Non entraba nos meus plans
converterme en activista do clima.
Pero as cousas cambiaron,
así que aquí estou diante de vós,
como activista do clima,
e pídovos que vós tamén
vos fagades activistas.
Estes son os motivos,
e, o que é máis importante,
a forma de facelo.
Hai dez anos, cando eu tiña 13,
aprendín o que era o efecto invernadoiro.
Daquela dedicabámoslle
90 minutos a esta cuestión
e lembro que me irritaba bastante
que algo tan fundamental
se despachase
nunha única clase de xeografía.
Parte desa irritación quedou aí,
así que ao rematar a secundaria,
decidín estudar xeografía,
para asegurarme de que non ía descamiñada
nesta cuestión do cambio climático.
Foi entón cando todo mudou.
Era a primeira vez que miraba os datos,
as evidencias científicas
que hai trala crise climática,
e non podía crer o que estaba a ler.
Coma moitos de vós,
eu pensaba que o estado do planeta
non era precisamente bo.
Non tiña nin idea de que iamos
directos a este desastre autoinflixido
a semellante velocidade.
Foi tamén entón cando entendín
o distinto que resulta todo
desde unha perspectiva máis ampla.
Tomemos, por exemplo,
a concentración de CO2 na atmosfera,
o principal causante do quecemento global.
Si, ten mala pinta.
Semella que imos por moi mal camiño.
Pero é cando miramos
non só os últimos 60 anos
senón os últimos 10.000 anos,
cando entendemos o aterrador que é.
E este é só un dos aspectos da crise
que estamos a vivir.
Non vou entrar en detalles,
pero pódovos dicir isto:
chegamos a un punto da nosa historia
no que a forza máis destrutiva do planeta
é a propia humanidade.
Chegamos a un punto
no que ningún científico nos pode garantir
que imos sobrevivir a isto.
Chegamos a un punto
no que a humanidade está a crear
un medio ambiente
que xa non é seguro para os seres humanos.
Si, aí estaba eu,
primeiro ano de xeografía,
e bastante anguriada.
Pero...
non todo eran malas noticias.
Aquel mesmo ano
no que me decatei de todo isto,
líderes de todo o mundo
xuntáronse en París
para acordar o obxectivo común de limitar
o quecemento a menos de dous graos.
As fotos deron a volta ao mundo,
e dixéronme que aquel foi
un día histórico.
Que alivio, verdade?
Só que...
algo non saíu como se esperaba.
Despois de que se asinase ese acordo,
as cousas seguiron sen mellorar.
De feito, foron a moito peor.
Os dirixentes e as industrias,
os líderes e os políticos,
volveron ás andadas,
explotando o noso medio de subsistencia
coma se literalmente non houbese un mañá,
construíndo centrais de carbón
unha e outra vez,
aínda que sabemos que iso ten que parar,
segundo o Acordo de París.
Así que, aínda que por suposto
melloran certas cousas
--si, hai instalacións de enerxía solar
e eólica por todo o planeta --
estes cambios positivos son lentos
--lentos de máis, de feito.
Dende a sinatura do Acordo de París,
os gráficos sobre o clima seguen
seguen disparados cara ao cumio,
batendo récords ano tras ano.
Os cinco anos máis calorosos
rexistrados ata hoxe
foron os últimos cinco
e as emisións globais nunca
acadaran o nivel actual.
Así que aí estaba eu,
observando e entendendo
os datos científicos por un lado,
pero sen ver respostas,
sen ver acción polo outro.
Nese punto, farteime.
Quixen ir eu mesma
á Conferencia sobre o Clima da ONU,
ese preciso lugar que se creou
para que a xente se xuntase
para amañar o clima
--só que polo visto non o fan.
Iso foi o ano pasado.
Viaxei á Conferencia sobre o Clima
para saber
como é realmente, de que vai.
Aos realistas políticos
pode que non os sorprenda,
pero eu atopeino difícil de aturar:
que as industrias dos combustibles fósiles
e os líderes políticos
están a facer absolutamente todo o posible
para que non se produzan cambios reais.
Non teñen o menor interese en fixar
obxectivos abondo ambiciosos
que fagan viable o máximo
de dous graos de aumento.
Despois de todo, son os únicos
que se benefician da crise climática, non?
A industria dos combustibles fósiles
dá beneficios
e os líderes políticos, en fin,
eles pensan nas seguintes eleccións,
no que lles dá popularidade,
e supoño que non é precisamente
facer preguntas incómodas.
Non teñen intención
de cambiar as regras de xogo.
Non hai ningún país no mundo
no que as empresas ou os poderes políticos
sufran sancións se destrúen o clima.
