(Aplausos) Chris Anderson: levas anos obsesionado con esta cuestión. Como explicaría-lo problema? Andrew Forrest: Plástico. Sinxelo. Non somos quen de reutilizar un ben tan dinámico, desbotámolo e veña. CA: Hai lixo por todas partes. Chegamos a cousas coma esta. Onde é? AF: En Filipinas, pero hai moitos ríos neste estado, señoras e señores. En todo o Sueste Asiático. CA: Bótase o plástico nos ríos e vai parar ao océano. Vese nas praias, mais isto non é o que máis che preocupa, senón o que pasa nos océanos. Fálanos diso. AF: Vale. Grazas, Chris. Hai catro anos, decidín facer unha toleada, un Doutorado en Ecoloxía Mariña. O máis estarrecedor é que aprendín moito da vida mariña, pero máis da morte mariña, da fatalidade ecolóxica; peixes, vida mariña, mamíferos mariños, moi próximos bioloxicamente a nós, millóns, billóns, de mortes causadas polo plástico. CA: Mais a xente pensa que o plástico é feo pero seguro, non si? Botas algo no océano, "Vai ficar aí sempre. Non pode facer dano, ou?" AF: É unha substancia perfecta para a economía. Pero é a peor substancia imaxinable para o medio ambiente. O peor dos plásticos é que, en canto tocan o medio ambiente, fragméntanse. Nunca deixa de ser plástico. Vaise facendo máis pequeno, e máis, e máis, e os últimos achados, que coñecemos na ecoloxía mariña xa hai algúns anos, mostran que vai afectar os humanos. Sabemos que o nanoplástico, as partículas moi, moi, pequenas que levan a carga negativa do plástico, poden atravesar directamente os poros da pel. Iso non é o peor. O peor é que vai directamente a través da barreira hematoencefálica, á capa protectora do cerebro. O cerebro é un pouco amorfo, unha masa mollada chea de cargas eléctricas. Se lle metes unha partícula negativa, ou peor, unha que poida levar axentes patóxenos, terías unha carga negativa, que atrae elementos de carga positiva, coma patóxenos, toxinas, mercurio, chumbo. Son os últimos avances que imos ver nos vindeiros 12 meses. CA: Penso que xa me contaches que hai arredor de 600 bolsas de plástico por cada peixe no océano, algo así. E estanse a romper e vai haber máis e aínda non comezamos a ve-las consecuencias diso. AF: O certo é que non. Na Fundación Ellen MacArthur, unha morea de bos científicos, levan xa tempo traballando niso. Corroborei ben o seu traballo. Din que vai haber unha tonelada de plástico por cada tres toneladas de peixe e non en 2050, impaciéntome cando se fala de 2050, senón en 2025. Á volta da esquina. Aquí e agora. Non se precisa unha tonelada de plástico para arrasar coa vida mariña. Abonda con menos. Temos que paralo xa. Non temos máis tempo. CA: Tes unha idea para paralo, e non dende o típico punto de vista dun activista medioambiental, digamos, senón dun home de negocios, dun emprendedor, que pasou a vida pensando sobre sistemas económicos globais e como funcionan. Creo que a túa idea depende destes heroes. Cal é a súa profesión? AF: É unha recicladora, Chris, e había 15, 20 millóns de recicladores coma ela ata que China parou de recoller os residuos de todo o mundo. E o prezo do plástico, así de ínfimo como era, colapsou. Ela é unha nena, en idade escolar. Debería estar na escola. Unha situación moi similar á escravitude. A miña filla Grace e eu coñecemos centos de persoas coma ela. CA: E tamén hai moitos adultos, literalmente millóns por todo o mundo, e nalgunhas industrias, o seu traballo explica, por exemplo, que non se vexan moitos residuos metálicos. AF: Xusto. É unha heroína do medio ambiente. Compite cunha gran planta petroquímica de tres mil millóns de dólares, que está aí ao lado. Ese é o problema. Hai máis petróleo e gas no plástico e nos vertedoiros ca recursos de petróleo e gas ten Estados Unidos. Ela é a heroína. Señoras e señores, vexan