Hai dous anos, recibín unha chamada que cambiou a miña vida. "Ola, son o teu primo Hassen." Eu quedei paralizado. Teño ben máis de trinta primos, pero non coñecía a ninguén chamado Hassen. Resultou que Hassen era un curmán da miña nai que acababa de chegar a Montreal como refuxiado. Nos seguintes meses, tres parentes meus virían ó Canadá buscando asilo con pouco máis que a roupa posta. Nos dous anos posteriores a esta chamada, a miña vida cambiou por completo. Deixei a academia e agora dirixo un equipo diverso de tecnólogos, investigadores e refuxiados que desenvolve recursos personalizados de autoaxuda para os novos refuxiados. Queremos axudalos a vencer a linguaxe, a cultura e as outras barreiras que lles fan sentir que perderon o control das propias vidas. Sentimos que a IA pode axudar a restaurar os dereitos e a dignidade que moitos perden cando buscan axuda. A experiencia da miña familia como refuxiados non é única. Segundo ACNUR, cada minuto, hai 20 novos desprazados polo cambio climático, crises económicas e inestabilidade social e política. E foi mentres traballabamos no refuxio local de YMCA onde meu primo Hassen e outros parentes foron enviados que vimos e aprendemos a apreciar o esforzo e a coordinación que o reasentamento require Cando chegas, tes que buscar un avogado e encher documentos legais en dúas semanas. Tamén tes que superar un exame médico cun médico autorizado, só para poder pedir un visado de traballo. E tes que empezar a buscar un sitio onde vivir antes de recibir calquera tipo de asistencia social. Con miles que foxen dos Estados Unidos para buscar asilo no Canadá os últimos anos, rapidamente vimos como é cando hai máis persoas que necesitan axuda que recursos para axudalas. Os servizos sociais non se amplían rapidamente, e mesmo se as comunidades fan o maior esforzo para axudar a máis persoas con recursos limitados, os que chegan quedan máis tempo esperando no limbo, sen saber onde ir. En Montreal, por exemplo, a pesar dos millóns de dólares gastos para apoio aos reasentamentos case 50% dos que chegan aínda non saben que existen recursos gratis para axudalos con todo, desde os documentos ata atopar un traballo. O desafío non é que non existan esas informacións. Polo contrario, os necesitados son bombardeados con tanta información que se fai dificil darlle sentido a todo. "Non me deas máis información, dime só que facer." era a preocupación oída unha e outra vez. Isto reflicte o incriblemente difícil que é adaptarse cando chegas a un novo país. Hostia, tiven os mesmos problemas cando cheguei a Montreal, e teño un doutoramento. (Risa) Como outro membro do noso equipo, tamén refuxiado, dixo: "En Canadá, unha tarxeta SIM é máis importante ca a comida, porque non morreremos coa fame." Pero obter acceso aos recursos e á información correcta pode ser a diferenza entre a vida e a morte. Deixádeme dicilo de novo: obter acceso aos recursos e á información correcta pode ser a diferenza entre a vida e a morte. Para resolver estas cuestións, construímos Atar, a primeira avogada virtual baseada en AI que te guía paso a paso durante a túa primeira semana na nova cidade. Só dille a Atar o que necesitas. Atar entón faiche algunhas preguntas básicas para entender a túa situación particular e determina a túa elixibilidade para os recursos. Por exemplo: Tes un sitio onde durmir esta noite? Se non, preferirías un albergue só para mulleres? Tes fillos? Atar xera entón unha lista paso a paso de cousas que facer que che indica todo o que necesitas saber, onde ir, como chegar, que levar contigo e que expectativas ter. Podes facer preguntas en calquera momento, e se o Atar non ten unha reposta, poñerate en contacto cunha persoa real que a teña. Pero o máis emocionante é que axudamos a organizacións e servizos humanitarios a recoller os datos e as análises necesarios para comprender o cambio das necesidades dos que chegan en tempo real. Isto é algo revolucionario. Xa fixemos unha parcería con ACNUR para proporcionar esta tecnoloxía en Canadá, e no noso traballo diriximos campañas en árabe, inglés, francés, crioulo e español. Cando falamos do problema dos refuxiados, a miúdo centrámonos nas estatísticas oficiais dos 65.8 millóns de desprazados forzosos en todo o mundo. Pero a realidade é moito maior. Para o 2050, haberá máis de 140 millón de persoas en risco de ser desprazadas debido á degradación ambiental. E hoxe --hoxe-- hai case mil millóns de persoas que xa viven en asentamentos ilegais e barrios marxinais. Reasentamento e integración son os maiores desafíos do noso tempo. E a nosa esperanza é que Atar proporcione un avogado a cada recén chegado. A nosa esperanza é que Atar amplifique os esforzos que xa existen e que alivie a presión na rede de protección social que xa está tensionada alén do imaxinable. Pero o que é importante para nós é que o noso traballo axude a restablecer os dereitos e a dignidade que os refuxiados perden durante o reasentamento e a integración dándolles os recursos que necesitan para se axudaren a si mesmos. Grazas. (Aplausos)