Que é o que nos mantén con saúde e felices
durante a vida?
Se tivésedes que investir agora
no voso mellor futuro,
onde poñeriades o voso tempo
e a vosa enerxía?
Unha enquisa recente
á xeración do milenio
preguntoulles cales eran as metas
máis importantes na súa vida,
e máis do 80 % dixo
que unha meta importante
era facerse ricos.
E outro 50 % deses mesmos adultos novos
dixo que outra meta importante
era ser famosos.
(Risos)
E dísenos constantemente
que traballemos máis, que nos esforcemos
para acadar máis logros.
Dános a impresión de que
debemos perseguir estas cousas
para ter unha boa vida.
As imaxes de vidas enteiras,
das decisións que toma a xente,
e o resultado desas decisións
son case imposibles de obter.
Gran parte do que sabemos da vida
sabémolo pedíndolle á xente
que lembre o seu pasado.
E, como sabemos, a retrospectiva
é todo menos rigorosa.
Esquecemos grandes fragmentos
do que nos ocorre na vida,
e, ás veces, a memoria
é francamente creativa.
Pero, e se puidésemos ver vidas enteiras
conforme se desenvolven no tempo?
E se puidésemos estudar as persoas
desde a adolescencia
ata a vellez
para ver que mantén a xente
feliz e saudable?
Fixémolo.
O Estudo de Desenvolvemento
Adulto de Harvard
pode que sexa o estudo máis longo
sobre a vida adulta na historia.
Durante 75 anos, rastrexamos
a vida de 724 homes,
ano tras ano, preguntámoslles sobre
o seu traballo, a vida doméstica, a saúde,
e, claro, preguntando
todo ese tempo sen saber
como resultarían
as súas historias de vida.
Estudos coma este son moi raros.
Case todos os proxectos deste tipo
véñense abaixo nunha década
porque moitas persoas abandonan o estudo
ou os fondos da investigación rematan
ou os investigadores perden o interese
ou morren, e ninguén continúa
a investigación.
Pero, grazas a unha combinación de sorte
e á perseveranza de varias
xeracións de investigadores,
este estudo sobreviviu.
Uns 60 dos 724 homes orixinais
aínda están vivos,
e aínda participan no estudo,
a maioría deles andan polos 90 anos.
E agora imos comezar a estudar
máis de 2000 fillos deses homes.
E eu son o cuarto director do estudo.
Desde 1938, rastrexamos as vidas
de dous grupos de homes.
O primeiro grupo comezou no estudo
sendo alumnos de segundo ano
na Universidade de Harvard.
Todos remataron a universidade
durante a II Guerra Mundial
e, despois, a maioría
participou na Guerra.
O segundo grupo que seguimos
foi un grupo de rapaces
dos barrios máis pobres de Boston,
rapaces que se elixiron para o estudo
especificamente porque proviñan
dalgunhas das familias
máis problemáticas e desfavorecidas
do Boston dos anos 30.
A maioría vivía en barracas,
moitos sen auga corrente.
Cando comezaron o estudo,
todos estes adolescentes
foron entrevistados.
Fixéronlles exames médicos.
Fomos ás súas casas
e entrevistamos os seus pais.
Despois estes adolescentes
chegaron a ser adultos
que seguiron camiños diversos na vida.
Foron operarios de fábrica,
avogados, albaneis, médicos,
un foi presidente de EE.UU.
Algúns sufriron alcoholismo.
Outros poucos sufriron esquizofrenia.
Algúns subiron na escala social
desde a base ata o cumio,
e outros foron en sentido contrario.
Os fundadores deste estudo
nin nas súas fantasías máis tolas
imaxinarían que eu estaría hoxe aquí,
75 anos despois,
contándovos que o estudo continúa.
Cada dous anos, o noso entregado
e paciente persoal de investigación
chama estes homes e pregúntalles
se podemos enviarlles
outra serie de preguntas
sobre as súas vidas.
Moitos dos homes de Boston
pregúntannos:
"Por que queren seguir estudándome?
A miña vida xa non é interesante."
Os homes de Harvard
nunca fan esta pregunta.
(Risos)
Para obter a imaxe máis clara
destas vidas,
non só lles enviamos cuestionarios.
Entrevistámolos nos seus salóns.
Conseguimos as súas historias clínicas.
Extraémoslles sangue,
escaneamos os seus cerebros,
falamos cos seus fillos.
Gravamos as conversas coas súas esposas
sobre as súas preocupacións.
E cando, hai unha década,
lles preguntamos ás esposas
se querían sumarse como membros do estudo,
moitas mulleres dixeron:
"Vaia, xa era hora".
(Risos)
Que aprendemos?
Que leccións xorden
das decenas de miles de páxinas
de información que xeramos
sobre estas vidas?
Ben, as leccións non teñen que ver
con riqueza, fama nin con traballar moito.
A mensaxe máis clara destes 75
anos de estudo é esta:
As boas relacións fannos
máis felices e saudables. Punto.
Aprendemos tres cousas sobre as relacións.
