A xente leva empregando os medios
para falar de sexo desde hai moito tempo.
Cartas de amor, sexo telefónico,
Polaroids picantes.
Hai incluso unha historia dunha rapaza que
fuxiu cun home que coñecera por telégrafo
en 1886.
Hoxe en día temos o séxting,
e eu son unha experta en séxting.
Non unha experta na súa práctica.
No entanto, sei que significa isto
--penso que vós tamén.
[É un pene]
(Risas)
Levo estudando séxting desde que se
popularizou a través dos medios en 2008.
Escribín un libro sobre o pánico moral
acerca do séxting.
E isto foi o que atopei:
a maioría da xente está a se preocupar
polo que non debería.
Tratan de evitar calquera manifestación
do séxting.
Mais permitídeme unha pregunta:
Mentres sexa totalmente consensuado,
que problema hai co séxting?
A xente está interesada en moitos tipos
de cousas nas que ti podes non estar,
como o queixo azul ou o coandro.
(Risas)
O séxting é claramente arriscado,
como todo aquilo que é divertido,
mais mentres un non envíe unha imaxe
a quen non queira recibila,
non hai ningún dano.
O que penso que é un problema serio
é cando a xente comparte
imaxes privadas doutras persoas
sen o seu permiso.
E en lugar de preocuparnos do séxting,
penso que deberiamos pensar máis
acerca da intimidade dixital.
A clave é o consentimento.
Agora mesmo, a maioría da xente
pensa no séxting
sen pensar en consentimento en absoluto.
Sabedes que actualmente criminalizamos
o séxting adolescente?
Pode ser un delito porque conta
como pornografía infantil,
se hai unha imaxe de alguén
menor de 18,
e non importa
se tomaron esa foto de eles mesmos
e as compartiron voluntariamente.
Daquela rematamos
nesta estraña situación legal
onde dúas persoas de 17 anos legalmente
poden ter sexo en gran parte dos estados
de EE.UU., pero non fotografalo.
Algúns estados tamén intentaron aprobar
leis nas que o séxting era unha falta
pero esas leis perpetuaron o problema
xa que seguen facendo do séxting
consensual algo ilegal.
Non ten sentido
tentar prohibir todo o séxting para
enfrontarse ás violacións da privacidade
É coma dicir,
imos resolver o problema das violacións
facendo as citas completamente ilegais.
Á maioría dos adolescentes non os deteñen
por séxting, pero adiviñaes a quen si?
Xeralmente a adolescentes rexeitados
polas parellas dos seu proxenitores.
E isto pode ser por prexuízos de clase,
racismo ou homofobia.
Moitos fiscais son, por suposto,
listos abondo
para non acusar de pornografía infantil
a adolescentes, mais algúns fano.
De acordo cos investigadores
da Universidade de New Hampshire
o 7% de todos os arrestados por posesión
de pornografía infantil son adolescentes,
que practicaban séxting consensuado
con outros adolescentes.
A pornografía infantil é un delito grave,
pero non é o mesmo
que o séxting adolescente.
Pais e educadores tamén responden
acerca do séxting
sen pensaren realmente moito
no consentimento.
A súa mensaxe aos adolescentes é:
"simplemente non o fagades".
E enténdoo perfectamente,
hai graves riscos legais
e por suposto, un gran potencial
de violación de privacidade.
E cando adolescentes,
estou segura de que facíades
todo o que se vos dicía, verdade?
Seguramente estades a pensar,
"o meu fillo nunca faría séxting."
E é certo, o voso pequeno anxo pode
non estar a facer séxting
porque só o 33%
dos mozos e mozas de 16 e 17 anos o
fan.
Mais, síntoo, para cando sexan maiores,
as probabilidades din que o farán.
Todos os estudios sitúan a taxa
sobre o 50% entre 18 e 24 anos.
E a maioría das veces, nada sae mal.
A xente pregúntame todo o tempo
cousas como, "É o séxting tan perigoso?"
É como se non deixases a carteira
no banco dun parque
e esperases que cha roubasen
se o fas, vale?
Isto é o que penso:
o séxting é como deixar a carteira
na casa do teu mozo.
Se volves ao día seguinte
e desapareceu todo o diñeiro,
necesitas deixar a ese tipo.
(Risas)
De forma que
en vez de criminalizar o séxting
para tratar de previr
violacións de privacidade,
precisamos facer do consentimento
un punto central
sobre o que pensamos da circulación
da nosa información privada.
