Cando lle digo á xente
que tento desenvolver unha pílula
anticonceptiva para homes,
as respostas varían dependendo do sexo.
As mulleres din cousas coma:
" Que ben! Xa era hora. Para cando?"
(Risas)
Os homes só teñen dúas respostas.
Ou ben lles soa ben
ou miran cara a min preocupados
mentres pensan en que ando a argallar
para os seus testículos.
(Risas)
Entón, por que é necesaria
unha pílula masculina?
Que pensades cando vos digo que
dos 6 millóns
de embarazos anuais nos EE.UU.
3 millóns son non desexados?
Iso é a metade.
É un número moi sorprendente.
E eses 3 millóns non desexados
explican os máis dun millón
de abortos anuais
que se levan a cabo nos Estados Unidos.
Por sorte, a taxa de embarazos
non desexados minguou
nos últimos anos
ao redor dun 10 %.
Isto débese a que máis mulleres
usan métodos anticonceptivos
efectivos, reversibles e a longo prazo.
Pero aínda queda moito por facer.
Unha estratexia que á fin
estase volvendo realidade
é a de mellores opcións
anticonceptivas para homes.
Pensádeo.
Temos unha ducia de métodos
anticonceptivos femininos:
pílulas, parches, DIU,
inxeccións, esponxas, aneis...
Para os homes sempre tivemos
as dúas mesmas opcións
durante máis dun século:
preservativos e vasectomía.
A pesar de termos só dúas opcións,
ambas as dúas teñen grandes desvantaxes.
Os homes representan o 30 %
do uso total de anticonceptivos,
das cales un 10 % das parellas
confían na vasectomía
e un 20 % usan o preservativo.
Por que o 20 % das parellas
confían no preservativo
se estes teñen un índice
de erro anual de máis do 15 %?
Débese a que as mulleres
ou ben non poden tomar de forma segura
os anticonceptivos dispoñibles
por motivos como coágulos de sangue,
ou ben non dan tolerado
os efectos secundarios.
Así que se pensamos que sería útil
un anticonceptivo masculino,
o seguinte é preguntarse
como poderiamos desenvolvelo.
Ben, hai dous enfoques xerais.
O primeiro é tentar interferir
no xeito en que o esperma
nada cara ao óvulo ou se une a el.
Este enfoque resulta ser
verdadeiramente complicado
porque é difícil concentrar medicación
abondo nese pequeno volume de esperma
e que siga facendo efecto ao longo
do tracto reprodutor feminino.
Por iso se investigou moito máis
na segunda opción,
que trata de frear totalmente
a produción de esperma.
Tamén é unha técnica desafiante.
Por que? Resulta que os homes
producen moito esperma.
(Risas)
Un home produce mil
espermatozoides por segundo
e para obter un anticonceptivo eficaz
tense que reducir ese nivel de produción
ao 1 % do seu valor normal.
As boas novas son que isto é posible,
ou case.
A técnica máis estudada foi usar hormonas
para deter a produción de esperma.
A testosterona e a proxesterona,
administradas á vez,
reprimen os sinais do cerebro
aos testículos para crearen esperma,
e nun 90 % dos homes,
a produción cesa despois de 3-4 meses.
Por desgraza, o 10 % dos homes
non responden a estes tratamentos
por razóns descoñecidas.
Nos últimos anos,
os meus compañeiros e mais eu
estivemos a desenvolver unha vía
distinta para a pílula masculina,
unha que non implique hormonas.
Concretamente, buscamos impedir
a función da vitamina A nos testículos.
Por que? Ben, sábese
dende hai máis de 90 anos
que a vitamina A é necesaria
para producir esperma.
Os animais privados de vitamina A
na súa dieta
deixan de producir esperma
e comezan a producilo cando a vitamina A
se reintroduce de novo.
A vitamina A que nós consumimos
é transformada en ácido retinoico
por unha familia de enzimas.
Un destes enzimas
atópase só nos testículos.
Nós tentamos bloquear este enzima.
Ao bloquear este enzima, deberíase
privar aos testículos de ácido retinoico
e paralizar a produción de esperma
sen afectar as funcións da vitamina A
no resto do corpo.
Estamos probando esta técnica con animais
e esperamos iniciar as probas
en humanos moi axiña.
Por suposto, o impacto
deste anticonceptivo masculino
vai máis aló da bioloxía reprodutiva.
É interesante especular
sobre os efectos que tería
nas relacións entre homes e mulleres.
Unha posibilidade interesante
é que os homes poderían monitorizar o seu
estado contraceptivo en calquera momento.
Nos últimos anos,
dous grupos presentaron aparellos
de análise de esperma
que funcionan co teléfono móbil
e son sinxelos de usar.
Poderíase facer
un reconto de espermatozoides
e compartir o resultado coa parella.
Se o reconto fose cero, sentiríanse
cómodos ao confiar no método.
Unha ferramenta coma esta,
xunto co contraceptivo masculino,
podería axudar o papel do home
na prevención de embarazos non desexados.
Os investigadores que traballan nisto
intentan facer un futuro
mellor para as parellas,
un futuro onde a anticoncepción non
sexa considerada só "cousa de mulleres",
senón unha cousa que as parellas
deben decidir xuntas.
Entón, por que o mundo precisa
unha pílula masculina?
Ben, eu penso que a pílula masculina
axudaría a reducir as enormes taxas
de embarazos non desexados e de abortos,
e permitiríalles aos homes participar
en igualdade de condicións
na anticoncepción.
Grazas.
(Aplausos)