Bo día. Estou encantado de ver tanta xente boa aquí cun sorriso na cara. Teño unha formación, unha actitude e un enfoque moi característico con respecto ao mundo real porque son ilusionista. Prefiro este termo no canto do de mago, porque de selo, iso significaría que uso conxuros e feitizos e acenos estraños co obxectivo de lograr maxia de verdade. Eu non fago iso, son ilusionista unha persoa que simula ser un mago de verdade. Entón, como imos abordar este tema? Dependemos de que vós, o público vai facer presuposicións. Por exemplo, cando cheguei aquí e collín o micrófono do estrado e o acendín supuxestes que isto era un micro pero non o é. De feito, isto é algo co que a metade de vós non está familiarizado. É unha recortadora para a barba, vedes? E é un micrófono pésimo, xa o probei moitas veces. A outra cousa que supuxestes... E esta é unha lección para amosarvos que facedes presuposicións. Non só é que podedes, senón que o facedes se se vos presentan ben. Pensades que vos estou mirando. Non. Non vou estou mirando. Non podo vervos. Sei que estades aí, dixéronmo, está cheo. Sei que estades aí porque vos escoito pero non podo vervos porque uso lentes. Isto non son lentes, é unha montura baleira. Unha montura baleira. Ben, por que se presentaría ante vós un home adulto cunhas lentes sen cristais? Para enganarvos, donas e cabaleiros, para confundirvos e ensinarvos que vós tamén presupoñedes cousas, nunca vos esquezades. Primeiro teño que pór unhas lentes reais para vervos. A verdade sería un detalle. Non sei. Non é un gran detalle tampouco. Teño que facer algo que é un pouco estraño para un mago. Vou tomar uns medicamentos. Isto é un bote enteiro de Calms Forte. Explicareino nun intre. Non lle fagades caso ás instrucións; iso é o que o goberno pon aí para confundirvos, estou seguro. Tomarei abondas. Vou tomar todo o bote, de feito. 32 comprimidos de Calms Forte. Agora que xa o fixen (e que explicarei logo) teño que dicirvos que son actor. Son un actor que ten un papel en específico. O meu papel é o de mago Se queredes, un mago dos de verdade. Se alguén se presenta neste escenario diante de min e afirma que é un antigo príncipe de Dinamarca chamado Hamlet sentiriádesvos insultados, e con razón. Por que alguén pensaría que que creriades tal barbaridade? Pero hai moita xente aí fóra unha morea de xente que vos dirá que teñen poderes psíquicos e máxicos. Que poden predicir o futuro e que poden contactar cos mortos. Tamén din que vos venderán astroloxía e outros métodos de adiviñación. Venderánvolos de boa gana. E tamén din que poden darvos aparellos de movemento perpetuo e xeradores de enerxía gratis. Afirman ser médiums ou sensitivos, o que poidan. Pero o que está sendo moi importante agora é o negocio de falar cos mortos. Agora ben, para a miña mente inocente a morte implica incapacidade para comunicarse. Igual estades de acordo comigo nisto. Pero esta xente intentará dicirvos que non só se poden comunicar cos mortos "Ei, que tal" senón que tamén os poden escoitar e que lle poden transmitir esta información aos vivos. Será certo? Non o creo, porque esta subcultura usa os mesmos trucos que usamos os magos –os mesmiños– os mesmos métodos físicos e psicolóxicos. Enganan profundamente a millóns de persoas no mundo para a súa desgraza. Enganan a esta xente, fanlle gastar moitos cartos e provócanlle moita angustia emocional. Gástanse miles de millóns de dólares cada ano, en todo o mundo nestes falabaratos. Ben, hai dúas preguntas que me gustaría facerlles de ter a oportunidade de facelo. Primeira: quero preguntarlles se poden chamar... porque os escoitan a través dos oídos. Oen os espíritos así. Voulles pedir que contacten co fantasma da miña avoa porque cando morreu, era ela quen tiña o testamento e agachouno nalgún lado. Non sabemos onde está así que preguntámoslle: "onde está, avoíña?" E que dixo a avoíña? Dixo: "estou no ceo e isto é marabilloso. Estou aquí cos meus amigos, a miña familia e todos os cadeliños e gatiños que tiven cando era unha cativa. Quérovos, e estarei sempre convosco. Adeus." E non respondeu o demo de pregunta! Onde está o testamento? Porque tamén podería dicir: "No segundo estante, detrás da enciclopedia" Pero iso non nolo dixo, non. Non nos dou ningunha información relevante. Pagamos moitos cartos por esa información e non