Cada novo medio audiovisual presenta
problemas de privacidade.
De feito, en EE.UU. os principais
debates sobre privacidade
foron en resposta ás tecnoloxías que
naquel momento eran relativamente novas.
A finais do 1800, á xente preocupábana
as cámaras,
que de repente eran máis
portátiles ca nunca,
e as columnas de rexouba dos xornais.
Preocupábaa que a cámara puidese
tomar información sobre eles,
sacala de contexto
e difundila.
Sóavos familiar?
É exactamente a mesma preocupación que
temos agora coas redes sociais e os drons,
e, por suposto, co séxting.
E eses medos con respecto á tecnoloxía,
teñen sentido
porque a tecnoloxía pode amplificar
e sacar a relucir
as nosas peores cualidades e actitudes.
Mais existen solucións.
E xa estivemos aquí antes
cunha perigosa nova tecnoloxía.
En 1908, Ford introduciu
o automóbil Modelo T.
As taxas de mortalidade de tráfico
estaban a aumentar.
Era un problema serio --
parece moi seguro, verdade?
A nosa primeira reacción foi a de tratar
de cambiar o comportamento do condutor,
de xeito que creamos límites de velocidade
e fixémolos cumprir mediante multas
Mais ao longo das décadas seguintes,
démonos conta de que
a tecnoloxía dun coche non é só neutral.
Poderíamos deseñar o coche
para facelo máis seguro.
Daquela, nos anos 20,
fixemos parabrisas resistentes á rotura.
Nos anos 50, cintos de seguridade.
E nos 90, coxíns de seguridade.
As tres áreas:
leis, persoas e industria
uníronse co tempo
para axudar a resolver o problema
que causa unha nova tecnoloxía.
E podemos facer o mesmo
coa privacidade dixital.
Por suposto,
voltamos ao tema do consentimento.
Esta é a idea.
Antes de que alguén poida compartir
a túa información privada,
ten que conseguir a túa autorización.
Esta idea do consentimento afirmativo
vén de activistas antiviolación
que din que precisamos consentimento
para cada acto sexual.
E temos estándares realmente altos
para o consentimento noutras áreas.
Pensemos na cirurxía.
O voso doutor ten que asegurarse
de que estades a dar o voso consentimento
total e voluntario para tal intervención.
Este non é un consentimento
coma o dos Termos de Servizo de iTunes
onde vas ata o final da páxina e premes
"acepto, acepto, o que sexa."
(Risas)
Se pensamos máis no consentimento,
poderemos ter mellores leis de privacidade
Agora mesmo, non temos moitas proteccións.
Se o teu exmarido ou a túa exmuller
son malas persoas,
pode coller as fotos túas espido
e subilas a unha páxina porno.
Pode chegar a ser moi complicado
retirar esas imaxes.
E en moitos Estados,
é mellor se as fotos as fai un mesmo,
porque entón podes presentar
unha reclamación de copyright.
(Risas)
Agora, se alguén viola a túa privacidade,
xa sexa unha persoa, ou unha compañía,
ou a NSA (Axencia de Seguridade Nacional),
podes intentar presentar unha demanda,
aínda que pode que non teña éxito
xa que moitos tribunais asumen
que a privacidade dixital é imposible.
De xeito que non están dispostos
a castigar a quen a viole.
Sigo a escoitar xente
preguntándome todo o tempo,
"unha imaxe dixital non está dalgún xeito
nunha liña difusa entre público e privado?
porque é dixital, non si?"
Non! Non!
Non todo o dixital é
automaticamente público.
Iso non ten sentido ningún.
Como di a xurista da NYU Helen Nissenbaum,
temos leis e regras e normas
que protexen
todo tipo de información privada,
e non fan diferenzas
por ser ou non dixital.
Todos os vosos rexistros de saúde
están dixitalizados
mais o voso doutor non pode
compartilos con ninguén.
Toda a vosa información financieira
almacénase en bases de datos dixitais,
a vosa entidade de crédito non pode
poñer en liña a vosa lista de compras.
Mellores leis axudarían a abordar
as violacións de privacidade
logo de que ocorran,
mais unha das cousas máis simples
que podemos facer son cambios persoais
para axudar na protección
da privacidade dos demais.
