Detédevos un momento,
e pensade nun virus.
Que vos vén á cabeza?
Unha doenza?
Medo?
De seguro algo moi desagradable.
Porén, non todos os virus son iguais.
É certo, algúns deles
causan doenzas devastadoras.
Pero outros poden facer xusto o contrario:
curar doenzas
Estes virus chámanse "fagos".
A primeira vez que oín falar
dos fagos foi no 2013.
Meu sogro, que é cirurxián,
faloume sobre unha muller
á que estaba tratando.
Tiña unha ferida no xeonllo
que precisou múltiples operacións,
e durante o proceso
desenvolveu na perna
unha infección bacteriana crónica.
Por desgraza, as bacterias
causantes da infección non respondían
a ningún antibiótico dispoñible.
Chegados a este punto, a única opción
que quedaba era amputar a perna
para evitar que a infección
se espallase máis.
Meu sogro buscaba
desesperadamente outra solución
e optou por un tratamento experimental
empregando fagos como último recurso.
E adiviñade o que pasou. Funcionou.
Tres semanas despois de empregar os fagos,
a infección crónica curou,
aínda cando ningún antibiótico funcionara.
Fascinoume esta peculiar idea:
un virus que cura unha infección.
Ata hoxe, sigo abraiado
coas posibilidades médicas dos fagos.
E de feito o ano pasado deixei o traballo
para crear unha empresa neste ámbito.
Agora ben, que é un fago?
A imaxe que vedes aquí foi tomada
cun microscopio electrónico.
Iso significa que o que se ve en pantalla
é en realidade extremadamente minúsculo.
Esa cousa granulada do medio cunha cabeza,
un corpo longo
e uns cantos pés
é a imaxe dun fago prototípico.
A que é riquiño?
(Risos)
Agora, ollade a vosa man.
No noso equipo, estimamos que tedes
máis de 10 mil millóns de fagos
en cada unha das mans.
Que están facendo aí?
(Risos)
Pois ben, os virus son bos
infectando células
E os fagos dedícanse a infectar bacterias.
A vosa man, como a maior parte
do voso corpo,
é un fervedoiro de actividade bacteriana,
o que a fai un lugar perfecto de caza
para os fagos.
Xa que ó fin e ó cabo,
os fagos cazan bacterias.
Tamén é importante saber
que son cazadores moi selectivos.
Normalmente un fago só pode infectar
unha especie bacteriana.
O fago que vedes aquí
nesta representación,
caza unha bacteria chamada
Staphylococcus aureus,
que se coñece como SARM
na súa forma resistente ós antibióticos.
Causa infeccións na pel ou en feridas.
Os fagos cazan cos pés
En realidade, os pés son receptores
extremadamente sensibles,
que buscan unha superficie en particular
nas células bacterianas.
Unha vez atopada,
o fago acóplase
á parede celular da bacteria
e despois inxecta o seu ADN.
O ADN atópase na cabeza do fago
e viaxa ata a bacteria a través
do corpo longo.
Neste intre, o fago reprograma a bacteria
para producir unha morea de novos fagos.
Deste xeito, a bacteria
convértese nunha fábrica de fagos.
Cando se acumulan entre 50 e 100 fagos
dentro da célula bacteriana
estes xa son capaces
de liberar unha proteína
que rompe a parede celular da bacteria.
Ó estalar a bacteria libéranse os fagos
e van de caza outra vez
para infectar unha nova bacteria.
Síntoo, se cadra isto tamén
semella un arrepiante virus.
Pero esta capacidade específica dos fagos,
a de multiplicárense dentro de bacterias
e despois matalas,
é a que os fai tan interesantes
dende un punto de vista médico.
O outro aspecto que considero
de sumo interese
é a escala a que isto acontece.
Hai cinco anos non
tiña nin idea sobre fagos
Pero hoxe podo afirmar
que son parte dun principio natural.
Os fagos e as bacterias remóntanse
ós primeiros días da evolución.
