[Como transcribir] Transcribir significa crear subtítulos na lingua do vídeo. Vale. Pero para que necesitamos transcricións? Os subtítulos no idioma do vídeo axudan de tres formas. Permítenlle a persoas xordas e con problemas de audición acceder á charla. Axudan a difundir na Web as ideas das charlas, porque logo de que o vídeo teña unha transcrición, aparecerá en Google cando se busquen temas relacionados. E por último, cando unha charla ten transcrición pode traducirse a outros idiomas e difundirse polo mundo adiante. Perfecto. E como se transcribe? Polo xeral, cando se transcribe, escríbese todo o que se oe e fíxase o momento en que aparece o subtítulo e o momento en que desaparece. No entanto, hai outras regras simples que cómpre ter en conta ao transcribir. Non transcribas lapsus linguae nin erros obvios, por exemplo se quen fala di "nós pensas” no canto de "nós pensamos”. Faga de cada subtítulo un texto claro, aínda que o orador dubide no medio da frase, ou aínda que lle dea patadas á gramática ao falar nun idioma estranxeiro. Respecte a lonxitude da liña, a do subtítulo e a velocidade de lectura. E lembre que, igual que cando traduce, nalgunhas ocasións, cando non abonde con axustar a minutaxe, terá que reducir o texto nos subtítulos para manter a velocidade de lectura. Tente sincronizar o subtítulo co que se estea a dicir. Tanto ten se se o subtítulo se superpón un pouco sobre seguinte frase que se di, sobre todo se se precisa para ter unha boa velocidade de lectura. No entanto, non comece o subtítulo máis de 100 milisegundos antes de que a frase se diga. Se non, dariámoslle ao espectador unha sensación de anticipación estraña ao ver que a linguaxe corporal de quen fala non se axusta ao subtítulo. E non deixe que o subtítulo dure en pantalla máis de 1 segundo despois de que se diga a frase correspondente. Non termine o subtítulo cun anaco da seguinte frase. Se é posible, faga subtítulos con frases ou enunciados completos. Así será máis fácil de seguir, e tamén máis fácil de traducir, pois a sintaxe do idioma de destino pode facer imposible dividir a oración tal e como está na transcrición. Inclúa notas dos sons para persoas xordas ou con dificultades auditivas. Use parénteses, para indicar risas, música e aplausos, identifique os cambios de orador fóra de pantalla e describa calquera outro son esencial para entender a charla. Ningún subtítulo debe estar en pantalla menos de 1 segundo nin máis de 7. Para fragmentos máis longos de música ou aplausos, a información sobre o son debe aparecer só os primeiros 3 segundos, e indicar ao final que o son remata. Se aparece un texto en pantalla, no idioma da charla, por exemplo subtítulos nun vídeo que se reproduce en escena, transcriba este texto, se se pode facer sen solapalo con outros subtítulos. Isto permitirá traducilo a outros idiomas. E para indicar que é texto en pantalla e non palabras do orador, use corchetes. Infórmese da grafía correcta dos nomes propios usados na charla. Se non entende o que di o orador, pregunte no grupo "I transcribe TEDx talks" ou no grupo do seu idioma en Facebook. E sobre todo lembre que, ao transcribir, está a prestarlle un gran servizo ao mundo enteiro porque permite que as ideas da charla acaden unha audiencia más ampla, global. Se quere saber máis sobre transcricións lea a guía "How to tackle a Transcript " onde se explica con detalle. E agora, felices transcricións e traducións!