a demos conseguido. A segunda pregunta que lles faría é bastante simple. Supoñamos que lles pido que contacten co espírito do meu sogro falecido, por exemplo. Por que insisten en dicirche... (lembra, fálanlle ao oído) Por que din: "O meu nome empeza por J ou M?" Estamos xogando ás adiviñas? O gato e o rato? Que é? Son 20 preguntas? Non, máis ben 120. Pero é cruel, desapiadado totalmente de mala fe (Estou ben, quedade nos asentos) ao que xogan estas persoas. Aprovéitanse dos inocentes, dos inxenuos dos que sofren, das persoas necesitadas. Este é un proceso que se chama lectura en frío. Hai un tipo que se chama Van Praagh. É unha das eminencias desta trapallada. John Edward, Sylvia Browne e Rosemary Altea son outros artistas. Hai centos deles no mundo, pero neste país James Van Praagh é moi famoso. E que fai? Gústalle contarche como faleceron os mortos. (a xente que lle fala ao oído, vedes?) Pois o que di, normalmente, é así: "Ante de morrer, díxome que lle custaba respirar". Home, iso é o que vén sendo morrer! Paras de respirar e logo morres. Así de fácil. E ese é o tipo de información que che van dar? Non o creo. Esta xente vai adiviñando, din cousas como: "Por que me chega esta electricidade?" E dinme: "Electricidade". "Era electricista?" -Non. "Tiña unha afeitadora eléctrica?" -Non. Era un xogo de adiviñar, coma este. E así saen do paso. A xente pregúntanos moito na Fundación James Randi chámanme e dinme: "por que estás tan preocupado? Non é divertido?". Non, non é. É unha farsa cruel. Pode que che dea un pouco de consolo pero ese consolo dura uns 20 minutos. Despois esa xente mírase no espello e di: Paguei moitos cartos por ese contacto. E que me dixo? "Quérote!" Sempre din iso. Non lles dan nada de información non obteñen nada polo que gastan. Sylvia Browne é a máis viva. Chamámoslle "a gadoupas" Sylvia Browne -grazas- Sylvia Browne é a máis viva agora mesmo neste negocio. Ben, Sylvia Brown (só para ensinárvolo) cobra 700 dólares por un contacto a través do teléfono de 20 minutos. Nin sequera vai alí en persoa e tes que esperar ata dous anos porque xa ten reservas para todo ese tempo. Pagas con tarxeta de crédito ou o que sexa e despois chámate nalgún momento dos dous anos seguintes. Sabes que é ela. "Boas, son Sylvia Browne". É ela, non hai fallo. Montel Williams é un home intelixente. Vémolo na televisión. Está formado, é listo sabe o que fai Sylvia Browne pero impórtalle un rabo de can. Tanto lle dá coma tanto lle ten. Ao cabo e ao remate, aos patrocinadores gústalles e vana expoñer seguido na publicidade. Que che dá Sylvia Browne por 700 dólares? Dáche os nomes dos teus anxos da garda. E que sen iso, como se pode vivir? Diche os nomes das túas vidas pasadas e quen fuches noutra vida. Boh. Resulta que todas as mulleres ás que lles fai un contacto eran todas princesas babilonias, ou así e os homes eran guerreiros gregos que loitaban con Agamenón. Nunca se fala da pequena limpadora de botas de Londres que morreu de tise. Non paga a pena recordala. E o raro disto... non sei se vos decatastes. Vedes estes tipos na televisión e nunca chaman a ninguén do inferno. Todos volven do ceo, ninguén do inferno. Se chamaran a algún dos meus amigos que non o van facer... Xa se imaxinan. Sylvia Browne é una excepción, unha excepción só nun sentido. Na miña fundación ofrecemos 1 millón de dólares en obrigas negociables. Doadísimo de gañar. Só tes que demostrar un suceso paranormal, de ocultismo ou sobrenatural de calquera clase en condicións de observación adecuadas. Doadísimo, gaña o millón de dólares. Sylvia Browne é unha excepción porque é a única médium profesional en todo o mundo que aceptou o noso reto. Fíxoo nun programa da CNN hai seis anos e medio. E aínda non temos noticias dela. Cousa rara. Primeiro dixo iso e logo que non sabía como contactar comigo. Boh. Unha médium profesional que fala cos mortos e non dá contactado comigo? Estou vivo, como podedes comprobar. Ben, bastante ben igualmente. Non podía contactar comigo, pero agora di que non quere porque son un impío. Con máis razón quererías gañarme o millón de dólares non cres, Sylvia? Hai que parar a esta xente, agora en serio. Hai que paralos porque é unha farsa cruel. Chega xente á Fundación seguido. Arruinados emocional e economicamente porque puxeron todos os seus cartos e fe nesa xente. Tomei unhas pastillas ao principio e agora téñovolo que explicar. A homeopatía, que vén sendo isto. Algo escoitastes, supoño. É unha forma alternativa de curación, non? A homeopatía consiste... É isto. Isto é Calms Forte. 