Teño tendencia a asumir o peor,
e de cando en vez,
este costume xógame malas pasadas.
Por exemplo, se sinto unha dor
inesperada no corpo
que nunca antes sentira
e que non sei a que atribuír,
de súpeto a miña mente pode
pensar que é unha cardiopatía
ou que unha dor no papo da perna
é unha trombose venosa.
Pero ata agora, non me diagnosticaron
ningunha doenza fatal ou incurable.
Ás veces, temos dores sen razón aparente.
Pero non todo o mundo ten
tanta sorte coma min.
Cada ano, máis de 50 millóns de persoas
morren no mundo.
Especialmente en economías
con altos ingresos como a nosa,
un gran número das mortes están causadas
por enfermidades de evolución lenta:
cardiopatía, enfermidade pulmonar crónica,
cancro, alzhéimer, diabetes,
por nomear algunhas.
A humanidade fixo progresos enormes
diagnosticando e tratando moitas delas.
Mais estamos nun momento
no que non se pode avanzar máis en saúde
soamente desenvolvendo tratamentos novos.
E isto é evidente cando vemos un aspecto
que moitas destas enfermidades
teñen en común:
a probabilidade dun tratamento exitoso
depende fortemente de cando se empeza.
Pero unha enfermidade normalmente só
se detecta cando hai síntomas.
O problema é que hai enfermidades
que, de feito, poden ser asintomáticas,
e por tanto imperceptibles,
durante moito tempo.
Por isto, hai unha persistente necesidade
de novos métodos
de detección nos primeiros estadios,
antes de que empecen os síntomas.
Na asistencia sanitaria
chámaselle rastrexo,
que, segundo a definición
da Organización Mundial da Saúde,
é "a presunta identificación
dunha enfermidade non recoñecida
nunha persoa aparentemente sa,
mediante probas... que se poden facer
rápida e sinxelamente..."
É unha definición longa,
así que a vou repetir:
Identificación dunha enfermidade
non recoñecida
nunha persoa aparentemente sa
mediante probas que se poden facer
rápida e sinxelamente.
E quero pór especial énfase
nas palabras "rápida e sinxelamente"
porque moitos dos métodos que existen
son exactamente o contrario.
E aqueles de vós que pasarades
por unha colonoscopia
como parte dun rastrexo
de cancro colorrectal
saberedes o que quero dicir.
Obviamente, hai unha gran variedade
de ferramentas dispoñibles
para levar a cabo as probas.
Isto vai dende técnicas de escaneamento
como a radiografía
ou a resonancia magnética
ata análises de sangue ou tecidos.
Todos fixemos esas probas.
Pero hai un medio que pasamos por alto
durante moito tempo:
un medio de fácil acceso,
basicamente inesgotable,
e que alberga grandes expectativas
nas análises médicas.
e é o noso alento.
O alento humano está constituído
esencialmente por cinco compoñentes:
nitróxeno, oxíxeno,
dióxido de carbono, auga e argon.
Pero ademais destes cinco, hai centos
doutros compoñentes
presentes en moi pequenas cantidades.
Chámanse compostos orgánicos volátiles,
e soltamos centos, incluso miles,
cada vez que exhalamos.
A análise destes compostos
orgánicos volátiles no noso alento
chámase análise do alento.
De feito, creo que moitos de vós
xa experimentastes a análise do alento.
Imaxinade: estades indo
para casa de madrugada,
cando de súpeto,
aparece un amable policía
que vos pide cordialmente
pero con firmeza
que estacionedes na beiravía
e sopredes por un aparato coma este.
Isto é un alcoholímetro
que se usa para medir
a concentración de etanol no alento
e determinar se conducir
nesas condicións é unha boa idea.
Eu digo que conduciría bastante ben,
pero deixádeme comprobar.
(bip)
0,0, así que nada do que preocuparse,
todo ben.
