Ola, o meu nome é Refik e son artista multimedia. O meu pigmento son os datos e pinto co pincel do pensamento asistido por unha intelixencia artificial. Uso espazos arquitectónicos no canto de lenzos, colaboro con máquinas para que os edificios soñen e alucinen. Preguntarédesvos, que quere dicir todo isto? Permitídeme que vos introduza no meu traballo e no meu mundo. Fun testemuña do poder da imaxinación con 8 anos, en Istambul, cando era neno. Un día, miña nai levou para a casa unha cinta de vídeo do filme de ciencia ficción Blade Runner. Lembro con claridade estar fascinado pola incrible visión arquitectónica de Los Ángeles do futuro, un lugar que eu non vira nunca. Esa visión converteuse na base do meu soñar esperto. Cando cheguei a Los Ángeles en 2012 para estudar un posgrao en Deseño e Artes Dixitais, aluguei un coche e fun ó centro da cidade para ver ese marabilloso mundo do futuro próximo. Lembro que había unha escena que se repetía na miña cabeza unha e outra vez: aquela na que Rachael, o androide, se decata de que as súas lembranzas en verdade non son súas, e Deckard lle di que son lembranzas doutra persoa. Dende ese instante, unha das miñas inspiracións foi esta pregunta. Que pode facer unha máquina cos recordos doutra persoa? Ou, por dicilo doutro xeito, que significa ser unha IA no século XXI? Calquera androide ou intelixencia artificial é intelixente sempre e cando colaboremos con ela. Pode construír cousas que a intelixencia humana aspira a producir pero que non ten a capacidade de lograr. Pensade nas vosas actividades e redes sociais, por exemplo. Canto máis interactuades con elas, máis intelixentes son. Se as máquinas poden aprender ou procesar lembranzas, poden tamén soñar? Alucinar? Ter recordos involuntarios, ou facer conexións entre os soños de varias persoas? Ser unha IA no século XXI significa non esquecer nada? E, se é así, non é a experiencia máis revolucionaria de todas as que vivimos tras séculos de esforzos para inmortalizar a historia de diferentes formas? Dito doutro xeito, Canto avanzamos dende o Blade Runner de Ridley Scott? Abrín o meu estudio en 2014 e convidei a arquitectos, analistas de datos, informáticos, neurocientíficos, músicos e mesmo contacontos para que se unisen a min para cumprir os meus soños. Poden os datos ser un pigmento? Esa foi a primeira pregunta que fixemos cando comezamos a viaxe de integrar as artes dixitais na arquitectura, e unir os mundos físico e virtual. Comezamos imaxinando o que eu chamo a "poesía dos datos". Un dos primeiros proxectos, "Representacións Virtuais", era unha escultura de datos públicos encargada pola cidade de San Francisco. O traballo invita ó público a participar nunha experiencia artística extraordinaria nun espazo urbano vivo coa representación dunha rede de conexións fluídas da propia cidade. Tamén é un recordatorio de como os datos invisibles do noso día a día, coma os fíos de Twitter representados aquí, poden facerse visibles e transformarse en coñecemento sensorial que se pode experimentar colectivamente. De feito, os datos só se converten en coñecemento cando os experimentamos, e o coñecemento e a experiencia poden tomar moitas formas. Ó explorar estas conexións mediante o potencial da intelixencia das máquinas, tamén reflexionamos sobre a conexión entre os sentidos humanos e a capacidade das máquinas para simular a natureza. Esta investigación xurdiu ó traballarmos en pinturas baseadas en datos eólicos. Adoptaron a forma de poemas visualizados baseados en conxuntos de datos ocultos que recollemos dos sensores eólicos. Empregamos algoritmos xerativos para transformar a velocidade do vento, os refachos e a dirección nun pigmento de datos etéreos. O resultado foi unha experiencia meditativa e especulativa á vez. Esta escultura de datos cinéticos, titulada Bósforo, era un intento similar de cuestionar a nosa capacidade de reimaxinar os fenómenos naturais. Cos datos do radar de alta frecuencia do mar de Mármara, recollimos datos da superficie do mar e proxectamos o movemento dinámico coa Intelixencia das Máquinas. Creamos unha sensación de inmersión nunhas vistas artificiais do mar tranquilizadoras e sempre cambiantes. Chamámoslle imaxinación a "ver co cerebro" e, para mi, imaxinar arquitectura vai alén do cristal, do metal ou do formigón, e chega até a experimentación coas opcións máis remotas da inmersión e cos xeitos de mellorar a percepción dos espazos construídos. Os estudos sobre intelixencia artificial aumentan cada día, e déixannos coa sensación de estar enchufados a un sistema que é meirande e ten máis coñecementos ca nós mesmos. En 2017, descubrimos unha biblioteca de acceso aberto con documentos culturais de Istanbul e comezamos a traballar no "Arquivo