A táboa periódica recoñécese ao instante.
Non só está nos laboratorios
do mundo enteiro,
senón tamén en camisetas,
cuncas e cortinas de baño.
Pero a táboa periódica non é só
outra icona de moda.
É un exemplo perfecto do inxenio humano,
ao nivel do Taj Mahal, a Mona Lisa
ou o sándwich de xeado.
E o seu creador, Dmitri Mendeleiev,
unha lenda da ciencia.
E por que?
Que hai de xenial nel e na súa táboa?
Foi porque fixo unha lista exhaustiva
dos elementos coñecidos?
Piiiii! Un lugar no Panteón da Ciencia
non se acada só por facer unha lista.
Ademais, Mendeleiev nin sequera foi
a primeira persoa que a fixo.
Será porque Mendeleiev agrupou
os elementos con propiedades similares?
Tampouco. Iso tamén se fixera antes.
E entón, cal foi o xenio de Mendeleiev?
Vexamos unha das primeiras versións
da táboa periódica, aí polo 1870.
Aquí vemos elementos designados
con símbolos de dúas letras,
organizados nunha táboa.
Fíxense na entrada da columna 3,
liña 5.
Alí hai unha raia.
Dese modesto marcador xorde
a brillantez pura de Mendeleiev.
Esa raia é ciencia.
Poñendo a raia aí, Dmitri facía
unha declaración audaz.
Dicía --e agora parafraséoo--
"Ninguén descubriu aínda este elemento.
Ata daquela, voulle dar un nome.
Está a un recadro do aluminio,
así que imos chamarlle eka-aluminio.
En sánscrito 'eka' significa 'un'.
Ninguén descubríu aínda o eka-aluminio,
así que non sabemos nada sobre el, non?
Falso! Partindo da súa posición na táboa
podo contarvos todo sobre el.
Primeiro, un átomo de eka-aluminio
ten un peso atómico de 68,
é case 68 veces máis pesado
ca un átomo de hidróxeno.
Cando o eka-aluminio se ille veredes que é
un metal sólido a temperatura ambiente.
É brillante, conduce moi ben a calor,
Pode aplanarse en follas,
estirarse en arames,
pero ten un punto de fusión baixo,
estrañamente baixo.
Ah, e un centímetro cúbico
ha pesar 6 gramos."
Mendeleiev podía prever todo isto
só vendo onde estaba o espazo en branco,
e cos seus coñecementos do comportamento
dos elementos que o rodeaban.
Poucos anos despois desta previsión,
un francés, chamado
Paul Emile Lecoq de Boisbaudran,
descubriu un novo elemento
en mostras de minerario
e chamoulle "galio", por "Galia",
o nome histórico de Francia.
O galio está a un paso do aluminio
na táboa periódica.
É o eka-aluminio. Entón as previsións
de Mendeleiev foron acertadas?
O peso atómico do galio é 69,72.
Un centímetro cúbico pesa 5,9 gramos.
É un metal sólido a temperatura ambiente,
pero fóndese a uns simples 30º Celsius
(85º Fahrenheit).
Derrétese na boca ou nas mans.
Mendeleiev non só acertou de todo co galio
senón que tamén previu outros elementos
descoñecidos na época:
escandio, xermanio, renio...
O elemento que el chamou eka-manganeso
chámase hoxe tecnecio.
É tan raro que non puido illarse ata que
foi sintetizado nun ciclotrón en 1937,
case 70 anos despois de que Dmitri
predixera a súa existencia,
30 anos despois da súa morte.
Dmitri morreu en 1907 sen acadar o Nobel,
pero acabou recibindo
unha honra moito máis exclusiva.
En 1955, científicos da Un. de Berkeley
crearon 17 átomos
dun elemento descoñecido ata daquela.
Este elemento encheu un recadro baleiro
na táboa periódica, no número 101,
e recibiu oficialmente
o nome de mendelevio en 1963.
Máis de 800 persoas
gañaron xa o premio Nobel,
pero só 15 científicos lle deron
o seu nome a un elemento.
Así que a próxima vez que mires
para unha táboa periódica
na parede dunha aula,
ou nunha cunca de cinco euros,
Dmitri Mendeleiev,
o arquitecto da táboa periódica,
estará mirando para ti.