Cando era nena
miña nai e mais eu fixemos un trato.
Deixábame tres días libres cada
semestre para desconectar e descansar
se seguía a irme ben na escola.
Todo porque comecei a ter
problemas de saúde mental
cando tiña só seis anos.
Sempre fun o que os meus profesores de
primaria calificarían como "aprehensiva"
pero máis tarde, descubrimos
que se trataba de ansiedade postraumática
e depresión.
Por iso crecer foi moi duro.
Preocupábanme moitas cousas
que a outros rapaces non
e na escola ás veces atafegábame.
Todo iso desencadeou moitos ataques
de ansiedade, de pánico...
ás veces era superprodutiva e
outros días non daba pé con bóla.
Isto ocorría cando aínda non
se falaba tanto da saúde
mental como agora,
especialmente da saúde mental
na xuventude.
Algúns semestres aproveitaba ao máximo
eses días de descanso,
e noutros casos, non os necesitaba.
Pero poder contar con eles
facíame unha estudante
feliz, sa e exitosa.
Agora uso técnicas que aprendín de nena
para axudar a outros estudantes
con problemas de saúde mental.
Quérovos ofrecer algunhas ideas
acerca da saúde mental adolescente:
que nos ocorre, como acabamos
así e que podemos facer?
Pero primeiro precisades comprender
que aínda que non todo o mundo
ten unha patoloxía coma a miña,
absolutamente todos,
todos vós, tedes a vosas cousas.
Todos temos un cerebro
que precisa ser coidado
como coidamos do benestar físico.
A cabeza e o corpo están conectados
por moito máis que o pescozo.
As afeccións mentais maniféstanse
inclusive en formas físicas,
como náuseas, dores de cabeza,
cansazo e dificultade para respirar.
E como a saúde mental
é unha cousa de todos,
non deberiamos pensar
en solucións accesíbeis para todos?
Iso lévame á segunda parte
da miña historia.
Cando estaba no instituto
conseguira controlar moi ben
a miña saúde mental.
Era unha alumna brillante,
e presidía a Asociación de
Consellos de Estudantes de Oregón.
Pero foi daquela cando comecei a decatarme
que a saúde mental era un problema
que ía moito máis alá do meu persoal.
Por desgraza, na miña vila
houbo moitos suicidios
durante o meu primeiro ano de instituto.
Vía esas traxedias que
estremecían a nosa comunidade,
e como presidenta dun grupo estatal,
escoitaba cada vez máis historias
de que acontecía o mesmo
nas vilas doutros estudantes.
No campamento de verán de 2018,
xuntámonos uns 100
estudantes de secundaria
para falar da saúde mental da mocidade.
Que podiamos facer?
Abordamos a conversa con moita empatía
e honestidade,
e o resultado foi abraiante.
O que máis me sorprendeu
foi que cada estudante
tiña unha historia
sobre unha crise de saúde mental
no seu centro,
sen importar que fora
duna vila ao oeste de Oregon
ou do centro de Portland.
Acontecía en todas partes.
Mesmo investigamos e
descubrimos que o suicidio
era a segunda causa de morte
na mocidade de Oregón
de entre 10 e 24 anos.
A segunda causa de morte.
Tiñamos que facer algo.
Durante os seguintes meses,
creamos unha comisión chamada
Estudantes por un Oregón San,
e propuxémonos acabar co estigma
contra as enfermidades mentais.
Tamén queriamos priorizar
a situación en colexios.
Coa axuda de grupos de presión
e profesionais en saúde mental,
presentamos o Proxecto de lei 2191.
Permítelles a estudantes
coller días libres por saúde mental
igual que se fose por saúde física.
A miúdo ese día libre
é a diferenza entre
sentirse moitísimo mellor
e moitísimo peor...
como eses días que miña nai
me deixaba cando era nena.
Durante os seguintes meses,
presionabamos, investigabamos
e faciamos campaña para o proxecto,
e en xuño de 2019 aprobouse a lei.
(Aplausos e aclamacións)
Foi un momento transcendental
para os estudantes de Oregón.
Cóntovos como se desenvolve isto agora.
Digamos que un estudante
está a ter un mes moi duro.
Angustiado, con moito traballo
queda atrasado no instituto
e sabe que precisa axuda.
Quizais nunca falou
de saúde mental con seus pais,
pero agora el ten a lei do seu lado
para axudarlle a iniciar esa conversa.
Aínda así, os pais deben chamar ao centro
e xustificar a ausencia,
así que non é un cheque en branco
para os rapaces,
pero o máis importante
é que esa ausencia rexistrouse
como día de descanso mental
e así lévase a conta
de cantos estudantes usan eses días.
Se un estudante toma moitos
hano dirixir ao terapeuta da escola
para un recoñecemento.
Isto é importante para identificar
aos estudantes con problemas
antes de que sexa tarde.
Unha das principais cousas
que escoitamos no foro de 2018
foi que dar un paso adiante e conseguir
axuda é o paso máis difícil.
Oxalá esta lei axude niso.
Isto non só lles ensinará aos rapaces
a coidar de si mesmos
e exercitar o autocoidado
e a xestión do estrés,
senón que pode salvar vidas.
Agora estudantes doutros estados
tentan aprobar estas leis.
Actualmente traballo
con estudantes de California e Colorado
para facer o mesmo,
porque cremos que todos eles
merecen poder sentirse mellor.
Á parte das razóns prácticas
e os tecnicismos,
o Proxecto de lei 2191 é especial
polo que representa:
a saúde física e a mental son iguais
e así as deberiamos tratar.
De feito, están relacionadas.
Pensade na atención sanitaria.
Pensade nunha RCP.
Se te atopas nunha situación
na que debes facer unha RCP,
como mínimo deberías saber
un pouco do que facer?
Pensádeo...
seguro que si porque a formación en RCP
ofrécese en colexios, espazos de traballo,
e ata online.
Ata hai cancións que falan do tema.
Pero que sucede coa saúde mental?
A min formáronme en RCP
na clase de Saúde ao chegar ao instituto.
E se me instruísen sobre como xestionar
a miña saúde mental
ou como reaccionar
diante dunha crise desa índole?
Gustaríame ver un mundo
onde todos tivesen a capacidade
para axudar un amigo,
un compañeiro, un parente
ou mesmo un estraño
que sofre unha crise mental.
E eses medios deberían estar
dispoñibles nos centros escolares
porque é onde os estudantes
se ven en máis dificultades.
O outro concepto que sinceramente espero
que asimiledes hoxe
é que está ben non estar ben,
e sempre está ben facer un descanso.
Non ten que ser un día enteiro;
ás veces iso non é práctico.
Pero podes descansar en certas ocasións,
parar e analizarte.
Pensade na vida coma nunha carreira...
unha carreira de longa distancia.
Se aceleras moito ao principio
acabarás esgotado.
Podes mancarte se te esforzas de máis.
Pero se controlas o ritmo,
se o levas con calma,
ás veces á mantenta,
e te esforzas nalgúns momentos,
seguramente terás moito máis éxito.
Así que, por favor,
coidádevos,
coidade dos vosos cativos e mozos
en especial dos que parecen
ter todo baixo control.
As afeccións mentais non desaparecerán,
pero como sociedade,
podemos aprender como xestionalas
coidándonos entre todos.
E coidándonos nós mesmos.
Como diría miña nai,
"De cando en vez, fai un descanso."
Grazas.
(Aplausos)