A menos de dous quilómetros de aquí, na cidade vella de Edimburgo, atópase Panmure House. Panmure House foi a residencia do economista escocés de renome mundial Adam Smith. Na súa importante obra "A riqueza das nacións", Adam Smith defendía, entre outras moitas cousas, que a medida da riqueza dun país non a daban as súas reservas de ouro e prata. Era a totalidade da produción e do comercio do país. Supoño que foi unha das primeiras descricións do que hoxe coñecemos como produto interior bruto, PIB. Por suposto, desde entón esa medida da produción e do comercio, o PIB, ten cobrado aínda máis importancia, ata o punto de que hoxe -- e penso que non era esa a intención de Adam Smith -- a miúdo considérase esa a medida máis importante do éxito global dun país. E o meu argumento hoxe é que vai sendo hora de cambiar iso. O que decidimos medir como país é importante. Ten verdadeira importancia porque determina o centro de atención política, impulsa a actividade pública. E nese contexto penso que as limitacións do PIB como medida do éxito nacional son demasiado evidentes. O PIB mide o froito de todo o noso traballo, pero non di nada sobre a natureza dese traballo, sobre se ese traballo paga a pena ou é gratificante. Por exemplo, asígnalle un valor ao consumo de drogas ilegais, pero non aos coidados non remunerados. Dá valor á actividade a curto prazo que impulsa a economía, aínda que esa actividade cause un dano enorme á sostibilidade do noso planeta a longo prazo. E reflexionamos sobre esta última década de conmoción política e económica, de crecentes desigualdades, e cando contemplamos os desafíos futuros da emerxencia climática, da automatización crecente, do envellecemento da poboación, entón penso que o argumento a favor dunha definición máis ampla do que significa ter éxito como país, como sociedade, cobra peso, cada vez máis. Por esa razón, en 2018 Escocia tomou a iniciativa na creación dunha nova rede denominada grupo de Gobernos pola Economía do Benestar, que reuniu como membros fundadores a Escocia, Islandia e Nova Zelandia. Polas iniciais en inglés, ás veces chámannos os países S.I.N. [pecado], aínda que o noso obxectivo é claramente o ben común. E o obxectivo deste grupo é cuestionar ese interese na medición restrinxida do PIB. É dicir que, si, o crecemento económico conta -- é importante -- pero non é o único importante. E non debería perseguirse o crecemento do PIB a calquera prezo. De feito, a tese dese grupo é que a meta, o obxectivo da política económica debería ser o benestar colectivo: Canta felicidade e saúde ten unha poboación e non simplemente canta riqueza. Volverei sobre as implicacións políticas diso nun intre. Pero penso que especialmente no mundo no que vivimos hoxe ten unha repercusión máis profunda. Veredes, cando nos centramos no benestar, iniciamos unha conversa que suscita preguntas profundas e fundamentais. Que é o que de verdade nos importa nas nosas vidas? Que valoramos nas comunidades nas que vivimos? Que clase de país, que clase de sociedade queremos ser realmente? E cando implicamos á xente nesas cuestións, na busca de respostas a esas preguntas, entón penso que temos máis probabilidades de abordar o estrañamento e a desafección pola política que están hoxe tan estendidos por todo o mundo desenvolvido. En termos de políticas, esta viaxe desde Escocia comezou alá polo 2007, coa publicación do que chamamos o noso Marco Nacional de Actuación, no que víamos os distintos indicadores cos que nos medimos. Eses indicadores son cousas tan diversas como a desigualdade de ingresos, a felicidade dos nenos, o acceso a espazos verdes e a vivenda. Ningún destes está recollido nas cifras de PIB, pero son todos esenciais para unha sociedade sa e feliz. (Aplausos) E ese enfoque máis amplo é o núcleo da nosa estratexia económica, na que concedemos a mesma importancia a reducir a desigualdade ca á competitividade económica. Dá impulso ao noso compromiso co traballo xusto, ao garantir un traballo gratificante e ben pagado. Está trala nosa decisión de formar unha Comisión para a Transición Xusta que guíe os nosos pasos cara a unha economía de cero emisións. Sabemos polas transformacións económicas do pasado que se non imos con coidado, vai haber máis perdedores ca gañadores. E ao enfrontarnos ao reto do cambio climático e a automatización, non debemos cometer os mesmos erros. O que estamos a facer en Escocia é, creo eu, importante, pero temos moitísimo que aprender doutros países. Hai un intre mencionei os nosos socios na rede de Benestar: Islandia e Nova Zelandia. Cabe sinalar, e deixo que vós mesmos decidades se ten importancia ou non, que estes tres países están actualmente dirixidos por mulleres. (Aplausos) Tamén están a facer un gran traballo. Nova Zelandia fixo público en 2019 o seu primeiro Orzamento do Benestar, incluíndo a saúde mental como aspecto central; Islandia vai diante en igualdade salarial, garderías e permiso de paternidade -- non son o tipo de medidas nas que primeiro pensamos cando falamos de crear riqueza económica, senón políticas esenciais para unha economía sa e unha sociedade feliz. Comecei con Adam Smith e "A riqueza das nacións" Nunha obra anterior de Adam Smith, "A teoria dos sentimentos morais", que, na miña opinión, é igual de importante, comenta que o valor de calquera goberno xúlgase en proporción á medida en que fai feliz á xente. Penso que é un bo principio fundamental para un grupo de países centrados na promoción do benestar. Ninguén de nós ten tódalas respostas, nin sequera Escocia, o berce de Adam Smith, Pero no mundo no que vivimos hoxe, con crecente división e desigualdade, con desafección e alienación, é máis importante ca nunca facernos e responder esas preguntas e fomentarmos unha visión da sociedade que teña o benestar, e non só a riqueza, como centro (Aplausos) Atopádesvos na fermosa, e soleada capital... (Risas) do país que liderou o mundo na Ilustración, o país que axudou a dirixir o mundo cara á era industrial, o país que neste mesmo momento axuda a dirixir o mundo cara á era das baixas emisións. quero, e estou decidida a que así sexa, que Escocia sexa tamén o país que axude a cambiar o centro de atención de países e gobernos de todo o mundo para colocar o benestar na base de todo o que facemos. Penso que lle debemos iso a esta xeración. Creo firmemente que lle debemos iso á próxima xeración e a tódolos que veñen detrás de nós. E se facemos iso desde aquí, desde o país da Ilustración, entón penso que crearemos unha sociedade mellor, máis sa, xusta e feliz, empezando por aquí. E cumprimos coa nosa parte aquí en Escocia para construírmos tamén un mundo máis xusto e máis feliz Moitas grazas. (Aplausos)