Cando tiña seis anos, recibín os meu regalos. A miña mestra de primeiro tivo unha idea brillante. Quería que tivésemos a experiencia de recibir regalos e tamén a de aprender a cumprimentarnos mutuamente. Así que nos fixo ir a todos á fronte da clase, compráranos regalos e puxéraos nunha esquina. E dixo: "Por que non nos gabamos uns aos outros? Cando escoitedes o voso nome, ide, collede o voso regalo e sentade." Que idea máis marabillosa, non si? Como podía ir a cousa mal? (Risos) Pois, para comezar, eramos 40 e cada vez que eu oía o nome de alguén daba o viva máis intenso. E quedaban só 20 persoas, e quedaban só dez persoas, e cinco... e tres. E eu era un deses. E os cumprimentos pararon. Nese momento, eu choraba. A profesora púxose moi nerviosa. Dicía "Ei, quen lle di algo agradable a esta xente?" (Risos) "Ninguén? Ben, pois ide coller o voso regalo e sentade. E sede bos, o ano que vén quizais alguén diga algo bonito de vós." (Risos) Ao describirvos isto, seguro que vos decatastes de que o lembro moi ben. (Risos) Mais eu non sei quen se sentiu peor ese día. Eu ou a profesora? Ela debeu decatarse de que convertera un xogo de cooperación nun escarnio público para tres nenos de seis anos. E sen ningunha graza. Cando vedes xente da que se moquean na TV, é gracioso. Ese día non houbo nada gracioso. Así que esa era unha versión de min, e preferiría morrer antes que volver a estar nesa situación, volver a ser rexeitado en público. Esa é unha versión. Agora imos aos meus oito anos. Bill Gates veu á miña cidade, Pequín, China, para dar unha charla, e eu pillei a súa mensaxe. Namoreime daquel tipo. Pensei: "Xa sei o que quero facer". Esa noite escribinlle unha carta á miña familia dicindo: "Aos 25 anos, vou crear a compañía máis grande do mundo e esa compañía vai comprar Microsoft." (Risos) Aferreime a esa idea de conquistar o mundo, dominalo. Non o inventei, de verdade escribín esa carta. E aquí está. (Risos) Non tedes que lela. (Risos) Tiña mala letra pero marcara as palabras importantes. Colledes a idea. (Risos) Así que... Esa era outra versión de min: alguén que ía conquistar o mundo. Dous anos máis tarde, xurdiume a oportunidade de vir aos EUA. Agarreina, porque era onde vivía Bill Gates, non? (Risos) Pensei que era o comezo do meu camiño como empresario. Agora, avancemos outros 14 anos. Tiña 30. Non, non creei aquela empresa. Nin sequera comecei. Era director comercial nunha empresa Fortune 500. E sentíame bloqueado; estaba estancado. Por que? Onde está o rapaz de 14 anos que escribiu esa carta? Non é porque non o intentase. É porque cada vez que tiña unha idea, cada vez que quería intentar algo novo, mesmo no traballo, que quería facer unha proposta, que quería falar en fronte dun grupo de xente, sentía que estaba nunha loita constante entre o rapaz de 14 anos e o de 6. Un quería conquistar o mundo, marcar a diferenza, o outro tiña medo do rexeitamento. E sempre gañaba o rapaz de seis anos. Este medo persistiu cando creei a miña propia empresa. Quero dicir, empecei a miña empresa cando tiña 30, se queredes ser Bill Gates tedes que comezar antes ou despois, non? Cando pasei a ser empresario, presentóuseme a oportunidade de que alguén investise, e rexeitáronme. E ese rexeitamento doeume. E doeume tanto que quixen abandonar todo alí mesmo. Pero pensei: "Ei, Bill Gates abandonaría tras un rexeitamento para investir? Abandonaría así calquera outro empresario con éxito? Nin falar." E aquí é onde me dei de conta. Ben, podo crear unha compañía mellor. Podo crear un equipo mellor ou un produto mellor, pero unha cousa está clara: Teño que ser un líder mellor. Teño que ser unha persoa mellor. Non podo deixar que aquel rapaz de 6 anos dirixa a miña vida. Teño que poñelo no seu lugar. Así foi como me metín na rede e busquei axuda. Google era o meu amigo. (Risos) Busquei: "Como superar o medo ao rexeitamento?" Atopei unha morea de artigos psicolóxicos sobre de onde veñen o medo e a dor. Despois atopei unha morea de artigos inspiradores. "Non o tomes como un asunto persoal, supérao." Quen non sabe iso? (Risos) Pero por que seguía tan asustado? Entón, atopei esta páxina por casualidade. Chámase rejectiontherapy.com. (Risos) "A terapia do rexeitamento" era un xogo inventado por un empresario canadiense. O seu nome é Jason