Quero comezar
falando un pouco das miñas credenciais
para poder sacar o tema a colación
porque, sinceramente,
non deberiades escoitar
a ningunha persoa de certa idade
que estea a falar sobre o COVID-19.
(Gargalladas)
Hai 20 anos que traballo
no campo da saúde global
e a miña especialización son
os sistemas sanitarios
e o que lles pasa
cando levan un duro golpe.
Traballei tamén
como xornalista da saúde global,
escribín sobre saúde global
e bioseguridade
para xornais e páxinas web,
e hai uns anos publiquei un libro
sobre as maiores ameazas
para a saúde global do noso planeta.
Apoiei e dirixín traballos epidemiolóxicos
que van desde a avaliación
de centros de tratamento do ébola
ata o estudo da transmisión da tuberculose
en centros médicos,
pasando pola preparación
contra a gripe aviaria.
Teño un mestrado en Saúde Internacional.
Non son doutora.
Non son enfermeira.
Non son especialista en atención médica
nin no coidado de pacientes.
Son especialista no estudo de poboacións
e sistemas sanitarios:
no que acontece cando as enfermidades
se moven a grande escala.
Se clasificamos as fontes
que dominan o tema da saúde global
nunha escala do un ao dez
onde o un é un calquera
queixándose en Facebook,
e o dez, a Organización Mundial da Saúde,
eu diría que me podedes situar
entre un sete e un oito.
Tédeo en conta mentres vos falo.
Empezarei polo máis básico
porque creo que anda un pouco perdido
entre todo o balbordo dos medios
falando sobre a COVID-19.
A COVID-19 é un coronavirus.
Os coronavirus son un subgrupo
específico de virus
que teñen unha serie
de características únicas:
usan ARN en lugar de ADN
como material xenético,
e a superficie do virus
está cuberta dunhas espículas
que utilizan para invadir células.
Esas espículas son a “coroa”
no coronavirus.
Coñecemos a COVID-19
como o novo coronavirus
porque ata decembro só sentíramos falar
de seis coronavirus.
A COVID-19 é o sétimo.
É novo para todos nós.
Acaba de ser secuenciado.
Acaba de ser bautizado.
Velaquí por que é novo.
Recordades a SARS,
Síndrome Respiratoria Aguda Grave?
Ou a MERS,
Síndrome Respiratoria do Oriente Medio?
As dúas eran cousa de coronavirus.
E chamámoslles síndromes respiratorias
porque iso é o que fan os coronavirus:
van polos teus pulmóns.
Non fan devolver,
non fan sangrar polos ollos,
non producen hemorraxias.
Van directos aos pulmóns.
A COVID-19 non é diferente.
Causa unha serie de síntomas respiratorios
que van desde tose seca e febre
ata unha terrible pneumonía vírica.
E esa serie de síntomas é unha das razóns
polas que está sendo tan difícil
rastrexar este brote.
Hai moita xente que pasa a COVID-19
dun xeito tan leve,
cuns síntomas tan lenes
que nin tan sequera van ao médico,
non se rexistran no sistema.
En particular, a infancia
teno moi fácil coa COVID-19,
algo que temos que agradecer.
Os coronavirus son zoonóticos:
transmítense dos animais ás persoas.
Algúns coronavirus, como a COVID-19,
tamén se transmiten entre persoas.
Estes últimos viaxan
máis rápido e máis lonxe,
como a COVID-19.
É moi difícil desfacerse
de enfermidades zoonóticas
porque teñen un reservorio animal.
Un exemplo é a gripe aviaria:
podemos eliminala en animais de granxa,
en pavos, en patos...
pero segue aparecendo cada ano
porque a traen de volta paxaros salvaxes.
Non se fala moito dela
porque a gripe aviaria non se transmite
de persoa a persoa,
pero cada ano temos brotes
en granxas avícolas de todo o mundo.
A COVID-19 pasou probablemente
de animais a persoas
nun mercado de animais salvaxes
en Wuhan, China.
Entremos agora en cuestións menos básicas.
Este non é o último gran brote
que imos ver.
Vai haber máis brotes
e vai haber máis epidemias.
Non é un "se cadra".
É un feito.
É o resultado
do xeito en que os seres humanos,
nos estamos a relacionar co planeta.
As decisións humanas
lévannos a unha situación
en que imos ver máis brotes.
En parte polo cambio climático,
que aumenta a temperatura global
e fai o mundo máis acolledor
para os virus e as bacterias.
Pero tamén por como explotamos os últimos
recunchos salvaxes da Terra ao máximo.
Cando queimamos e esnaquizamos
a selva do Amazonas
para conseguir terra barata
destinada á gandería,
cando convertemos en granxas
o que queda da sabana africana,
cando cazamos animais salvaxes
en China e os levamos á extinción,
poñémonos en contacto
con poboacións salvaxes
que ata o momento estaban illadas,
e esas poboacións
teñen novas enfermidades:
bacterias, virus...
cousas para as que non estamos preparados.
