Non entraba nos meus plans converterme en activista do clima. Pero as cousas cambiaron, así que aquí estou diante de vós, como activista do clima, e pídovos que vós tamén vos fagades activistas. Estes son os motivos, e, o que é máis importante, a forma de facelo. Hai dez anos, cando eu tiña 13, aprendín o que era o efecto invernadoiro. Daquela dedicabámoslle 90 minutos a esta cuestión e lembro que me irritaba bastante que algo tan fundamental se despachase nunha única clase de xeografía. Parte desa irritación quedou aí, así que ao rematar a secundaria, decidín estudar xeografía, para asegurarme de que non ía descamiñada nesta cuestión do cambio climático. Foi entón cando todo mudou. Era a primeira vez que miraba os datos, as evidencias científicas que hai trala crise climática, e non podía crer o que estaba a ler. Coma moitos de vós, eu pensaba que o estado do planeta non era precisamente bo. Non tiña nin idea de que iamos directos a este desastre autoinflixido a semellante velocidade. Foi tamén entón cando entendín o distinto que resulta todo desde unha perspectiva máis ampla. Tomemos, por exemplo, a concentración de CO2 na atmosfera, o principal causante do quecemento global. Si, ten mala pinta. Semella que imos por moi mal camiño. Pero é cando miramos non só os últimos 60 anos senón os últimos 10.000 anos, cando entendemos o aterrador que é. E este é só un dos aspectos da crise que estamos a vivir. Non vou entrar en detalles, pero pódovos dicir isto: chegamos a un punto da nosa historia no que a forza máis destrutiva do planeta é a propia humanidade. Chegamos a un punto no que ningún científico nos pode garantir que imos sobrevivir a isto. Chegamos a un punto no que a humanidade está a crear un medio ambiente que xa non é seguro para os seres humanos. Si, aí estaba eu, primeiro ano de xeografía, e bastante anguriada. Pero... non todo eran malas noticias. Aquel mesmo ano no que me decatei de todo isto, líderes de todo o mundo xuntáronse en París para acordar o obxectivo común de limitar o quecemento a menos de dous graos. As fotos deron a volta ao mundo, e dixéronme que aquel foi un día histórico. Que alivio, verdade? Só que... algo non saíu como se esperaba. Despois de que se asinase ese acordo, as cousas seguiron sen mellorar. De feito, foron a moito peor. Os dirixentes e as industrias, os líderes e os políticos, volveron ás andadas, explotando o noso medio de subsistencia coma se literalmente non houbese un mañá, construíndo centrais de carbón unha e outra vez, aínda que sabemos que iso ten que parar, segundo o Acordo de París. Así que, aínda que por suposto melloran certas cousas --si, hai instalacións de enerxía solar e eólica por todo o planeta -- estes cambios positivos son lentos --lentos de máis, de feito. Dende a sinatura do Acordo de París, os gráficos sobre o clima seguen seguen disparados cara ao cumio, batendo récords ano tras ano. Os cinco anos máis calorosos rexistrados ata hoxe foron os últimos cinco e as emisións globais nunca acadaran o nivel actual. Así que aí estaba eu, observando e entendendo os datos científicos por un lado, pero sen ver respostas, sen ver acción polo outro. Nese punto, farteime. Quixen ir eu mesma á Conferencia sobre o Clima da ONU, ese preciso lugar que se creou para que a xente se xuntase para amañar o clima --só que polo visto non o fan. Iso foi o ano pasado. Viaxei á Conferencia sobre o Clima para saber como é realmente, de que vai. Aos realistas políticos pode que non os sorprenda, pero eu atopeino difícil de aturar: que as industrias dos combustibles fósiles e os líderes políticos están a facer absolutamente todo o posible para que non se produzan cambios reais. Non teñen o menor interese en fixar obxectivos abondo ambiciosos que fagan viable o máximo de dous graos de aumento. Despois de todo, son os únicos que se benefician da crise climática, non? A industria dos combustibles fósiles dá beneficios e os líderes políticos, en fin, eles pensan nas seguintes eleccións, no que lles dá popularidade, e supoño que non é precisamente facer preguntas incómodas. Non teñen intención de cambiar as regras de xogo. Non hai ningún país no mundo no que as empresas ou os poderes políticos sufran sancións se destrúen o clima. Malia a estrañeza e a tristura que me provocou a conferencia, houbo