Comely. Basicamente, a idea é que durante 30 días saias e busques o rexeitamento, e que cada día te rexeiten en algo e, ao final, deixas de ser sensible á dor. Encantoume a idea. (Risos) Dixen: "Sabes que? Vou facelo. E vou sentirme rexeitado durante 100 días." E xurdíronme ideas propias sobre o rexeitamento e fixen un vídeo blog diso. E aquí está o que fixen. Así é o blog. Día 1: (Risos) Pídelle prestados 100 dólares a un descoñecido. Así que fun a onde traballaba. Baixei as escaleiras e vin un home grande sentado nun escritorio. Parecía un garda de seguridade. Así que me aproximei. Ía camiñando e foi o camiño máis longo da miña vida, o pelo da caluga de punta, estaba suando, o corazón batíame. Cheguei alí e dixen: "Señor, pode prestarme 100 dólares?" (Risos) Miroume e dixo: "Non. Por que?" E simplemente dixen: "Non? Canto o sinto." Dei media volta e corrín. (Risos) Sentín moita vergoña. Pero, como me gravara, esa noite vinme a min mesmo sendo rexeitado, vin o asustado que estaba. Parecía o rapaz de "O sexto sentido." Vexo xente morta. (Risos) Pero despois vin o home. Sabedes, non era tan ameazador. Era un home gordiño e encantador, mesmo me preguntou: "Por que? De feito, convidoume a explicarme. E puiden dicir moitas cousas. Puiden explicarme. Puiden negociar. Non fixen nada diso. Só corrín. Sentín, uau, que aquilo era como un microcosmos da miña vida. Cada vez que sentía o mínimo rexeitamento, corría o máis rápido que podía. E sabedes que? Ao día seguinte, pasase o que pasase, non ía correr. Ía quedar. Día 2: Pide unha "recarga de hamburguesa". (Risos) Fun a unha hamburguesaría, rematei de xantar e fun á caixa e dixen: "Ola, podo reencher a hamburguesa?" (Risos) El estaba moi confuso, como "Que é iso?" (Risos) Dixen: "É como coa bebida pero cunha hamburguesa." E dixo: "Síntoo, non o facemos, ho." (Risos) Aquí foi onde ocorreu o rexeitamento e podería fuxir, pero quedei. E dixen: "Encántanme as hamburguesas, encántame este sitio e se facedes unha recarga de hamburguesa, encantarédesme máis." (Risos) E dixo: "Ben, direillo ao meu xefe, quizais o fagamos, pero síntoo, hoxe non pode ser." Despois marchei. E a propósito, non creo que fixesen a recarga de hamburguesa. (Risos) Creo que aínda están alí. Pero o sentimento de vida ou morte que sentín a primeira vez xa non estaba, só porque quedei, porque non fuxín. Dixen: Xenial, estou aprendendo cousas. Xenial." E despois, Día 3: Consigue donuts olímpicos. Aquí, a miña vida púxose patas arriba. Fun a un Krispy Kreme. É unha tenda de donuts que hai, sobre todo, no Sueste dos EUA. Seguro que tamén a hai aquí. E entrei, e dixen: "Podedes facerme donuts que parezan símbolos olímpicos? Basicamente, é entrelazar cinco donuts xuntos..." Non había maneira de que dixesen que si, non? A que facía os donuts tomoume moi en serio. (Risos) Ela sacou papel, comezou a debuxar as cores e os aneis, pensando como podería facelo. E 15 minutos máis tarde, saíu cunha caixa parecida aos aneis olímpicos. Eu estaba emocionado. Non o podía crer. Ese vídeo conseguiu máis de 5 millóns de visitas en Youtube. O mundo tampouco podía crelo. (Risos) Sabedes, a causa diso, aparecín nos xornais, en charlas, en todo. Fíxenme famoso. Moita xente comezou a escribirme correos dicindo: "O que estás facendo é incrible." Pero, sabedes, a fama e a notoriedade non me dicían nada. O que eu quería era aprender e cambiarme a min mesmo. Así que cambiei o resto dos 100 días de rexeitamento nun patio de xogos, nun proxecto de investigación. Quería saber o que podía aprender. E aprendín moitas cousas. Descubrín tantos segredos. Por exemplo, atopei que se non fuxía ao ser rexeitado, podía converter un "non" nun "si", e a palabra máxica é "por que". Así que un día fun á casa dun estraño, levaba esta flor na man, chamei á porta e dixen: "Podo plantar esta flor no teu patio?" (Risos) E dixo: "Non." Pero antes de que el marchase dixen: "Podo saber por que? E dixo: "Teño un can que arrinca todo o que planto no patio. Non quero estragar a túa flor. Se o queres facer, cruza a rúa e fala con Connie. Encántanlle as flores." Así que fixen iso. Crucei a rúa e petei na porta de Connie. Estaba encantada de verme. (Risos) E media hora máis tarde, a flor estaba no patio de Connie. Seguro que loce mellor agora. (Risos) Mais se eu marchase