Estou aquí para falar do cambio climático, pero realmente non son un ecoloxista. De feito nunca me considerei unha persoa moi conectada coa natureza. Nunca fun de campamento, nin fixen sendeirismo e nunca criei unha mascota. Vivín toda a miña vida en cidades, máis ben nunca única cidade. E aínda que me gusta viaxar para visitar a natureza, sempre pensei nela como algo que ocorría noutro lugar, moi lonxe, e que a vida moderna era una fortaleza contra as súas forzas. Noutras palabras, como practicamente todas as persoas que coñezo, vivía a miña vida satisfeito conmigo mesmo e ignorando a amenaza do quecemento global. Cousa que pensaba que acontecía lentamente, a unha gran distancia e representaba tan só unha leve amenaza para a miña forma de vida. Respecto a todas estas formulacións estaba pero que moi equivocado. Agora a maioría da xente, cando fala do quecemento global conta unha historia sobre o futuro. Se eu a contase, diría: "Segundo a ONU, se non cambiamos o rumbo, para finais de século, é probable que chegemos aos 4º C de quecemento. Isto significaría, segundo algúns científicos, o dobre de guerras, a metade de alimentos, un PIB global posiblemente dun 20 % menos do que sería sen o quecemento global. Isto suporía un impacto máis grave que o da Gran Depresión, e sería permanente. Pero en realidade os impactos vanse producir moito antes do 2100. Para o ano 2050, estímase que moitas das grandes cidades de Asia do Sur e Oriente Medio serán literalmente inhabitables debido á calor que fará no verán. Estas son cidades que hoxe en día acollen a 10, 12 ou 15 millóns de persoas. E en tan só tres décadas, non se podería pasear por elas sen arriscarse a un golpe de calor ou a unha posible morte. Hoxe en día o planeta é 1.1º C máis quente do que o era antes da industrialización. Pode que non pareza moito, pero en realidade sitúanos totalmente fóra do escaparate de temperaturas que envolven toda a historia humana. Isto quere dicir que todo o que coñeciamos como especie, a evolución do animal humano, o desenvolvemento da agricultura, o da civilización rudimentaria, a civilización moderna e a industrial; todo o que coñeciamos sobre nós mesmo como criaturas biolóxicas, como criaturas socias, como criaturas políticas, todo iso é o resultado das condicións climáticas que xa deixamos atrás. É como se aterrásemos nun planeta totalmente diferente, cun clima totalmente diferente. E agora temos que descubrir que parte da civilización que traemos connosco pode sobrevivir a estas condicións e cal non. E as cousas empeorarán a partir de agora. Durante moito tempo contáronnos que o cambio climático era como unha saga lenta. Comezaba coa Revolución Industrial e tocábanos arranxar a desfeita que os nosos avós deixaron, para que os nosos netos non lidasen coas consecuencias. Foi unha historia que durou séculos. De feito, a metade das emisións que producimos pola queima de combustibles fósiles ao longo da historia da humanidade producíronse tan só nos últimos 30 anos. Dende que Al Gore publicou o seu primeiro libro sobre quecemento global. E dende que a ONU estableceu o seu organismo de cambio climático do IPCC causamos máis dano que en todos os séculos e milenios anteriores. Agora mesmo teño 37 anos, o que significa que a miña vida contén toda esta historia. Cando eu nacín parecía que o clima do planeta era estable. Hoxe en día estamos ao bordo da catástrofe. A crise climática non é o legado dos nosos antepasados. É obra dunha única xeración. A nosa. Estas poden parecer malas noticias. En realidade son moi malas noticias. Pero penso que tamén implican algunhas boas noticias, aínda que sexa de forma relativa. Estas consecuencias son terriblemente grandes. Pero penso que tamén son estimulantes. Porque son basicamente un reflexo do grandísimo poder que temos sobre o clima. Se chegamos a esas horribles situacións será porque nós mesmos fixemos que ocorresen, porque escollemos deixar que ocorresen. O que significa que podemos escoller que ocurran outras situacións tamén. Pode que sexa un pensamento moi optimista e, de feito, os obstáculos políticos son enormes. Pero é algo moi simple. A causante do quecemento global é a actuación humana: canto carbono aportamos á atmosfera? As nosas mans están nesa panca. Nós mesmos podemos escribir a historia do futuro clima do planeta. Non só podemos, senón que o faremos. Dado que a inactividade é un tipo de actividade, escribiremos esta historia queiramos ou non. Non é unha historia calquera, a de todos nós sostendo o futuro do planeta nas nosas mans. É o tipo de historia que adoitabamos identificar só na mitoloxía e na teoloxía. Unha única xeración que puxo o futuro da humanidade en dúbida e agora ten como tarefa asegurar un novo futuro. Como sería este? Poderiamos ter un planeta cuberto de paneis solares, mirásemos