Meu fillo naceu en Xaneiro de 2020, pouco antes do illamento de París. Nunca tivo medo da xente que levaba máscaras, porque iso é todo o que coñece. Miña filla de tres anos sabe como dicir "gel hydro-alcoolique". A palabra en francés para dicir xel hidroalcólico. De feito, pronúnciao mellor ca min. Pero ninguén quere levar unha máscara ou ter que lavar as máns cada 20 segundos con xel desinfectante Estamos desesperados mirando cara o I+D para que encontren unha solución por nós: a vacina. É interesante como, nas nosas cabezas, seguimos a pensar no desenvolvemento da vacina como se fose o Santo Graal. Pero hai un par de atallos que me gustaría descifrar. Non son doutora, son unha simple consultora. A miña clientela céntrase en asistencia médica, empresas biofarmacéuticas, provedoras, institucións globais de saúde, e elas educáronme a min. Precisamos atopar a ferramentas para combater a COVID, e precisamos facelas accesíbeis a todos e todas. Primeiro, unha soa vacina non nos vai sacar desta. O que precisamos é un arsenal de ferramentas. Precisamos vacinas, precisamos terapeutas, precisamos diagnoses para estar seguros de que podemos prever, identificar e tratar os casos de COVID en diferentes poboacións. Segundo, non se trata só de atopar as ferramentas. Que pensas que pasará cando unha desas probas médicas demostre que a ferramenta é efectiva? Pensas que poderemos ir correndo á farmacia do lado, conseguir o produto, quitarnos as máscaras e volver a bicarnos con lingua? Non. Encontrarmos unha ferramenta eficaz é só un paso nesta gran loita, porque hai unha diferenza entre que exista un produto e poder acceder a el. E agora pensarás, "Oh... quere dicir que outros países terán que agardar." Non, non me refiro a iso. Non é que outros teñan que agardar, senón calquera de nós. Se hai algo que nos ensina a COVID é que pola súa velocidade e magnitude, está expoñéndonos a todos nós aos mesmos cambios e facéndonos probar retos aos que non estabamos afeitos. Lembras cando comezou o illamento na China? Imaxinábaste que ti tamén acabarías na mesma situación semanas despois? Eu non. Imos agora ó momento, teórico, no que xa teñamos a vacina. Neste caso, o próximo reto será a subministración O cálculo actual da comunidade global é que para o fin de 2021, ou sexa, máis dun ano despois do desenvolvemento da vacina, teremos doses dabondo para entre un e dous mil millóns das oito mil millóns de persoas no planeta. Así que, quen terá que esperar? Como pensas que será o acceso cando a subministración é limitada? Escenario número un: deixamos que o mercado actúe por si mesmo, e aqueles que se poidan pagar máis ou ser os máis rápidos negociando poderán acceder de primeiros ao producto. Non é para nada xusto, pero é moi posíbel que ocorra. Escenario número dous: Podemos poñernos de acordo, segundo a lóxica da sanidade pública, en quen accede primeiro ao produto. Pon que acordamos que o persoal sanitario sexa o primeiro, e, despois, os maiores e, por último, o resto da poboación. Déixame agora ir un poco máis aló. Escenario número tres: os países que demostraron que poden xestionar ben a pandemia acceden de primeiro ao produto. Sería extrapolar un pouco, mais non é ciencia ficción, nin moito menos. Hai algúns anos, cando a subministración do medicamento contra a tuberculose escaseaba implantouse unha comisión extraordinaria para determinar que países tiñan unha sanidade forte dabondo para garantir que os produtos fosen repartidos de forma axeitada e que os pacientes seguisen correctamente o seu tratamento. E eses países foron os primeiros en ter acceso. Ou, escenario número catro: podémosnos pór de acordo nunha lei ao chou, Por exemplo, que a xente sexa vacinada polo seu aniversario. Agora déixame preguntarche: Como che fai sentir pensar nun futuro no que existe unha vacina, pero no que seguises levando unha máscara e os teus fillos non puidesen ir á escola e non puideses ir ao traballo como queiras por non ter acceso a ese produto? Cada día que pasase veríase como inaceptábel, ou? Mais... sabes que? Hai moitas enfermidades para as que temos tratamentos e, incluso, curas, e, aínda así, seguen afectando a xente que morre cada ano dela. Poñamos por caso a tuberculose: 10 millóns de persoas infectadas cada ano, 1,5 millóns de persoas mortas, a pesar de que hai anos que temos unha cura. E iso é só porque aínda non solucionamos algunhas cuestións fundamentais. Un acceso equitativo é o máis xusto, pero máis aló deste argumento humanitario que, agardo, todos sexamos máis conscientes agora que o vivimos na nosa pel, hai un argumento económico e de saúde para o acceso equitativo. O argumento de saúde é que mentres o virus siga activo nalgures. todos nós estamos en risco de volver a enfermar. O argumento económico é que debido á interdependencia das nosas economías, ningunha economía estatal pode empezar de novo se as demais non remontan con ela Pensa nos sectores que dependen de mobilidade global, coma a aeroespacial ou a de viaxes e turismo. Pensa nas cadeas de subministración que