A vista é o sentido máis importante
e fundamental que temos.
Estamos constantemente mirando
ao mundo que nos rodea,
e rapidamente identificamos e
comprendemos o que estamos vendo.
Comecemos cun exemplo
disto que comento.
Vouvos ensinar
a fotografía dunha persoa,
tan só durante un ou
dous segundos,
gustaríame que identificarades
cal é a emoción
da súa cara.
Estades listos?
Veña! Dicide o primeiro
que pensedes.
Vale. Que vistes?
Nós preguntámoslles
a máis de 120 persoas,
e os resultados foron variados.
A xente non se poñía de acordo
en cal era a emoción
que vían.
Quizais, vistes malestar.
Esa é a resposta máis común
que recibimos.
Pero, a persoa
da vosa esquerda
puido dicir arrepentimento
ou escepticismo,
e a da vosa dereita
se cadra dixo algo
completamente distinto,
como esperanza ou empatía.
Todos estamos vendo
a mesma cara.
E podemos ver algo
totalmente diferente,
porque a percepción é subxectiva.
O que pensamos que vemos
en realidade pasa polo filtro
da nosa propia mente.
Por suposto, hai moitos máis exemplos
de como vemos o mundo
desde a nosa perspectiva.
Imos ver algúns.
As persoas que están a dieta,
por exemplo,
ven as mazás máis grandes
que os que non están contando calorías.
Os xogadores de sóftbol ven
a pelota máis pequena
se pasan unha mala racha
en comparación
cos que tiveron éxito.
De feito, as nosas
conviccións políticas tamén
afectan á forma na que vemos á xente,
incluídos aos políticos.
O meu equipo de investigación e mais eu
decidimos probar esta hipótese.
En 2008, Barack Obama
era candidato á presidencia
por primeira vez,
e levamos a cabo un estudo
con centos de estadounidenses
un mes antes das eleccións.
A enquisa mostrou
que algúns estadounidenses pensan
que fotos coma estas
reflicten o aspecto real de Obama.
Desas persoas, o 75%
votaron por el nas eleccións.
Outros, porén,
pensaban que fotos coma estas
reflectían mellor
o verdadeiro aspecto de Obama.
O 89% destas persoas
votaron por McCain.
Mostramos moitas fotos de Obama
unha de cada vez,
de modo que a xente non se daba conta
de que o que cambiábamos
dunha foto a outra
era que aclaráramos ou
escurecéramos
artificialmente o ton da pel.
Como é isto posible?
Como pode ser que cando
miramos a unha persoa,
un obxecto ou un acontecemento
vexamos algo completamente diferente
de como o ven os demais?
Hai moitas razóns,
pero unha require que entendamos
un pouco mellor o funcionamento
dos nosos ollos.
Os especialistas en visión saben
que a cantidade de información
que podemos percibir nun momento dado,
que podemos enfocar,
en realidade é moi pequena.
O que podemos ver con gran nitidez,
claridade e precisión
é equivalente
á superficie do noso polgar
tendo o brazo estendido.
Todo o demais é borroso,
o que fai que o resto
da información
se presente como ambigua
para os nosos ollos.
Pero hai que aclarar
e dar sentido ao que vemos,
e é a nosa mente a que nos axuda
a completar os espazos baleiros
Como consecuencia, a percepción
é unha experiencia subxectiva
e é así como acabamos vendo
desde o noso punto de vista.
Son psicóloga social,
son estes temas os que espertan
en min verdadeiro interese.
Fascínanme estes casos nos que
as persoas non ven o mesmo.
Por que alguén pode ver
o vaso medio cheo
mentres que outros, literalmente,
o ven medio baleiro?
Que pensamentos e sentimentos
os leven a ver o mundo
dunha maneira completamente diferente?
E acaso importa?
Para responder a estas preguntas
o meu equipo de investigación e máis eu
decidimos investigar a fondo
un tema que recibiu
moita atención internacional:
a saúde e a condición física.
En todo o mundo
a xente loita por controlar o seu peso,
e hai unha serie de estratexias
que nos axudan a evitar
eses quilos de máis.
Por exemplo, poñemos moito empeño
en facer exercicio despois das vacacións,
pero a maioría de estadounidenses
descobren que
os seus propósitos
de aninovo
quedan en nada o día de San Valentín.
Falámonos
e dámonos ánimo,
prometéndonos que este é o ano
para poñerse en forma,
pero non é suficiente para que volvamos
ao noso peso ideal.
Por que?
