Hai cinco anos, experimentei un pouco como sería ser Alicia no país das marabillas. Penn State pediume a min, unha profesora de comunicación, que lles dera unha clase de comunicación a estudantes de enxeñaría. Tiven medo. (Risas) Medo de verdade. Medo deses estudantes coas súas grandes mentes, os seus grandes libros e as súas grandes e descoñecidas palabras. Pero ao desenvolverse esas conversas, sentín o que Alicia debeu sentir cando caeu polo tobo do coello e viu a porta dun novo mundo. Xustamente así me sentín cando tiven esas conversas cos estudantes. Sorprendéronme as ideas que tiñan, e quería que outros probaran tamén este mundo marabilloso. E creo que a clave para abrir esa porta é unha comunicación estimulante. Precisamos desesperadamente unha comunicación estimulante dos nosos científicos e enxeñeiros para dar cambiado o mundo. Os nosos científicos e enxeñeiros son os que están a atacar os nosos maiores desafíos, na enerxía no medio ambiente e no coidado da saúde, entre outros, e se non sabemos disto nin os entendemos, o traballo non está feito, e creo que é a nosa responsabilidade como non científicos manter esas interaccións. Pero estas conversas estimulantes non poden xurdir se os nosos científicos e enxeñeiros non nos invitan a ver o seu marabilloso mundo. Así que científicos e enxeñeiros, por favor, fálennos con sinxeleza. Quero compartir algunha suxestión sobre como facelo para asegurármonos de que podemos ver que a súa ciencia é sexy e que a súa enxeñaría é atractiva. Primeira pregunta para respondérmonos: ¿E logo que? Dígannos por que a ciencia é relevante para nós. Non nos digan soamente que estudan as trabéculas, senon que estudan as trabéculas: a estrutura de malla dos nosos ósos porque son importantes para entender e tratar a osteoporose. E cando estean a describir as súas investigacións, coidado coa xerga A xerga é un obstáculo para a nosa comprensión das súas ideas. Seguro que poden dicir "espacial e temporal", pero, por que non "espazo e tempo" que son moito máis accesibles para nós? Facelas accesibles non é o mesmo que facelas parvas. Ao revés, como dixo Einstein, fagan que todo sexa tan sinxelo como sexa posible, pero non máis. Poden comunicar claramente as súas investigacións sen comprometer as ideas. Poderían considerar o uso de exemplos, historias e analoxías. Son maneiras de enganchar e entusiasmarnos co seu contido. E ao presentar o traballo, esquézanse da listas con frechiñas. ¿Preguntáronse por que lles chaman "frechas"? (Risas) ¿Que fan as frechas? Matan, e matarán a súa presentación. Unha diapositiva coma esta non só é aburrida, senón que se apoia demasiado na nosa área cerebral da linguaxe e abrúmanos. Pola contra, esta diapositiva de exemplo de Genevieve Brown é moito máis efectiva. Amosa que a estrutura especial das trabeculas é tan forte que realmente inspira o deseño único da Torre Eiffel. O truco aquí é usar unha frase sinxela, lexible, que o público poida entender se se perde un pouco, e de seguido, incluír elementos visuais que apelan aos outros sentidos e cren un sentido máis profundo de comprensión do que se describe. Creo que estas son só algunhas claves que poden axudar a que os demais abramos a porta e vexamos o país das marabillas que son a ciencia e a enxeñaría. E como os enxeñeiros con que traballei me ensinaron a entrar en contacto coa miña rariña interior, quero resumilas cunha ecuación. (Risas) Colla a súa investigación, quítelle as listas con frechiñas, e a xerga, divídaa pola relevancia, que significa compartir o relevante para a audiencia, e multiplíqueo pola paixón que sente polo incrible traballo que está facendo, e isto será igual ás interaccións incribles que están cheas de comprensión. E así, científicos e enxeñeiros, cando resolvan esta ecuación, madia leva, fálenme con sinxeleza. (Risas) Grazas. (Aplausos)