Ben, quero ver as mans arriba: Quen de vós eliminou a alguén de amigo no Facebook porque dixo algo ofensivo sobre política ou relixión, coidado infantil, comida? (Risos) E cantos coñecen polo menos unha persoa que evitan porque simplemente non queren falar con ela? (Risos) Xa saben que antes, para ter unha conversa educada só tiñamos que seguir o consello de Henry Higgins en "My Fair Lady": Cínguirnos ao tempo e á saúde. Pero agora, co cambio climático e o movemento antivacinas, eses temas (Risos) non son seguros tampouco. Así que este mundo no que vivimos, este mundo no que cada conversación ten o potencial de converterse nunha rifa, onde os políticos non poden falar uns cos outros e onde mesmo o máis trivial dos asuntos ten alguén que pelexa apaixonadamente a favor e en contra, non é normal. O estudo Pew fixo unha investigación de 10 000 americanos adultos e atoparon que neste momento, estamos máis polarizados, estamos máis divididos do que nunca o estivemos na historia. Menos predispostos ao compromiso o que significa que non escoitamos aos demais. E tomamos decisións sobre onde vivir, con quen casar e mesmo quen vai ser amigo noso, baseándonos no que xa cremos. Outra vez, iso significa que non nos escoitamos. Unha conversa require un equilibrio entre falar e escoitar, e nalgún lugar do camiño, perdemos ese equilibrio. Agora, parte diso débese á tecnoloxía. Os teléfonos intelixentes que teñen nas mans ou preto dabondo para collelos rapidamente. Segundo o estudo Pew, sobre un terzo de rapaces americanos envían máis dun cento de textos por día. E moitos deles, case a maioría, prefiren escribirlles aos amigos que falar con eles cara a cara. Hai esta gran peza no Atlántico escrita por un profesor de instituto chamado Paul Barnwell. Deulle aos seus estudantes un proxecto de comunicación. El quería ensinar como falar dun determinado tema sen usar notas. E dixo isto: "Deime conta..." (Risos) "Deime conta de que a competencia conversacional podería ser a competencia máis descoidada na que fracasamos no ensino. Os rapaces invisten horas conectados a ideas e entre eles nas pantallas, pero case nunca teñen oportunidade de mellorar as destrezas comunicativas interpersoais. Pode parecer unha pregunta estraña, pero temos que facérnola: Hai algunha destreza do século XXI máis importante que a de poder manter conversas coherentes e eficaces?" Agora, eu dedícome a falar coa xente: gañadores do Nobel, condutores de camións, millonarios, profesores de preescolar, xefes de estado, fontaneiros. Falo con xente que me gusta. Falo con xente que non me gusta. Falo con algunha persoa coa que discrepo profundamente nun plano persoal. Pero teño unha conversa estupenda con eles. Así que me gustaría pasar os próximos 10 minutos ensinándolles a falar e a escoitar. Moitos de vostedes xa oíron moitos consellos sobre isto, cousas como mirar a persoa aos ollos, pensar previamente en temas interesantes para comentar, mirar, asentir e sorrir para mostrar que estamos poñendo atención, repetir o que acabamos de escoitar ou resumilo. Ben, eu quero que esquezan todo iso. Iso son parvadas! (Risos) Non hai razóns para aprender a amosar que poñemos atención se, efectivamente, estamos a poñer atención. (Risos) (Aplausos) Agora, eu uso as mesmas destrezas no meu traballo de entrevistadora e na miña vida normal. Así que vou ensinarlles a entrevistar xente, e a que isto lles axude realmente a aprender a ser mellores conversadores. Aprender a ter unha conversa sen perder o tempo, sen aburrirse. E, por amor de Deus, sen ofender a ninguén. Todos tivemos abofé grandes conversas. Tivémolas antes. Sabemos como é. O tipo de conversa da que saen sentíndose conectados e inspirados, ou na que senten coma se fixeran unha conexión real ou foran perfectamente comprendidos. Non hai ningunha razón pola que a maioría das interaccións non poden ser así. Así que eu teño 10 regras básicas. Vounos levar a través delas, pero, honestamente, se só elixen unha delas e a dominan xa gozarán de conversas mellores. Número un: Non fagan varias cousas á vez. E non quero dicir só pousar o móbil, a tableta, as chaves do coche ou o que teñan na man. Quero dicir, estean presentes. Estean nese momento. Non pensen na rifa que tiveron co xefe. Non pensen no que van cear. Se queren saír da conversación saian da conversación, pero non estean cun pé dentro e cun pé fóra. Número dous: Non pontifiquen. Se queren manifestar a súa opinión sen dar ocasión a respostar ou argüír ou rectificar ou ampliar escriban un blogue. (Risos) Hai unha boa razón para non permitir expertos no meu show: son moi aburridos. Se son conservadores, odiarán a Obama e os bonos de comida e o aborto. Se son liberais, van odiar os bancos, as petroleiras e a Dick Cheney. Totalmente predicible. E vostedes non queren ser así. Teñen que entrar en cada conversa asumindo que hai algo que aprender. O famoso terapeuta M. Scott Peck dixo que a verdadeira escoita require poñerse á parte un mesmo. E ás veces iso significa deixar á parte a opinión persoal. Dixo que ao sentir esta aceptación, quen fala farase menos e menos vulnerable e máis e máis susceptible