a onde mirásemos. Podería supor que, no caso de desenvolver unha tecoloxía mellor, nin sequera precisásemos implementalos tan ampliamente, xa que se calcula que tan só un chisco do deserto do Sáhara absorbe suficiente enerxía solar para cubrir as necesidades mundiais. Pero probablemente precisariamos unha nova rede eléctrica, unha que non perda dous terzos da súa enerxía en calor residual como ocorre hoxe en día nos EEUU. Quizais poderiamos utilizar máis enerxía nuclear, aínda que tería que ser un tipo de enerxía nuclear totalmente diferente, porque a tecnoloxía actual non é competitiva en custos coa enerxía renovable, cuxos prezos están caendo rapidamente. Precisariamos un modelo novo de avión, porque non creo que sexa especialmente práctico pedirlle ao mundo enteiro que non viaxe por aire, sobre todo xa que gran parte do sur global, por primeira vez, ten cartos para facelo. Precisamos avións que non produzan carbono. Precisamos un novo modelo de agricultura, porque non podemos pedirlle á xente que renuncie á carne e se volva vegana. Suporía unha nova forma de criar reses. Ou quzais unha antiga forma, dado que xa sabemos que as prácticas tradicionais de pastoreo poden converter as granxas de gando que se coñecen como fontes de carbono, que producen CO2, en sumidoiros de carbono, que as absorben. Se prefiren un remedio tecnolóxico quizais poderiamos crear carne en laboratorios. Probablemente poderiamos alimentar as reses con algas, xa que iso reduciría as súas emisións de metano ata nun 95 ou 99 %. Probablemente teriamos que facer todo isto, porque como en todos os aspectos deste crebacabezas, o problema é demasiado grande e complicado para que se resolva de forma milagrosa. E non importa cantas solucións implementemos, probablemente non seremos capaces de descarbonizar a tempo. Enfrontámonos a uns números aterradores. Non podemos derrotar ao cambio climático, tan só podemos vivir con el e limitalo. Probablemente necesitariamos certa cantidade do que chamamos emisións negativas, que tamén eliminan carbono da atmosfera. Billóns de árbores novos, ou quizais trillóns. Plantacións enteiras de máquinas que capturen carbono. Quizais unha industria o doble ou o cuádruple de grande que o negocio do gas e o petróleo actual para emendar o dano causado por eses negocios nas últimas décadas. Precisariamos un novo tipo de infraestrutura, construída a base dun tipo diferente de cemento, porque actualmente, se este fose un país sería o terceiro emisor máis grande do mundo. E China emprega tanto cemento cada tres anos como os EEUU en todo o século 20. Teriamos que construír quebraondas e diques para protexer a todas as persoas que viven nas costas, pero moitas son moi pobres para poder facelo actualmente. Isto debería supor a fin das xeopolíticas estreitamente nacionalistas que permiten definir o sufrimento dos que viven en calquera lugar do mundo como insignificante, incluso cando o recoñecemos. Este futuro mellor non será sinxelo. Pero o único obstáculo son os humanos. Pode que non sexa un gran sosego, se saben o mesmo ca min sobre a crueldade e a indiferenza humana, pero prométolles que é mellor que a alternativa. A ciencia non nos impide tomar medidas e a tecnoloxía tampouco. Posuímos as ferramentas que precisamos hoxe en día para comezar. Por suposto, tamén temos as ferramentas necesarias para rematar coa fame, as enfermidades epidémicas e tamén o maltrato ás mulleres. E é por iso que máis que ferramentas precisamos novas políticas, unha maneira de vencer todos os obstáculos humanos: a nosa cultura, a nosa economía, a tendencia a esta situación, o noso desinterese por tomarnos en serio calquera cousa que temamos. A nosa falta de visión. O noso sentido do interese propio. E o egoísmo dos ricos e poderosos do mundo, que teñen unha motivación mínima para cambiar algo. Agora si, eles tamén sufrirán, pero non tanto como os máis desfavorecidos, que farán o posible por producir menos quecemento e serán os menos beneficiados polos procesos que nos trouxeron a este punto da crise, pero levarán unha carga maior nas vindeiras décadas. Unha nova política fará que manexar esa carga, onde cae e con que intensidade, sexa a principal prioridade da nosa época. Fagamos o que fagamos, o quecemento global transformará a vida moderna. Certa cantidade de quecemento xa está aí e é inevitable, o que supón que seguramente tamén exista un sufrimiento adicional. E aínda que tomemos medias drásticas e evitemos algunhas destas verdadeiramente terroríficas situacións, significaría vivir un planeta totalmente diferente. Cunha nova política, unha nova economía, unha nova relación coa tecnoloxía e unha nova relación coa natureza: un mundo totalmente novo. Pero relativamente habitable. Relativamente próspero. E verde. Por que non o iamos escoller? Grazas. (Aplausos)