Sempre existiron conxuntamente
controlándose entre si.
De feito, é a historia
do yin e o yang, a do o cazador e a presa,
a nivel microscópico.
Algúns científicos ata consideran
que os fagos son os organismos
máis abundantes do planeta.
Así que antes de seguir falando
do seu potencial médico,
penso que todos deberíamos coñecer
os fagos e o seu papel na Terra:
cazan, infectan e destrúen bacterias.
Como é que temos algo
que funciona tan ben na natureza,
todo o tempo, en calquera lugar,
e aínda así na maior parte do mundo
non hai unha menciña no mercado
que empregue este principio
para combater infeccións bacterianas?
A resposta sinxela é: non se desenvolveu
aínda unha menciña deste tipo,
polo menos unha que cumpra
cos estándares de regulación occidentais,
que serven de referencia
para a maioría do mundo.
Para enterdermos o porqué,
é preciso mirarmos cara ao pasado.
Esta é unha foto de Félix d'Herelle.
É un dos dous científicos ós que
se atribúe o descubrimento dos fagos.
Aínda que cando os descubriu en 1917
non tiña idea
do que acababa de descubrir.
Estaba interesado nunha enfermidade
chamada disentería bacilar,
unha infección bacteriana
que provoca diarrea aguda
e que estaba matando unha morea de xente,
xa que daquela aínda non había cura
para as infeccións bacterianas.
Estaba observando mostras de pacientes
que sobreviviran a esta enfermidade.
E atopou que algo estraño estaba pasando.
Algo nas mostras
estaba matando as bacterias
que supostamente causaban a enfermidade.
Para saber o que estaba pasando,
realizou un experimento ben enxeñoso.
Colleu unha mostra, filtrouna
ata que estaba seguro de que só podía
quedar algo minúsculo,
e despois engadiu unha pinguiña
a cultivos de bacterias novos.
E observou que nunhas horas
as bacterias morreran.
Repetiu entón o experimento, filtrou
outra vez a mostra, colleu unha pinguiña
e engadiuna á seguinte quenda
de bacterias frescas.
Fixo isto en cadea 50 veces,
e sempre obtivo o mesmo resultado.
E chegado a este punto,
concluíu dúas cousas.
En primeiro lugar, a máis obvia:
si, algo estaba matando as bacterias
e estaba nese líquido.
A outra: tiña que ser algo
de natureza biolóxica,
xa que unha pinguiña de nada era abondo
para provocar un gran impacto.
Ó axente que atopou chamoulle
"microbio invisible"
e denominouno "bacteriófago",
que literalmente significa
"que come bacterias".
E por certo, este foi
un dos descubrimentos máis importantes
da microbioloxía moderna.
Unha chea de técnicas modernas
baséanse no coñecemento sobre os fagos
na edición xenómica e noutras áreas.
E precisamente hoxe,
outorgouse o premio Nobel de Química
a dous científicos que traballan con fagos
e que desenvolven menciñas baseadas neles.
Nos anos 20 e 30 do século pasado,
viuse inmediatamente
o potencial médico dos fagos.
Á fin e ao cabo, aínda que invisibles,
había algo que mataba bacterias
cunha alta efectividade.
Empresas que aínda hoxe existen,
como Abbott, Squibb ou Lilly,
vendían preparados de fagos.
Pero a verdade é que se partes
dun microbio invisible
é moi difícil obter
unha menciña fiable.
Imaxinade como sería ir hoxe en día á FDA
e falarlles dun virus invisible
que lle queres dar ós pacientes.
Cando os antibióticos químicos
apareceron nos anos 40,
cambiaron as regras do xogo por completo.
E este tipo tivo un papel moi importante.
É Alexander Fleming.
Gañou o Premio Nobel de Medicina
polas súas contribucións ó desenvolvemento
do primeiro antibiótico: a penicilina.
Os antibióticos funcionan
dun xeito moi distinto ós fagos.