Soñado", unha das primeiras instalacións públicas do mundo impulsada por unha IA que explora case 1,7 millóns de documentos que comprenden 270 anos de historia. Unha das nosas inspiracións durante este proceso foi un relato breve chamado "A biblioteca de Babel" do arxentino Jorge Luis Borges. Na historia, o autor imaxina un universo con forma de gran biblioteca que contén tódolos libros de 410 páxinas cun formato e caracteres concretos. Mediante esta visión, ideamos un xeito de explorar fisicamente os vastos arquivos do coñecemento na era da intelixencia das máquinas. O resultado, como podedes ver, foi un espazo inmersivo impulsado polos usuarios. O "Arquivo soñado" transformou totalmente a experiencia dunha biblioteca na era da intelixencia das máquinas. "Alucinación das Máquinas" é un estudo do tempo e do espazo baseado nós arquivos fotográficos públicos da cidade de Nova York. Para este proxecto inmersivo único, empregamos algoritmos de aprendizaxe automática para atopar e procesar máis de 100 millóns de fotografías da cidade. Deseñamos un sistema narrativo innovador para empregar a intelixencia artificial para predicir ou alucinar novas imaxes, permitindo que o espectador entre nunha fusión onírica do pasado e do futuro de Nova York. Canto máis afondan os nosos proxectos en lembrar e transmitir coñecementos, pensamos máis sobre como as lembranzas non son recordos estáticos, senón interpretacións de feitos pasados que cambian constantemente. Consideramos de que xeito as máquinas poden simular feitos inconscientes e subconscientes, como os soños, os recordos e as alucinacións. Por iso creamos Fundindo Recordos para visualizar o momento de lembrar. A inspiración veu do momento tráxico no que lle diagnosticaron alzhéimer a meu tío. Naquel momento eu só podía pensar en atopar un xeito de celebrar o que lembramos e como o lembramos cando aínda temos a capacidade de facelo. Comecei a pensar nos recordos non como elementos que esvaecen senón como elementos que se funden ou cambian de forma. Coa axuda da intelixencia das máquinas, traballamos cos científicos do Laboratorio Neuroscape na Universidade de California, que nos ensinaron a ler os sinais cerebrais durante a creación de recordos. Malia que o meu propio tío estaba a perder a capacidade de procesar recordos, a obra de arte creada cos datos dos encefalogramas exploraba a materialidade dos recordos e servía como tributo a aquilo que meu tío xa perdera. Case nada do Los Ángeles contemporáneo coincidía coas miñas expectativas de infancia sobre a cidade, a excepción dun edificio incrible: o Walt Disney Concert Hall (WDCH), deseñado por Frank Gehry, un dos meus heroes. En 2018, recibín unha chamada da Filharmónica de Los Ángeles que quería unha instalación para celebrar o centenario desta célebre Sinfónica. Para isto, fixemos a seguinte pregunta: "Pode aprender un edificio? Pode soñar?" Para responder, decidimos recompilar todas as gravacións dos arquivos da Filharmónica e do WDCH. Para ser exactos, 77 terabytes de recordos arquivados dixitalmente. Empregando a intelixencia das máquinas, o arquivo enteiro, que se remonta 100 anos, converteuse en proxeccións na fachada do edificio. 42 proxectores para conseguir esta experiencia futurista pública no corazón de Los Ángeles, e achegármonos un pouquiño máis ao Los Ángeles de Blade Runner. Se algunha vez un edificio puido soñar, foi neste momento. Agora, invítovos a unha última viaxe polo cerebro dunha máquina. Neste intre, estamos totalmente inmersos no universo dos datos de tódalas Charlas TED dos últimos 30 anos. Iso quere dicir que este conxunto de datos inclúe 7.705 charlas dos escenarios TED. Esas charlas foron convertidas en 7,4 millóns de segundos, e cada segundo está representado neste universo de datos. Cada imaxe que vedes aquí representa un momento único desas charlas. Empregando a intelixencia das máquinas, procesamos un total de 487.000 frases de 330 grupos de temas únicos como a natureza, as emisións globais, a extinción, os temas raciais, a informática, a confianza, as emocións, a auga e os refuxiados. Estes grupos conéctanse entre eles mediante un algoritmo, que xera 113 millóns segmentos de liña, que revelan novas relacións conceptuais. Non sería incrible poder lembrar tódalas preguntas que se fixeron neste escenario? Aquí estou, dentro da mente de incontables pensadores, e dunha máquina, interactuando con varios sentimentos atribuídos ó aprender, lembrar, cuestionar e imaxinar todo ó mesmo tempo, expandindo o poder da mente. Para min, estar aquí é precisamente o que significa ser unha intelixencia artificial no século XXI, Está nas nosas mans, humanos, adestrar esta mente para que aprenda e lembre o que nós só podemos soñar. Grazas.