A voz humana. Instrumento que todos tocamos. É o son máis poderoso do mundo, talvez. É o único que pode comezar unha guerra ou dicir “Quérote”. E hai moitas persoas que teñen a experiencia de que cando falan, a xente non as escoita. E por que pasa iso? Como podemos falar co poder suficiente para facer un cambio o mundo? O que me gustaría suxerir é que temos uns costumes que é preciso evitar. Xuntei para vostedes os sete pecados capitais do falar. Non pretendo que sexa unha lista exhaustiva, pero estes sete, creo, son hábitos nos que todos podemos caer. Primeiro, rexoubar. Falar mal de alguén que non está presente. Non é un costume grato, e sabémolo moi ben que o rexoubeiro, aos 5 minutos, estará a rexoubar de nós. Segundo, xulgar. Coñecemos xente que actúa deste xeito na conversa, e é moi violento escoitar a alguén se sabemos que nos xulga e nos inculpa a un tempo. Terceiro, a negatividade. Podemos caer neste. A miña nai, nos seus últimos anos, volveuse moi negativa, e resulta duro de escoitar. Lembro un día no que lle dixen, “Hoxe é 1 de outubro”, e ela dixo “Seino, non é terrible?” (Risas) É duro escoitar cando alguén é tan negativo. (Risas) E outra forma de negativismo, a queixa. Ben, esta é arte nacional do Reino Unido. É o noso deporte nacional. Queixámonos do tempo, do deporte, da política, de todo, mais, en verdade, a queixa é un mal vírico. Non espalla a luz do sol nin a claridade polo mundo. Escusas. Todos sabemos desta persoa. Talvez todos fomos esta persoa. Algúns teñen un chibo expiatorio. Simplemente pásanlle a culpa a todos os demais e non se responsabilizan dos seus actos, e de novo, é duro escoitar a alguén que actúa deste xeito. Penúltimo, o sexto de sete, o rebuscamento, a esaxeración. Minguan a nosa lingua, sen dúbida, ás veces. Por exemplo, se vexo algo que é verdadeiramente incrible, Como o chamo? (Risas) E logo, esta esaxeración vólvese unha mentira tras outra e non queremos escoitar a quen sabemos que nos minte. E finalmente, o dogmatismo. Confundir feitos con opinións. Cando estas dúas cousas están mesturadas facemos oídos xordos. Bombardéannos coas súas opinións coma se foran verdades. É difícil escoitar iso. Aquí están, pois, o sete pecados mortais do falar. Estas son as cousas que penso que debemos evitar. Pero hai un modo positivo de pensar nisto? Si que o hai. Gustaría suxerir que hai catro piares, realmente poderosas, alicerces, nos que podemos asentar o noso discurso para que sexa convincente e propicie un cambio no mundo. Por fortuna, estas cousas forman unha palabra. A palabra é HAIL [“sarabia” en galego] e ten unha gran definición. Non estou a falar do pedrazo que cae do ceo e nos golpea na cabeza. Estou a falar desta definición, a de 'saudar ou aclamar entusiasticamente' así penso que se recibirán as nosas palabras se as apoiamos nestas catro cousas. Daquela, sobre que se apoian? Vexamos se o poden adiviñar. O "hache", honestidade, por suposto, de ser verdade o que dicimos, de ser directo e claro. O "a" é autenticidade, só sendo un mesmo. Un amigo meu describiuno como estar na propia verdade dun, e paréceme un xeito moi fermoso de dicilo. O "i" é integridade, de ser a túa palabra, de facer realmente o que dis, de ser alguén en quen confiar. E o "ele" é amor [do inglés “love”]. Non quero dicir amor romántico, senón o de desexarlle ben á xente, por dúas razóns. Primeiro, a honestidade absoluta pode non ser o que queremos. Quero dicir, “Meu Deus, que feo está esta mañá!” Quizais iso non sexa necesario. Amainada con amor, desde logo, a honestidade e unha gran cousa. Pero tamén, se lle desexa ben realmente a alguén, é moi difícil xulgalo ao mesmo tempo. Non creo que poida facer as dúas cousas a un tempo. Daquela, HAIL [“sarabia” en galego] Tamén, agora iso que vostede di, é coma a vella cantiga, é o que di, é tamén a forma de dicilo. Teñen unha fabulosa caixa de ferramentas. Este é un instrumento incrible. É unha caixa de ferramentas que moi poucos abriron. Gustaríame remexer un pouco aquí con vostedes agora. e sacar algunhas ferramentas cos que lles gustaría xogar, e van incrementar o poder da súa fala. O rexistro, por exemplo. Un rexistro falsete pode non ser moi útil moitas veces, pero hai un rexistro no medio. Non vou ser moi técnico nisto por todos aqueles que sexades adestradores de voz. Dalgún xeito, vostedes poden localizar a súa voz. Así