Claro que non hai unha resposta simple,
pero unha das razóns
que sosteño,
é que o noso punto de vista
traballa contra nós.
Algunhas persoas ven
o exercicio físico
como algo difícil,
mentres que outras o ven
como algo moi fácil.
Como primeiro paso
para comprobar estas cuestións
reunimos datos obxectivos
sobre a condición física dos candidatos.
Medimos a súa cintura,
comparámola coa circunferencia
das súas cadeiras.
Un índice cintura-cadeira alto
indica unha peor forma física
que un índice cintura-cadeira baixo.
Despois de tomar estas medidas,
pedímoslles aos participantes
que camiñaran ata unha liña de meta
levando peso,
como nunha carreira.
Pero antes de facelo,
pedímoslles que estimaran a distancia
ata a liña de meta.
Pensamos que a súa condición física
podería cambiar a forma
na que percibían esa distancia.
Que encontramos?
Ben, a proporción entre cintura e cadeira
predixo a percepción da distancia.
A xente que non estaba en forma
veu a distancia á liña de meta
considerablemente maior
que os que estaban en mellor forma.
A súa condición física
afectaba á maneira na que
percibían o seu contorno.
O cerebro tamén é capaz de facelo.
De feito, os nosos corpos e mentes
actúan conxuntamente
para cambiar a forma na que vemos
o mundo que nos rodea.
Isto levounos a pensar que tal vez
a xente moi motivada
e coa seria intención de facer exercicio,
podería ver a liña de meta máis achegada
que as persoas menos motivadas.
Para comprobar se a motivación
afecta á nosa percepción desta maneira,
realizamos un segundo estudo.
Unha vez máis, recollimos datos obxectivos
acerca da condición física das persoas,
medindo a circunferencia da cintura
e da cadeira,
e realizámoslles outras probas físicas.
Baseándose na información que lles demos
algúns participantes dixéronnos
que non estaban motivados
para facer máis exercicio.
Sentían que xa alcanzaran
os seus obxectivos
e non tiñan intención de facer máis.
Non estaban motivados.
Porén, outros, polos nosos comentarios,
dixeron que estaban máis motivados
para exercitarse.
Tiñan un grande interese en chegar á meta.
Pero, unha vez máis,
antes de poñerse a camiñar
pedímoslles que estimaran a distancia.
A canto estaba a liña de meta?
E, de novo, coma no estudo previo,
encontramos que a relación
cintura-cadeira
predixo a percepción da distancia.
A xente en baixa forma
observou unha distancia maior
e sentiu que a meta estaba máis lonxe
que as persoas en mellor forma.
O importante e que isto só lles ocorría
a persoas que non estaban motivadas
para facer exercicio.
Fronte a estes,
os que estaban
moi motivados para adestrar
vían a distancia máis curta.
Incluso os participantes en peor forma
viron a liña de meta
tan cerca ou incluso
máis cerca
que os que estaban en mellor forma.
Así que o noso corpo
pode cambiar
a distancia aparente ata a liña de meta,
pero a xente comprometida
cunha meta alcanzable,
á que se pode ater nun futuro próximo,
e que cre que é capaz
de logralo,
en realidade ve a proba máis fácil.
Isto fixo que nos preguntáramos se
haberá algunha estratexia que
poidamos utilizar,
e que lle ensine á xente,
que axudara a cambiar
as súas percepcións da distancia,
e que lles fixera ver
que facer exercicio pode ser máis fácil?
Así que buscamos
na literatura especializada
para determinar o que debíamos facer,
e a partir do que limos,
desenvolvemos unha estratexia
que chamamos "Mantén os ollos
na meta".
Este non é un slogan
dalgún cartel motivacional.
É realmente unha directriz
para saber como ver o contorno.
Ás persoas que adestraban
con esta estratexia
dixémoslles que puxeran a súa atención
na liña de meta,
que evitaran mirar ao redor,
que se imaxinaran un punto
brillando na meta
e que deixaran todo ao seu redor
borroso
e difícil de ver.
Criamos que esta estratexia
axudaría a que o exercicio
parecese máis fácil.
Comparouse este grupo
cun grupo de control.
Dixémoslle a este último grupo
que seguise observando o seu contorno
como xa facía.
Que viran a liña de meta,
pero que tamén observaran
o caldeiro do lixo da dereita
ou a xente e o farol da esquerda.
Pensabamos que a xente
que ía utilizar esta estratexia
percibiría a súa meta
a unha maior distancia.
Que encontramos?
