Eu tiña só catro anos cando vin á miña nai cargar a lavadora por primeira vez na súa vida. Foi un gran día para a miña nai. A miña nai e o meu pai estiveran aforrando diñeiro durante anos para poder mercar a máquina. E o primeiro día no que ía ser usada, ata a miña avoa foi convidada a ver a máquina. E a avoa estaba aínda máis entusiasmada. Ao longo da súa vida ela estivera quentando auga con leña, e lavara a man a roupa de sete nenos. E agora ía ver como a electricidade facía ese traballo. A miña nai abriu a porta con coidado, e cargou a roupa na máquina, así. E entón, cando ela pechou a porta, a avoa dixo, "Non, non, non, non. Déixame, déixame premer o botón." E a avoa premeu o botón, e dixo, "Oh, fantástico. Quero ver isto. Dádeme unha cadeira. Dádeme unha cadeira. Quero velo." E sentou diante da máquina, e viu o programa de lavado enteiro. Estaba abraiada. Para a miña avoa, a lavadora era unha milagre. Hoxe, en Suecia e outros países ricos, a xente usa moitas máquinas diferentes. Mirade, as casas están cheas de máquinas; Nin sei o nome de todas. E eles tamén, cando queren viaxar, usan máquinas voadoras que poden levalos a destinos remotos. Mais, no mundo, hai tanta xente que aínda quenta auga ao lume, e que cociña a súa comida ao lume. Ás veces nin sequera teñen comida abonda. E viven por debaixo da liña de pobreza. Hai 2 mil millóns de compañeiros seres humanos que viven con menos de dous dólares ao día. E a xente rica aí -- hai mil millóns de persoas -- e viven por enriba do que eu chamo a liña do ar porque gastan máis de 80 dólares por día de consumo. Pero isto son só un, dous, tres mil millóns de persoas, e obviamente hai sete mil millóns de persoas no mundo, así que teñen que existir un, dous, tres, catro mil millóns de persoas máis, que viven entre a pobreza e a liña do ar. Teñen electricidade, pero a pregunta é, cantos teñen lavadoras? Fixen unha análise dos datos de mercado, e atopei que, de feito, a lavadora penetrou por debaixo da liña do ar, e hoxe existen mil millóns de persoas a maiores que viven por enriba da liña de lavado. (Sorrisos) E consumen máis de 40 dólares ao día. Así que dous mil millóns teñen acceso a lavadoras. E os cinco mil millóns restantes, como lavan? Ou, para ser máis exactos, como lavan a maioría das mulleres do mundo? Porque lavar segue a ser un traballo duro para as mulleres. Elas lavan así: a man. É unha tarefa dura e que leva tempo, que teñen que facer durante horas cada semana. E ás veces tamén teñen que carrexar auga de lonxe para facer a coada na casa. Ou teñen que levar a roupa a un regato afastado. E queren a lavadora. Non queren pasar tanto tempo na súa vida facendo este traballo duro cunha produtividade relativamente baixa. E non hai nada diferente no seu desexo do que tiña a miña avoa. Mirade aquí, hai dúas xeracións en Suecia -- collendo auga dun regato, quentándoa ao lume e lavando así. Queren a lavadora exactamente do mesmo xeito. Pero cando dou aulas a estudantes preocupados polo medio ambiente, eles dinme, "Non, non todo o mundo pode ter coches e lavadoras." Como podemos dicirlle a esta muller que non vai ter unha lavadora? E entón eu pregúntolles aos meus estudantes, Lévolles preguntando -- durante os últimos dous anos preguntei, "Cantos de vós non usades un coche?" E algúns deles erguen a man con orgullo e din, "Eu non uso coche." E entón lanzo a pregunta realmente dura: "Cantos de vós lavades a man os vosos pantalóns e a roupa da cama?" E ninguén ergue a man. Incluso os máis radicais no movemento ecoloxista usan lavadoras. (Sorrisos) Entón, como é que isto é algo que todo o mundo usa e pensan que ninguén deixará de facelo? Que ten de especial? Tiven que facer unha