Somos testemuñas do colosal progreso humano. Nas últimas décadas, a expansión do mercado mundial sacou da pobreza extrema a un terzo da poboación mundial. Porén, tamén somos testemuñas dun incrible fracaso. Os nosos esforzos para axudar a xente deixaron atrás a aquelas nas formas máis duras de pobreza os da pobreza extrema. A definición de pobreza extrema vai máis alá daquela coa que estamos familiarizados: vivir con menos de dous dólares ao día. Vai máis alá de non ter bens como gando ou terras. A pobreza extrema é estar privado da túa dignidade obxectivos e autoestima. É vivires illado porque es un lastre para a sociedade. É seres incapaz de idear un futuro mellor para ti e túa familia. A finais de 2019, preto de 400 millóns de persoas vivían na extrema pobreza. Máis que a poboación dos EUA e Canadá xuntos. E cando hai catástrofes coma unha pandemia, un desastre natural ou unha crise estas cifras aumentan. O meu pai, Fazle Abed, renunciou a unha carreira corporativa para fundar BRAC aquí en Bangladesh en 1972. Bangladesh estaba destruído houbo un ciclón devastador seguido dunha brutal guerra pola independencia. Traballando cos máis pobres, meu pai descubriu que a pobreza é algo máis que a falta de ingresos e bens. Tamén é a perda da esperanza. A xente estaba atrapada na pobreza porque sentían que a súa condición era inalterable. Para eles a pobreza era coma o sol e a lúa algo que Deus lles dera. Para os programas para reducir a pobreza teren éxito, deberían inculcar esperanza e autoestima para que cun pouco de apoio a xente poida saír, por si mesma, da pobreza. BRAC foi pioneira no modelo de graduación da pobreza. Unha solución da pobreza extrema dirixida á pobreza de ingresos e á pobreza de esperanza. O modelo traballa, maiormente, con mulleres porque son as máis afectadas pola pobreza extrema pero tamén as que, probablemente, saquen as súas familias da pobreza. Durante dous anos fixemos, sobre todo, catro cousas. Un, satisfixemos as necesidades básicas dunha muller dándolle comida ou diñeiro asegurándolle o mínimo para vivir. Dous, trasladámola a un medio de vida digno dándolle bens, como gando e ensinándolle como gañar diñeiro con el. Tres, aprendímoslle a aforrar, presupostar e investir na so seu novo patrimonio. E catro, axudámola a integrarse na sociedade primeiro en grupos de mulleres coma ela e logo na súa comunidade. Cada un destes elementos é clave para o éxito dos demais pero a verdadeira maxia é a esperanza e o sentido da posibilidade que desenvolven as mulleres grazas á orientación que reciben. Vouvos falar de Jorina. Naceu nunha vila remota no norte de Bangladesh. Nunca foi á escola e aos 15 anos foi casada cun maltratador. Finalmente, abandonouna e deixouna sen diñeiro e con dous fillos que non ían á escola e tiñan desnutrición severa. Non tiña a quen pedir axuda non tiña esperanza. Uniuse ao programa de graduación en 2005. Recibiu un dólar á semana dúas vacas, formación profesional e a visita dun asesor cada semana. Comezou a construír os seus bens pero o máis importante comezou a imaxinar un futuro mellor para ela e os seus fillos. Se hoxe visitas a vila de Jorina verás que dirixe a maior tenda da zona. Amosarache con orgullo as terras que mercou e a casa que construíu. Dende que comezamos o programa en 2002 dous millóns de mulleres de Bangladesh saíron xunto coa súa familia da pobreza extrema. Iso son case nove millóns de persoas. O programa, que supón 500 dólares por familia dura só dous anos pero o impacto vai máis alá. Investigadores da Escola de Economía de Londres descubriron que mesmo sete anos despois de ter participado no programa o 92 % das participantes mantiveron ou incrementaron os seus ingresos, bens e consumo. Esther Duflo e Abhijit Banerjee as economistas do MIT, que gañaron o Premio Nobel o ano pasado realizaron controis multinacionais e sinalaron que a graduación é un dos métodos máis efectivos para acabar coa trampa da pobreza. Pero o meu pai non estaba satisfeito de ter atopado unha solución que só funcionase para algúns. Sempre quixo saber se eramos o suficientemente ambiciosos en termos de escala. Así, cando logramos a escala nacional en Bangladesh quixo saber se poderiamos escalar a nivel mundial. Iso supuña involucrar gobernos. Os gobernos xa destinan miles de millóns de dólares a programas de redución da pobreza. Pero moito dese diñeiro estrágase porque eses programas non chegan aos máis pobres e aos que o fan, non teñen un impacto a longo prazo. Traballamos en captar gobernos para axudalos a adoptar programas de graduación da pobreza maximizando o impacto dos miles de millóns de dólares que xa destinan para lidar contra a pobreza extrema. O noso plan é axudar a outros 21 millóns de persoas a saír da pobreza extrema elas mesmas en oito países nos próximos seis anos cos equipos do BRAC presentes e incorporados en cada país. En xullo de 2019, ao meu pai diagnosticáronlle cáncer terminal e déronlle catro meses de vida. Cando deixou a BRAC, logo de liderala durante 47 anos lembrounos que durante a súa vida viu como o optimismo triunfaba sobre o pesimismo e como cando prendes a luz da confianza na xente mesmo os máis pobres poden transformar as súas vidas. O meu pai faleceu en decembro. El prendeu esa luz para milleiros de persoas e nos seus últimos días de vida rogounos que continuásemos a facelo. Esta é a nosa oportunidade para facelo así que deixemos de imaxinar un mundo sen pobreza extrema e comecemos a construílo xuntos. Grazas.