Malia a estrañeza e a tristura
que me provocou a conferencia,
houbo alguén diferente,
alguén que parecía bastante preocupada.
Esa persoa era Greta Thunberg.
Nese momento decidín
que todo o demais era inútil
e carecía de sentido,
e uninme á súa folga do clima
na propia conferencia.
Era a miña primeira folga do clima
e o contexto era incriblemente estraño,
as dúas alí soas sentadas
naquela sala de conferencias,
rodeadas de xente ben traxada
que non tiña nin idea
de que facer con nós.
E, con todo, isto semellaba
moito máis potente
do que esperara en moito tempo.
E entón sentín que se cadra
chegara o momento
de comezar a folga en Alemaña.
Agora estaba segura de que ninguén
ía amañar isto por nós,
e se había unha mínima esperanza
de que isto tivese impacto,
parecería unha idiotez non intentalo.
Así que --
(Aplausos)
Así que volvín para Berlín.
Atopei aliados que tiveran
a mesma idea ao mesmo tempo,
e xuntos decidimos intentar
isto dos "Venres polo futuro".
É evidente que non tiñamos nin idea
de onde nos metíamos.
Con anterioridade á primeira folga,
moitos de nós, eu incluída,
nunca antes organizaramos manifestacións
ou protestas de ningún tipo.
Non tiñamos cartos nin recursos
nin a menor idea do que implica
poñerse en folga polo clima.
Así que comezamos facendo
o que se nos daba mellor:
comezamos a enviar mensaxes de texto,
mensaxes en masa, día e noite,
a todos os que podiamos,
e organizamos a nosa primeira folga
polo clima por Whatsapp.
A noite antes da nosa primeira folga,
estaba tan nerviosa que non durmín.
Non sabía que podía esperar,
pero esperaba o peor.
Se cadra foi porque non eramos os únicos
que devecían por ter voz
nun contexto político
que parecera esquecer como incluír
a perspectiva da xente nova
na toma de decisións; pode que fose iso.
O caso é que, dalgún xeito, funcionou.
E dun día para outro,
estabamos por todas partes.
E dun día para outro,
convertínme en activista do clima.
Normalmente,
nestas charlas TED,
agora diría que é demasiado optimista,
que a xente nova vai resolver isto,
que imos salvar o futuro e o planeta
e todo iso,
que os rapaces que nos manifestamos
polo clima
imos amañar isto.
Normalmente.
Pero non é así como funciona.
Non é así como funciona esta crise.
Hai algo co que non contabamos:
hoxe, tres anos e medio despois
de que se asinase o Acordo de París,
cando miramos os datos científicos,
vemos que aínda é posible
manter o quecemento global
por debaixo de dous graos --
tecnicamente.
E tamén vemos que aínda é posible
deter outros procesos desastrosos,
como a extinción masiva de especies
ou a degradación do solo --
si, tecnicamente.
É extremadamente improbable.
E de calquera xeito,
terian que producirse no mundo cambios
que nunca antes experimentamos.
Teríamos que descarbonizar por completo
as nosas economías antes do 2050
e transformar o reparto de poderes
que hoxe lles permite aos xigantes
dos combustibles fósiles e aos políticos
manter o control das regras.
Falamos nada menos
que da maior transformación
dende a Revolución Industrial.
Falamos, por así dicilo,
dunha revolución climática
nun período de tempo mínimo.
Non poderiamos perder nin un só ano máis.
E, en calquera caso,
para que algo diso puidese acontecer,
o mundo ten que deixar de depender
de un ou dous ou tres millóns de escolares
en folga para resolver isto.
Si, somos estupendos, imos seguir adiante
e imos chegar a sitios nos que ninguén
nos esperou ver ata agora, si.
Pero non somos o tope;
somos o comezo.
Esta non é unha tarefa
para unha soa xeración.
É unha tarefa para a humanidade.
Neste momento todas as miradas
se centran en vós.
Para que este cambio ocorra,
teremos que resolver un millón de cousas.
Ao fin e ao cabo, é algo
incriblemente complexo.
Pero...
hai algunhas cousas polas que todos
e cada un podemos comezar.
As malas novas primeiro: se pensabades
que ía dicirvos que usedes máis a bici,
comades menos carne, usedes menos o avión,
ou merquedes de segunda man,
síntoo; non é tan sinxelo.
Pero aquí veñen as boas novas:
Sodes máis ca simples consumidores,
aínda que á industria lle gustaría
que vos limitásedes a ser só iso.
Non, vós e máis eu
somos todos seres políticos,
e podemos ser todos parte desta resposta.
Todos podemos ser algo que moitos chaman
activistas do clima.
Hurra?
(Risas)
Cales son os primeiros pasos?
