Que tal, xente?
Non podo crer que estea nunha TED Talk.
Isto é de nivel,
porque agora mesmo
toda a miña vila está a ver isto.
Así que, loxicamente,
o meu prezo de noiva acaba de subir
Chámome Adeola Fayehun.
Son de Nixeria.
Vivo nos Estados Unidos,
son xornalista, ou cómica,
ou artista satírica,
o que queiras que sexa, de feito.
Son calquera muller, lévoas todas dentro.
Presento un programa en YouTube
chamado Keeping it real with Adeola.
É un programa amable e respectuoso
e un xeito contundente
de sinalar os líderes africanos corruptos.
Presidente Buhari: Descoñezo a que partido
pertence a miña muller,
mais sei que pertence á miña cociña.
Adeola: Ai, por Deus!
Necesito auga... por favor
Dixen que necesito auga!
Ves?
Son moi honesta con eles, ha!
Sobre todo cando a lían,
algo que pasa moitas veces.
Se algún alto cargo africano
está a verme, por certo,
non estou a falar de vostede, señor.
Estou a falar dos seus colegas, si.
Fago isto porque África
ten todo o que cómpre para ser grande.
Medrei coa crenza
de que África, como continente,
é un xigante.
Temos máis habilidades, intelectuais,
e recursos naturais
ca ningún outro continente.
África abastece mundialmente
o 31% do ouro,
manganesio e uranio,
57% dos diamantes do mundo
e 13% do petróleo mundial.
Non hai razón
para que dependamos das axudas
ou empréstitos de China
ou do Banco Mundial.
Mais, sen bos líderes,
somos como unha aguia
que non sabe que pode voar,
e moito menos elevarse.
África é coma unha xigante dormente.
O certo é que estou tentando
espertar a esa xigante,
por iso aireo os trapos sucios
dos que están a cargo desta xigante.
Os nosos políticos, os líderes relixiosos,
con moito respecto, por suposto,
porque, máis ca ningunha outra cousa,
os líderes africanos
adoran que os respecten.
E eu fágolles o favor en pequenas doses.
No meu programa
fágolles unha reverencia... ha!
Chámolles meus tíos, miñas tías,
meus pais no nome de Deus,
e logo...
insúltoos
por insultar a nosa intelixencia.
Porque estamos cansos
da hipocrisía e as falsas promesas.
Por exemplo,
o presidente nixeriano
xurou acabar co turismo médico
mediante a mellora
dos nosos ruinosos hospitais
e a construción de novos centros.
Pero que fixo?
Pasou tres meses recibindo tratamento
en Londres no 2017.
Estivemos sen presidente
durante tres meses.
Fomos orfos durante tres meses.
Criticar ó Presidente
converteuse no meu traballo,
con respecto, obviamente.
Dixen: "Sr. Presidente,
son a súa fan, Adeola.
Xa sabe como estou,
que tal vostede?
Non ten vergoña".
Esquecín dicir "señor".
"Señor, non ten vergoña.
(En Yoruba) Vostede non teme a Deus.
Vostede non teme a Deus".
35.000 médicos nixerianos
están a traballar nos Estados Unidos,
no Reino Unido e Canadá
facendo cousas incribles
porque en Nixeria
non teñen un bo soldo
nin teñen o equipamento necesario
para poder facer o seu traballo.
E isto pasa en moitos países africanos.
Temos a capacidade de voar.
Mais moito talento africano
está a voar lonxe de África
cara a outros continentes.
Por exemplo,
este médico nixeriano
operou nun bebé que aínda non nacera
en Texas.
Este médico nixeriano
descubriu os efectos neurolóxicos
das conmocións cerebrais en atletas.
E moitos países teñen atletas africanos
a gañar medallas de ouro...
para eles.
O interesante é que
estamos a esperar que Deus arranxe África.
En serio, non é broma.
Estamos a esperar por Deus.
Non hai máis que ver
ó presidente de Burundi
que encarcela a xornalistas
e a opositores,
pero que proclamou
un Día Nacional de Pregaria
para que a xente puidese pedirlle a Deus
que arranxase o país.
E eu pensei, non debería ser el
quen arranxase o país?
Oh, no, no, no, no, no, no.
Queremos que o arranxe Deus.
Ves o que teño que aturar?
Xa cho digo eu,
o día menos pensado
van levar o seu merecido.
Podemos ser mellores.
Quero que os nosos líderes
comecen a responsabilizarse
e deixen de cargarlle o morto a Deus.
Deus deunos todo o que necesitamos.
Está aquí mesmo, usémolo.
A miña parte favorita do meu traballo
é destacar a xente de África
que realiza traballos incribles,
xente normal que marca outras vidas.
Como esta muller kenyana, Wangari Maathai,
a primeira muller africana
en recibir o premio Nobel da Paz
pola súa defensa dos dereitos humanos
e por plantar un millón de árbores.
Ou esta muller de Zimbabwe,
Dra. Tererai Trent,
forzada a casar con 14 anos
a cambio dunha vaca.
Aínda así, aprendeu por si soa
a ler e escribir,
e acabou no programa de Oprah.
Oh, Señor,
eu tamén quero acabar onda Oprah.
Esta muller construíu escolas
para milleiros de cativos en Zimbabwe.
O famoso arquitecto británico
David Adjaye deseñou
edificios incribles por todo o mundo.
É de Ghana e de Tanzania,
así que seguro que foi
o arroz jollof de Ghana,
que el comera,
o que o inspirou a crear.
Se cadra foi o arroz de Nixeria,
que é mellor.
Sexa como for,
esa foi a súa inspiración para ser
a excelente persoa que é hoxe.
E aproveitando a túa atención,
teño algo máis que engadir,
así que achégate.
Vale, perfecto,
non te pases, aí está ben.
Non me gusta a forma que tedes
de retratar África.
Non todos vós, só algúns.
Ti en concreto.
Para comezar, non é un país,´
é un continente.
Non coñezo a Paul de Uganda,
nin a Rebecca de Zimbabwe.
Nixeria está tan lonxe de Zimbabwe
como Nova York de Francia.
E non hai un monton de xente núa
necesitada de caridade occidental.
Estades moi equivocados.
Os leóns non pasean polas nosas rúas.
Podería seguir,
pero xa sabedes a que me refiro.
Así que, mentres eu traballo para espertar
á xigante dormente que é África,
para que poida reclamar
o seu lugar na escena internacional,
ti podes facer a túa parte.
Por favor, escoita máis.
Escoita ás túas amizades africanas
sen ideas preconcibidas
sobre o que pensas que van dicir.
Le libros africanos.
Oh, meu Deus, ve filmes africanos.
Ou, como mínimo,
aprende algúns dos nomes
dos nosos 54 preciosos países.
Así é, 54, meu ben. Cinco-catro.
Bueno, foi un pracer,
e estou sendo honesta.
Até a próxima, vémonos nun chisco.
Saudiña.