A primeira é que
as conexións sociais fannos ben,
e que a soidade mata.
Resulta que as persoas
con máis vínculos sociais
coa familia, os amigos, a comunidade,
son máis felices, máis sas e viven máis
que as persoas que teñen menos vínculos.
E experimentar soidade resulta ser tóxico.
As persoas que están máis illadas
do que quererían doutras persoas
atópanse menos felices,
a súa saúde empeora antes
na mediana idade,
as súas funcións cerebrais
decaen máis axiña
e viven menos que as persoas
que non están soas.
E o triste é que, en calquera momento,
máis dun de cada cinco estadounidenses
informarán de que están sós.
E sabemos que podemos estar
sós na multitude
e podemos estar sós nun matrimonio,
por iso a segunda gran lección
que aprendemos
é que non ten que ver
coa cantidade de amigos que temos,
tampouco con que esteamos nunha relación,
o que importa é a calidade
das relacións máis próximas.
Resulta que vivir no medio de conflitos
é moi malo para a saúde.
Os matrimonios moi conflitivos,
por exemplo, sen moito afecto,
resultan ser moi malos para a saúde,
quizais peores que o divorcio.
E vivir en medio de relacións boas
e cálidas protéxenos.
Cando os nosos homes
chegaron aos oitenta e tantos,
quixemos analizar
como foi a súa mediana idade
para ver se podiamos predicir
quen se convertería
nun octoxenario feliz e saudable
e quen non.
E cando recollemos
todo o que non sabiamos deles
aos seus 50 anos,
non foron os niveis de colesterol
da mediana idade
os que predixeron como envellecerían.
Foi o grao de satisfacción
que tiñan nas súas relacións.
As persoas máis satisfeitas
coas súas relacións aos 50 anos
foron as máis saudables aos 80 anos.
E as boas relacións próximas
parecen suavizar
algúns dos achaques da vellez.
Os nosos homes e mulleres
en parella máis felices
informaron, aos seus oitenta e tantos,
de que cando sentían máis dor física
seguían sendo igual de felices.
Pero as persoas que estaban
en relacións infelices,
nos días que informaban
de teren máis dor física,
esta magnificábase
pola dor emocional.
E a terceira gran lección que aprendemos
sobre as relacións e a saúde
é que as boas relacións
non só protexen o corpo,
senón tamén o cerebro.
Resulta que ter
unha relación segura de apego
con outra persoa
aos 80 e tantos dá protección,
que as persoas que teñen relacións
en que senten que poden contar
coa outra persoa se o precisan,
teñen lembranzas máis nítidas
que permanecen máis tempo.
E as persoas que teñen relacións
en que senten que non poden contar
coa outra persoa,
son persoas que perden antes a memoria.
Pero as boas relacións poden
non ser harmoniosas todo o tempo.
Algunhas das nosas parellas
octoxenarias podían pelexar
de cando en vez,
pero mentres sentisen
que podían contar co outro
cando as cousas ían mal
esas pelexas non tiñan repercusións
nas lembranzas.
Pero esta mensaxe,
de que as relacións boas e estreitas
son boas para a saúde e o benestar,
é unha sabedoría vella coma o tempo.
Por que é tan difícil de entender
e tan fácil de ignorar?
Ben, somos humanos.
O que nos gustaría sería un apaño rápido,
algo que poidamos facer
que nos mellore a vida e a manteña así.
As relacións son unha lea,
son complicadas,
e coidar a familia e as amizades
non é atractivo nin glamuroso.
Dura toda a vida. Nunca remata.
No noso estudo de 75 anos as persoas
máis felices na xubilación foron
as que fixeron por substituír compañeiros
de traballo por novos compañeiros de xogo.
Como os da xeración do milenio,
naquela enquisa recente,
moitos dos nosos homes
cando eran adultos novos
pensaban que a fama, a riqueza e os logros
eran o que precisaban acadar
para ter unha boa vida.
Pero unha e outra vez, nestes 75 anos,
o estudo amosou
que a xente á que lle foi mellor
foi aquela que se apoiou nas relacións,
coa familia, con amizades, coa comunidade.
Que hai de vós?
Digamos que tedes 25 ou 40 ou 60 anos.
Que implica entregarse ás relacións?
Ben, as posibilidades son ilimitadas.
Podería ser tan simple como pasar
máis tempo con persoas que con pantallas
ou renovar unha relación esgotada
facendo algo novo xuntos,
camiñadas longas ou citas nocturnas,
ou achegarse a ese familiar
que non vimos en anos,
porque esas liortas familiares tan comúns
teñen repercusións terribles
nas persoas que gardan rancores.
Gustaríame rematar
cunha cita de Mark Twain.
Hai máis dun século,
el estaba mirando cara a atrás a súa vida,
e escribiu isto:
"Non hai tempo, tan breve é a vida,
para liortas, desculpas,
xenreiras, peticións de contas.
Só hai tempo para amar,
e, mesmo para iso, só hai un instante."
A boa vida constrúese con boas relacións.
Grazas.
(Aplausos)