Hai catro primeiros pasos esenciais
para lograr facer todo o demais,
catro primeiros pasos
polos que todo o mundo pode comezar,
catro primeiros pasos decisivos
para todo o que pode vir despois.
Cales son logo?
En primeiro lugar:
Temos que revisar completamente
o noso concepto de activista do clima,
o xeito de vermos a persoa
que pode ser a resposta a isto.
Un activista do clima non é alguén
que leu ata o último estudo
e pasa as tardes repartindo folletos
sobre vexetarianismo
polos centros comerciais.
Non.
Activista do clima pode ser calquera,
calquera disposto a unirse a un movemento
dos que queren chegar a vellos
nun planeta que prioriza a protección
dos espazos naturais
e a felicidade e a saúde da maioría
por riba da destrución do clima
e a devastación do planeta
para beneficio duns poucos.
E dado que a crise do clima afecta
a tódolos aspectos da nosa vida
social, política e privada,
fan falla activistas do clima
en cada recuncho,
non só en cada sala,
senón tamén en cada cidade, país,
estado e continente.
En segundo lugar:
Necesito que saiades
desa zona de comodidade,
que vos afastedes dunha normalidade
na que non hai mañá.
Todos e cada un de vós
sodes un amigo, un parente,
un traballador, un colega,
un estudante, un profesor
ou, en moitos casos, un votante.
Todo iso implica unha responsabilidade
que esta crise esixe
que asumades con madurez.
Está a empresa que vos dá traballo
ou vos patrocina.
Vai na dirección correcta
para cumprir o Acordo de París?
Os representantes políticos locais
saben que che importa isto,
que queres que sexa prioritario
en cada elección?
O teu mellor amigo sabe algo disto?
Les un periódico ou escribes
nun periódico? Xenial.
Entón que saiban que queres información
sobre isto en tódalas edicións,
e que cuestionen os responsables políticos
en cada entrevista.
Se es cantante, canta sobre isto.
Se es profesor, ensina sobre isto.
E se tes conta nun banco,
dilles que vas marchar
se seguen a investir
en combustibles fósiles.
E, por suposto, os venres
todos deberiades saber que facer.
En terceiro lugar:
Saír da zona de comodidade funciona
mellor cando unimos forzas.
Que unha persoa pida un cambio incómodo
é, sobre todo, incómodo.
Cando dúas, cinco, dez, cen persoas
piden un cambio incómodo
son difíciles de ignorar.
Cantos máis sexades, máis difícil
lles vai resultar xustificar
un sistema que carece de futuro.
O poder non é algo
que se ten ou non se ten.
O poder é algo que ou tomas ti
ou llo deixas a outros,
e medra cando o compartes.
Os rapaces que saímos á rúa,
que facemos folga estudantil
demostramos como pode funcionar.
Un só escolar en folga será sempre
un só escolar en folga --
ou Greta Thunberg.
Dous, cinco, dez, mil escolares
en folga son un movemento,
e iso é o que precisamos
en todas partes.
Non quero meter presión.
(Risas)
E, por último, en cuarto lugar --
probablemente o aspecto
máis importante de todos --
Necesito que comecedes
a tomarvos máis en serio a vós mesmos.
Se algo aprendín
nos sete meses de organización
da acción climática,
é que se ti non vas por algo,
hai moitas probabilidades
de que ninguén máis o faga.
As institucións máis poderosas deste mundo
non teñen intención de cambiar
as regras de xogo que máis os benefician,
así que non ten sentido
seguir confiando neles.
Mete medo, seino.
É unha responsabilidade enorme e
unha carga enorme sobre os ombros, si.
Pero tamén significa que,
se queremos,
podemos ter voz nisto.
Podemos ser parte dese cambio.
Podemos ser parte desa resposta.
E iso é bastante fermoso, non si?
Intentémolo, movámonos,
enchamos o mundo
de activistas do clima.
Saiamos das zonas de comodidade
e unamos forzas e comecemos
a tomarnos máis en serio.
Imaxinade como sería este mundo
no que os nenos medrarían
sabendo que o seu futuro
é esta grande ansiada aventura
e non algo que mete medo,
como sería este mundo
se a próxima convención sobre o clima
fose un gran encontro de persoas
que escoitaron as voces de millóns
e se arremangaron dispostos
a crear un auténtico cambio.
Sabedes?
Eu soño con ese mundo
no que nas clases de xeografía
ensinan que a crise climática
foi ese gran desafío
que superaron persoas coma vós e coma min,
que comezaron a actuar a tempo
porque entenderon
que non tiñan nada que perder
e todo que gañar.
Así que por que non intentalo?
Ninguén máis vai salvar o futuro por nós.
É máis ca unha invitación.
Correde a voz.
Grazas.
(Aplausos)