que se eu falo co nariz, poden escoitar a diferenza. Se baixo aquí á gorxa, que é de onde os máis de nos falamos a maioría das veces. Pero se queren darlle importancia, precisan baixar aquí, ao peito. Escoitan a diferenza? Votamos por políticos con voces graves, é certo, e que asociamos a fondura co poder e coa autoridade. Iso é o rexistro. Logo temos o timbre. É o modo en que sentimos a voz. De novo, as achegas amosan que preferimos voces ricas, suaves, cálidas, coma o chocolate quente. Se ese non é vostede, non é a fin do mundo. porque vostede pode adestrarse. Saia e busque un adestrador de voz. Hai cousas incribles que se poden facer coa respiración, coa postura, e con exercicios para mellorar o timbre da voz. Logo a prosodia. Encántame a prosodia. Esta é a cantilena, a metalinguaxe empregada para dar significado. É a raíz do sentido na conversa. A xente que fala todo nunha nota é realmente difícil de escoitar se non ten ningunha prosodia. De aí ven a palabra “monótono” ou “monotonía”, “mono tono”. Tamén temos unha prosodia repetitiva onde cada secuencia remata coma se fora unha pregunta cando realmente non a é, é unha afirmación? (Risas) E se vostede a repite, restrinxe moito a súa habilidade de comunicarse a través da prosodia, e iso é unha mágoa, así que intentémolo e rachemos con ese hábito. O ritmo. Podo estar moi emocionado ao dicir algo moi rápido, ou podo falar ao ralentí para dar énfase, e ao final, por suposto, está o noso vello amigo o silencio. Non hai nada malo cun pouco de silencio nunha charla, non si? Non temos que enchela con “uumms” ou “ehs”. Pode ser moi efectivo. Por suposto, o ton vai a miúdo co ritmo para indicar excitación, pero pode facerse só co ton. Onde deixaches as miñas chaves? (ton máis alto) Onde deixaches as miñas chaves? Vemos un significado lixeiramente diferente nesas dúas intervencións. E por último, o volume. (Moi alto) Podo estar moi emocionado usando o volume. Desculpen se asustei alguén. Ou podo chamar a súa atención permanecendo moi calado. Hai xente restransmitíndose todo o tempo. Intenten non facer iso. Iso é facer mala promoción dun aos catro ventos. (Risas) Impoñer o seu son á xente sen tacto nin consideración ningunha non é agradable. Por suposto, onde todo isto entra en xogo é cando vostede ten algo importante que facer. Pode ser estar nun escenario coma este para facer un relatorio. Pode ser pedir casamento, pedir unha suba de soldo, un discurso de voda. Sexa o que sexa, se é importante, vostede ten que mirar esta caixa de ferramentas e a máquina na que vai funcionar, e ningunha máquina traballa ben sen quentar antes. Quenten a voz. De feito, permítanme ensinárllelo a facer. Importaríalles erguerse un momento? Voulles amosar seis exercicios de quecemento vocal que fago eu antes de cada charla. Cando vaian falar a alguén importante, fagan isto. Primeiro, ergan os brazos, inspiren profundamente, e expiren, “ahhhhhh”, así. Outra vez. “Ahhhh”, moi ben. Agora imos quentar os beizos, e imos dicir “ba, ba, ba, ba, ba, ba, ba, ba”. Moi ben. E agora, “brrrrrrrrr”, coma se fosen rapaces. “Brrrr”. Agora os beizos terían que estar vivos. De seguido, imos facer a lingua cun exaxerado “la, la, la, la, la, la, la, la, la”. Marabilloso. Vostedes xa son moi bos nisto. E logo, enrolen un erre: “rrrrrrrrr”. Iso é coma champaña para a lingua. Finalmente, se podo facer ao menos un, os adeptos chámano "a sirena". É moi bo. Comeza con “ui” e segue con “au”. O “ui” é alto, o “au” é baixo. Fagan “uiiiaauuu”, “uiiiaauuu”. Fantástico. Déanse unha morea de aplausos. Tomen asento, grazas. (Aplausos) A próxima vez que fanlen, fagan estes exercicios antes. Agora permítanme poñer isto en contexto para rematar. Iste é un punto serio. Aquí é onde estamos agora, non é? Non falamos moi ben a persoas que non están a escoitar nun ambiente cheo de ruído e mala acústica. Falei diso neste escenario en diferentes fases. Como sería o mundo se nós falásemos con efectividade á xente que está a escoitar conscientemente nun ambiente idóneo para ese propósito? Ou para que dea máis de si, como sería o mundo se nós creásemos son conscientemente e recibísemos son conscientemente e deseñásemos todos os ambientes conscientemente para o son? Ese sería un mundo que soaría marabilloso, e onde o entendemento sería a norma. Esa é unha idea que paga a pena espallar. Grazas. (Aplausos)