alguén diferente, alguén que parecía bastante preocupada. Esa persoa era Greta Thunberg. Nese momento decidín que todo o demais era inútil e carecía de sentido, e uninme á súa folga do clima na propia conferencia. Era a miña primeira folga do clima e o contexto era incriblemente estraño, as dúas alí soas sentadas naquela sala de conferencias, rodeadas de xente ben traxada que non tiña nin idea de que facer con nós. E, con todo, isto semellaba moito máis potente do que esperara en moito tempo. E entón sentín que se cadra chegara o momento de comezar a folga en Alemaña. Agora estaba segura de que ninguén ía amañar isto por nós, e se había unha mínima esperanza de que isto tivese impacto, parecería unha idiotez non intentalo. Así que -- (Aplausos) Así que volvín para Berlín. Atopei aliados que tiveran a mesma idea ao mesmo tempo, e xuntos decidimos intentar isto dos "Venres polo futuro". É evidente que non tiñamos nin idea de onde nos metíamos. Con anterioridade á primeira folga, moitos de nós, eu incluída, nunca antes organizaramos manifestacións ou protestas de ningún tipo. Non tiñamos cartos nin recursos nin a menor idea do que implica poñerse en folga polo clima. Así que comezamos facendo o que se nos daba mellor: comezamos a enviar mensaxes de texto, mensaxes en masa, día e noite, a todos os que podiamos, e organizamos a nosa primeira folga polo clima por Whatsapp. A noite antes da nosa primeira folga, estaba tan nerviosa que non durmín. Non sabía que podía esperar, pero esperaba o peor. Se cadra foi porque non eramos os únicos que devecían por ter voz nun contexto político que parecera esquecer como incluír a perspectiva da xente nova na toma de decisións; pode que fose iso. O caso é que, dalgún xeito, funcionou. E dun día para outro, estabamos por todas partes. E dun día para outro, convertínme en activista do clima. Normalmente, nestas charlas TED, agora diría que é demasiado optimista, que a xente nova vai resolver isto, que imos salvar o futuro e o planeta e todo iso, que os rapaces que nos manifestamos polo clima imos amañar isto. Normalmente. Pero non é así como funciona. Non é así como funciona esta crise. Hai algo co que non contabamos: hoxe, tres anos e medio despois de que se asinase o Acordo de París, cando miramos os datos científicos, vemos que aínda é posible manter o quecemento global por debaixo de dous graos -- tecnicamente. E tamén vemos que aínda é posible deter outros procesos desastrosos, como a extinción masiva de especies ou a degradación do solo -- si, tecnicamente. É extremadamente improbable. E de calquera xeito, terian que producirse no mundo cambios que nunca antes experimentamos. Teríamos que descarbonizar por completo as nosas economías antes do 2050 e transformar o reparto de poderes que hoxe lles permite aos xigantes dos combustibles fósiles e aos políticos manter o control das regras. Falamos nada menos que da maior transformación dende a Revolución Industrial. Falamos, por así dicilo, dunha revolución climática nun período de tempo mínimo. Non poderiamos perder nin un só ano máis. E, en calquera caso, para que algo diso puidese acontecer, o mundo ten que deixar de depender de un ou dous ou tres millóns de escolares en folga para resolver isto. Si, somos estupendos, imos seguir adiante e imos chegar a sitios nos que ninguén nos esperou ver ata agora, si. Pero non somos o tope; somos o comezo. Esta non é unha tarefa para unha soa xeración. É unha tarefa para a humanidade. Neste momento todas as miradas se centran en vós. Para que este cambio ocorra, teremos que resolver un millón de cousas. Ao fin e ao cabo, é algo incriblemente complexo. Pero... hai algunhas cousas polas que todos e cada un podemos comezar. As malas novas primeiro: se pensabades que ía dicirvos que usedes máis a bici, comades menos carne, usedes menos o avión, ou merquedes de segunda man, síntoo; non é tan sinxelo. Pero aquí veñen as boas novas: Sodes máis ca simples consumidores, aínda que á industria lle gustaría que vos limitásedes a ser só iso. Non, vós e máis eu somos todos seres políticos, e podemos ser todos parte desta resposta. Todos podemos ser algo que moitos chaman activistas do clima. Hurra? (Risas) Cales son os primeiros pasos? Hai catro primeiros pasos esenciais para lograr facer todo o demais, catro