Os químicos orgánicos fan moléculas, moléculas moi complicadas, esfarelando unha molécula grande noutras máis pequenas e usando enxeñaría inversa. Como químico, unha das cousas que quixen preguntar ao meu grupo de investigación hai uns anos é: poderiamos crear un laboratorio químico universal realmente atractivo? Basicamente, poderiamos reducir a química a unha aplicación? Que significaría isto e como o fariamos? Para comezar, collemos unha impresora 3D e imprimimos os nosos vasos e tubos de ensaio nun lado e logo imprimimos a molécula ao mesmo tempo no outro lado, combinándoos no que denominamos “louza de reacción”. Así, imprimindo o recipiente e facendo a química a un tempo, comezamos a acceder a estas ferramentas universais da química. E que quere dicir isto? Se conseguimos integrar redes biolóxicas e químicas como nun buscador, de xeito que se tes unha célula enferma que precisas curar ou unha bacteria que queres matar, se o tes integrado no teu dispositivo ao mesmo tempo, e se realizas os procesos químicos, serás capaz de producir medicamentos dun xeito novo. E como estamos a facer isto no laboratorio? Ben, precisamos software, precisamos hardware e precisamos tintas químicas. O verdadeiramente interesante é a idea de crear un conxunto universal de tintas que podemos pór na impresora, e ti descargas o modelo, a química orgánica para esa molécula, e créala no dispositivo. Entón, podes preparar a túa molécula na impresora usando este software. Que significaría isto? Pois, isto significaría poder imprimir o teu propio medicamento. E isto é o que estamos a facer actualmente no laboratorio. Pero para dar os primeiros pasos cara a alí, antes queremos estudar o deseño e produción de fármacos, ou o seu descubrimento e fabricación. Porque se podemos producilos despois de descubrilos, poderiamos implementalo en calquera lugar. Xa non cómpre acudir a unha farmacia. Podemos imprimir medicamentos onde se precisen. Podemos descargar novos diagnósticos. Digamos que aparece unha nova superbacteria. Pola no buscador e creas o fármaco para tratar a ameaza. Isto permite construír moléculas ao momento. Mais, talvez, para min, a parte principal, a longo prazo, é a idea de coller as túas células nai, cos teus xenes e o teu ambiente, e imprimir os teus medicamentos personalizados. E se isto non lles parece abondo fascinante, cara a onde cren que estamos a ir? Ben, terán o seu propio xerador de materia. Teletranspórtame, Scotty. (Aplausos)