(Risas)
Agora imaxinade un aparato coma este,
que non só mide os niveis de alcohol
no voso alento,
senón que detecta enfermidades
como as que citei antes
e potencialmente outras máis.
O concepto de correlacionar
o cheiro do alento dunha persoa
con certos problemas médicos,
de feito, remóntase á Grecia antiga.
Pero as investigacións sobre a análise
do alento só se dispararon recentemente,
e o que unha vez fora un soño
estase a converter nunha realidade.
E permitídeme que volva sacar
esta lista que vos ensinei antes.
Para a maioría das enfermidades
aquí enumeradas,
hai abundantes probas científicas
que suxiren que a enfermidade podería
detectarse cunha análise de alento.
Pero como funciona exactamente?
A parte esencial é un sensor
que detecta os compostos orgánicos
volátiles no noso alento.
É dicir: cando está exposto
a unha mostra de alento,
o sensor produce unha marca complexa
que resulta da mestura de compostos
orgánicos volátiles que exhalamos.
Esta marca representa
unha pegada do teu metabolismo,
o teu microbioma
e os procesos bioquímicos
que ocorren no teu corpo.
Se tes unha enfermidade,
o teu organismo cambiará,
e tamén o fará a composición
do teu aire exhalado.
E logo o último que queda por facer
é correlacionar tal marca
coa presenza ou ausencia
de certos problemas médicos.
A tecnoloxía promete
varios beneficios innegables.
En primeiro lugar, o sensor
pode facerse en miniatura
e integrarse en aparatos
pequenos e portátiles
como este alcoholímetro.
Isto permitiría usar a proba
en moitas situacións diferentes
e incluso na casa,
para que ir ao médico
non sexa necesario cada vez
que haxa que facer unha proba.
En segundo lugar, a análise do alento
non é invasiva
e resulta tan sinxela
coma soprar nun alcoholímetro.
Esta simpleza e comodidade
reduciría a carga para o paciente
e achegaría un incentivo
para adoptar a tecnoloxía de forma xeral.
E en terceiro lugar,
a tecnoloxía é tan flexible
que o mesmo aparato pode empregarse
para detectar un gran número
de problemas de saúde.
A análise do alento poderíase usar
para detectar moitas enfermidades á vez.
Hoxe en día, cada enfermidade require
un instrumento médico diferente
para realizar un exame.
Pero isto significa que só podes atopar
o que estás a buscar.
Con todas estas prestacións,
a análise do alento está destinada
a ofrecer o que lles falta
a moitas probas tradicionais.
E o máis importante,
todas estas prestacións
deberían proporcionar co tempo
unha plataforma para análises médicas
que poida operar
a un atractivo baixo custo por proba.
Pola contra,
os instrumentos médicos existentes
adoitan implicar grandes custos por proba.
Entón, con fin de manter os custos baixos,
o número de probas
ten que estar restrinxido,
e iso supón que
a) as probas só se poden realizar
nunha parte reducida da poboación,
por exemplo, na de alto risco;
e b) o número de probas por persoa
tense que manter reducido ao mínimo.
Mais non sería beneficioso
realizar a proba en grupos
máis grandes de xente,
con máis frecuencia e durante un período
maior para cada individuo?
Especialmente o último daría acceso
a algo moi valioso
chamado datos lonxitudinais.
Os datos lonxitudinais son un conxunto
de datos que monitorizan o mesmo paciente
ó longo de moitos meses ou anos.
Actualmente, as decisións médicas adoitan
basearse nun conxunto limitado de datos,
onde só hai dispoñible unha ollada
ó historial médico dun paciente
para a toma de decisións.
Neste caso,
as anomalías detéctanse normalmente
comparando o perfil sanitario dun paciente
co perfil sanitario medio
dunha poboación de referencia.
Os datos lonxitudinais abrirían
unha nova dimensión
e permitirían detectar anomalías
baseándose no propio historial médico
dun paciente.