os vertedoiros, todo isto é petróleo sólido e gas. CA: Hai un valor inxente encerrado aí, co que os recicladores do mundo gañarían a vida. Por que non o poden facer? AF: Porque temos arraigado o prezo do plástico dos combustibles fósiles que se sitúa por debaixo do que custa reciclar plástico do mesmo plástico, en termos económicos e de rendibilidade. O plástico componse de petróleo e gas. É 100% polímero, é dicir, 100% petróleo e gas. Temos abondo plástico para cubrir tódalas necesidades. Se reciclarmos plástico non é máis barato ca o plástico dos combustibles fósiles entón a xente quédase co plástico dos combustibles fósiles. CA: Ese é o problema principal, O plástico reciclado adoita custar máis ca o que vén do petróleo. Non é? AF: Cambiémo-lo ángulo un chisco, Chris. Eu son unha persoa de produtos. Sei que antes había chatarra e ferralla e refugallos de cobre tirados por calquera lado, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento. A xente resolveu que iso ten un valor. É un produto de valor, non un refugallo. Agora as vilas e as cidades, as rúas están limpas, xa non tropezas con refugallos de cobre ou de ferro, porque é un produto de valor, recíclase. CA: Cal é a túa idea para que pase iso cos plásticos? AF: Pois ben, Chris, pasei o doutorado investigando. O mellor de ser un empresario ao que lle foi ben é que a xente te quere ver. Outros empresarios, aínda que lles gustaría revisar unha especie así coma ti, dirán: "Imos todos con Twiggy Forrest". Unha vez que estás aí, pódelos cuestionar. Fun á maioría das empresas de petróleo, gas e produtos de consumo rápido e hai unha vontade real de mudar. A ver, hai un par de dinosauros que van seguir coa esperanza pero non van facer nada, porén, hai unha vontade real de cambio. O que tratei de dicir é que os sete mil millón de persoas no mundo non merecen que o plástico esmague o medio ambiente, nin que a vida mariña dos océanos desapareza polo plástico. Ao baixar na cadea, hai decenas de miles de marcas das que mercamos unha chea de produtos, mais só hai un cento de produtores importantes de resina, grandes plantas petroquímicas, que cospen todo o plástico dun só uso. CA: Un cento de empresas está na base desta cadea, digamos. AF: Xusto. CA: Que precisas que fagan ese cento de empresas? AF: Só precisamos que suban o valor dos compoñentes do plástico de petróleo e gas, do "plástico malo", para que cando chegue a nós, os clientes, a través das marcas, apenas notemos a suba na cunca de café, na Coca-Cola, na Pepsi, en nada. CA: Canto, un céntimo? AF: Menos. Un cuarto ou medio céntimo. Algo ínfimo. Pero converte cada anaco de plástico do mundo nun produto de valor. Onde peor é a situación dos residuos, no Sueste Asiático, na India, é onde habería máis riqueza. CA: Semella que hai dúas partes nisto. A primeira é que, se cobran máis pero aproveitan iso e o destinan, a que? A un fondo dirixido por alguén para que atalle este problema de...? Para que se usarían os cartos adicionais que cobran? AF: Cando falo con empresas moi grandes, dígolles: "Mira, preciso que cambies, e moi rápido". Morren co aburrimento a menos que lles diga: "E hai negocio". "Agora si que te atendo, Andrew". Entón digo: "Preciso da túa contribución cun fondo para a transición medioambiental e industrial. En dous ou tres anos, toda a industria global de plásticos pode pasar de saca-los compoñentes de combustibles fósiles a sacalos do propio plástico. Xa témo-la tecnoloxía. Está comprobado. Da nada, saquei adiante dúas operacións de miles de millóns de dólares, recoñecendo que a tecnoloxía pode mellorar. Hai unha ducia de tecnoloxías para manexar o plástico, polo menos. Unha vez que esas tecnoloxías teñan a marxe económica que lles dá este proxecto, todo