primeiros pasos polos que todo o mundo pode comezar, catro primeiros pasos decisivos para todo o que pode vir despois. Cales son logo? En primeiro lugar: Temos que revisar completamente o noso concepto de activista do clima, o xeito de vermos a persoa que pode ser a resposta a isto. Un activista do clima non é alguén que leu ata o último estudo e pasa as tardes repartindo folletos sobre vexetarianismo polos centros comerciais. Non. Activista do clima pode ser calquera, calquera disposto a unirse a un movemento dos que queren chegar a vellos nun planeta que prioriza a protección dos espazos naturais e a felicidade e a saúde da maioría por riba da destrución do clima e a devastación do planeta para beneficio duns poucos. E dado que a crise do clima afecta a tódolos aspectos da nosa vida social, política e privada, fan falla activistas do clima en cada recuncho, non só en cada sala, senón tamén en cada cidade, país, estado e continente. En segundo lugar: Necesito que saiades desa zona de comodidade, que vos afastedes dunha normalidade na que non hai mañá. Todos e cada un de vós sodes un amigo, un parente, un traballador, un colega, un estudante, un profesor ou, en moitos casos, un votante. Todo iso implica unha responsabilidade que esta crise esixe que asumades con madurez. Está a empresa que vos dá traballo ou vos patrocina. Vai na dirección correcta para cumprir o Acordo de París? Os representantes políticos locais saben que che importa isto, que queres que sexa prioritario en cada elección? O teu mellor amigo sabe algo disto? Les un periódico ou escribes nun periódico? Xenial. Entón que saiban que queres información sobre isto en tódalas edicións, e que cuestionen os responsables políticos en cada entrevista. Se es cantante, canta sobre isto. Se es profesor, ensina sobre isto. E se tes conta nun banco, dilles que vas marchar se seguen a investir en combustibles fósiles. E, por suposto, os venres todos deberiades saber que facer. En terceiro lugar: Saír da zona de comodidade funciona mellor cando unimos forzas. Que unha persoa pida un cambio incómodo é, sobre todo, incómodo. Cando dúas, cinco, dez, cen persoas piden un cambio incómodo son difíciles de ignorar. Cantos máis sexades, máis difícil lles vai resultar xustificar un sistema que carece de futuro. O poder non é algo que se ten ou non se ten. O poder é algo que ou tomas ti ou llo deixas a outros, e medra cando o compartes. Os rapaces que saímos á rúa, que facemos folga estudantil demostramos como pode funcionar. Un só escolar en folga será sempre un só escolar en folga -- ou Greta Thunberg. Dous, cinco, dez, mil escolares en folga son un movemento, e iso é o que precisamos en todas partes. Non quero meter presión. (Risas) E, por último, en cuarto lugar -- probablemente o aspecto máis importante de todos -- Necesito que comecedes a tomarvos máis en serio a vós mesmos. Se algo aprendín nos sete meses de organización da acción climática, é que se ti non vas por algo, hai moitas probabilidades de que ninguén máis o faga. As institucións máis poderosas deste mundo non teñen intención de cambiar as regras de xogo que máis os benefician, así que non ten sentido seguir confiando neles. Mete medo, seino. É unha responsabilidade enorme e unha carga enorme sobre os ombros, si. Pero tamén significa que, se queremos, podemos ter voz nisto. Podemos ser parte dese cambio. Podemos ser parte desa resposta. E iso é bastante fermoso, non si? Intentémolo, movámonos, enchamos o mundo de activistas do clima. Saiamos das zonas de comodidade e unamos forzas e comecemos a tomarnos máis en serio. Imaxinade como sería este mundo no que os nenos medrarían sabendo que o seu futuro é esta grande ansiada aventura e non algo que mete medo, como sería este mundo se a próxima convención sobre o clima fose un gran encontro de persoas que escoitaron as voces de millóns e se arremangaron dispostos a crear un auténtico cambio. Sabedes? Eu soño con ese mundo no que nas clases de xeografía ensinan que a crise climática foi ese gran desafío que superaron persoas coma vós e coma min, que comezaron a actuar a tempo porque entenderon que non tiñan nada que perder e todo que gañar. Así que por que non intentalo? Ninguén máis vai salvar o futuro por nós. É máis ca unha invitación. Correde a voz. Grazas. (Aplausos)