Isto abrirá o camiño
para un tratamento personalizado.
Soa bastante ben, non?
Agora teredes unha pregunta
que será máis ou menos así:
"Se a tecnoloxía é tan boa como di,
por que non se utiliza na actualidade?"
E a única resposta que vos podo dar é:
non todo é tan fácil como soa.
Hai desafíos técnicos, por exemplo.
Está a necesidade de sensores
extremadamente fiables
que poidan detectar mesturas
de compostos orgánicos volátiles
coa suficiente reproducibilidade.
E outro desafío técnico é este:
Como tomar mostras do alento de alguén
de xeito tan definido
para que o propio proceso de mostraxe
non altere o resultado da análise?
E está a necesidade de información.
A análise do alento precisa ser validada
en ensaios clínicos,
e hai que recoller suficientes datos
para que as condicións individuais
poidan medirse con respecto ós estándares.
A análise do alento só pode funcionar
se se pode xerar un gran conxunto de datos
e facelo accesible ao uso xeral.
Se a análise do alento
cumpre as expectativas,
é unha tecnoloxía que de verdade
nos podería axudar
a transformar o noso sistema sanitario;
transformalo dun sistema reactivo
no que o tratamento o poñen en marcha
os síntomas de enfermidade
a un sistema proactivo,
no que a detección de enfermidades,
o diagnóstico e o tratamento
poden ocorrer nun estadio inicial,
moito antes de que se dean os síntomas.
Isto lévame ó último punto,
e é un fundamental.
Que é exactamente unha enfermidade?
Imaxinade que a análise do alento
poida ser comercializada como digo,
e a detección anticipada fose rutineira.
O problema que queda é, de feito,
un problema
ó que debe enfrontarse
calquera medida de prevención
porque, para moitas enfermidades,
é á miúdo imposible predicir
con suficiente seguridade
se unha enfermidade chegaría
a causar síntomas
ou poñer a vida dunha persoa en perigo.
Isto é o sobrediagnóstico,
e leva a un dilema.
Se se identifica unha enfermidade,
poderías elixir non tratala
porque hai una probabilidade
de que nunca a vaias sufrir.
Pero canto sufrirías
soamente sabendo que tes unha enfermidade
potencialmente mortal?
E non te arrepentirías
de que se detectase a enfermidade
en primeiro lugar?
A segunda opción é someterse
a un tratamento anticipado
coa esperanza de curala.
Mais normalmente isto provocaría
efectos secundarios.
Para ser precisos:
o maior problema non é o sobrediagnóstico,
é o sobretratamento,
porque non todas as enfermidades
teñen que tratarse ao momento
só porque haxa un tratamento dispoñible.
A crecente adopción
de exames rutineiros
implicará a cuestión:
a que chamamos “enfermidade”,
que pode xustificar o seu tratamento,
e que é unha “anomalía” que non debería
ser motivo de preocupación?
Teño a esperanza de que as probas
rutineiras usando a análise do alento
acheguen suficientes datos
e mellor comprensión
para que nalgún momento,
poidamos romper este dilema
e predicir con suficiente seguridade
se tratar e cando nun estadio inicial.
O noso alento e a mestura de compostos
orgánicos volátiles que exhalamos
conteñen gran cantidade de información
sobre a nosa condición fisiolóxica.
Co que sabemos hoxe,
só rozamos a superficie.
Canta máis información e perfís de alento
recollamos en toda a poboación,
incluíndo todo tipo de xénero, idade,
orixe e estilo de vida,
maior será o poder da análise do alento.
E, co tempo, esta podería proporcionar
unha potente ferramenta
non só para detectar proactivamente
enfermidades específicas
senón tamén para predicilas
e finalmente previlas.
E esta debería ser motivación suficiente
para aproveitar as oportunidades e
desafíos
que pode presentar a análise do alento,
incluso para a xente que non é
hipocondríaca a media xornada coma min.
Grazas.
(Aplausos)