Particularmente os morcegos
adoitan ter enfermidades
que poden afectar a outras persoas,
pero non son os únicos.
Mentres sigamos facendo accesibles
lugares que antes eran remotos,
os brotes seguirán reaparecendo.
Non podemos parar os brotes
con corentenas ou restricións para viaxar.
Esa é a primeira reacción de calquera:
"Hai que recluír á xente!",
"Hai que parar este brote!"
O feito é que é moi difícil
establecer unha boa corentena.
É moi difícil poñer
restricións para viaxar.
Mesmo os países que fixeron
grandes investimentos en saúde pública,
como os EE.UU. e Corea do Sur,
non poden pór en práctica a tempo
todas esas restricións
para parar inmediatamente un brote.
Hai motivos loxísticos e médicos
para explicar isto.
Se ollamos agora cara á COVID-19,
parece que hai un primeiro período
de infección asintomático
de máximo 24 días.
Así que a xente pasea polas rúas
sen manifestar síntomas do virus.
Non son postos en corentena
porque ninguén sabe que a necesitan.
A corentena e as restricións de viaxes
teñen tamén un prezo real.
Os seres humanos son animais sociais
e opóñense a estar recluídos
e retidos nun lugar
cando intentamos separalos.
Xa vimos no brote do ébola que,
tan pronto se establece unha corentena,
a xente empeza a escapar dela.
Hai pacientes concretos que, se saben
que hai un protocolo de corentena estrito,
non van querer acudir ao médico
por medo ao sistema médico
ou por non poder pagar a asistencia
e non queren separarse
da familia e dos amigos.
Os políticos e os funcionarios do goberno,
cando hai que implantar unha corentena,
se teñen que falar de brotes e casos,
poden ocultar información real por medo
a desatar un protocolo de corentena.
Obviamente, as fuxidas e a deshonestidade
son o que máis dificulta
o rastrexo un brote.
Podemos mellorar as corentenas
e as restricións de viaxe.
Deberiamos.
Pero non son a nosa única opción,
e tampouco a mellor
para tratar estas situacións.
O xeito real a longo prazo
para facer menos graves os brotes
é crear un sistema de saúde global
que apoie as funcións básicas sanitarias
en todos os países do mundo
para que todos, mesmo os máis pobres
poidan identificar e tratar
novas enfermidades infecciosas
tan pronto como xurdan.
China recibiu moitas criticas
pola súa resposta fronte á COVID-19.
Pero que pasaría se a COVID-19
xurdira en Chad,
onde hai tres médicos e medio
por cada 100.000 habitantes?
E se pasara
na República Democrática do Congo,
onde acaban de lle dar a alta
ao último paciente de ébola?
O certo é que estes países
non teñen os recursos necesarios
para afrontar unha enfermidade infecciosa:
nin para tratar á xente,
nin para informar con rapidez
para axudar ao resto do mundo.
Dirixín unha avaliación dos centros
de tratamento do ébola en Serra Leoa,
e o feito é que os médicos alí
identificaron a crise do ébola
moi rapidamente,
primeiro como un virus
hemorráxico contaxioso e perigoso
e despois como o propio ébola.
Pero unha vez identificado
non tiñan os recursos para responder:
non tiñan suficientes médicos,
non tiñan suficientes camas
e non tiñan suficiente información
sobre como tratar o ébola
ou como implementar
un control de infección.
Once médicos morreron
en Serra Leoa polo ébola.
O país só tiña 120 cando empezou a crise.
Pola contra,
o Centro Médico Dallas Baylor ten un cadro
de persoal de máis de mil médicos.
Estas son as desigualdades
que matan persoas.
Primeiro matan á xente pobre
cando comeza o brote,
e despois matan xente por todo o mundo
cando o brote se espalla.
Se realmente queremos reducir
o ritmo dos brotes
e o seu impacto,
temos que asegurarnos
de que todos os países do mundo
teñan a capacidade
de identificar novas enfermidades,
de tratalas,
e de entendelas
para poder compartir esa información.
A COVID-19 vai ser unha enorme carga
para os sistemas sanitarios.
A COVID-19 vén de nos facer ver
algunhas debilidades reais
no sistema global de subministración
de produtos sanitarios.
Facendo un pedido a tempo,
os sistemas de produción axustada
son xeniais se todo vai ben,
pero en tempos de crise significan
a ausencia de reservas.
Se un hospital (ou un país)
queda sen máscaras
ou sen equipamento
de protección individual,
non hai ningún almacén cheo de caixas
ao que poder acudir.
Hai que pedir máis aos provedores,
hai que esperar a que os produzan,
e hai que esperar a que os envíen,
xeralmente desde China.
Iso é unha demora nun momento
en que se necesita velocidade.
Se estivésemos perfectamente preparados
para a COVID-19,
China identificaría o brote
con máis rapidez.
Estarían preparados
para atender as persoas infectadas
sen necesidade de construír
novos edificios.
