Cando era nena miña nai e mais eu fixemos un trato. Deixábame tres días libres cada semestre para desconectar e descansar se seguía a irme ben na escola. Todo porque comecei a ter problemas de saúde mental cando tiña só seis anos. Sempre fun o que os meus profesores de primaria calificarían como "aprehensiva" pero máis tarde, descubrimos que se trataba de ansiedade postraumática e depresión. Por iso crecer foi moi duro. Preocupábanme moitas cousas que a outros rapaces non e na escola ás veces atafegábame. Todo iso desencadeou moitos ataques de ansiedade, de pánico... ás veces era superprodutiva e outros días non daba pé con bóla. Isto ocorría cando aínda non se falaba tanto da saúde mental como agora, especialmente da saúde mental na xuventude. Algúns semestres aproveitaba ao máximo eses días de descanso, e noutros casos, non os necesitaba. Pero poder contar con eles facíame unha estudante feliz, sa e exitosa. Agora uso técnicas que aprendín de nena para axudar a outros estudantes con problemas de saúde mental. Quérovos ofrecer algunhas ideas acerca da saúde mental adolescente: que nos ocorre, como acabamos así e que podemos facer? Pero primeiro precisades comprender que aínda que non todo o mundo ten unha patoloxía coma a miña, absolutamente todos, todos vós, tedes a vosas cousas. Todos temos un cerebro que precisa ser coidado como coidamos do benestar físico. A cabeza e o corpo están conectados por moito máis que o pescozo. As afeccións mentais maniféstanse inclusive en formas físicas, como náuseas, dores de cabeza, cansazo e dificultade para respirar. E como a saúde mental é unha cousa de todos, non deberiamos pensar en solucións accesíbeis para todos? Iso lévame á segunda parte da miña historia. Cando estaba no instituto conseguira controlar moi ben a miña saúde mental. Era unha alumna brillante, e presidía a Asociación de Consellos de Estudantes de Oregón. Pero foi daquela cando comecei a decatarme que a saúde mental era un problema que ía moito máis alá do meu persoal. Por desgraza, na miña vila houbo moitos suicidios durante o meu primeiro ano de instituto. Vía esas traxedias que estremecían a nosa comunidade, e como presidenta dun grupo estatal, escoitaba cada vez máis historias de que acontecía o mesmo nas vilas doutros estudantes. No campamento de verán de 2018, xuntámonos uns 100 estudantes de secundaria para falar da saúde mental da mocidade. Que podiamos facer? Abordamos a conversa con moita empatía e honestidade, e o resultado foi abraiante. O que máis me sorprendeu foi que cada estudante tiña unha historia sobre unha crise de saúde mental no seu centro, sen importar que fora duna vila ao oeste de Oregon ou do centro de Portland. Acontecía en todas partes. Mesmo investigamos e descubrimos que o suicidio era a segunda causa de morte na mocidade de Oregón de entre 10 e 24 anos. A segunda causa de morte. Tiñamos que facer algo. Durante os seguintes meses, creamos unha comisión chamada Estudantes por un Oregón San, e propuxémonos acabar co estigma contra as enfermidades mentais. Tamén queriamos priorizar a situación en colexios. Coa axuda de grupos de presión e profesionais en saúde mental, presentamos o Proxecto de lei 2191. Permítelles a estudantes coller días libres por saúde mental igual que se fose por saúde física. A miúdo ese día libre é a diferenza entre sentirse moitísimo mellor e moitísimo peor... como eses días que miña nai me deixaba cando era nena. Durante os seguintes meses, presionabamos, investigabamos e faciamos campaña para o proxecto, e en xuño de 2019 aprobouse a lei. (Aplausos e aclamacións) Foi un momento transcendental para os estudantes de Oregón. Cóntovos como se desenvolve isto agora. Digamos que un estudante está a ter un mes moi duro. Angustiado, con moito traballo queda atrasado no instituto e sabe que precisa axuda. Quizais nunca falou de saúde mental con seus pais, pero agora el ten a lei do seu lado para axudarlle a iniciar esa conversa. Aínda así, os pais deben chamar ao centro e xustificar a ausencia, así que non é un cheque en branco para os rapaces, pero o máis importante é que esa ausencia rexistrouse como día de descanso mental e así lévase a conta de cantos estudantes usan eses días. Se un estudante toma moitos hano dirixir ao terapeuta da escola para un recoñecemento. Isto é importante para identificar aos estudantes con problemas antes de que sexa tarde. Unha das principais cousas que escoitamos no foro de 2018 foi que dar un paso adiante e conseguir axuda é o paso máis difícil. Oxalá esta lei axude niso. Isto non só lles ensinará aos rapaces a coidar de si mesmos e exercitar o autocoidado e a xestión do estrés, senón que pode salvar vidas. Agora estudantes doutros estados tentan aprobar estas leis. Actualmente traballo con estudantes de California e Colorado para facer o mesmo, porque cremos que todos eles merecen poder sentirse mellor. Á parte das razóns prácticas e os tecnicismos, o Proxecto de lei 2191 é especial polo que representa: a saúde física e a mental son iguais e así as deberiamos tratar. De feito, están relacionadas. Pensade na atención sanitaria. Pensade nunha RCP. Se te atopas nunha situación na que debes facer unha RCP, como mínimo deberías saber un pouco do que facer? Pensádeo... seguro que si porque a formación en RCP ofrécese en colexios, espazos de traballo, e ata online. Ata hai cancións que falan do tema. Pero que sucede coa saúde mental? A min formáronme en RCP na clase de Saúde ao chegar ao instituto. E se me instruísen sobre como xestionar a miña saúde mental ou como reaccionar diante dunha crise desa índole? Gustaríame ver un mundo onde todos tivesen a capacidade para axudar un amigo, un compañeiro, un parente ou mesmo un estraño que sofre unha crise mental. E eses medios deberían estar dispoñibles nos centros escolares porque é onde os estudantes se ven en máis dificultades. O outro concepto que sinceramente espero que asimiledes hoxe é que está ben non estar ben, e sempre está ben facer un descanso. Non ten que ser un día enteiro; ás veces iso non é práctico. Pero podes descansar en certas ocasións, parar e analizarte. Pensade na vida coma nunha carreira... unha carreira de longa distancia. Se aceleras moito ao principio acabarás esgotado. Podes mancarte se te esforzas de máis. Pero se controlas o ritmo, se o levas con calma, ás veces á mantenta, e te esforzas nalgúns momentos, seguramente terás moito máis éxito. Así que, por favor, coidádevos, coidade dos vosos cativos e mozos en especial dos que parecen ter todo baixo control. As afeccións mentais non desaparecerán, pero como sociedade, podemos aprender como xestionalas coidándonos entre todos. E coidándonos nós mesmos. Como diría miña nai, "De cando en vez, fai un descanso." Grazas. (Aplausos)