A menos de dous quilómetros de aquí,
na cidade vella de Edimburgo,
atópase Panmure House.
Panmure House
foi a residencia do economista escocés
de renome mundial
Adam Smith.
Na súa importante obra
"A riqueza das nacións",
Adam Smith defendía,
entre outras moitas cousas,
que a medida da riqueza dun país
non a daban as súas reservas
de ouro e prata.
Era a totalidade da produción
e do comercio do país.
Supoño que foi unha das primeiras
descricións do que hoxe coñecemos
como produto interior bruto, PIB.
Por suposto, desde entón
esa medida da produción e
do comercio, o PIB,
ten cobrado aínda máis importancia,
ata o punto de que hoxe --
e penso que non era esa a intención
de Adam Smith --
a miúdo considérase esa
a medida máis importante
do éxito global dun país.
E o meu argumento hoxe é
que vai sendo hora de cambiar iso.
O que decidimos medir
como país é importante.
Ten verdadeira importancia porque
determina o centro de atención política,
impulsa a actividade pública.
E nese contexto
penso que as limitacións do PIB
como medida do éxito nacional
son demasiado evidentes.
O PIB mide o froito
de todo o noso traballo,
pero non di nada sobre a natureza
dese traballo,
sobre se ese traballo paga a pena
ou é gratificante.
Por exemplo, asígnalle un valor
ao consumo de drogas ilegais,
pero non aos coidados non remunerados.
Dá valor á actividade a curto prazo
que impulsa a economía, aínda que
esa actividade cause un dano enorme
á sostibilidade do noso planeta
a longo prazo.
E reflexionamos sobre esta última década
de conmoción política e económica,
de crecentes desigualdades,
e cando contemplamos os desafíos futuros
da emerxencia climática,
da automatización crecente,
do envellecemento da poboación,
entón penso que o argumento a favor
dunha definición máis ampla
do que significa ter éxito
como país, como sociedade,
cobra peso, cada vez máis.
Por esa razón, en 2018 Escocia
tomou a iniciativa na creación
dunha nova rede denominada
grupo de Gobernos pola Economía
do Benestar,
que reuniu como membros fundadores
a Escocia, Islandia e Nova Zelandia.
Polas iniciais en inglés, ás veces
chámannos os países S.I.N. [pecado],
aínda que o noso obxectivo
é claramente o ben común.
E o obxectivo deste grupo
é cuestionar ese interese
na medición restrinxida do PIB.
É dicir que, si, o crecemento económico
conta --
é importante --
pero non é o único importante.
E non debería perseguirse o crecemento
do PIB a calquera prezo.
De feito, a tese dese grupo
é que a meta, o obxectivo
da política económica
debería ser o benestar colectivo:
Canta felicidade e saúde
ten unha poboación
e non simplemente canta riqueza.
Volverei sobre as implicacións políticas
diso nun intre.
Pero penso que especialmente
no mundo no que vivimos hoxe
ten unha repercusión máis profunda.
Veredes, cando nos centramos no benestar,
iniciamos unha conversa
que suscita preguntas profundas
e fundamentais.
Que é o que de verdade nos importa
nas nosas vidas?
Que valoramos nas comunidades
nas que vivimos?
Que clase de país,
que clase de sociedade
queremos ser realmente?
E cando implicamos á xente
nesas cuestións,
na busca de respostas a esas preguntas,
entón penso que temos
máis probabilidades
de abordar o estrañamento
e a desafección pola política
que están hoxe tan estendidos
por todo o mundo desenvolvido.
En termos de políticas, esta viaxe
desde Escocia comezou alá polo 2007,
coa publicación do que chamamos
o noso Marco Nacional de Actuación,
no que víamos os distintos indicadores
cos que nos medimos.
Eses indicadores son cousas tan diversas
como a desigualdade de ingresos,
a felicidade dos nenos,
o acceso a espazos verdes e a vivenda.
Ningún destes está recollido
nas cifras de PIB,
pero son todos esenciais para
unha sociedade sa e feliz.
(Aplausos)
E ese enfoque máis amplo é o núcleo
da nosa estratexia económica,
na que concedemos a mesma importancia
a reducir a desigualdade
ca á competitividade económica.
Dá impulso ao noso compromiso
co traballo xusto,
ao garantir un traballo
gratificante e ben pagado.
Está trala nosa decisión de formar
unha Comisión para a Transición Xusta
que guíe os nosos pasos
cara a unha economía de cero emisións.
Sabemos polas transformacións
económicas do pasado
que se non imos con coidado,
vai haber máis perdedores ca gañadores.
E ao enfrontarnos ao reto do cambio
climático e a automatización,
non debemos cometer os mesmos erros.
O que estamos a facer en Escocia
é, creo eu, importante,
pero temos moitísimo que aprender
doutros países.
Hai un intre mencionei os nosos socios
na rede de Benestar:
Islandia e Nova Zelandia.
Cabe sinalar, e deixo que vós mesmos
decidades se ten importancia ou non,
que estes tres países están actualmente
dirixidos por mulleres.
(Aplausos)
Tamén están a facer un gran traballo.
Nova Zelandia fixo público en 2019
o seu primeiro Orzamento do Benestar,
incluíndo a saúde mental
como aspecto central;
Islandia vai diante en igualdade salarial,
garderías e permiso de paternidade --
non son o tipo de medidas
nas que primeiro pensamos
cando falamos de crear
riqueza económica,
senón políticas esenciais
para unha economía sa
e unha sociedade feliz.
Comecei con Adam Smith
e "A riqueza das nacións"
Nunha obra anterior de Adam Smith,
"A teoria dos sentimentos morais",
que, na miña opinión,
é igual de importante,
comenta que o valor de calquera goberno
xúlgase en proporción
á medida en que fai feliz á xente.
Penso que é un bo principio fundamental
para un grupo de países centrados
na promoción do benestar.
Ninguén de nós ten tódalas respostas,
nin sequera Escocia,
o berce de Adam Smith,
Pero no mundo no que vivimos hoxe,
con crecente división e desigualdade,
con desafección e alienación,
é máis importante ca nunca
facernos e responder esas preguntas
e fomentarmos unha visión da sociedade
que teña o benestar, e non só a riqueza,
como centro
(Aplausos)
Atopádesvos na fermosa, e soleada
capital...
(Risas)
do país que liderou o mundo
na Ilustración,
o país que axudou a dirixir o mundo
cara á era industrial,
o país que neste mesmo momento
axuda a dirixir o mundo
cara á era das baixas emisións.
quero, e estou decidida a que así sexa,
que Escocia sexa tamén o país
que axude a cambiar o centro de atención
de países e gobernos de todo o mundo
para colocar o benestar na base
de todo o que facemos.
Penso que lle debemos iso a esta xeración.
Creo firmemente que lle debemos iso
á próxima xeración
e a tódolos que veñen detrás de nós.
E se facemos iso desde aquí,
desde o país da Ilustración,
entón penso que crearemos
unha sociedade mellor,
máis sa, xusta e feliz,
empezando por aquí.
E cumprimos coa nosa parte aquí
en Escocia
para construírmos tamén un mundo
máis xusto e máis feliz
Moitas grazas.
(Aplausos)