abranguen todo o mundo, como a téxtil ou a automóbil. Pensa en canto do crecemento económico provén de mercados emerxentes. Precisamos de tódolos países para erradicar a pandemia. Así que o acceso equitativo non só é o máis xusto, é tamén o máis intelixente. Mais, como o facemos? Asegurémonos antes que estamos de acordo en canto a que significa "acceso". Significaría que o produto existe; que funciona o suficientemente ben; que foi aprobado polas autoridades locais; que nolo podemos permitir; pero tamén que hai probas de que funciona en tódala poboación que o precise, e iso pode incluír mulleres embarazadas ou persoas inmunodeprimidas, ou nenos; que pode ser distribuído en diferentes situacións, coma hospitais e clínicas rurais, ou climas quentes e fríos; e que podemos producilo nunha escala correcta. É unha lista moi longa, seino, e nunha situación na que non houbese crise, combateríamos estas cuestións unha por unha, por orde, o que leva moito tempo. Así que, que facemos? O acceso está lonxe de ser un novo desafío, e no caso da COVID, teño que dicir que estamos vendo unha colaboración extraordinaria de organismos internacionais, sociedades civís, industrias e outros para acelerar o proceso: faccendo funcionar as cousas en paralelo, alixeirando os procesos reguladores, deseñando mecanismos de subministración, garantindo a obtención, mobilizando recursos, etc. Mais, o máis probábel é que teñamos unha situación na que a vacina precise ser almacenada a, poñamos por caso, menos 80 graos Celsius; ou na que o tratamento precise ser administrado por un profesional sanitario altamente especializado; ou na que as diagnoses precisen ser analizadas por un laboratorio sofisticado. Que máis podemos facer? Se levamos máis aló a lóxica que a comunidade global de saúde vén defendendo durante anos, hai unha cousa máis que penso que pode axudar. Hai un concepto usado para o desenvolvemento e fabricación chamado "deseño por custo". A idea básica é que o conversa sobre o manexo do custo sucede ao mesmo tempo que o produto está sendo deseñado, en oposición a que o produto se deseñe primeiro e despois se revise para baixar o custo. É un método simple que axuda a garantir que cando se identifique o custo coma criterio prioritario para un produto, sexa fixado coma obxectivo xa o primeiro día. Agora, no contexto de saúde e acceso, penso que hai un potencial sen explotar nun "acceso I+D", tal e como as fábricas deseñan por custo. Isto significaría que, en vez de desenvolver un produto e despois traballar para adaptalo e garantir un acceso equitativo, todos os puntos da lista que mencionei antes serían construídos nun proceso de I+D dende o comezo, e isto beneficiaríanos a todos nós. Poñamos un exemplo. Se desenvolvemos un produto pensando nun acceso equitativo, poderemos optimizalo para aumentar máis rápido a produción. Na miña experiencia, o desenvolvemento de fármacos céntrase a miúdo en atopar unha dose que funcione e, só despois, optmizar a dose ou facerlle pequenos axustes. Agora imaxina que estamos a falar dun produto para o que o principio activo é un recurso escaso. E se, en vez diso, nos enfocásemos en desenvolver un tratamento que use a cantidade mínima posíbel dese principio activo? Podería axudarnos a producir máis doses. Poñamos outro exemplo. Se desenvolvésemos un produto co acceso equitativo en mente, poderiamos ser quen de optimizalo para producilo en masa máis rápidamente. En países con salarios altos temos sistemas de saúde de gran capacidade. Sempre podemos distribuír os produtos como queramos. Damos por descontado que podemos almacenar os produtos en ambientes con control de temperatura ou que contamos co persoal sanitario cualificado para a súa administración. Por suposto, o control de temperatura e o persoal sanitario cualificado non están dispoñíbeis en todas partes. Se queremos achegarnos ao I+D coas limitacións dos sistemas de saúde máis febles en mente, podemos poñernos creativos e desenvolver antes, por exemplo, produtos aos que non afecte a temperatura ou produtos que poidamos tomar tan fácilmente como unha vitamina ou métodos de longa duración en vez de pequenas doses periódicas. Se fósemos capaces de producir e desenvolver ferramentas tan sinxelas, tería o beneficio engadido de causar menos esforzo nos hospitais e sistemas de sáude para países con salarios tanto altos coma baixos. Dada a velocidade do virus e a magnitude das secuelas ás que estamos a facer fronte, penso que temos que continuar retándonos a nós mesmos para atopar a forma máis rápida de facer produtos contra a COVID e as futuras pandemias que sexan accesíbeis a todos. Dende o meu punto de vista, a non ser que o virus desapareza, esta historia acaba de dúas formas. Ou a balanza inclínase cara un lado: só uns poucos obtemos acceso ao produto e a COVID segue sendo unha amenaza para todos nós; ou equilibramos a balanza, todos acadamos acceso ás armas adecuadas, e seguimos adiante todos xuntos. O I+D non pode el só coa COVID, pero unha xestión innovadora do I+D pode axudar. Grazas.