análise sobre a enerxía usada no mundo. Aquí está. Mirade isto, vedes os sete mil millóns de persoas aí enriba: a xente do ar, xente do lavado, a xente das bombillas, e a xente do lume. Unha unidade destas é unha unidade de enerxía de combustible fósil -- petróleo, carbón ou gas. Iso é o que a maioría da enerxía no mundo é. E todo o mundo usa 12 unidades, e os mil millóns máis ricos, usan seis delas. A metade da enerxía é usada por unha sétima parte da poboación mundial. E estes que teñen lavadoras, pero non unha casa chea doutras máquinas, usan dúas. Este grupo usa tres, unha cada un. E teñen tamén electricidade. E aí non usan nin unha cada un. Iso fai o total de 12. Pero a principal preocupación para os estudantes interesados no medio ambiente -- e teñen razón -- é o futuro. Cales son as tendencias? Se prolongamos as tendencias, sen ningunha análise real avanzada, ata 2050, hai dúas cousas que poden incrementar o consumo de enerxía. Primeiro, o crecemento da poboación. Segundo, o crecemento económico. O crecemento da poboación acontecerá principalmente entre a xente máis pobre, porque teñen mortaldade infantil alta e teñen moitos fillos por muller. E con iso temos dúas a maiores, pero iso non vai cambiar o uso da enerxía moito. O que acontecerá é o crecemento económico. O mellor del nas economías emerxentes -- eu chámolles o Novo Leste -- saltarán a liña do ar. "Wopp!" dirán. E comezarán a consumir tanto como o Vello Oeste está a facer xa. E esta xente, queren a lavadora. Díxenvolo. Subirán aí. E van multiplicar por dous o seu consumo enerxético. E esperamos que a xente pobre chegue a ter luz eléctrica. E terán unha familia de dous fillos sen unha interrupción do crecemento poboacional. Pero o consumo enerxético total incrementarase a 22 unidades. E destas 22 unidades ainda a xente máis rica usa a maior parte. Entón, que debe facerse? Porque o risco, a alta probabilidade de cambio climático é real. É real. Por suposto eles teñen que ser máis eficientes coa enerxía. Teñen que cambiar o seu comportamento dalgún xeito. Teñen tamén que comezar a producir enerxía verde, moita máis enerxía verde. Pero ata que teñan o mesmo consumo enerxético por persoa, non deberían darlles consellos a outros -- qué facer e qué non facer. (Aplausos) Aquí podemos obter máis enerxía verde. Isto é o que esperamos que poida acontecer. É un reto real para o futuro. Pero eu podo asegurarvos que esta muller na favela de Rio, quere unha lavadora. Ela está moi contenta coa súa ministra de enerxía que lles proporcionou electricidade a todos -- tan contenta que ata votou por ela. E ela converteuse en Dilma Rousseff, a presidenta electa dunha das maiores democracias do mundo -- pasando de ministra de enerxía a presidenta. Se tedes unha democracia, a xente vai votar polas lavadoras. A eles encántanlles. E cal é a maxia que teñen? A miña nai explicou a maxia desta máquina o primeiro día. Dixo, "Agora, Hans, que xa cargamos a roupa, a máquina vai facer o traballo. E agora podemos ir á biblioteca." Porque esta é a maxia: cargas a roupa, e que obtés da máquina? Obtés libros das máquinas, libros para nenos. E a miña nai tivo tempo para lerme. Encantáballe. Obtiven o "ABC." Aí foi cando comecei a miña carreira como mestre, cando a miña nai tivo tempo para lerme. E tamén obtivo libros para ela. Puido estudar inglés e aprendelo como lingua estranxeira. E leu tantas novelas, tantas novelas diferentes. E nós queríamoslle de verdade a esta máquina. E o que dixemos, a miña nai e máis eu, foi "Grazas industralización. Grazas fábrica de aceiro. Grazas central eléctrica. E grazas industria de procesamento químico por darnos tempo para ler libros." Moitas grazas. (Aplausos)