Compartirían información honesta
coa cidadanía
para que non houbera rumores espallándose
polas redes sociais en China.
E compartirían información
coas autoridades sanitarias mundiais
para empezar a informar
aos sistemas sanitarios nacionais
e prepararse para o espallamento do virus.
Os sistemas sanitarios nacionais
terían tempo de abastecerse
co equipamento de protección necesario
e de adestrar aos profesionais da saúde
no tratamento e control da infección.
Teriamos protocolos baseados na ciencia
para saber que facer en situacións
como as dos cruceiros
con persoas infectadas.
E as persoas terían a man
información real en todas partes
para que non tivéramos que ver
lamentables incidentes de xenofobia,
como xente atacando a persoas
con trazos asiáticos en Philadelphia.
Pero malia todo,
seguiría habendo brotes.
As decisións que tomamos
sobre como habitamos a Terra
fano inevitable.
Mentres non exista
un consenso de expertos sobre a COVID-19,
nos EE.UU. e globalmente
a situación vai seguir empeorando
antes de mellorar.
Estamos a ver casos de transmisión
en persoas que non volven dunha viaxe,
casos que simplemente
xorden nunha comunidade,
e estamos a ver xente infectada
coa COVID-19
sen ter nin idea da orixe desa infección.
Son signos dun brote que vai a peor,
non dun brote baixo control.
É deprimente, pero non sorprendente.
Os expertos en saúde global,
ao falaren do escenario de novos virus,
ven o actual como
un deses escenarios posibles.
Todos esperabamos que fora sinxelo,
pero cando os expertos falan
sobre planificación viral,
é exactamente así como esperan
que o virus avance.
Quero rematar isto cun consello persoal.
Lavade as mans.
Lavade moito as mans.
Xa sei que as lavades moito
porque non sodes uns porcos,
pero lavádeas aínda máis.
Creade rutinas no voso día a día
para lavar as mans.
Lavade as mans cada vez que entredes
e saiades dun edificio.
Lavade as mans cando vaiades
e volvades dunha cita.
Facede de lavar as mans un ritual.
Desinfectade os vosos teléfonos.
Tocamos o teléfono coas mans sucias
todo o tempo.
Xa sei que o levades ao baño con vós.
(Gargalladas)
Así que desinfectade os vosos teléfonos
e non os usedes tanto en público.
Ao mellor podemos usar TikTok
e Instagram só na casa.
Non toquedes a cara.
Non focedes nos ollos.
Non mordades as unllas.
Non asoedes o nariz co dorso da man.
Por favor, non o fagades, é noxento.
(Gargalladas)
Non levedes unha máscara.
As máscaras son para xente enferma
e para persoal sanitario.
Se estades enfermos, a máscara
retén toses e espirros
e protexe á xente ao voso redor.
E se sodes persoal sanitario,
a máscara é unha ferramenta
entre as moitas outras
do equipamento de protección individual
que saberedes utilizar
para dar unha atención axeitada
sen poñervos enfermos vós mesmos.
Se sodes persoas sas normais
e poñedes unha máscara,
só vos vai facer suar.
(Gargalladas)
Deixade as máscaras nas tendas
para os médicos, as enfermeiras
e a xente enferma.
Se pensades que tedes síntomas
da COVID-19,
quedade na casa e chamade ao médico.
Se vos diagnostican a COVID-19
lembrade que adoita ser lene.
Se sodes fumadores,
este é o mellor momento posible
para deixar de fumar.
Quero dicir, se fumades,
calquera momento é o mellor
para deixar de fumar,
pero se sodes fumadores
e tedes medo da COVID-19,
garántovos que deixar de fumar
é o mellor que podedes facer
para vos protexer
das peores consecuencias da COVID-19.
A COVID-19 mete medo,
nun momento en que practicamente
todas as noticias meten medo.
E hai xeitos tan atractivos
como negativos para afrontalo:
pánico, xenofobia,
agorafobia, autoritarismo,
mentiras simplificadas que nos fan crer
que o odio, a ira e a soidade
son a solución aos brotes.
Pero non é así.
Simplemente fannos estar menos preparados.
Tamén hai outras opcións
tan aburridas como útiles
que podemos usar fronte aos brotes,
cousas como mellorar o sistema sanitario
aquí e en todo o mundo;
investir en infraestruturas sanitarias
e no control de enfermidades
para saber cando hai
enfermidades novas en camiño;
construír sistemas sanitarios
por todo o mundo;
reforzar as cadeas de subministración
para que estean listas para emerxencias;
e mellorar a educación,
para que poidamos falar de brotes
e de matemáticas de risco
sen entrar nun pánico sen sentido.
Témonos que guiar pola equidade,
porque nesta situación, como noutras,
a equidade é polo noso propio interese.
Así que moitas grazas pola vosa atención,
e espero ser a primeira en dicirvos:
lavade as mans en canto saiades de aquí.
(Gargalladas)
(Aplausos)