A maioría deles
inhiben o crecemento das bacterias
e non lles importa moito
que tipo de bacteria sexa.
Os que se denominan de amplo espectro
son efectivos para
unha morea de bacterias.
Comparados cos fagos,
que son extremadamente precisos
contra unha especie bacteriana,
a vantaxe é evidente.
No seu día, isto tivo que ser
como un soño feito realidade.
Tiñas un paciente sospeitoso de ter
unha infección bacteriana
dábaslle o antibiótico,
e sen ter que saber nada
sobre a bacteria causante da enfermidade
a maioría dos pacientes recuperábanse.
E axiña que se desenvolveron
máis e máis antibióticos
convertéronse con razón na principal
terapia para as infeccións bacterianas.
E por certo, contribuíron enormemente
á nosa esperanza de vida.
Hoxe en día é posible
realizar intervencións complexas
e cirurxías médicas
porque hai antibióticos,
e non nos arriscamos
a que o paciente morra ó día seguinte
por unha infección bacteriana
que puido contraer durante a operación.
Así que comezamos a esquecernos dos fagos,
en especial na medicina occidental.
E ata certo punto, cando era novo,
a crenza era:
o problema das infeccións bacterianas
está resolto, hai antibióticos.
Hoxe sabemos que isto non é certo, claro.
Hoxe, a maioría oiriades falar
das superbacterias.
Son bacterias que se tornaron resistentes
á maioría dos antibióticos
que levamos desenvolvidos
para tratar unha infección.
Como chegamos ata aquí?
Non eramos tan listos como pensabamos.
Ó empezar a usar antibióticos
en todas partes,
nos hospitais para tratar e previr,
na casa para un catarro común,
nas granxas, para manter os animais sans,
as bacterias evolucionaron.
Na arremetida de antibióticos
á que se viron sometidas,
as bacterias que mellor
souberon adaptarse sobreviviron.
Agora chamámoslles
"bacterias multirresistentes".
Deixádeme que vos dea un dato preocupante.
Nun estudo recente encargado
polo goberno británico,
estimouse que para o ano 2050,
poden morrer dez millóns de persoas ó ano
por infeccións resistentes ás menciñas.
Comparado coas oito millóns
de mortes anuais por cancro actuais
podedes ver que é un dato que mete medo.
Pero as boas novas son
que aínda contamos cos fagos.
E deixádeme dicirvos, non lle teñen
medo á resistencia ós antibióticos.
(Risos)
Seguen cazando e matando bacterias
ó noso redor coma se nada.
E aínda por riba son selectivos,
o que é algo moi bo actualmente.
Hoxe, somos quen de identificar
con certeza un patóxeno bacteriano
que causa unha infección
en distintos contornos.
A súa selectividade axudaranos a evitar
algúns efectos secundarios
comunmente asociados ós
antibióticos de amplo espectro.
Pero quizais a mellor noticia é
que xa non son microbios invisibles.
Podemos miralos.
Fixémolo xuntos hai un intre.
Podemos secuenciar o seu ADN,
entendemos como se replican
e comprendemos as súas limitacións.
Estamos nun excelente momento
para desenvolver menciñas
efectivas e fiables baseadas en fagos.
E xusto iso é o que está pasando no mundo.
Máis de 10 empresas biotecnolóxicas,
incluída a nosa,
están desenvolvendo fagoterapias para
tratar infeccións bacterianas en humanos.
Estanse a realizar ensaios clínicos
en Europa e nos EE. UU.
Estou convencido de que
nos atopamos ás portas
do rexurdimento da terapia con fagos.
E, para min, a maneira axeitada
de representar un fago é algo tal que así.
(Risos)
Para min, os fagos son os superheroes
que levamos tempo agardando
na nosa loita contra as infeccións
resistentes ós antibióticos.
Así que a próxima vez
que pensedes nun virus,
lembrade esta imaxe.
Despois de todo, nunca saberedes
cando un fago vos pode salvar a vida.
Grazas.
(Aplausos)