É posible que os adultos fagamos
que nos medren novas neuronas?
Aínda hai certa incertidume
sobre este asunto,
en tanto que é unha área de
investigación moi novidosa.
Por exemplo, falando cun
colega meu, Robert,
un oncólogo,
comentábame,
"Sandrine, isto é desconcertante.
Algúns pacientes meus, logo de saber
que están curados dun cancro
aínda desenvolven síntomas de depresión".
E eu respondinlle,
"Ben, na miña opinión iso ten lóxica.
A droga que lle dás, que frea a
proliferación das células cancerosas
tamén frea o nacemento
de neuronas no cerebro.
E Robert quedou a mirar para min
como se eu tolease e dixo,
"Pero Sandrine, son pacientes adultos,
aos adultos non nos medran
neuronas novas."
E, para as súa sorpresa, díxenlle,
"Medránnos, si".
E isto é o que chamamos
neuroxénese.
[Neuroxénese]
Pero Robert non é neurocientífico;
e cando el estudaba Medicina
non se ensinaba o que sabemos agora:
que o cerebro adulto pode xerar
novas células nerviosas.
Así que Robert, como bo
científico que é
quixo vir ao meu laboratorio
para entender isto un pouco mellor.
E leveino nunha visita guiada
a unha das partes máis
excitantes do cerebro
no que a neuroxénese se refire:
ao hipocampo.
Esta estrutura gris no centro do cerebro.
E da que sabemos hai tempo
que é importante para a aprendizaxe,
a memoria, o estado de ánimo e a emoción.
Sen embargo, o que sabemos
só desde hai pouco
é que é unha das únicas estruturas
do cerebro adulto
onde se poden xerar novas neuronas.
Se seccionamos o hipocampo
e miramos nel con aumento,
o que poden ver aqui en azul
é unha neurona recén nacida
nun cerebro de rato adulto.
No caso do cerebro humano,
o meu colega Jonas Frisén
do Instituto Karolinska,
ten estimado que producimos
700 neuronas novas ao día
no hipocampo.
Poden pensar que non son moitas,
comparadas cos miles de millóns
de neuronas que temos.
Pero aos cincuenta anos,
teremos renovado todas as neuronas
desta estrutura coas que nacimos
con neuronas nacidas sendo adultos.
Entón, por que son importantes estas
novas neuronas e que funcións cumpren?
Primeiro, sabemos que son importantes
para a aprendizaxe e a memoria.
E no laboratorio temos amosado
que se bloqueamos a capacidade
do cerebro adulto
para producir novas neuronas no hipocampo,
bloquéanse certas capacidades de memoria.
E isto é especialmente novidoso e certo
no caso do recoñecemento espacial,
ou sexa, como recorremos
o noso camiño pola cidade.
Aínda estamos a aprender moito,
e as neuronas son importantes
non só para a capacidade de memoria,
senón tamén para a súa calidade.
E son de axuda para engadir
tempo á nosa memoria
e tamén para diferenciar entre
memorias moi parecidas, a saber:
como atopas a túa bicicleta
que aparcas na estación
todos os días na mesma zona,
pero en lugares lixeiramente distintos?
E o que é máis interesante
para o meu colega Robert
é a investigación que estamos a facer
sobre neuroxénese e depresión.
Así, nun modelo animal da depresión,
temos atopado que se dá un
baixo nivel de neuroxénese.
E cando administramos antidepresivos,
auméntase a produción
destas novas neuronas,
e diminúen os síntomas
de depresión
o que establece unha relación clara
entre neuroxénese e depresión.
Pero ademais, bloqueando só
a neuroxénese,
bloquéase a eficacia
do antidepresivo.
Así que para entón, Robert entendera
que probablemente os seus
pacientes sufrían de depresión
despois de curarse do cancro,
porque o anticanceríxeno detivera
a xeneración de novas neuronas.
E precísase un tempo
para xerar novas neuronas
que acaden as súas funcións normais.
Así, en conxunto, pensamos
que temos evidencia de abondo
para afirmar que a neuroxénese
é unha clara alternativa
se queremos mellorar a formación
de memorias e o estado anímico,
ou mesmo previr o declive
asociado ao avellentamento,
ou asociado ao estrés.
Xa que logo, a seguinte pregunta é:
podemos controlar a neuroxénese?
A resposta é si.
E agora imos facer unha pequena proba.
Voulles indicar unha serie
de condutas e actividades,
e vanme dicir se pensan
que aumentan a neuroxénese
ou que a diminúen.
Listos?
OK, imos aló.
Que opinan da aprendizaxe?
Auméntaa?
Si.
Aprender aumentará a produción
destas novas neuronas.
E o estrés?
Si, o estrés diminúe a produción
de novas neuronas no hipocampo.
Que hai da privación de sono?