de abrir os recunchos interiores da súa mente á persoa que escoita. Outra vez, asumir que teñen algo que aprender. Bill Nye: "Toda persoa sabe algo que vostedes non saben". Eu dígoo deste xeito: Todo o mundo é un experto en algo. Número tres: Use preguntas abertas. Neste caso, colla ideas nos xornalistas. Comece as preguntas con quen, que, cando, onde, por que ou como. Se fan unha pregunta complexa, van ter unha resposta simple. Se lles pregunto: "Tiveron medo?" Van responderlle á palabra máis poderosa da pregunta, "medo", e a resposta é "si, tivemos" ou "non, non tivemos". "Estaban anoxados?" "Si, moi anoxados". Deixen que o describan. Eles son os que saben. Intenten preguntar cousas como "Como foi?" "Que se sentiu?" Porque eles van ter que parar un momento e pensar niso, e van conseguir unha resposta moito máis interesante. Número catro: Vaian co fluxo. Isto significa que os pensamentos chegarán á súa mente e terán que deixalos saír dela. A miúdo escoitamos entrevistas nas que un convidado fala durante varios minutos e despois o anfitrión fai unha pregunta que parece coma se saíse da nada, ou que xa foi contestada. Probablemente o anfitrión non escoitou os últimos minutos porque pensou nesta pregunta tan intelixente e estaba decidido a formular. E nós facemos exactamente o mesmo. Estamos sentados tendo unha conversación con alguén, e lembramos cando coñecimos a Hugh Jackman nun café. (Risos) E paramos de escoitar. Chéganlles historias e ideas. Precisan deixalas ir e vir. Número cinco: Se non saben, digan que non saben. Ben, a xente da radio, especialmente da RPN, é moito máis consciente de que vai ser gravada. Por iso ten máis coidado con aquelo do que di ser experta e saber con certeza. Fágano. Erren polo lado da prudencia. Falar non debería ser barato. Número seis: Non igualen a súa experiencia coa deles. Se están falando sobre a perda dun membro da familia, non vaian a falar de cando viviron vostedes tamén unha perda. Se falan sobre os problemas que teñen no traballo, non lles digan o que odian o seu. Non é o mesmo. Nunca é o mesmo. Todas as experiencias son únicas. E, o máis importante, non se trata de vostedes. Non deben aproveitar o momento para probar o formidables que son ou o do moito que sofreron. Alguén lle preguntou a Stephen Hawking cal era o seu CI. E dixo: "Nin idea. As persoas que se gaban do seu CI son perdedoras". (Risos) As conversacións non son unha oportunidade para a promoción. Número sete: Intenten non repetirse. É condescendente e moi aburrido. Tendemos a facelo moito. Especialmente en conversacións no traballo ou cos nosos fillos, temos cousas que sinalar. Por iso reformulamos unha e outra vez. Non o fagan. Número 8: Eviten as malas herbas. Francamente, á xente non lle importan os anos, os nomes, as datas, todos eses detalles cos que estás loitando na túa mente. Non lle importan. O que lle importa é vostede. Impórtalle como é vostede ou o que teñen en común. Así que esquezan os detalles. Déixenos fóra. Número nove: Este non é o último, mais é o máis importante. Escoiten. Non podo dicirlles canta xente importante dixo que escoitar é quizais a destreza máis importante que podedes desenvolver. Buda dixo, e estou a parafrasear: "Se a túa boca está aberta, non estás aprendendo". E Calvin Coolidge dixo: "Ningún home escoitou a súa saída do traballo". (Risos) Por que non nos escoitamos uns aos outros? Número un: preferimos falar. Cando falo, estou ao mando. Non teño que escoitar nada que non me interese. Son o centro de atención. Estou reforzando a miña identidade. Pero hai outra razón: Distraémonos. A media do tempo que fala unha persoa é de 225 palabras por minuto, pero podemos escoitar máis de 500 palabras por minuto. Así que as nosas mentes están enchéndose desas outras 275 palabras. E miren, sei que leva esforzo e enerxía prestarlle atención a alguén pero se non poden facelo, non están a conversar. Trátase só de dúas persoas berrando frases pouco relacionadas no mesmo lugar. (Risos) Teñen que escoitarse uns aos outros. Stephen Covey díxoo dun xeito fermoso. Dixo: "A maioría de nós non escoita coa intención de entender. Escoitamos coa intención de contestar". Unha regra máis, a número 10, e é esta: Sexan breves. [Unha boa conversa é coma unha minisaia; curta para xerar interese, pero longa para cubrir o tema. -A miña irmá] (Risos) (Aplauso) Todos estes puntos van ao mesmo concepto básico: Mostren interese polas outras persoas. Eu medrei cun avó moi famoso, e había unha especie de ritual na casa. A xente viña á casa a falar cos meus avós e despois de marchar, a miña nai achegábase a nós, e dicía: "Sabedes quen era? A primeira dama de honor de América. Era o alcalde de Sacramento. Gañou un premio Pulitzer. É un bailarín do ballet ruso". E medrei asumindo que todo o mundo tiña algo marabilloso oculto. Creo que é o que me fai ser mellor entrevistadora. Teño a boca pechada sempre que me é posible, teño a mente aberta e sempre estou preparada para marabillarme e nunca quedo decepcionada. Fagan o mesmo. Saian, falen coa xente, escoiten a xente, e, o máis importante, prepárense para marabillarse. Grazas. (Aplauso)