Cando lles pedimos
que estimaran a distancia,
tivo éxito a estratexia
que lles axudaba a cambiar
a percepción do contorno?
Si.
As persoas que mantiveron
os ollos fixos na meta
viron a liña de meta
un 30% máis cerca que a xente
que á vez observaba o seu contorno
como de costume.
Pensamos que era fantástico.
Estábamos moi contentos
porque iso significaba
que esta estratexia
axudaba a que facer exercicio
parecese máis fácil.
Pero a gran pregunta era:
podería isto axudar
a mellorar o adestramento?
Podería tamén
mellorar a calidade
do adestramento?
A continuación, dixémoslles
aos nosos participantes
que ían ir á liña de meta
levando unha carga adicional.
Puxémoslles pesos nos nocellos
equivalentes
ao 15% do seu peso corporal.
Dixémoslles que levantaran os xeonllos
e que camiñaran máis
rápido á liña de meta.
Deseñamos este exercicio en particular
para que fora moderadamente difícil
pero non imposible,
como a maioría de exercicios
que realmente melloran a condición física.
A gran pregunta era:
manter os ollos na meta,
ben enfocados na liña de meta,
cambiou a súa experiencia
ao facer exercicio?
Así foi.
Os que centraron os seus ollos na meta
indicaron máis tarde que tiveron
que facer un 17% menos de esforzo
para realizar os mesmos exercicios
que a xente que observaba
o seu contorno con naturalidade.
Isto modificou a súa
experiencia subxectiva
do exercicio.
Tamén cambiou o carácter obxectivo
do exercicio.
Os que mantiveron os seus
ollos na meta
movéronse un 23% máis rápido
que os demais.
Para que se fagan unha idea,
un aumento do 23%
e como intercambiar
o seu Chevy Citation de 1980
por un Chevrolet Corvette de 1980.
Estabamos moi contentos
porque significaba que unha estratexia
que non custa nada
e que é fácil de utilizar,
tanto para os que están en forma
como para os que lles costa chegar,
tiña un grande impacto.
Manter os ollos na meta
facía que o exercicio parecera
e fora máis fácil,
incluso aínda cando
a xente se esforzaba máis,
ao ir máis rápido.
Xa sei que a boa saúde é algo máis
que simplemente ir un pouco
máis de présa,
pero manter os ollos na meta
pode ser unha estratexia adicional,
útil para promover
un estilo de vida saudable.
Se aínda non están convencidos
de que todos vemos o mundo
desde o noso punto de vista,
déixenme darlles un último exemplo.
Esta é unha foto dunha fermosa rúa
de Estocolmo
na que se ven dous coches.
O coche de atrás parece máis grande
que o coche de diante.
Porén, en realidade,
estes coches son do mesmo tamaño,
pero esa non é a forma na que os vemos.
Significa iso
que o noso ollo non funciona ben
e que o noso cerebro é un desastre?
Non, en absoluto.
É só como funcionan
os nosos ollos.
Podemos ver o mundo de maneira diferente,
e ás veces non coincide
coa realidade,
pero iso non quere dicir
que un de nós teña a razón
e o outro non.
Todos vemos o mundo
desde o noso punto de vista
pero podemos aprender
a velo dunha maneira diferente.
Podo pensar en días
nos que todo me saíu mal.
Estou farta, irritable, cansada,
vou atrasada no traballo,
e hai unha gran nube negra
por riba da miña cabeza;
e neses días,
paréceme que todos
ao meu redor
tamén están deprimidos.
O meu compañeiro de traballo
parece irritado
cando lle pido unha prórroga
da data límite,
e o meu amigo parece frustrado
cando chego tarde ao xantar
porque unha reunión se prolongou,
e cara ao final do día
o meu home está decepcionado,
porque eu prefiro ir
durmir que ao cine.
E en días coma estes,
cando todo o mundo parece
molesto e enfadado comigo,
trato de recordar
que hai outra maneira de velo.
Quizais o meu compañeiro
estaba confundido,
talvez, o meu amigo estaba preocupado,
e talvez o meu home
estaba sendo comprensivo.
Todos vemos o mundo
desde o noso punto de vista,
e algúns días, o mundo
pode parecer un lugar perigoso,
difícil e insuperable,
pero non ten por que parecer
así todo o tempo.
Podemos aprender a velo
dunha maneira diferente,
e cando encontremos unha maneira
de facer que o mundo
se vexa máis agradable
e todo pareza máis fácil,
tal vez, entón, se converta niso.
Grazas.
(Aplausos)