Teño tendencia a asumir o peor, e de cando en vez, este costume xógame malas pasadas. Por exemplo, se sinto unha dor inesperada no corpo que nunca antes sentira e que non sei a que atribuír, de súpeto a miña mente pode pensar que é unha cardiopatía ou que unha dor no papo da perna é unha trombose venosa. Pero ata agora, non me diagnosticaron ningunha doenza fatal ou incurable. Ás veces, temos dores sen razón aparente. Pero non todo o mundo ten tanta sorte coma min. Cada ano, máis de 50 millóns de persoas morren no mundo. Especialmente en economías con altos ingresos como a nosa, un gran número das mortes están causadas por enfermidades de evolución lenta: cardiopatía, enfermidade pulmonar crónica, cancro, alzhéimer, diabetes, por nomear algunhas. A humanidade fixo progresos enormes diagnosticando e tratando moitas delas. Mais estamos nun momento no que non se pode avanzar máis en saúde soamente desenvolvendo tratamentos novos. E isto é evidente cando vemos un aspecto que moitas destas enfermidades teñen en común: a probabilidade dun tratamento exitoso depende fortemente de cando se empeza. Pero unha enfermidade normalmente só se detecta cando hai síntomas. O problema é que hai enfermidades que, de feito, poden ser asintomáticas, e por tanto imperceptibles, durante moito tempo. Por isto, hai unha persistente necesidade de novos métodos de detección nos primeiros estadios, antes de que empecen os síntomas. Na asistencia sanitaria chámaselle rastrexo, que, segundo a definición da Organización Mundial da Saúde, é "a presunta identificación dunha enfermidade non recoñecida nunha persoa aparentemente sa, mediante probas... que se poden facer rápida e sinxelamente..." É unha definición longa, así que a vou repetir: Identificación dunha enfermidade non recoñecida nunha persoa aparentemente sa mediante probas que se poden facer rápida e sinxelamente. E quero pór especial énfase nas palabras "rápida e sinxelamente" porque moitos dos métodos que existen son exactamente o contrario. E aqueles de vós que pasarades por unha colonoscopia como parte dun rastrexo de cancro colorrectal saberedes o que quero dicir. Obviamente, hai unha gran variedade de ferramentas dispoñibles para levar a cabo as probas. Isto vai dende técnicas de escaneamento como a radiografía ou a resonancia magnética ata análises de sangue ou tecidos. Todos fixemos esas probas. Pero hai un medio que pasamos por alto durante moito tempo: un medio de fácil acceso, basicamente inesgotable, e que alberga grandes expectativas nas análises médicas. e é o noso alento. O alento humano está constituído esencialmente por cinco compoñentes: nitróxeno, oxíxeno, dióxido de carbono, auga e argon. Pero ademais destes cinco, hai centos doutros compoñentes presentes en moi pequenas cantidades. Chámanse compostos orgánicos volátiles, e soltamos centos, incluso miles, cada vez que exhalamos. A análise destes compostos orgánicos volátiles no noso alento chámase análise do alento. De feito, creo que moitos de vós xa experimentastes a análise do alento. Imaxinade: estades indo para casa de madrugada, cando de súpeto, aparece un amable policía que vos pide cordialmente pero con firmeza que estacionedes na beiravía e sopredes por un aparato coma este. Isto é un alcoholímetro que se usa para medir a concentración de etanol no alento e determinar se conducir nesas condicións é unha boa idea. Eu digo que conduciría bastante ben, pero deixádeme comprobar. (bip) 0,0, así que nada do que preocuparse, todo ben. (Risas) Agora imaxinade un aparato coma este, que non só mide os niveis de alcohol no voso alento, senón que detecta enfermidades como as que citei antes e potencialmente outras máis. O concepto de correlacionar o cheiro do alento dunha persoa con certos problemas médicos, de feito, remóntase á Grecia antiga. Pero as investigacións sobre a análise do alento só se dispararon recentemente, e o que unha vez fora un soño estase a converter nunha realidade. E permitídeme que volva sacar esta lista que vos ensinei antes. Para a maioría das enfermidades aquí enumeradas, hai abundantes probas científicas que suxiren que a enfermidade podería detectarse cunha análise de alento. Pero como funciona exactamente? A parte esencial é un sensor que detecta os compostos orgánicos volátiles no noso alento. É dicir: cando está exposto a unha mostra de alento, o sensor produce unha marca complexa que resulta da mestura de compostos orgánicos volátiles que exhalamos. Esta marca representa unha pegada do teu metabolismo, o teu microbioma e os procesos bioquímicos que ocorren no teu corpo. Se tes unha enfermidade, o teu organismo cambiará, e tamén o fará a composición do teu aire exhalado. E logo o último que queda por facer é correlacionar tal marca coa presenza ou ausencia de certos problemas médicos. A tecnoloxía promete varios beneficios innegables. En primeiro lugar, o sensor pode facerse en miniatura e integrarse en aparatos pequenos e portátiles como este alcoholímetro. Isto permitiría usar a proba en moitas situacións diferentes e incluso na casa, para que ir ao médico non sexa necesario cada vez que haxa que facer unha proba. En segundo lugar, a análise do alento non é invasiva e resulta tan sinxela coma soprar nun alcoholímetro. Esta simpleza e comodidade reduciría a carga para o paciente e achegaría un incentivo para adoptar a tecnoloxía de forma xeral. E en terceiro lugar, a tecnoloxía é tan flexible que o mesmo aparato pode