o mundo obterá o plástico do plástico que xa existe. CA: Con cada venda de plástico virxe, contribúese a un fondo destinado á transición ecolóxica da industria co que se pagan, por exemplo, limpezas. AF: Claro, claro. CA: Ten un beneficio secundario incrible, se cadra mesmo o principal, xera un mercado. De súpeto, o plástico reciclado é un negocio xigante, unha oportunidade para millóns de persoas que o poden recoller. AF: Exacto. Os plásticos de combustibles fósiles valen tanto e os plásticos reciclados valen tanto. Entón, cámbialo. Para que o reciclado sexa máis barato. O mellor é que desbotamos 300, 350 millóns de toneladas, Segundo as propias empresas de petróleo e gas chegaremos a 500 millóns. É un problema crecente. Pero cada tonelada diso é polímero. A tonelada custa de 1000 a 1500 dólares. Medio billón de dólares que podería ir ás empresas, crear traballo, oportunidades, e riqueza en todo o mundo, sobre todo nos lugares máis empobrecidos. E aínda así, desbotámolo. CA: Isto permitiría ás empresas investiren en plantas de reciclaxe por todo o mundo. AF: Por todo o mundo. Dado que a tecnoloxía é de baixo custo, pódese poñer en calquera lugar, en grandes hoteis, depósitos de lixo en todas partes, e converter o lixo en resina. CA: Ti es filántropo, e estás disposto a destinar fondos a isto. Cal é o rol da filantropía? AF: Creo que temos que aporta-los 40 ou 50 millóns de dólares para comezar. A transparencia ten que ser absoluta, para que todos poidan ver o que acontece. Os produtores de resina, os consumidores, todos han de saber quen participa, quen protexe a Terra, e a quen non lle importa. Vai custar arredor dun millón de dólares á semana e ímolo apoiar durante cinco anos. A contribución total é de case 300 millóns de dólares. CA: Vaia. Ben... (Aplausos) Falaches con empresas, coma Coca-cola, dispostas a participar e a pagar máis, sempre que sexa xusto. AF: É xusto. A Coca-Cola non lle gustaría que Pepsi participe, a menos que se saiba que non o fai. Entón xa lles non importa. A transparencia fai que o mercado poida ver se se engana o sistema. E os consumidores, que tamén queren o seu rol. Nós, sete mil millóns e medio. Non querémo-lo planeta esmagado por cen empresas. CA: Sabemos que poden facer as empresas, e o que ti farías. Que pode facer a xente? AF: Gustaríame que todos nós, en todo o mundo, entrásemos en noplasticwaste.org para contactar cos cen produtores de resina en cada rexión haberá un, polo menos. A través do correo, Twitter, do teléfono. Dilles que queres que fagan unha contribución a un fondo manexado por unha industria, ou polo Banco Mundial, que ao ano, aumenta dez mil millóns de dólares para facer a transición e así consegui-lo plástico do propio plástico e non dos combustibles fósiles. Non precisamos iso. Iso é malo. Isto, bo. E pode limpa-lo medio ambiente. Temos capital dabondo, decenas de millóns de dólares por ano, para limpa-lo medio ambiente. CA: Estás no negocio da reciclaxe. Isto non supón un conflito de intereses ou unha oportunidade de negocio? AF: Mira, estou no negocio do ferro, e compito co da chatarra, e por iso non hai chatarra por aí, non tropezas nin te cortas, porque a recollen. CA: Non é unha escusa para entrar no negocio da reciclaxe do plástico. AF: Voume alegrar cando medre. Vai ser coma a Internet. Unha industria en auxe que se espalle por todo o mundo, sobre todo onde hai máis pobreza, onde hai máis lixo, que é o recurso. Voume alegrar e vou recuar. CA: Twiggy, estamos nunha era na que moita xente quere unha economía rexenerativa, que se transformen as grandes cadeas, as grandes industrias. Paréceme unha idea enorme, e vas precisar que moita xente te apoie para conseguilo. Grazas por compartilo. AF: Grazas, Chris. (Aplausos)