despois do rexeitamento inicial pensaría que era porque o tipo non se fiaba de min, porque estaba tolo, porque non vestía ben, non tiña boa pinta. Non era nada diso. Era porque o que eu tiña non encaixaba co que el quería. Fiouse de min dabondo para recomendarme, usando un tecnicismo das vendas. Convertinme nun recomendado. Entón, un día..., tamén aprendín que podo dicir certas cousas e aumentar as posibilidades de ter un si. Así que, por exemplo, un día fun a Starbucks, e pregunteille ao xerente: "Ei, podo ser un saudador de Starbucks?" E el: "Que é un saudador de Starbucks?" Dixen: "Coñeces os saudadores de Walmart? Sabes, esa xente que che di 'ola' cando entras na tenda e vixía para que non roubes nada, basicamente? Gustaríame darlles unha experiencia Walmart aos clientes de Starbucks." (Risos) Ben, non estou seguro de que sexa unha boa cousa... De feito, estou bastante seguro de que é algo malo. E el: "Oh." Si, era así, chámase Eric... Di: "Non estou seguro." Así foi a súa reacción: "Non estou seguro." Pregunteille: "É moi raro?" E el: "Si, é moi raro, tío." Pero tan pronto como o dixo, o seu comportamento cambiou. Foi coma se eliminase todas as dúbidas. E dixo: "Si, podes facelo, pero que non quede raro." (Risos) E durante unha hora fun saudador de Starbucks. Díxenlle "ola" a cada cliente que entrou, e desexeille boas vacacións. A propósito, non coñezo a vosa traxectoria laboral, non sexades un saudador. (Risos) Foi moi aburrido. Pero descubrín que puidera facelo porque dixen: "É moi raro?" Mencionei a dúbida que el tiña. E que mencionase "É moi raro?" significaba que eu non era raro. Significaba que eu estaba pensando xusto coma el, véndoo como unha cousa rara. E outra vez, e outra vez, Aprendín que se mencionaba algunha dúbida que a xente podía ter antes de facer a pregunta, xa gañaba a súa confianza. A xente tendía máis a dicirme que si. E aprendín que podía acadar o soño da miña vida preguntando. Sabedes, veño de catro xeracións de profesores, a miña avoa sempre me dixo: "Jia, podes facer o que queiras, mais sería xenial se foses profesor." (Risos) Pero eu quería ser un empresario, e non o fun. Pero sempre tiven o soño de ensinar algo. E pensei: "E se pregunto e imparto unha clase na facultade?" Vivía en Austin daquela, fun á Universidade de Texas en Austin, petei ás portas dos profesores e dixen: "Podo ensinar na túa clase?" Non conseguín nada as primeiras dúas veces. Pero grazas a que non fuxín, seguino intentando, e no terceiro intento o profesor quedou impresionado. Dixo: "Ninguén fixo isto antes." Eu entrara preparado con presentacións e a miña lección. Dixo: "Ei, podo usar isto." Por que non volves en dous meses? Encaixareino no currículo." E dous meses máis tarde eu daba unha clase. Este son eu, pode que non o vexades, é unha foto mala. Sabedes, ás veces, somos rexeitados pola iluminación. (Risos) Mais..., cando rematei esa clase, saín chorando, porque pensei que podería acadar o meu soño simplemente preguntando. Acostumaba pensar que tiña que ser perfecto en todo, ser un gran empresario, facer un PhD para ensinar..., mais non, só preguntei, e puiden ensinar. E nesa foto, que non podedes ver, citei a Martin Luther King, Jr. Por que? Porque na miña investigación atopei que a xente que cambia o mundo, que cambia a forma en que vivimos e en que pensamos, é a xente que ao comezo atopou rexeitamentos a miúdo violentos. Xente como Martin Luther King Jr., como Mahtama Gandhi, Nelson Mandela ou mesmo Xesús. Esa xente non deixou que o rexeitamento a definise. Permitiron que a súa propia reacción ao seu rexeitamento os definise. E aceptaron o rexeitamento. E non temos que ser eles para aprender sobre rexeitamento. No meu caso, o rexeitamento foi a miña maldición, foi a miña besta negra. Angustioume toda a miña vida porque estaba fuxindo del. E comecei a aceptalo. Transformeino no mellor regalo da miña vida. Comecei a ensinarlle á xente como mudar rexeitamento en oportunidade. Usei o meu blog, usei o meu discurso, usei o libro que acabo de publicar, incluso estou creando tecnoloxía para axudar a superar o medo ao rexeitamento. Cando te rexeitan na vida, cando enfrontas un obstáculo ou un fracaso, considera as posibilidades. Non fuxas. Se os aceptas, tamén poden chegar a ser o teu regalo. Grazas. (Aplauso)