empregarse para detectar un gran número de problemas de saúde. A análise do alento poderíase usar para detectar moitas enfermidades á vez. Hoxe en día, cada enfermidade require un instrumento médico diferente para realizar un exame. Pero isto significa que só podes atopar o que estás a buscar. Con todas estas prestacións, a análise do alento está destinada a ofrecer o que lles falta a moitas probas tradicionais. E o máis importante, todas estas prestacións deberían proporcionar co tempo unha plataforma para análises médicas que poida operar a un atractivo baixo custo por proba. Pola contra, os instrumentos médicos existentes adoitan implicar grandes custos por proba. Entón, con fin de manter os custos baixos, o número de probas ten que estar restrinxido, e iso supón que a) as probas só se poden realizar nunha parte reducida da poboación, por exemplo, na de alto risco; e b) o número de probas por persoa tense que manter reducido ao mínimo. Mais non sería beneficioso realizar a proba en grupos máis grandes de xente, con máis frecuencia e durante un período maior para cada individuo? Especialmente o último daría acceso a algo moi valioso chamado datos lonxitudinais. Os datos lonxitudinais son un conxunto de datos que monitorizan o mesmo paciente ó longo de moitos meses ou anos. Actualmente, as decisións médicas adoitan basearse nun conxunto limitado de datos, onde só hai dispoñible unha ollada ó historial médico dun paciente para a toma de decisións. Neste caso, as anomalías detéctanse normalmente comparando o perfil sanitario dun paciente co perfil sanitario medio dunha poboación de referencia. Os datos lonxitudinais abrirían unha nova dimensión e permitirían detectar anomalías baseándose no propio historial médico dun paciente. Isto abrirá o camiño para un tratamento personalizado. Soa bastante ben, non? Agora teredes unha pregunta que será máis ou menos así: "Se a tecnoloxía é tan boa como di, por que non se utiliza na actualidade?" E a única resposta que vos podo dar é: non todo é tan fácil como soa. Hai desafíos técnicos, por exemplo. Está a necesidade de sensores extremadamente fiables que poidan detectar mesturas de compostos orgánicos volátiles coa suficiente reproducibilidade. E outro desafío técnico é este: Como tomar mostras do alento de alguén de xeito tan definido para que o propio proceso de mostraxe non altere o resultado da análise? E está a necesidade de información. A análise do alento precisa ser validada en ensaios clínicos, e hai que recoller suficientes datos para que as condicións individuais poidan medirse con respecto ós estándares. A análise do alento só pode funcionar se se pode xerar un gran conxunto de datos e facelo accesible ao uso xeral. Se a análise do alento cumpre as expectativas, é unha tecnoloxía que de verdade nos podería axudar a transformar o noso sistema sanitario; transformalo dun sistema reactivo no que o tratamento o poñen en marcha os síntomas de enfermidade a un sistema proactivo, no que a detección de enfermidades, o diagnóstico e o tratamento poden ocorrer nun estadio inicial, moito antes de que se dean os síntomas. Isto lévame ó último punto, e é un fundamental. Que é exactamente unha enfermidade? Imaxinade que a análise do alento poida ser comercializada como digo, e a detección anticipada fose rutineira. O problema que queda é, de feito, un problema ó que debe enfrontarse calquera medida de prevención porque, para moitas enfermidades, é á miúdo imposible predicir con suficiente seguridade se unha enfermidade chegaría a causar síntomas ou poñer a vida dunha persoa en perigo. Isto é o sobrediagnóstico, e leva a un dilema. Se se identifica unha enfermidade, poderías elixir non tratala porque hai una probabilidade de que nunca a vaias sufrir. Pero canto sufrirías soamente sabendo que tes unha enfermidade potencialmente mortal? E non te arrepentirías de que se detectase a enfermidade en primeiro lugar? A segunda opción é someterse a un tratamento anticipado coa esperanza de curala. Mais normalmente isto provocaría efectos secundarios. Para ser precisos: o maior problema non é o sobrediagnóstico, é o sobretratamento, porque non todas as enfermidades teñen que tratarse ao momento só porque haxa un tratamento dispoñible. A crecente adopción de exames rutineiros implicará a cuestión: a que chamamos “enfermidade”, que pode xustificar o seu tratamento, e que é unha “anomalía” que non debería ser motivo de preocupación? Teño a esperanza de que as probas rutineiras usando a análise do alento acheguen suficientes datos e mellor comprensión para que nalgún momento, poidamos romper este dilema e predicir con suficiente seguridade se tratar e cando nun estadio inicial. O noso alento e a mestura de compostos orgánicos volátiles que exhalamos conteñen gran cantidade de información sobre a nosa condición fisiolóxica. Co que sabemos hoxe, só rozamos a superficie. Canta máis información e perfís de alento recollamos en toda a poboación, incluíndo todo tipo de xénero, idade, orixe e estilo de vida, maior será o poder da análise do alento. E, co tempo, esta podería proporcionar unha potente ferramenta non só para detectar proactivamente enfermidades específicas senón tamén para predicilas e finalmente previlas. E esta debería ser motivación suficiente para aproveitar as oportunidades e desafíos que pode presentar a análise do alento, incluso para a xente que non é hipocondríaca a media xornada coma min. Grazas. (Aplausos)