32 pastillas para durmir! Esquecérame de dicírvolo. Acabo de inxerir 6 días e medio de pastillas para durmir. 6 días e medio é unha dose letal, sen dúbida. Aquí detrás pon: "En caso de sobredose chame inmediatamente ao centro de toxicoloxía" e pon un número gratuíto. Tranquilos, non vos preocupedes. Non fai falla, levo facendo este truco para o público en todo o mundo durante os últimos 8 ou 10 anos. Tomei moitas doses letais de pastillas para durmir homeopáticas. E por que non me afectan? A resposta igual vos sorprende. Que é a homeopatía? Pois é tomar unha menciña que funciona de verdade e diluíla moito máis do límite de Avogadro. Diluíla ata o punto no que xa non queda nada. Isto non é só unha metáfora, é certo o que vos digo. Isto é exactamente igual ca coller unha aspirina de 325 miligramos guindala no medio do lago Tahoe e despois remexela, obviamente cun pau ben gordo e esperar uns dous anos ata que a solución sexa homoxénea. Despois, cando che doia a cabeza bebes un grolo desta auga e, voilà! xa non che doe! Isto é o que vén sendo a homeopatía. E outra das cousas que din, esta vaivos gustar moito é que canto máis dilúes unha menciña máis potente é. Esperade, oín falar dun tipo de Florida. O pobre estaba a tomar una menciña homeopática. Morreu de sobredose. Esqueceuse de tomar a súa menciña. Pensádeo, pensádeo. É ridículo. Totalmente ridículo. Non sei que facemos crendo nestas parvadas tanto tempo. Deixádeme que vos diga que a Fundación Educativa James Randi está ofrecendo un gran premio. Tamén teño que dicir que que ninguén acepte a oferta non significa que eses poderes non existan. Igual si, por algún lado. Igual esas persoas non precisan os cartos. Por exemplo, con Sylvia Browne eu pensaríao. 700 dólares por un contacto telefónico de 20 minutos Cobra máis que un avogado! É unha cantidade incrible de cartos. Pode que esa xente non precise un millón de dólares pero non pensades que lles gustaría gañarnos só por deixarme de parvo? Por desfacerse deste impío do que Sylvia Browne fala seguido? Creo que hai que facer algo en serio. Gustaríame escoitar algunha das vosas propostas para contactar coas autoridades federais, estatais e locais para que fagan algo ao respecto. Se sabedes como... Si, xa sei vemos xente, aínda hoxe en día, que nos fala da epidemia da SIDA, de nenos morrendo de fame no mundo, de xente que ten que sufrir a falla de auga potable. Esas cuestións son moi importantes, cruciais, incluso. Temos que facer algo para resolvelas. Pero ao mesmo tempo como dixo Arthur C. Clarke: A podremia da mente humana o negocio de crer no paranormal e no oculto e o sobrenatural... En todas estas trapalladas, este pensamento medieval... Hai que facer algo e a solución reside na educación. En gran parte, os medios de comunicación teñen a culpa de todo isto. Fomentan descaradamente todo tipo de trapalladas destas porque aos patrocinadores gústanlle polo pan baila o can. O carto. Niso se fixan. Temos que facer algo de verdade. Estou disposto a escoitar as vosas propostas e tamén quero que entredes na nosa web É www.randi.org Entrade e mirade os arquivos e comezaredes a entender moito máis sobre o que vos contei hoxe aquí. Veredes todos os documentos que temos. Non hai nada como sentarte nesa biblioteca e ver a historia dunha familia cuxa nai regalou todos os aforros que tiñan. Regalou os CD, as accións, os certificados de valores. É triste escoitalo e non lles axudou nadiña. Non solucionou ningún dos seus problemas. Pode que a mente estadounidense podreza e tamén a de todo o mundo se non comezamos a ser sensatos con estes temas. Ofrecemos este premio e como digo, poñémolo en bandexa. Estamos esperando a que veñan médiums e nolo quiten. Veñen unha morea deles centos de persoas por ano. Falabaratos e outras persoas que pensan que poden falar cos mortos pero son principiantes; non saben como avaliar os seus supostos poderes. Os profesionais non adoitan vir onda nós coa excepción de Sylvia Browne da que vos falei hai un chisco. Aceptou e logo botouse atrás. Donas e cabaleiros, son James Randi e estou agardando. Grazas.