos desenvólvense correctamente. Non teñen máis problemas ca os demais nenos. Ademais, estes pais tamén buscaban xustificar as súas decisións a través destes contos. Esperaban que os seus fillos entendesen os motivos que os levaron a formar unha familia deste xeito. Existía neles un medo subxacente de que os seus fillos puidesen estar en desacordo e rexeitasen o pai co que non tiñan relación xenética. E este é un medo comprensible, xa que vivimos nunha sociedade heteronormativa e xenetizada -- nun mundo que aínda cre que as verdadeiras familias consisten nunha nai, un pai e uns fillos cos que se mantén unha relación xenética. Ben. Quero falarvos dun rapaz adolescente. Foi concebido mediante doazón, mais non foi parte do noso estudo. Un día, tivo unha discusión co seu pai, e berroulle, "Estasme a dicir o que teño que facer? Ti, nin sequera es meu pai!" Iso era precisamente o que os pais do noso estudo temían. O rapaz axiña se sentiu mal polas suás palabras, e reconciliáronse. Mais foi a reacción do pai o que resulta máis interesante. El dixo, "Esta arroutada non ten nada que ver coa falta dun vínculo xenético. Foi a causa da puberdade -- que é difícil. É o que fan a esa idade. Pasará." O que este home nos está a ensinar é que cando algo vai mal non deberiamos pensar de inmediato que é porque a familia é un tanto distinta. Estas cousas pasan en todas as familias. E de agora en adiante, todos os pais deberían preguntarse: Son bo pai abondo? Estes pais tamén. Eles, por riba de todo, querían facer o que era mellor para o seu fillo. Mais algunhas veces tamén se preguntaban: Son un verdadeiro pai? E as súas dúbidas estaban presentes moito antes de ser pais. No inicio do tratamento, cando viron por primeira vez o terapeuta, prestáronlle moita atención, porque querían facelo ben. Incluso 10 anos despois, seguen recordando os consellos que recibiran. De modo que cando pensaron no conselleiro e nos consellos que recibiran, falamos acerca diso. Unha das parellas lesbianas dixo, "Cando o noso fillo pregunte, 'Teño un pai?' nós dirémoslle 'Non, non tes pai.' E non diremos nada máis, a menos que el pregunte, porque quizais non estea preparado para iso. Foi o que dixo o terapeuta." Ben. Non sei; isto é bastante distinto de como adoitamos responder ás preguntas dos nenos. Como, "O leite faise nunha fábrica?" Entón diremos, "Non, vén das vacas," e falaremos do granxeiro, e a maneira en que o leite remata nunha tenda. Non responderíamos, "Non, o leite non se fai nas fábricas." Algo estraño sucedeu aquí, e, por suposto, eses nenos percíbeno. Un neno dixo, "Fíxenlles aos meus pais moreas de preguntas, pero actuaron moi raro. A unha amiga miña da escola fixérona do mesmo xeito. Así que, cando teño unha pregunta, só teño que falar con ela." Rapaz espelido. Problema resolto. Mais os seus pais non o notaron, e dende logo non era iso o que eles tiñan en mente, nin o que o terapeuta tiña en mente cando lles dixo o importante que era ser unha familia comunicativa e aberta. E isto é o estraño dos consellos. Cando receitamos medidamentos antes recollemos probas. Facemos tests, facemos estudos de seguimento. Queremos saber, e ben, que é o que fai ese medicamento e como afecta á vida das persoas. E os consellos? Non abonda para o asesoramento, ou para os profesionais que os dan, que estes sexan teoricamente sensatos, ou ben intencionados. Os consellos deberían darse en función da evidencia -- evidencia de que, en efecto, mellora a vida dos pacientes. A filósofa que hai en min querería ofrecervos un paradoxo: Aconséllovos parar de seguir os consellos. Pero, si. (Aplausos) Non vou rematar aquí co que saíu mal; non lle faría xustiza á amabilidade que atopamos nesas familias. Lembrades os libros e a viaxe ata o granxeiro? Cando os pais fan cousas que funcionan para eles, fan cousas magníficas. O que quero que lembredes como membros de familias, non importa de que forma ou tamaño, é que o que as familias precisan son relacións de cariño. E non temos que ser profesionais para crealas. Moitos de nós facémolo ben, aínda que pode resultar difícil, e de cando en vez, facémolo con algún consello. Nese caso, tede en conta tres cousas. Traballa co asesoramento axeitado para a túa familia. Lembrade -- sodes os expertos, porque vivides a vosa vida familiar. E finalmente, crede nas vosas habilidades e creatividade, porque podedes facelo. Grazas. (Aplauso)