Sempre nos dixeron que a privacidade
é a nosa responsabilidade
exclusiva e individual.
Dinnos seguido que controlemos
e actualicemos
a configuración de privacidade.
Que non compartamos xamais nada
que non quixeramos que todo o mundo vise.
Isto non ten sentido.
Os medios dixitais son ambientes sociais
e compartimos cousas con xente
na que confiamos todo o día, cada día.
Como argumenta a investigadora
de Princeton Janet Vertesi,
"Os nosos datos e privacidade
non son só persoais,
senón que, en verdade, son interpersoais."
E unha cousa que podedes facer
e que é moi sinxela
é simplemente pedir permiso antes
de compartir a información doutra persoa.
Se queredes colgar en liña
unha foto de alguén, pedide permiso.
Se queredes reenviar
un correo electrónico,
pedide permiso.
E se queredes compartir a autofoto
de alguén espido,
obviamente, pedide permiso.
Estes cambios individuais poden axudarnos
a protexer a privacidade dos demais,
mais precisamos tamén
a colaboración de empresas tecnolóxicas.
Estas compañías apenas teñen incentivo
en axudarnos a protexer a nosa privacidade
porque os seus modelos de negocio
baséanse en que o compartamos todo
con canta máis xente mellor.
Agora mesmo, se vos envío unha imaxe,
podedes reenviárlla a quen queirades.
Pero, e se teño que decidir se esa imaxe
se pode reenviar ou non?
Isto indicaríavos que non tedes
o meu permiso para mandar esa imaxe.
Facemos este tipo de cousas todo o tempo
para protexer os dereitos de autor.
Se mercas un libro electrónico,
non podes mandárllo á xente que queiras.
Así que por que non probar isto
cos teléfonos móbiles?
Podemos esixirlles a empresas tecnolóxicas
que engadan esas proteccións
nos nosos dispositivos e plataformas
coma valores predeterminados.
A fin de contas, un pode escoller
a cor do seu coche,
pero os coxíns de seguridade
son sempre estándar.
Se non pensamos máis
na privacidade dixital e no consentimento,
pode haber serias consecuencias.
Había unha adolescente de Ohio,
chamémoslle Jennifer, por respecto
á súa privacidade.
Ela compartiu fotos nas que saía espida
co seu noivo do instituto,
pensando que podía confiar nel.
Por desgraza, el enganouna
e as súas fotos circularon
por todo o instituto.
Jennifer estaba avergoñada e humillada,
pero en lugar de seren compasivos,
os seus compañeiros acosárona.
Chamáronlle puta
e fixéronlle a vida imposible.
Jennifer comezou a faltar á escola
e as súas cualificacións baixaron.
Ao final, Jennifer decidiu acabar
coa súa propia vida.
Jennifer non fixo nada mal.
O único que fixo foi compartir
unha foto espida
cunha persoa
na que pensou que podía confiar.
E, porén, as nosa leis dinlle
que cometeu un delito horrible
equivalente á pornografía infantil.
As nosas normas de xénero din
que ao producir
esta imaxe dela mesma espida,
dalgún xeito, fixo a cousa
máis horrible e vergoñenta.
E cando asumimos que a privacidade
é imposible nos medios dixitais,
absolvermos e escusamos completamente
o mal comportamento do seu mozo.
A xente segue a dicirlles
ás vítimas de violacións de privacidade,
"En que pensabas?
Nunca debiches mandar esa imaxe."
Se estades pensando que dicir
no canto diso, probade con isto.
Imaxinade que visitades ao voso amigo
que rompeu unha perna esquiando.
Eles asumiron riscos
para facer algo divertido, e non saíu ben.
Mais non ides ser os cretinos que digan,
"Home, non debiches ir esquiar."
Se pensamos no consentimento,
poderemos ver que as vítimas
de violacións de privacidade
merecen a nosa compaixón;
non discriminación, humillación,
acoso ou castigo.
Podemos apoiar as vítimas e previr
algunhas violacións de privacidade
se se fan estes cambios legais,
individuais e tecnolóxicos.
Porque o problema non é o séxting,
é a privacidade dixital.
E unha solución é o consentimento.
Así que a próxima vez que unha vítima
de violación dixital se achegue a vós,
no lugar de culpala, fagamos isto:
cambiemos as nosas ideas
sobre a privacidade dixital,
e respondamos con compaixón.
Grazas.
(Aplauso)