Efectivamente, diminúe a neuroxénese.
E o sexo?
Oh, vaia!
(Risos)
Si, acertaron, aumenta
a produción de novas neuronas.
Non obstante, aquí hai que
buscar o equilibrio.
Non queremos chegar a unha situación,
(Risos)
na que demasiado sexo
leve á privaciónd de sono.
(Risos)
E que din de facerse vello?
A taxa de neuroxénese diminúe
ao facerse vello,
pero aínda ocorre.
E xa para rematar, que din de correr?
Vou deixar que xulguen por si mesmos.
Este é un dos primeiros estudos
levados a cabo polo un dos meus mentores,
Rusty Gage, do Instituto Salk,
que amosa que o ambiente
pode ter un impacto
na produción de novas neuronas.
Aquí poden ver unha sección
do hipocampo dun rato
que non tiña roda de exercicio
na súa gaiola.
Os pequenos puntos negros que ven
son novas neuronas formándose.
E agora, poden ver a sección
do hipocampo dun rato
con roda de exercicio na gaiola.
Poden ver o incremento masivo
de puntos negros que representan
novas neuronas en formación.
Así que a actividade inflúe na neuroxénese
pero isto non é todo.
O que comemos tamén ten efecto
na produción de novas neuronas
no hipocampo.
Aquí temos a mostra dunha dieta,
de nutrintes que se teñen
demostrado eficaces.
E voulles sinalar algúns:
Unha restrición calórica do 20 ao 30
por cento aumenta a neuroxénese.
O xaxún intermitente --
espaciar o tempo entre comidas --
aumenta a neuroxénese.
A inxesta de flavonoides,
que se atopan no chocolate
negro ou nas arandeiras,
aumenta a neuroxénese.
Os ácidos graxos Omega-3,
presentes en peixes graxos, como o salmón,
aumentan a produción desas novas neuronas.
Pola contra, unha dieta rica
en graxas saturadas
ten un impacto negativo na neuroxénese.
O etanol -- a inxesta de alcohol --
diminúe a neuroxénese.
Sen embargo, non todo está perdido;
o resveratrol, que se atopa no viño,
tense demostrado que promove
a supervivencia destas novas neuronas.
Así que a próxima vez que vaian de cea,
poden procurar acadar ese punto
de bebida 'neutral' para a neuroxénese.
(Risos)
E, para rematar, deixen que apunte
unha última cousa,
unha un tanto curiosa.
Aos xaponeses fascínalle
as texturas das comidas,
e tense demostrado que as dietas
blandas prexudican á neuroxénese,
a diferenza da comida que require
masticar, ou os alimentos crocantes.
Todos estes datos,
para os que temos que
mirar a nivel celular,
conseguíronse usando modelos animais.
Pero esta dieta tamén se ten
administrado a humanos,
e o que puidemos ver é que a dieta
modula a memoria e o estado de ánimo
na mesma dirección que
modula a neuroxénese,
isto é: a restrición calórica
mellora a capacidade de memoria,
mentres que unha dieta alta en graxas
exacerba os síntomas da depresión,
ao contrario que os ácidos graxos Omega-3,
que incrementan a neuroxénese,
e tamén axudan a diminuír
os síntomas depresivos.
Así que nós pensamos que o efecto da dieta
na saúde mental, a memoria
e o estado de ánimo,
está realmente mediado pola produción
de novas neuronas no hipocampo.
E non é só o que comemos,
tamén é a textura dos alimentos,
cándo os comes
e a cantidade deles que inxires.
Pola nosa banda -- os neurocientíficos
interesados na neuroxénese --
precisamos entender mellor
a función destas novas neuronas,
e como poder controlar a súa
supervivencia e a súa produción.
Tamén temos que atopar a forma de protexer
a neuroxénese dos pacientes de Robert.
E pola súa banda,
déixoos a cargo da súa propia neuroxénese.
Grazas.
(Aplausos)
Margaret Heffernan:
Estupenda investigación, Sandrine.
Teño que dicirche que vés
de cambiame a vida.
Vou comer un montón de arandeiras.
Sandrine Thuret: Moi ben.
MH: Interésame moito o de correr.
Teño que correr?
Ou vale calquera exercicio aeróbico,
que leve osíxeno ao cerebro?
Sirve calquera clase de exercicio intenso?
ST: Polo de agora,
non podemos dicir con seguridade
se é correr en sí,
pero penso que calquera cousa
que aumente a produción
ou o fluxo de sangue ao cerebro,
debería ser beneficiosa.
MH: Entón non teño que ter
unha roda de exercicio na oficina?
ST: Non, non fai falla!
MH: Uf, que alivio! É marabilloso.
Sandrine Thuret, moitas grazas.
ST: Grazas a ti, Margaret.
(Aplausos)